Biografía de Emilio Xosé Insua López
1967- Viveiro (Lugo)Doutor en Filoloxía Galega pola USC e profesor no IES A Basella, de Vilanova de Arousa.
Forma parte dos consellos de redacción das revistas Aulas Libres (STEG), Ardentía (Culturmar) e Revista Galega de Educación (Nova Escola Galega).
Mantén na rede o blog “A ínsua do Ínsua”, escribe acotío no Heraldo de Vivero e colaborou coas actividades e publicacións da Real Academia Galega e do Consello da Cultura Galega.
Participou na confección de varios libros de texto para o Consorcio Editorial Galego e preparou a edición da obra inédita de Prados Ledesma e García Dóriga, así como de varias pezas teatrais de Antón Villar Ponte.
Publicou os libros de poesía Devalar das esperas (1995) e Acontece ás veces a ternura (2005), este último galardoado co Premio Prados Ledesma do Concello de Viveiro.
Obtivo diversos premios de investigación, como o Irmandiños de Moeche (1996), o Ramón Piñeiro de Ensaio Breve (2004) e o Ánxel Fole (2002 e 2009). Tamén foi distinguido co Premio Ramón Cabanillas polas librarías de Cambados.
En colaboración co actual cronista oficial de Viveiro escribiu os volumes O primeiro Antón Villar Ponte (2003) e Maruja Mallo, de prometedora pioneira a artista universal (2010).
Prologou, ademais, os volumes Cantos da seiva (2002), de Xesús Pereiras, e De acuarelas por Viveiro (2016), de Eduardo Baamonde.
É autor, entre outros estudos, das monografías Sobre ‘O Mariscal’ de Cabanillas e Villar Ponte (2005); Antón Villar Ponte e a Academia Galega (2006); Orixe, peripecia e pertinencia do topónimo San Cibrao (Cervo) (2010); A nosa Terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931) (2016); Común temos a patria. Biografía dos irmáns Villar Ponte (2017), en colaboración con Xurxo Martínez González; Xosé María Díaz Castro, poeta en formación (2017) e O escritor viveirense Xoán Pla Zubiri (1874-1936) (2017), obra esta última coa que inaugurou unha "Biblioteca Emilio Antonio Ínsua García de Estudos Viveirenses".