Ánxel Casal

----

Ánxel Casal

1895 A Coruña | 1936 Teo, A Coruña, Galicia
NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Ánxel Casal

1895- A Coruña | 1936 Teo, A Coruña, Galicia
Ánxel Casal Gosenxe foi un destacado editor, libreiro e político

Naceu na Coruña o 17 de decembro de 1895, fillo de Manuel Casal Basteiro, de Vilantime (Arzúa), e de Filomena Gosende Arias, de Visantoña (Santiso). De neno traballou na fonda e na xastrería familiar e aos catorce anos emigrou a Bos Aires, antes de probar sorte en Cuba, París e Lisboa. Ao regreso da emigración traballou no Consulado de Francia na Coruña, polo que viviu tamén uns meses en Bordeos. Alistouse voluntario ao servizo militar.

Militou nas Irmandades da Fala da Coruña desde a súa constitución o 17 de maio de 1916, e aparece xa na relación de redactores e colaboradores no primeiro número do voceiro A Nosa Terra, publicado o 14 de novembro dese mesmo ano. Alí militaron o seu pai, a súa irmá Genoveva e a que sería a súa muller, María Miramontes Mato, modista natural de Guísamo (Bergondo). En 1917 participou, xunto con outros membros da que sería a Xeración Nós, na recepción en Galicia aos catalanistas da Lliga Regionalista, con Francesc Cambó á cabeza. Asistiu á I Asemblea Nacionalista, celebrada en Lugo os días 17 e 18 de novembro, e foi un dos asinantes do Manifesto Nacionalista. En 1921 foi elixido vogal da xunta directiva da Irmandade da Coruña, e en 1923 vicesecretario. O 25 de novembro de 1920 casou con María Miramontes e abriron un comercio de tecidos, pero Casal traballaba tamén como mestre de francés e como tradutor.

Tras botar a andar en 1922 a Escola Dramática Galega participou como actor na obra A patria do labrego de Antón Villar Ponte, interpretando o papel de señorito. Fíxose cargo do proxecto de Escolas do Insiño Galego. En novembro de 1924 fundou con Leandro Carré Alvarellos, daquela bibliotecario das Irmandades da Fala, o proxecto editorial Lar, continuadora da Editorial Céltiga que fundaran en 1921 as Irmandades de Ferrol, e que pechara en 1923 coa chegada da ditadura de Primo de Rivera. Lar publicou até o seu peche en 1927 un total de corenta obras con periodicidade mensual, case todas elas de prosa. Entre outros autores, publicaron en Lar algúns homes de Nós como Otero Pedrayo (Pantelas, home libre, de 1925, e Escrito na néboa, de 1927), Vicente Risco (O lobo da xente: lenda galega, de 1926, A Coutada, do mesmo ano), Xosé Filgueira Valverde (O vigairo, 1927) ou Ramón Cabanillas, quen publicou nas coleccións de teatro (O Mariscal, 1926, escrita con Antón Villar Ponte) e poesía, con reedicións aumentadas dos volumes Da terra asoballada e No desterro.

En 1927 Ánxel Casal deixou a editorial Lar en mans de Carré Alvarellos e fundou a editorial Nós, que imprimía e distribuía a revista Nós, o voceiro A Nosa Terra e desde 1928 as publicacións do Seminario de Estudos Galegos. A imprenta de Ánxel Casal destacaba no uso de tipografías, clixés, linóleos e gravados. En 1930 fundou o xornal vespertino El Momento, ligado ao ideario político da Organización Republicana Gallega Autónoma, mais só durou catorce números. No mesmo ano comezou a publicación, con Fernando Osorio Docampo e Carlos Monasterio Baleiro, do semanario Adelante, tamén de carácter republicano, que cesou a súa actividade en agosto de 1931.

Na primavera de 1931, logo da proclamación da II República, instalouse en Santiago de Compostela, nun primeiro momento na que fora a casa de Camilo Díaz Baliño na rúa das Hortas, e dous anos despois no número 15 da rúa do Vilar. Neses locais estivo a imprenta e sede da editorial.

En setembro de 1934 cesou a actividade da editorial Nós, se ben seguiu a imprimir a revista do mesmo nome. O 7 de outubro dese ano íaselle facer unha homenaxe no Hotel Compostela, mais o evento foi suspendido pola folga xeral revolucionaria convocada contra a entrada no goberno como ministros de tres membros da Confederación Española de Derechas Autónomas. En marzo de 1935 comezou a editar a publicación Ser. Semanario Gallego de Izquierdas, continuador de Claridad.

Continuou coa actividade política, asinando en xuño de 1931 o manifesto da Esquerda Galeguista e colaborando na preparación da asemblea fundacional do Partido Galeguista, que tivo lugar en Pontevedra en decembro dese mesmo ano. En febreiro de 1932 pasou a ser secretario de propaganda do grupo local compostelán do Partido Galeguista, e en xullo asistiu á xuntanza convocada polo alcalde Raimundo López Pol para retomar o proxecto de Estatuto de Autonomía para Galicia.

En 1933 participou nun mitin xunto con Álvaro de las Casas, Xurxo Lorenzo e Francisco Fernández del Riego, con quen mantivo unha forte amizade. En xuño dese ano formou parte do Pacto de Compostela, que establecía un acordo entre forzas nacionalistas vascas, galegas e catalás co nome de Galeuzca. En 1935 integrouse na organización Ultreya, que nacera en 1932 impulsada por Álvaro de las Casas. O 1 de maio dese ano, na celebración do Día da Clase Obreira, interveu nun mitin en Muros xunto con Fernando Caamaño, o xurista e catedrático valisoletano Adolfo Miaja de la Muela, Elías Arias de Parga e Ramón Suárez Picallo.

Tras a creación en xaneiro da Fronte Popular, entrou no comité local de Santiago de Compostela, e o 23 de febreiro dese ano, unha semana despois das eleccións xerais en España, foi elixido alcalde da cidade. Un mes despois foi nomeado deputado provincial e vicepresidente da Deputación da Coruña. Exerceu tamén como vicepresidente do Comité Central da Autonomía de Galicia, se ben actuou como presidente en funcións ante a ausencia de Bibiano Fernández Osorio-Tafall.

Dimitiu como alcalde e como edil o 9 de xullo dese mesmo ano. O día 17 formou parte da comisión que entregou o Estatuto de Galicia ao presidente do Congreso dos Deputados, logo de seren recibidos polo presidente da República. Regresou a Santiago de Compostela o día 20, e a proposta do comité de defensa formado a xornada anterior polos partidos e sindicatos locais tras o alzamento nacional, aceptou facerse cargo de novo da alcaldía, se ben ese mesmo día sería deposto pola autoridade militar.

Refuxiouse na casa familiar de Vilantime onde o detiveron o 4 de agosto. Foi levado á prisión de Santiago de Compostela onde coincidiu con Camilo Díaz Baliño, quen o retratou a lapis ao igual que a outros presos republicanos. Declarou como testemuña o 8 de agosto no proceso contra os membros do comité de defensa, e na noite do 18 ao 19 de agosto foi asasinado en Cacheiras, preto do cemiterio.

En 1940 as Mocedades Galeguistas da Arxentina crearon o selo Ediciós Ánxel Casal, que empregou en 1952 Luís Seoane para publicar o poemario Fardel de eisilado. En 1950 o empresario Manuel Puente retomou a Editorial Nós. De Ánxel Casal, a quen Otero Pedrayo adica un capítulo no seu Libro dos amigos, dixo Castelao: “Casal fixo por Galicia máis do que todos nós”.

BIBLIOGRAFÍA

Dobarro Paz, Xosé María; Vázquez Sousa, Ernesto (2003): Ánxel Casal (1895-1936). Textos e Documentos. Sada (A Coruña): Ediciós do Castro.

Mato, Alfonso (coord.) (2007): Ánxel Casal, un editor para un país. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega.

Publicacións nas que participou Ánxel Casal

Portada de  Ánxel Casal, un editor para un país
LIBRO

Ánxel Casal, un editor para un país

Catálogos de Lar e Nós

Carta de Ánxel Casal a Filgueira. 1924

Artigos

FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (12/1934) Carta aos emigrados. Encol da Editorial "Nos". Galicia [Bs As 1930]. 2ª (393), 3.
Mencións: Ánxel Casal ;
CASTRO, X. (5/1979) Achegamento ó vello partido galeguista. Nosa Terra, A. (60), 12.
Ver artigo Fonte da dixitalización: Fundación A Nosa Terra;
Mencións: Ánxel Casal ; Castelao ;