PERSOAS

----

Xaneco Tubío


Entra en contacto coa música tradicional nos anos oitenta, na Asociación Cultural de Outeiro de Rei, onde comeza a aprendizaxe como percusionista de xeito autodidacta.

Dende entón xa non se aparta do universo da música tradicional, ao longo destes anos sempre estiven a formar parte dalgún grupo (Aloia, Caldaloba…), na actualidade son membro dos Minhotos.

Comeza a facer instrumentos de percusión nos anos 90, achegando a utilización de madeiras autóctonas (pradairo, cerdeira, nogueira, freixo...) e a súa mellora, tanto en acabados como en sonoridade, e dende entón hai centos de grupos que usan os bombos e tambores coa marca Xaneco, tanto en Galiza coma no resto do Estado, Europa e América.

No ano 1994 promove a primeira Mostra de Artesáns de Instrumentos de Música Tradicional que se realizou en Galiza, que aínda hoxe ten continuidade en Pardiñas; xuntou este ano, na súa 22 edición, 30 artesáns galegos de todas as disciplinas.

Participante como relator en multitude de charlas, concertos didácticos e obradoiros por todo o país, relacionados coa música tradicional galega.

A constante do Obradoiro é a evolución, o estudo de instrumentos antigos e a súa reinterpretación para obter uns instrumentos de calidade óptima que sigan mantendo a esencia cultural galega.

En concreto, na construción de zanfonas o obxectivo principal é manter a morfoloxía propia do instrumento, para iso estudei varias das moitas zanfonas antigas que hai no noso país, e collendo como modelo unha delas, fixen unha reinterpretación e actualización, e elaborei un instrumento adaptado aos tempos que vivimos, sen perder a sonoridade e características da zanfona galega.

No ano de 2014 gaña o prestixioso Premio de Artesanía de Galicia Antón Fraguas, na súa X edición, organizado pola Deputación da Coruña, cunha zanfona que denomina “Carneifona”.