Co gallo do quinto centenario da fundación da cidade da Habana por mariños da Coroa hispánica, tiveron lugar en Cuba e noutros lugares varias conmemoracións e actos en recordo desa data. E nesa xeira non podía estar ausente Galicia, por diversas razóns.
De entrada, a cidade, e Cuba toda, posúe unha relevancia sobranceira na historia de Galicia, polo menos dende mediados do século xix. Entre as últimas décadas desa centuria e os comezos do século xx, A Habana converteuse na segunda cidade do mundo con máis habitantes nados en Galicia, só superada por Bos Aires. Contra 1919, máis dun terzo da poboación inmigrante española en Cuba, e o nove por cento da habaneira, nacera en Galicia —sen contarmos galegos de segunda xeración.
A emigración galega deixou unha fonda pegada na sociedade cubana. Un legado rastrexábel, de entrada, nos ambiguos estereotipos verbo dos galegos que persistiron na esfera pública da illa, primeiro no teatro popular e despois no cinema, até ben entrada a segunda metade do novecentos. Alén diso, os inmigrantes galegos experimentaron unha rápida e xeral mobilidade social ascendente durante a primeira metade daquel século. A comunidade inmigrante galega na Habana estaba concentrada sobre todo nas súas rúas céntricas e en barrios pesqueiros periféricos. Na capital cubana existía ademais un mesto tecido asociativo galego dende 1871, unha esfera pública artellada por cabeceiras de prensa propias así como decenas de sociedades microterritoriais ou de instrución. Na capital cubana ecoaran ademais os movementos sociais e políticos desenvolvidos en Galicia dende finais do século xix, dende o rexionalismo até o agrarismo e o nacionalismo; dende alí sostívose con recursos materiais a Academia Galega dende o seu nacemento, así como ducias de escolas, sociedades agrarias e periódicos anticaciquís de ámbito local; e alí se forxaron ou estrearon símbolos da Galicia contemporánea, coma o himno galego, executado por primeira vez na capital cubana no decembro de 1907. A sociedade civil galega tiña na cidade da Habana un dos seus maiores referentes, mais a esas endeitas tamén contribuían milleiros de emigrantes distribuídos e asentados en todas as rexións de Cuba, dende o Oriente até Pinar del Río.
A comunidade galega en Cuba tivo un período de florecemento durante as tres primeiras décadas do século xx; porén, dende 1921-1922, cadrando coa primeira crise económica provocada pola baixa dos prezos do azucre, as “vacas fracas”, aumentou o número de retornos dende a illa do Caribe e a colectividade entrou nun proceso de lento esmorecemento. Ese fenómeno viuse acompañado por un devalo sostido do influxo da colectividade galega en Cuba sobre as dinámicas sociopolíticas e económicas da Galicia metropolitana. No decurso da Guerra Civil española e na inmediata posguerra, durante a que a comunidade galega en Cuba se dividiu entre profranquistas e prorrepublicanos, A Habana xa non desempeñou o papel de centro da diáspora e da solidariedade antifascista da comunidade galega emigrada, que pasara a Bos Aires. Poucos exiliados galegos se refuxiaron na illa caribeña. Porén, a colectividade galega e, con ela, a pegada de décadas de inmigración e presenza na illa non desapareceron. O seu legado persiste hoxe en varios edificios e sedes sociais, comezando polo impoñente Centro Galego en pleno centro da cidade da Habana, continuando por ducias de edificios, personaxes da memoria popular, evocacións literarias, os panteóns do Cemiterio Colón e tantos outros lugares de memoria. E, en Galicia, esa lembranza exprésase nas ducias de edificios escolares financiados dende Cuba, en fontes e lavadoiros, en estatuas e obras públicas sostidas por benfeitores residentes na illa do Caribe. E, así mesmo, en milleiros de cartas que atravesaron o Atlántico, en xiros e remesas que permitiron modernizar explotacións campesiñas, en investimentos audaces e en parques de recreo, en multitude de historias individuais que sempre relataban elos transoceánicos entre familias que, malia a distancia e os anos, mantiveron por longo tempo a súa relación.
A esa historia de idas e voltas, de presenzas e ausencias, de afectos partillados e de identidades híbridas, de encontros e desencontros, dedícase esta exposición e mais este catálogo.
Titulo O soño cubano da emigración galega
Comisariado Xosé M. Núñez Seixas
María Xosé Porteiro García
Documentación Carolina García Borrazás
María Teresa García Domínguez
Publicación Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2020
Edición
Entidade Consello da Cultura Galega
Descrición física 43p
ISBN 978-84-17802-18-9
Depósito Legal C 646-2020
Materias
Áreas
Código QR