BIOGRAFÍA
Fernández del Riego e América
Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 7 de xaneiro de 1913 - Vigo, 26 de novembro de 2010), é referencia obrigada na historia do galeguismo e da cultura galega do século XX. Encetou os estudos de Dereito na Universidade de Madrid, e rematounos en Santiago de Compostela, ao tempo que preparaba Filosofía e Letras. Secretario xeral das Mocidades Galeguistas durante a República, na posguerra foi un dos fundadores da Editorial Galaxia, na que chegaría a ser director xerente, entre outras tarefas, e codirector xunto con Ramón Piñeiro da revista Grial nos seus cen primeiros números. Autor de numerosos traballos, a súa extensa obra abrangue case todos os xéneros, desde a crítica literaria á novela e as memorias. Ingresa na Real Academia Galega en 1960 co discurso Un país e unha cultura: a idea de Galicia nos nosos escritores, e, xunto con Ferro Couselo e Gómez Román, foi quen propuxo e levou adiante en 1963 a creación o 17 de maio do Día das Letras Galegas. Presidiu esta institución entre 1997 e 2001, converténdose nun dos seus grandes renovadores. Director da Fundación Penzol dende a súa creación en 1963 ate poucos meses antes do seu falecemento, a súa vida e a súa extensísima obra mostran a fidelidade continua e a defensa de Galicia e da súa cultura.
A relación de Fernández del Riego cos galegos emigrados en Bos Aires tivo un longo percorrido. Deu comezo nos primeiros anos trinta, cando xa colaboraba en diversos xornais que alí publicaban, como Galicia, Boletín da Federación de Sociedades Galegas da Arxentina, A Fouce ou O Irmandino, de Montevideo. Logo de rematada a guerra civil, recomezou a colaboración que mantivera cando era estudante universitario. No 1949 a Federación de Sociedades Galegas bonaerense editoulle o seu primeiro libro, Cos ollos do noso espírito, nunha época na que xa escribía regularmente na revista Galicia, do Centro Galego, a instancias de Luís Seoane, quen era daquela o director. En Galicia Emigrante, fundada posteriormente polo propio Seoane, continuou a tarefa colaboradora. Hai que subliñar, ademais, que foi o representante oficial en Galicia do Centro Galego de Bos Aires practicamente durante vinte anos. E este labor ampliouse a numerosas cabeceiras da prensa galega de alén mar. Como o propio Fernández del Riego diría moitos anos despois: “Desde aquí mantivemos a intensa relación que cumpría para facer máis frutífero o labor de cooperación entre os que vivían nunha e noutra banda do océano.”
Para saber máis:
Identidade | Perfil do contratante | Lei de Transparencia | Aviso Legal | Pazo de Raxoi, 2º andar - 15705 Santiago de Compostela - A Coruña. Teléfono: +34 981957202 Fax: +34 981957205