PRESIDENCIA DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA

----
Presidencia

Carlos Casares

(1996 - 2002)

Nado en Ourense en 1941 e finado na Ramallosa, Nigrán, en 2002. Escritor e crítico literario, foi unha das personalidades máis importantes da cultura galega das últimas catro décadas do século XX. É autor de obras tan significativas como as novelas Ilustrísima e Os mortos daquel verán e os libros de relatos Vento ferido e Os escuros soños de Clío. Director da Editorial Galaxia e a revista Grial.

Carlos Casares Mouriño naceu en 1941 en Ourense, aínda que pasou boa parte da súa nenez na comarca da Limia. Estudou Filosofía e Letras en Santiago, onde contactou cos círculos galeguistas nucleados en torno a Ramón Piñeiro, con quen establecería unha intensa relación de amizade.

Casares casou en 1971 con Kristina Berg, o que facilitou o seu coñecemento directo de Suecia, o país orixinario da súa dona e que sería decisivo no seu achegamento ás ideas socialdemócratas.
Foi profesor de ensino medio, tarefa que compatibilizou, coa dirección de Editorial Galaxia (1986). Foi deputado no primeiro Parlamento de Galicia nas listas do PSdeG-PSOE. Foi tamén membro da Real Academia Galega, cofundador e primeiro presidente do PEN Clube de Galicia, director da revista Grial e presidente de honra de ACNUR en Galicia, entre outros moitos desempeños.
En 1967 publicou o seu primeiro libro de relatos, Vento ferido, e en 1969 a súa primeira novela, Cambio en tres (1969). De 1975 é Xoguetes para un tempo prohibido (1975). En 1979 volve á narrativa breve con Os escuros soños de Clío, libro ao que seguirán as novelas Ilustrísima (1980) e Os mortos daquel verán (1987), ambientada nos inicios da Guerra Civil. En 1996 apareceu Deus sentado nun sillón azul e xa no ano 2002, ás poucas semanas da súa morte, O sol do verán (2002).

Casares publicou tamén libros destinados ao público infantil. A súa bibliografía complétase cos ensaios reunidos en Un país de palabras e coas biografías dedicadas a Curros Enríquez, Risco, Otero Pedrayo, Ánxel Fole e Ramón Piñeiro. Mención especial merecen os milleiros de de artigos que escribiu, a maior parte deles publicados en La Voz de Galicia.

Sucedeu no 1996 a Filgueira Valverde na presidencia do Consello da Cultura Galega, cargo para o que foi reelixido no ano 2000 Nos seus mandatos forneceu ao CCG dun notable e modernizador dinamismo A principal preocupación da súa presidencia foi a incorporación ao Consello de sectores culturais ata entón escasamente representados, así como o impulso á renovación tecnolóxica da institución.

por Damián Villalaín