Xesús Canabal

----

Xesús Canabal

1897 O Pino | 1985 Montevideo
NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Xesús Canabal

1897- O Pino | 1985 Montevideo
O papel de Suevia, o amor por Galiza Naceu no Concello do Pino (A Coruña) en 1897. Con 13 anos emigrou cara ao Río da Prata, chegando a Bos Aires onde traballou na casa Iturrat, firma que xiraba en torno ao ramo da papelaría. Despois de botar un tempo na casa matriz foi nomeado xerente da sucursal en Montevideo. A crise producida pola Primeira Guerra Mundial obrigou á empresa ao peche da sucursal montevideana. Canabal permaneceu en Uruguai e continuou incursionando no ramo da industria papeleira. No ano 1921 forma unha sociedade con dous irmáns seus: José, que emigrara a Bos Aires, e Andrés que fora reclamado a España. Organizaron unha sociedade á que denominaron "Jesús Canabal y Hnos. Fábrica de Sobres". O produto vendido levaba a marca "Suevia". Nese mesmo ano, e como consecuencia do desenvolvemento que vai cobrando a empresa, adquiren o negocio de papelaría de Jaime Bech un dos máis famosos da cidade pola súa ubicación céntrica. Tamén nese ano, incorporouse á Sociedade outro irmán seu, Manuel, que chegou desde Galiza. A súa política foi a de ir adquirindo sucesivos negocios vencellados ao ramo da industria papeleira co fin de ampliar locais e capital, á vez que o número de traballadores ascendía a 40 en 1925. En 1930 a sociedade "Canabal y Hnos." fusionada coa firma "Ferro y Romani", contaba xa con catro locais en distintos lugares de Montevideo. Nese ano trasformase en "Canabal y Hnos. y Carluccio" ao adquirir outras antigas firmas denominadas "Lettire y Bengoa" e "Lacaña Hnos." O crecemento da empresa, que co pasar do tempo incorporou novas firmas, levou a que a mesma puxera en funcionamento a súa propia fábrica para a fabricación de papel. Así en 1937 fundou a "Industria Papelera Uruguaya Sociedad Anónima" (IPUSA) e, en 1948, na cidade do Pando outra fábrica de papel que ocupou a máis de 100 obreiros. Nun anuncio de prensa dos anos 40 figura como socio da empresa "Canabal y Cia" (ubicada na Rúa Uruguay, nº 1213) dedicada á papelaría, libraría e material de escritorio en Montevideo. En 1956 foi un dos empresarios que destacou na creación do Banco de Galicia no Uruguai. Esta entidade ademais de funcionar como entidade financieira, foi a promotora dunha serie de iniciativas culturais como concursos literarios, exposicións de libros, de fotos sobre Galiza e axudou á financiación de edición de libros. En atención a este labor cultural no ano 1962 o Consello de Galiza concedeulle o Premio Castelao, e en 1966 o Patronato da Cultura Galega outorgoulle a súa Vieira de Prata.

Desde a súa chegada a América, Canabal estivo sempre vencellado ao galeguismo. En Montevideo presidiu o Banco de Galicia a Casa de Galicia da que foi Presidente, a Irmandade Galeguista, o Patronato da Cultura Galega (foi un dos seus socios fundadores, ademais de Tesoureiro na primeira Xunta Directiva e no exercicio 1965-66; Vicepresidente en 1966-1968) e promoveu a audición radial "Sempre en Galiza", emitida íntegramente en galego por Radio Carve, con cobertura por todo o territorio uruguaio e gran parte de Arxentina. En 1945 foi Presidente da Comisión de Sanidade de Casa de Galicia. En 1956 foi nomeado Presidente do Congreso da Emigración Galega, que se desenvolveu en Bos Aires e no que participaron os máis destacados dirixentes do exilio galego. Durante as décadas dos 50 e 60 Canabal realizou varias viaxes a Europa. Nun deles, en París en 1958, César Alvajar e Ramón Suárez Picallo propuxérono, en representación do Consello de Galiza, como Ministro delegado da República no exilio, cargo que ocupou desde maio de 1958 ata febreiro de 1962.
Faleceu en Montevideo en 1985.

Publicacións periódicas

Aviso Listado automático de documentación relacionada con nos fondos documentais en liña ofrecidos polo Consello da Cultura Galega.
Alma Gallega (1934-1967) .
1936-1940, e a partir de 1944: Órgano Oficial de Casa de Galicia de Montevideo
Xullo 1941: Revista de Casa de Galicia
Publicación impresa | Labor na publicación: REDACCIóN;