PRESIDENCIA DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA

----
Presidencia

Alfonso Zulueta

(2002 - 2006)

Nado en Pontevedra en 1924, notario e intelectual galego Foi o fundador e o primeiro presidente do Ateneo de Pontevedra (1966-1969), ao igual que do Partido Galego Social-Demócrata (1974-1978) Persoeiro destacado do Partido Galeguista Foi distinguido coa primeira clase da Orde de San Raimundo de Peñafort e coa Medalla Castelao.

Tras a inesperada morte de Carlos Casares, foi o encargado de continuar e impulsar o labor iniciado, afianzando os proxectos e as expectativas do Consello. Licenciado en Dereito e con cursos de Doutoramento, foi reitor do Colexio Maior Universitario para Graduados “César Carlos”, de Madrid, entre 1955 e 1956, período en que ocupou tamén o cargo de secretario do Comité Hispano-Británico de intercambio entre as universidades de Madrid e Oxford. Fundou e foi o primeiro presidente do Padroado de Educación e Cultura de Gaucín (Málaga), cidade en que exerceu por primeira vez a súa profesión de notario, que logo proseguiría en Marín, Ferrol e Vigo.

Persoeiro destacado do Partido Galeguista, foi relator no anteproxecto preparado polo Consello da Cultura Galega para a Lei de Dereito Civil Galego e nos congresos desta especialidade celebrados entre 1972 e 1985 e da súa actualización no anteproxecto presentado ao Parlamento no ano 2005. Exerceu como profesor no Curso de Dereito Galego na Universidade da Coruña e pronunciou numerosas conferencias sobre o tema. Foi presidente do Consello Social da Universidade de Vigo (1996-2003) e membro do Padroado da Confederación Española de Fundacións.

A finais dos anos 80 foi elixido membro do Pleno do Consello da Cultura Galega e o 28 de marzo de 1996 foi proposto para ocupar unha das vicepresidencias da institución. O 17 de abril de 2002 foi elixido presidente do Consello da Cultura Galega, cargo que desempeñou ata abril de 2006.

Un home de longa traxectoria

Alfonso Zulueta tamén foi vicepresidente primeiro do Consello de Administración de Caixanova, fundador e presidente da Fundación Tutelar Galega para Discapacitados Psíquicos “Sálvora” e fundador e membro do Padroado e asesor xurídico da Asociación Xoán XXIII para Deficientes Psíquicos. Ademais fundou e presidiu a Fundación “Pedras Vivas”.

Entre outros méritos destacables atópanse a presidencia da Editorial SEPT (Sociedade de Estudios, Publicacións e Traballos), responsable da tradución e da publicación da Biblia en galego; vicepresidente da Fundación Penzol; conselleiro da Editorial Galaxia; académico de Honra da Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación; membro vitalicio do Padroado da Fundación Gonzalo Torrente Ballester e membro do Padroado das Fundacións Otero Pedrayo e Wenceslao Fernández Flórez.

Alfonso Zulueta de Haz foi distinguido coa primeira clase da Orde de San Raimundo de Peñafort e coa Medalla Castelao.