Biografía de Beli Martínez
1980- A GuardaDoutora en Comunicación Audiovisual. Foi premio extraordinario de doutoramento coa tese “O cine de non ficción no Novo Cinema Galego (2006-2012) conceptualización, contextos e singularidades”. É produtora de longametraxes como Arraianos (2012) de Eloy Enciso, estreada en Locarno e programada en máis de trinta festivais internacionais.
En 2011 produce Vikingland, de Xurxo Chirro, unha das obras máis representativas do cinema galego contemporáneo, estreada no FID Marseille e que foi escollida como unha das mellores películas do ano por crítica e medios especializados como Cahiers du Cinéma Francia e que obtivo o recoñecemento do xurado en festivais como Play-Doc, Lima Independiente e Márgenes. Traballa dende o ano 2012 tamén con este mesmo director en Proxecto Socheo, arquivo audiovisual de A Guarda. En 2013 produce a segunda longametraxe de Xurxo Chirro, Une histoire seule presente en numerosos festivais internacionais como Mar del Plata IFF, Cinema D’Autor ou Lima Independiente, formando parte do ciclo Un impulso colectivo comisariado polo crítico Carlos Losilla. En novembro de 2014 estrea Jet Lag, de Eloy Domínguez Serén.
No ano 2016 produce xunto con Xisela Franco “Cinema e Muller”, un proxecto que trata de visibilizar ás mulleres realizadoras e que conta con tres eixos de acción, o pensamento, o mapeo e a produción dunha película colectiva: Visións realizada por dez cineastas da provincia de Pontevedra.
Traballa nas longametraxes de Eloy Enciso (Longa Noite) e de Helena Girón e Samuel Delgado (Eles transportan a morte).
Compaxina a produción audiovisual coa docencia e a investigación no Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universidade de Vigo e no IES Audiovisual de Vigo. Ten impartido conferencias na Universidade de Harvard, Edimburgo, Porto e Universidade do País Vasco entre outras.