Luis García Montero

----

Luis García Montero


NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Luis García Montero


Poeta, narrador, ensaísta e catedrático de Literatura Española na Universidad de Granada, na que desempeñou diversos cargos, como a dirección do Secretariado de Extensión Universitaria. O 20 de xullo de 2018 foi nomeado director do Instituto Cervantes.

Como poeta foi un dos representantes da tendencia lírica denominada “La otra sentimentalidad”, que xorde en Andalucía a fins dos anos setenta. En 1980 publicou a súa primeira obra neste campo, Y ahora ya eres dueño del puente de Brooklyn, composta por poemas en prosa e froito de súa paixón pola novela negra.
En 1982 deu ao prelo Tristia, realizada en colaboración con Álvaro Salvador e que asinan co pseudónimo de Álvaro Montero. En 1983 editou El jardín extranjero e o libro-disco Rimado de ciudad, un conxunto de poesías musicalizadas por grupos de rock granadinos. Un ano despois publicou Égloga de los dos rascacielos. En 1987 saíu Diario cómplice, obra prologada por Rafael Alberti, e Mil novecientos diecisiete versos para los socialdemócratas. En 1991, o poemario Las flores del frío, ao que seguiron Luna en el sur, ademais de Confesiones poéticas e Habitaciones separadas. En 1997 editou Casi cien poemas, unha selección da súa obra. Durante a primeira década do século XXI e ata a actualidade segue publicando obra poética de forma continuada: Antología personal (2001), Poesía urbana (2002), Poemas (2004), Cincuentena (2009), Ropa de calle (2011), Un mundo navegable (2015), Poesía. 1980-20105 (2015), La buena compañía (2016), Donde se escucha el mar (2018) e Poesía completa. 1980-2017 (2018).

Recibiu os premios seguintes: Premio Federico García Lorca da Universidad de Granada (1980), Premio Adonais (1982), Premio Loewe de Poesía (1993), Premio Nacional de Literatura na modalidade de Poesía (1994), Premio Nacional da Crítica (2003), Premio da Crítica de Andalucía (2008), Premio Poetas do Mundo Latino (México, 2010), Premio Ramón López Velarde (México, 2017), Premio Paralelo 0 (Ecuador, 2018), Premio Montale Fuori di Casa (2020), Premio Carlo Betocchi (2020) e Premio Internacional de Poesía Antílope Tibetano Dorado (2021). Foille concedida tamén a Medalla de Ouro de Andalucía, o título de Profesor Honorario e Académico Ilustre da Universidad de Mar del Plata e de Hóspede Ilustre da Universidad Central de Ecuador. No ano 2017 foi nomeado fillo predilecto de Andalucía.

Como ensaísta publicou El teatro medieval. Polémica de una inexistencia (1984), Poesía, cuartel de invierno (1987, 1988, Seix Barral, 2002), ¿Por qué no es útil la literatura? (en colaboración con Antonio Muñoz Molina, 1993), Confesiones poéticas (1993), El realismo singular (1993), Aguas territoriales (1996), Lecciones de poesía para niños inquietos (1999), El sexto día. Historia íntima de la poesía española (2000), Gigante y extraño. Las Rimas de Gustavo Adolfo Bécquer (2001), Los dueños del vacío (2006), Inquietudes bárbaras (2008), La poesía como destino. Prólogo a la obra de Rubén Bonifaz Nuño (2012), Un lector llamado Federico García Lorca (2016), Las palabras rotas (2019), Memoria de una esperanza. Galdós, la realidad y la poesía (2020) e tamén edicións críticas de Federico García Lorca, como Poema del cante jondo (1992), de Rafael Alberti, Obras completas (1988), de Luis Rosales, El náufrago metódico (2005), e de Carlos Barral, Cuaderno de Metropolitano (1997).

É tamén autor de libros de prosa narrativa como Luna del sur (1992) e das novelas Impares, fila 13 (1996), escrita xunto a Felipe Benítez Reyes; Mañana no será lo que Dios quiera (2009), unha biografía novelada de Ángel González á que se lle concedeu o Premio do Gremio de Libreiros de Madrid ao mellor libro do ano 2009; No me cuentes tu vida (2012) e Alguien dice tu nombre (2014). Recolleu seleccións dos seus artigos literarios nos libros La puerta de la calle (1997), La casa del jacobino (2003), Almanaque de fabulador (2003) e Una forma de resistencia (2012).

Na súa relación coa lingua galega e Galicia destacan as seguintes obras: a antoloxía O dono do derradeiro minuto. Cincuenta poemas en galego (2018) e Leccións de poesía para nenas e nenos inquietos (2020). Foi o editor e autor do prólogo da obra Escolma poética (1991) do escritor galego Ramiro Fonte, de quen foi amigo desde a mocidade. No ano 2013 participou na homenaxe a Rosalía de Castro que o Consello da Cultura Galega organizou en colaboración co Instituto Cervantes en Madrid, con motivo do 150 aniversario de Cantares gallegos. A súa contribución foi o ensaio “Penélope sin Ulises. La herencia de Rosalía de Castro”, publicado en 2014 polo Consello da Cultura Galega no volume Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada.

Baixo o seu mandato como director do Instituto Cervantes cómpre salientar o seu apoio especial á defensa e á divulgación de todas as culturas e linguas oficiais que integran o Estado español, así como ao seu desenvolvemento no marco do respecto á realidade multicultural, a través do diálogo e do entendemento. Froito desta visión aglutinadora da diversidade cultural de España, asinou co Consello da Cultura Galega, o Institut Ramon Llull e o Etxepare Euskal Institutua, en maio de 2020, o primeiro acordo de colaboración que senta as bases para unha cooperación entre os catro organismos para promover as linguas castelá, catalá, galega e éuscara e as súas culturas tanto en España coma no exterior.

Publicacións nas que participou Luis García Montero

Luis García Montero “Rosalía de Castro e a poesía española contemporánea