A Sección de Comunicación do Consello da Cultura Galega presenta o seu Informe bianual sobre a comunicación en Galicia, coordinado por Xosé López, como unha ferramenta para a comprensión das transformacións que se producen no hipersector da comunicación en Galicia.

A publicación organízase, como xa se fixera no anterior Informe, en tres partes; unha primeira en que se reúnen os monográficos sobre o estado da cuestión dos distintos medios e áreas de estudo no ámbito da comunicación; unha segunda parte que denominamos “Tendencias”, na que os investigadores desenvolven temas máis específicos; e, finalmente, a compilación da produción bibliográfica en comunicación galega, tanto a editada dentro do país, como a publicada por autores galegos en editoriais foráneas, ademais da principal produción científica das universidades galegas, nomeadamente as teses. Con esta organización dos temas, o Informe A Comunicación en Galicia 2004 vai camiñando cara á súa madureza como publicación de referencia no hipersector, útil para avaliar a situación dos medios galegos, e mesmo como manual de traballo para os estudantes da área, cada vez máis numerosos debido á ampliación da oferta universitaria.