O obxectivo deste libro é dar a coñecer o texto inédito de Aquilino Iglesia Alvariño «A lengua gallega. Historia do seu vocabulario», escrito orixinalmente para a Historia de Galiza, dirixida por Ramón Otero Pedrayo, concibida e publicada en América grazas ao mecenado de Manuel Puente e da que no verán de 2022 se cumpren 60 anos. Tras moitos avatares, do proxecto nacido no ano 1947 viñeron a lume dúas partes impresas en Montevideo en 1962 e unha terceira en Buenos Aires once anos despois, 1973. En ningún dos volumes consta o capítulo dedicado á lingua, que fora encargado a Aquilino Iglesia Alvariño a principios da década dos 50 e que el entregou pouco despois.

A edición da obra vai acompañada de tres estudos para contextualizala. Desde a perspectiva da historia contemporánea da Galicia global, Ramón Villares sitúanos nas coordenadas e vicisitudes do proxecto; desde a da historia da lingua e da lingüística galegas, Henrique Monteagudo coloca a contribución de Aquilino no marco das ideas e debates lingüísticos producidos na Galicia do seu tempo; e Rosario Álvarez analiza a súa contribución á Historia de Galiza e os motivos do desencontro. En Apéndice figuran algúns documentos necesarios para a exposición e interpretación, en parte inéditos ata o presente.

O volume complétase coa sección «O sino do retorno: outros escritos sobre o idioma», onde se recollen os traballos de Aquilino Iglesia Alvariño que versan sobre norma e ideas lingüísticas, e dun modo máis xeral sobre a situación do galego.

[Data de comunicación: xullo 2021]

Título «Da fonte máis fonda»
Historia do vocabulario e outros escritos sobre o idioma galego
Autoría Aquilino Iglesia Alvariño
Edición Rosario Álvarez
Aquilino Iglesia Ferreirós
Estudo Rosario Álvarez
Henrique Monteagudo
Ramón Villares
Limiar Rosario Álvarez
Obxecto de estudo Aquilino Iglesia Alvariño
Textos Manuel Puente
Publicación Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2021
Edición 1ª edición
Descrición física 352 p; 24 cm.
Notas Imaxe da cuberta: Aquilino Iglesia Alvariño, debuxo de Carlos Maside. Propiedade dos herdeiros de A. I. A.
Este libro acabouse de imprimir o 29 de xullo de 2021, día en que se cumpren 60 anos do pasamento de Aquilino Iglesia Alvariño.
ISBN 978-84-17802-34-9
Depósito Legal C 1156-2021
DOI 10.17075/fmfhv.2021
Url externa Catálogo RBG
Colección Autores & textos
Materias
Áreas
Código QR