Histórico: Participación de Edelmiro López Iglesias nas actividades do CCG

----

Edelmiro López Iglesias

Biografía de Edelmiro López Iglesias


Doutor en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela, con Premio Extraordinario de licenciatura e de doutoramento. Profesor titular no Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, do que actualmente é director. Anteriormente, de 1999 a 2005, foi director do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA).


A súa investigación veuse centrando nos campos da economía e política agraria, o desenvolvemento rural e a economía galega, nos que dirixiu 25 proxectos e contratos de investigación financiados por diversas entidades e participou como investigador noutros 40. Realizou estadías en diversas universidades e centros de investigación estranxeiros, como o CIRAD e o INRA en Montpellier (Francia), a Universidade de Guadalajara (México) e a Universidade da Habana, e actuou como consultor de diferentes organismos internacionais, entre os que figuran a Comisión Europea, o Instituto Interamericano de Cooperación para la Agricultura (IICA) e o Banco Interamericano de Desarrollo (BID). En 1995 recibiu o segundo accésit do Premio Nacional de Publicacións Agrarias, Pesqueiras e Alimentarias, convocado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.


Autor de varios libros e numerosos artigos en revistas especializadas e publicacións colectivas. Ademais, desde 1995 forma parte do equipo redactor dos Informes sobre a economía galega que edita anualmente Afundación-Obra Social ABANCA e foi un dos redactores do Libro Blanco de la Agricultura y el Desarrollo Rural elaborado en 2003 polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Membro, desde 2001 até 2007, da xunta directiva da Asociación Española de Economía Agraria (AEEA), formou parte do consello de redacción da Revista Española de Economía Agraria e ten actuado como avaliador de diferentes revistas especializadas.


Recentemente formou parte da comissão técnica independente designada pola Assembleia da República de Portugal para analizar os incendios rexistrados neste país en xuño e outubro de 2017.


 


De agosto de 2005 a abril de 2009 ocupou o cargo de director xeral de Desenvolvemento Rural na Consellaría do Medio Rural da Xunta de Galicia, na que asumiu tamén as responsabilidades de director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) e director do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA), o organismo encargado da xestión en Galiza das axudas da Política Agraria Común (PAC).