Idiomas: Español / English
Pazo de Raxoi, 2º andar
15705 Santiago - A Coruña
Tel.: +34 981957202
Directorio de contactos
epistolarios
Cartafoles de prensa >  Francisco Fernández del Riego

O CONTEXTO

Francisco Fernández del Riego na prensa galega da emigración á America

Unha das manifestacións da preservación da identidade cultural da colectividade galega establecida en América foi a publicación de xornais e revistas para os galegos. Co inicio da presenza masiva de emigrantes galegos en América, destacados membros da colectividade comezan un labor propagandístico e informativo do que lles acontece nos países de destino, como o que está a suceder en Galicia.

O primeiro xornal galego-americano foi editado na Habana no ano 1872, baixo a cabeceira La Gaita Gallega, dirixido por Miguel Blanco Herrero. Uns anos despois, en 1885, Ramón Armada Teijeiro e Manuel Lugrís Freire publican baixo o título A Gaita Gallega o primeiro xornal escrito en lingua galega. O xornalista Waldo Álvarez Insua dirixe xa en 1878 El Eco de Galicia. Revista Semanal de Ciencias, Arte y Literatura, escrita en castelán pero con numerosas colaboracións en galego. Esta publicación tiña como finalidade ser “el defensor de nuestros intereses, de nuestro buen nombre y una prueba de nuestra cultura e ilustración”.

Mentres en Arxentina, ese mesmo ano, edítase o primeiro xornal da colectividade titulado El Gallego, dirixido e fundado por César Cisneros Luces, baixo o lema “Todo por España y para Galicia”.

A comezos do século XX proliferan as asociacións creadas polos emigrantes nos diversos países de acollida,  e con elas  a fundación de publicacións periódicas que reflectían as tradicións culturais, á vez que informaban aos socios sobre as actividades societarias. Todas elas conteñen unha longa crónica sobre Galicia e o que estaban a vivir as súas familias, veciños e amigos no lugar de orixe. Ao mesmo tempo, estas revistas chegaban aos pobos galegos dando conta da vida cotiá dos nosos emigrantes alén mar. Así é como a prensa galega en América logra un achegamento das dúas Galicias.

Nestes xornais non só escribían escritores e xornalistas galegos residentes en América, senón que contaban con numerosas colaboracións de autores que vivían en Galicia. Algún exemplo témolo nos escritos enviados por Francisco Fernández del Riego, que xa desde moi novo destacou na defensa da cultura e da lingua galegas, a través dos seus escritos.

Como resultado dun baleirado exhaustivo das publicacións editadas en América, existentes nos Fondos hemerográficos do Arquivo da Emigración Galega, podemos dicir que un dos seus primeiros artigos apareceu en xuño de 1932, no xornal A Fouce. Periódico Galega, editado en Bos Aires pola Sociedade Nazonalista Pondal. Este artigo titulado Fiesta sobor da lingua galega, estaba asinado por Francisco F. del Riego, (Estudante de Dereito). O autor, ao longo de máis de 40 anos, colaborou con máis de vinte xornais e revistas da colectividade galega, principalmente nos anos 50 e 60.

 

 

Identidade | Perfil do contratante | Lei de Transparencia | Aviso Legal | Pazo de Raxoi, 2º andar - 15705 Santiago de Compostela - A Coruña. Teléfono: +34 981957202 Fax: +34 981957205