Galicia e a Bretaña están marcadas, como xa viron os autores clásicos, por moitas semellanzas xeográficas e culturais. Son terras altamente romanizadas, pero con fondas pegadas celtas. Son terras de granito e con extensas orlas marítimas, de chuvias atlánticas empuxadas por «ventos mareiros», que están caracterizadas por uns trazos culturais de gran paralelismo, desde os monumentos megalíticos ata os cruceiros e calvaires, as gaitas e cornamusas, as romarías e un sentimento da terra case panteísta, alén dunha fonda relixiosidade. Por iso se considerou Galicia como unha «Bretaña española», o que, á inversa, se lle podería aplicar tamén á península bretoa, de modo que nunca houbo fronteiras que arredasen estes dous territorios, nin por terra nin por mar. Non obstante, estas semellanzas e mesmo as relacións intermitentes que desde a prehistoria se estableceron entre a península armoricana e Galicia non abondaron para superar un descoñecemento mutuo.

Co propósito de remediar esta ausencia foron pensadas as xornadas realizadas no outono de 2017, concibidas cunha perspectiva comparada e como primeiro paso para sucesivas aproximacións. Nesta publicación recóllense os relatorios daquel encontro, no que dous dos editores deste libro (Botrel e Villares) se achegan ao estado da cuestión e unha selecta nómina de investigadores e investigadoras de universidades galegas e bretoas afrontan estudos comparados no campo da historia agraria (Jarnoux e Saavedra), da política no medio rural (Cabo), do nacionalismo político (De Juana e Carney) da identidade (Núñez Seixas e Le Coadic), da xeografía (Lois e David) e da literatura (Nogueira, Rivalan, Requeixo e Lama). No campo literario, prestouse unha atención especial ao escritor Álvaro Cunqueiro, un autor que foi capaz de escribir a novela As crónicas do sochantre, de puro ambiente bretón, sen nunca estar na Bretaña, para comprobar, cando máis tarde alí viaxou, que maxín literario e realidade eran case a mesma cousa.
Titulo Galicia-Bretaña
Subtítulo Olladas Comparadas
Edición Ramón Villares
Jean François Botrel
Christine Rivalan Guégo
Autoría Jean François Botrel
Miguel Cabo
Sébastien Carney
Olivier David
Philippe Jarnoux
Jesús de Juana
María Xesús Lama López
Ronan Le Coadic
Rubén C. Lois González
María Xesús Nogueira
Xosé M. Núñez Seixas
Armando Requeixo
Christine Rivalan Guégo
Pegerto Saavedra Fernández
Ramón Villares
Limiar Rosario Álvarez
Tradución Cristina Río López
Publicación Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2020
Edición 1ª Edición
Entidade Consello da Cultura Galega
Descrición física 349 p.; 24 cm.
ISBN 978-84-17802-20-2
Depósito Legal C 881-2020
DOI 10.17075/gboc.2020
Colección Actas
Materias
Código QR