O Estudio sobre emigración de Eduardo Vincenti foi certamente innovador no contexto intelectual e político no que se produciu, tanto polos obxectivos que perseguía como polas súas características. Elaborou unha pormenorizada guía para orientar ás persoas emigrantes nunha conxuntura de éxodo masivo a América. Apenas entra no debate sobre a natureza deste e as súas consecuencias porque asume o dereito das persoas a decidir que proxectos desenvolver para mellorar as súas vidas. Coidaba, como bo liberal, que a suma desas saídas e retornos producía beneficios para a sociedade galega ou era, cando menos, un «mal conveniente» porque «vuelven trayendo más que llevaron». Esta percepción da emigración como un mal necesario que había que orientar en prol da sociedade galega foi asumida axiña polos rexionalistas de Solidaridad Gallega. Non se deixaron seducir polo discurso emigracionista da burguesía que tiraba bo proveito do embarque de emigrantes e da xestión das súas remesas e por iso financiaba revistas como Vida Gallega de Jaime Solá, mais tampouco asumiron as condenas a priori de boa parte da elite política e da intelectualidade da época. Consideraban que era un andazo antipatriótico e que os gobernos debían prohibila e favorecer, pola contra, a repoboación interna para desenvolver os recursos económicos propios. Cómpre dicir, ao respecto, que os políticos galegos demostraron unha visión máis integral dun fenómeno tan poliédrico como era a emigración, salientando os efectos positivos das remesas nas familias dos emigrantes e, por extensión, na economía galega da época.

[Data de comunicación: xaneiro 2020]

Título Estudio sobre emigración
Autoría Eduardo Vincenti
Estudo introdutorio Raúl Soutelo
Presentación Rosario Álvarez
Antonio Rodríguez Miranda
Publicación Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2019
Edición 1ª edición
Descrición física 59, 360 p; 21 cm
Notas Contén: 1.- Eduardo Vincenti, un publicista a prol da emigración / [estudo introductorio de] Raúl Soutelo Vázquez. 2.- Estudio sobre emigración/ [facsímile] Eduardo Vicenti y Reguera
ISBN 978-84-17802-08-0
Depósito Legal C 2114-2019
Url externa Catálogo RBG
Colección Clásicos da Emigración; Núm:2
Materias
Áreas
Código QR