Antonio Martínez Cortizas

----

Antonio Martínez Cortizas


NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Antonio Martínez Cortizas


Licenciado en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) en 1984 e doutoramento en 1988. Foi coordinador do grupo de Investigación ES2 (Earth System Science) da USC, coordinador de EPECnetwork (Environment Paleoenvironment and Environmental Change), coordinador-USC da plataforma tecnolóxica do Laboratorio de Paisaxe, Paleoambiente e Patrominio (Unidade Asociada USC-CSIC), membro do Comité Científico do Centro de Estudos Avanzados da USC, asesor científico do Servizo de Raios X, Fluorescencia e Arqueometría da RIAIDT (Rede de Infraestruturas de Apoio á Investigación e ao Desenvolvemento Tecnolóxico) da USC e asesor da Vicerreitoría de Investigación e Innovación no ámbito dos Plans Estratéxicos de Investigación.


Posición actual: catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Santiago de Compostela.


Como investigador dirixiu 50 proxectos/contratos de investigación e colaborou en 45. Autor/editor de seis libros e editor convidado de tres números especiais de revistas internacionais. Publicou 203 artigos en revistas especializadas (157 en revistas internacionais e 46 en revistas nacionais), 80 capítulos/contribucións en libros (18 de editoriais internacionais, 62 de editoriais nacionais) e presentou máis de 90 comunicacións en congresos. Tamén é coautor duns 45 documentos técnicos. Dirixiu 14 teses de doutoramento (outras 5 en realización), 6 memorias de licenciatura, 13 traballos de fin de máster e 20 traballos de investigación de alumnos españois e estranxeiros. Realizou 20 estadías en centros de investigación estranxeiros (de Alemaña, Australia, Brasil, Canadá, Francia, Holanda, Islandia, Italia, Reino Unido, Suecia e Suíza) e deu máis de 50 conferencias invitadas como invitado en congresos, másters e workshops nacionais e internacionais.


A principal liña de investigación actual, cara á que converxen as desenvoltas con anterioridade, é a reconstrución paleoambiental, a cal implica a caracterización e estudo de arquivos e sinais ambientais (bióticas e abióticas) encamiñada cara á construción dunha historia ecolóxica e humana dos espazos continentais. Esta liña une de forma integrada aspectos como o cambio climático, a evolución da vexetación, a erosión dos solos ou a contaminación atmosférica desde época prehistórica así como o estudo de contextos arqueolóxicos. Ao longo dos anos, estas investigacións fóronse unindo de maneira íntima coa participación en proxectos arqueolóxicos e progresaron cara á elaboración dunha teoría sistémica da reconstrución dos cambios ambientais pretéritos, así como a definición dun conxunto de técnicas analíticas de gran potencialidade en arqueometría.


O desenvolvemento destas investigacións levouno a colaborar con investigadores de numerosos países (Alemaña, Arxentina, Australia, Brasil, Canadá, Estados Unidos, Francia, Holanda, México, Reino Unido, Suecia, Suíza) sobre rexistros ambientais tamén de diversas áreas (Antártida, Arxentina –Terra de Fogo–, Australia, Brasil, Borneo, Chile, China, Francia, Groenlandia, Reino Unido, Suíza, Suecia, Sudáfrica), ademais de España.

Publicacións nas que participou Antonio Martínez Cortizas

Portada de O neolítico Atlántico e as orixes do Megalitismo
LIBRO. ACTAS

O neolítico Atlántico e as orixes do Megalitismo

Actas do Coloquio Internacional (Santiago de Compostela, 1-6 de abril de 1996)