Os informes A comunicación en Galicia que periodicamente promove o Consello da Cultura Galega comezan unha nova etapa con esta edición, só en formato dixital, que tenta facer unha aproximación a algúns aspectos da evolución do ecosistema nos últimos anos. Non se trata dunha radiografía de todas as dimensións do ecosistema, senón só dalgunhas arredor das que as e os investigadores das universidades galegas teñen feito traballos e que amablemente aceptaron o convite. Tamén se inclúe un capítulo de novas experiencias no campo da comunicación en galego no que se combinan estudos e iniciativas analizadas polas súas protagonistas. Hai, pois, ausencias, aínda que non esquecementos porque en futuros traballos está previsto analizar aspectos que neste número quedaron fóra.