As Cantigas de Santa María constitúen unha das obras máis importantes saídas do obradoiro literario de Afonso X de Castela e León, e un dos monumentos artísticos máis valiosos e representativos da cultura europea medieval. Esta obra chegou a nós mediante catro manuscritos coetáneos, que representan tres ‘edicións’ sucesivas, cada cal máis ampla, da vasta colección mariolóxica afonsina. O menos coñecido deses catro manuscritos é o Códice de Toledo (To). Non obstante, ese códice ten un interese especial para os estudosos, pois parece representar unha edición temperá da obra, sendúbida a máis antiga das hoxe coñecidas, e tal vez a primeira revista e acrecentada. Os ambientes especializados, que hai tempo veñen revalorizandoo testemuño de To, reclamaban unha reprodución fotográfica de calidade, que facilitase a consulta e estudo deste manuscrito nas súas distintas facetas, desde as puramente materiais ou anecdóticas, ata as literarias, lingüísticas e musicais.
Esta demanda foi a que quixo satisfacer o Consello da Cultura Galega coa primeira edición facsímile do Códice de Toledo das Cantigas de Santa María, que veu a lume en 2003 co gallo da conmemoración do XX aniversario da fundación do Consello da Cultura Galega, esgotada decontado e reimpresaen 2008. Xa no limiar á edición de 2003 deixabamos constancia da intención do Consello de dar ao prelo unha transcrición do códice, para o que contabamos co compromiso da profesora Martha E. Schaffer, que levaba anos laborando sobre os manuscritos das Cantigas e, particularmente, sobre o códice To. No presente volume ofrécese unha transcrición deste, con estudo preliminar e notas da profesora Schaffer. Xa que logo, esta obra constitúe un imprescindible complemento da reprodución fotográfica do códice que editamos, pero doutra banda ten un valor en por si, como senlleiro contributo para o coñecemento e estudo dese monumento da nosa cultura (galega,hispánica e europea) que son as Cantigas de Santa María.

AFONSO X O SABIO(1221-1284)
Rei de Castela e León, é unha das figuras máis relevantes da cultura europea e, particularmente, das letras hispánicas do seu tempo. O seu contributo á literatura galega é especialmente senlleiro, non só como animador dunha escintilante corte lírica na que brillaron varios dos talentos máis sobranceiros da escola trobadoresca galego-portuguesa, senón tamén como autor el mesmo de magníficas cantigas, sobre todo de celme satírico e escarniño. Mais a súa achega artística máis relevante vén constituída polas Cantigas de Santa María,a máis ampla e fastosa colección mariana realizada na Idade Media.

MARTHA E. SCHAFFER
É associate professor no Departamento de Linguas Clásicas e Modernas da Universidade de San Francisco. Doutorouse en Filoloxía Románica na Universidade de California,Berkeley. Actualmente desenvolve as súas investigacións sobre manuscritos medievais da Península Ibérica, en particular as Cantigas de Santa María. Tamén forma partedo equipo BITAGAP (Bibliografía de Textos Antigos Galegose Portugueses). Ten tocado cuestións relacionadas coa autoría das Cantigas, as súas relacións co cancioneiro trobadoresco ‘profano’, a súa composición, e mais a cuestión central das relacións entre os manuscritos existentes e o que estas nos ilustran verbo do proceso de compilación e edición do magno cancioneiro mariano.Trátase da maior experta internacional nos manuscritosdas Cantigas e a máis empeñada estudosa do Códice de Toledo (To).

[Data da nota de prensa: abril 2020]

Título Cantigas de Santa María: Códice de Toledo (To)
Transcrición
Autoría Afonso o Sabio, X de Castela e IX de León-Galicia
Transcrición Martha E. Schaffer
Edición Henrique Monteagudo
Publicación Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2010
Edición 1ª edición
Descrición física 250 p. ; 24 cm.
Notas Textos en galego e inglés.
ISBN 978-84-92923-01-4
Depósito Legal PO 695-2010
CCG. Signatura CCG 2010 392
Colección Autores & textos
Materias
Áreas
Código QR