PRESIDENCIA DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA

----
Presidencia

Ramón Piñeiro

(1983 - 1990)

Nado en Armea de Abaixo (Lama, Láncara) en 1915 e finado en Santiago de Compostela en 1990 Filósofo, ensaísta e político galego, un dos principais artífices da reconstrución cultural galega na posguerra

Tras a creación do CCG, unha das personalidades máis egrexias e que máis fondamente influíu na vida política e cultural de Galicia no século XX, foi elixido como primeiro presidente da institución. Desde mozo interveu no movemento galeguista e xa en 1932, en plena II República, entra en relación con círculos galeguistas lucenses, cos que participará na fundación da Mocidade Galeguista local.

Ao ano seguinte asiste á Asemblea do Partido Galeguista, onde establece amizade con senlleiras figuras como Otero Pedrayo, Alexandre Bóveda, Castelao e Gómez Román e foi secretario do Comité Provincial para o Estatuto de Autonomía de 1936. Tras a Guerra Civil interveu na política galeguista clandestina e foi detido durante tres anos. Unha vez en liberdade e en vista das poucas posibilidades de que se produza un cambio de réxime, Piñeiro tenta unha reorganización do galeguismo en dúas frontes. Por un lado mantén a estrutura clandestina do movemento e, por outro lado, inicia unha vía legal tendente á afirmación de Galicia como pobo nas conciencias das novas xeracións.

Difundir a cultura na posguerra

Con esta intención funda en 1950 a Editorial Galaxia, na que traballou ata 1966, data en que se trasladou a Estados Unidos como profesor da Universidade de Middlebury. Galaxia será a empresa de difusión cultural galega máis significativa durante a posguerra e Ramón Piñeiro converterase neses anos nun “mestre espiritual” para a mocidade daquela época. En novembro de 1967 ingresa na Real Academia Galega e responde ao seu discurso Domingo García-Sabell.

Coa restauración democrática e o inicio do proceso autonómico, o seu nome soa moito como candidato á presidencia da Xunta, feito que non se chega a materializar, mais o seu traballo foi de crucial importancia de cara á consecución do actual Estatuto de autonomía e mesmo chega a ser elixido deputado pola provincia da Coruña como independente nas listas do PSdG-PSOE.

En 1983 converterase, por elección dos seus membros, no primeiro presidente do Consello da Cultura Galega, como público e merecido recoñecemento a unha das personalidades máis egrexias e que máis fondamente influíu na vida política e cultural de Galicia no século XX.