// inicio /
Álvaro Cunqueiro na órbita de Galaxia. A recuperación do escritor
María Dolores Villanueva GesteiraUniversitat de Barcelona


doi:10.17075/mucnoc.2014.012

Comparte

Álvaro Cunqueiro é unha figura controvertida, pois, para moitos, é un falanxista e, para outros, un galeguista que se equivocou en ocasións porque era un home feble e pouco asentado na realidade. Camiñar pola traxectoria de Álvaro Cunqueiro é un baile de máscaras no que non sempre é doado levar o paso. Francisco Umbral, nun libro homenaxe ao mindoniense afirmaba: «Hay que decirlo: Cunqueiro, primeramente, fue falangista» (Umbral 2003: 96). Pero isto non responde á realidade nin tan sequera se aproxima, aínda que quizais sexa a imaxe que se ponderou en detrimento doutros aspectos da súa biografía.

A realidade é que, en 1936, Álvaro Cunqueiro se define desde os quince anos como «republicán, ateo e galeguista» (Armesto Faginas 1987: 320), unha resposta que o novo escritor ofrece a Xosé Filgueira Valverde para unha antoloxía poética que, pola sublevación militar e posterior ditadura, non viu a luz. Cunqueiro era amigo de infancia de Francisco Fernández del Riego e na súa etapa de bacharel en Lugo coincide con Ánxel Fole, cos irmáns Correa Calderón e con Luís Pimentel. Pouco a pouco, entra na atmosfera do galeguismo, unha incursión que culmina de maneira moi de Otero, coa visión do mapa de Fontán1. Sexa imaxinación ou realidade, o certo é que despois viría Compostela e os faladoiros en que se relacionaba con García-Sabell, Arturo Cuadrado, Carballo Calero, Arturo Souto, Carlos Maside, Luís Seoane... Na mesma cidade e na imprenta de Ánxel Casal, aparece o seu primeiro poemario, Mar ao norde, ilustrado por Luís Seoane (1932), e co mesmo ilustrador, pero na editorial Resol, de Arturo Cuadrado, aparece Cantiga nova que se chama riveira (1933). Sabemos que participa activamente na celebración do Día da Patria Galega de 1930, no balcón da casa consistorial de Mondoñedo, e que meses antes, con só dezaoito anos, publicara no semanario mindoniense Vallibria o primeiro poema do que temos constancia: «D’un libro». Da súa prodixiosa imaxinación, temos noticia xa en 1931, cando convida a Francisco Fernández del Riego a afiliarse a un dos tres partidos políticos mindonienses: ao Grupo Galeguista Republicano, á Irmandade Nacionalista ou ao Partido Arredista Revolucionario. Era o poderoso maxín do escritor o que creara cada un deles, con denominacións que mostran o seu pensamento. De feito, onde realmente militou foi no Partido Galeguista (PG), no que o designaron membro suplente da Secretaría Executiva.

Álvaro Cunqueiro, polo tanto, foi primeiramente galeguista e demostrou o seu compromiso antes do 36, especialmente na súa militancia cultural. Non podemos esquecer a súa colaboración en Resol «hojilla volandera del pueblo» ou en Vallibria, o semanario mindoniense fundado por Xosé Trapero Pardo en 1930. Desa mesma actividade cultural nace a editorial UN, na que publica Poemas do si e do non en 1933, e aparece Papel de color, iniciativas promovidas pola «Oficiña lírica do Este Galego», agrupación creativa fundada por Cunqueiro, Aquilino Iglesia Alvariño e o debuxante Vidarte. Xa nesta época, era colaborador de xornais como El Pueblo Gallego2 e chega a fundar unha folliña ventureira, Galiza, onde hai mostras evidentes de compromiso co país, co idioma, así como unha importante carga ideolóxica nacionalista.

Álvaro Cunqueiro abrazara a causa republicana con forza e, aínda que non era un galeguista de primeira liña, estaba na órbita do nacionalismo. Proba do seu compromiso é a defensa nos xornais do Estatuto de autonomía ata o último día, pero todo quedou truncado en 1936 co alzamento militar. Cunqueiro marcha para Ortigueira fuxindo das posibles represalias e, sabedor de que mataran o seu impresor e outros compañeiros, pon terra por medio e desde o primeiro número colabora activamente na revista falanxista Era Azul, que corresponde a novembro do 36. Aí comeza a súa odisea falanxista, que o leva a diferentes publicacións de liña fascista como Vértice, en 1939, ata recalar finalmente en Madrid no xornal ABC, do que chegou a ser subdirector. Nese momento, Cunqueiro era un home prometedor, un escritor cotizado e valorado, pero arredado do camiño que emprendera na República. En contra do que se podería pensar, Cunqueiro mantén relación con algún dos seus compañeiros de militancia no PG. Contábame Francisco Fernández del Riego que nunha ocasión Ramón Piñeiro e el estaban en Madrid trazando a reorganización do Partido Galeguista e atoparon na Porta do Sol o mindoniense. Piñeiro levaba moito tempo na capital e Cunqueiro ofreceulle unha pasaxe de tren, que aceptou con reservas. Piñeiro sentou en terceira e, ao pasar o revisor, alzoulle a voz, pero non por ter nas mans un billete falso, como o de Láncara pensaba, senón por ter unha pasaxe en primeira. «A saber de quen era aquel billete!» —dicía rindo Del Riego. Máis alá da anécdota, temos a confirmación de que, malia teren intereses distanciados, mantiñan a amizade con reservas. Naquela época, Cunqueiro colaborou en traballos colectivos como Corona de sonetos en honor de José Antonio Primo de Rivera, xunto con Gerardo Diego, Manuel Machado, Eugenio D’Ors, Eugenio Montes, Dionisio Ridruejo, Leopoldo Panero e Luís Rosales. Cando emprende esta deriva e comeza a perderse polos vieiros do fascismo, o seu amigo Aquilino Iglesia Alvariño confésalle a Del Riego: «De Cunqueiro no sé qué decirte. Para mí se perdió, y creo que va camino de perderse en redondo. No sé que haga nada que valga la pena. Espero, sin embargo, que le llegue la hora del reposo, en la que tanto puede hacer» (carta inédita, 1938)3.

O repouso do guerreiro chegou dez anos despois a raíz dun incidente co embaixador francés que truncou a súa carreira, ata o punto de serlle retirado o carné de xornalista polo propio feito e por outras informalidades do escritor galego, entre as que ben podería estar o agasallo da pasaxe de tren a Piñeiro. Del Riego cualificou esta etapa como «inauténtica e controvertida» O certo é que Cunqueiro volve á súa Ítaca, a Mondoñedo, en 1947, e alí experimenta a baixada aos infernos, as penurias, a incomunicación, a soidade persoal, pero deseguida aparecen os amigos para rescatalo da escuridade e recibilo como a un fillo pródigo que pode regresar ao vieiro do galeguismo no que estaba antes de estalar a guerra. Cunqueiro acepta a axuda «dos que sempre estivéstedes no camiño bo», como lle di a Del Riego nunha carta de 1949 (Cunqueiro 2003: 41).

Leal Insua ábrelle as portas do Faro de Vigo para colaborar desde 1949, e entre 1965 e 1970 dirixe o xornal decano da prensa española, ao igual que fai con Vida Gallega. Os seus amigos seguen a buscarlle novas posibilidades de subsistencia, así tamén escribe en La Voz de Galicia, en La Noche ou en Galicia, publicación bonaerense. Os artigos de Cunqueiro son de temática moi variada, pero nesa nova andaina e, como teremos ocasión de comprobar máis adiante, o autor ten un interese especial en cumprir co país desde a súa escrita. «Alédame que che gosten os artigos da Voz. Eu quixera adentrarme en temas máis esencialmente nosos, e quizaves agora toque algún. De todos xeitos creo estar cumprindo co meu país na medida do posíbel, na Voz e no Faro» (Cunqueiro 2003: 23).

A consagración de Cunqueiro chega anos despois a través da literatura e, sen dúbida, a creación da Editorial Galaxia foi decisiva para que se producise este feito. En 1950, comeza a andadura da editorial, que supuxo un punto de inflexión na longa noite de pedra. Ao seu redor, concitáronse persoas moi diversas e, dalgunha maneira, agrupouse o galeguismo espallado despois da sublevación militar. Recolleron os restos dun naufraxio e con eles comezaron a construír a esperanza e o futuro dun país e dunha lingua máis alá dun proxecto cultural:

Un único campo de acción tiña ó seu alcance: o de influír e orientar a opinión galega —sobre todo ás novas xeracións— a través da acción cultural. Creando conciencia galega, espertando atención e interés polos valores e os problemas da Terra, atraendo ós rapaces de máis personalidade e inquedanza, renovando e ensanchando a área de cultivo das nosas letras, creando e orientando equipos de técnicos que estudien coordinadamente os grandes problemas do noso país, o galeguismo librou e libra unha gran batalla política —enténdase ben, política, e non política abstracta e filosófica senón real e operante— contra o franquismo [...]. O galeguismo ganoulle a Franco, a través da acción cultural, unha batalla decisiva: a batalla do futuro4. (Piñeiro 1991: 380).

Galaxia sempre pensou no mañá, en construír, en crear institucións, en adiantar pasos para que, cando houbese unha nova situación política, o galeguismo non estivese a reboque. A actividade clandestina levada a cabo na década dos cincuenta por esta editorial non é comparable a ningunha outra e, quizais, pola súa loita contra as imposicións do réxime sorprende máis a incursión de figuras como a de Á. Cunqueiro, que mantivera unha postura pública comprometida co réxime. Se temos en conta a documentación escrita e oral deixada polos protagonistas, non se trata, como se puidese pensar nun primeiro momento, dun convivium entre represores e reprimidos (Figueroa 2010: 120), a non ser que xulguemos a historia desde a nosa perspectiva. Álvaro Cunqueiro e os membros de Galaxia mantiveron sempre unha simple relación de amizade que capacitaba a xustificación e o perdón dos erros do amigo. Así se deixa ver nunha carta de Aquilino Iglesia Alvariño a Francisco Fernández del Riego: «Creo que no debes pensar en resentimientos de Álvaro. Hay muchas cosas en todo el mundo inexplicables. En Cunqueiro muchísimas. Pero debemos abstenernos de buscarles un porqué demasiado fácil y poco elegante» (inédita c. 1950).

Así, con finezza, recuperaron a Á. Cunqueiro como escritor en galego e incorporárono á causa, ou sería mellor dicir que fixeron que retornase ao lugar que tiña na preguerra. Na correspondencia con Ramón Piñeiro e Del Riego, os dous piares da Editorial Galaxia, déixase ver a insistencia, os apupos para que escribise en galego, pero tamén a sintonía co escritor que mesmo intenta buscar accionistas en Mondoñedo para a editorial (Cunqueiro 2003: 53). As constantes mostras de alento vense recompensadas, especialmente nos primeiros anos, cando deu ao prelo en pouco máis dunha década media ducia de grandes obras. En 1950, publica Dona do corpo delgado na colección Benito Soto, para posteriormente editar en Galaxia Merlín e familia (1955), As crónicas do Sochantre (1956), Herba de aquí e de acolá (1957), O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca (1958), Escola de menciñeiros (1960) e Se o vello Sinbad volvese ás illas (1961). Son os anos de maior produción do autor mindoniense en galego. A pesar do esforzo creativo, Cunqueiro sabe que a sombra do fascismo é alongada e así llo manifesta a Piñeiro: «Pro non debes esquecer que, faga eu o que faga pólo noso vello pais —póla nazón galega e pólo seu mensaxe— eu non teño ningunha autoridade moral. Dígocho con tristura, pro é eisí e non hai que facerlle»5 (Alonso Girgado 2010: 69).

Galaxia sabía que a autoridade de Cunqueiro estaba na súa pluma, na súa potente imaxinación e non a querían desaproveitar. O presidente de Galaxia, Ramón Otero Pedrayo, sempre se mostrou partidario de escribir libros, porque son os que pasado o tempo perduran e Cunqueiro tiña esa misión na editorial, a única que lle encomendan e que intenta cumprir para contribuír ao proxecto: «Eu, craro está, son ben conscente das miñas obrigas no que toca a Galicia, é decir, á nosa língua e ás nosas letras. Coido que eu lle poido dar á literatura galega algo que outros, que quizaves lle dan cousas millores, non lle poden dar iso que eu dou»6 (Alonso Girgado 2010: 77).

Os vellos camaradas acolleron a Cunqueiro, aloumiñárono e intentaron dignificar sempre a súa figura desde o primeiro momento. Lembremos o terceiro número dos Cadernos Grial, onde podemos atopar unha carta pública de Ramón Piñeiro a Álvaro Cunqueiro na que dá notificación de recibo da tradución de Hölderlin feita polo mindoniense (Piñeiro, 1951). No texto hai unha clara intención de remarcar o europeísmo da cultura galega, unha idea fundamental do pensamento do autor e de todo o grupo, fronte ao férreo nacionalismo español. Para o grupo Galaxia Cunqueiro era unha peza fundamental na configuración do sistema literario galego e así llo expresa Piñeiro:

Ise mundo é o arte e non nace da realidade ouxetiva, senón da intimidade do home. ¿Non che parez que o noso deber de europeos, debe ser o amosarlle a Europa o camiño da liberdade espritoal; o camiño do arte como ideal humán; o camiño do humor como «sabiduría suprema». Eu estouche seguro de que unha gran Cruzada da Imaxinación, sería de moito proveito pra a saúde espritoal de Europa. Tarde ou cedo haberá que o facer sen remedio. ¿Por que non-a habemos de comezar nós? Non seguín máis adiante cos meus pensamentos. Xa entre lusco e fusco, erguinme das pedras co ista idea na cabeza: «niste asunto é moi importante o parecer de Cunqueiro». (Piñeiro 1951: 107).

Esta carta aberta emociona fondamente a Cunqueiro, como se pode comprobar na correspondencia que intercambia con Piñeiro. Non nos debe estrañar o agradecemento do mindoniense por tratarse dunha demostración aberta de amizade e unha aposta decidida pola súa incorporación nun proxecto galeguista e antifranquista. En máis dunha confesión privada, expresa o seu agradecemento e a súa aposta por facer literatura con maiúsculas, fuxindo dalgunhas liñas que se cultivaban na época. Así, expón a súa visión despois da lectura da novela de Carballo Calero: «Lin “A xente da Barreira” e non me non gustou ren. Por ise camiño, esteticamente falando, nada se fai nin se vai a ningures. É outra cousa o que fai falla i-é urxente pór man na tarefa» (Alonso Girgado 2010: 69).

Como xa sabemos, Cunqueiro non tardou en escribir grandes páxinas de literatura en galego, en ofrecer obras anovadoras, universais, que deron un novo pulo á narrativa galega, ao teatro e á poesía. A incorporación ao proxecto de Galaxia é celebrado tamén no exilio e así podemos ler na correspondencia de Luís Seoane a Del Riego as mostras de ledicia cando recibe libros do mindoniense, indicando que é o mellor escritor da literatura galega. Son anos de amizades e moi frutíferos intelectualmente para Cunqueiro. En 1963, colleita o cariño do galeguismo coa súa entrada na Real Academia Galega, unha entrada favorecida polo grupo Galaxia. Na correspondencia, pode verse a intencionalidade de moitos deles para que o seu ingreso se efectúe o antes posible e así o di Ramón Otero Pedrayo, presidente da editorial:

Escribinlle a Cunqueiro unha carta franca porque algun dos nosos amigos díxolle un pouco depresa que seria presentado. Eú escribinlle con toda amizade. Respondeu con unha carta emozoante que xa se ha leer entre os amigos. Desexa o trunfo de Vde. con palabras de verdadeira ademiración e afeito. Escribiu deseguida de recibir a miña carta. Foi unha venturanza pra min. Pra outra vacante hai que erguelo por acramación inda que non queira. (Ramón Otero Pedrayo a Fco. Fernández del Riego, 29 de novembro de 1958).

O acto de entrada na RAG celebrouse o 23 de abril de 1963 en Mondoñedo e foi toda unha mostra de afecto ao escritor, ao converterse nunha xuntanza de recoñecemento pola entrega intelectual ao país, como conta Ramón Piñeiro nesta crónica que lle fai ao día seguinte a Basilio Losada:

O domingo foi o ingreso do gran Cunqueiro na Academia. Celebrouse en Mondoñedo. Acudiron unhas 300 persoas de tódolos puntos de Galicia. A sesión de recepción celebrouse no Paraninfo do Seminario. Foi un aito solemne e brillante. O discurso do Cunqueiro foi unha maravillosa e fascinante xoia literaria. No banquete —ó que asistiron un bispo e dous gobernadores civís— cantouse o himno galego. Recibíronse centos de telegramas, dos que somentes se leron unha dúcea, entre iles o da mocedade galega en Barcelona. Foi unha xornada de intensa e quinte afirmación galega. O Cunqueiro semellaba o gran Señor de Mondoñedo atendendo ós seus convidados. Tan dilixente e atento estaba a todo e a todas que mesmo semellaba que houbese moitos Cunqueiros. Eu tiña a sospeita —e inda a teño— de que Merlín fixo un estrano milagre da «multiplicación do Cunqueiro» e que Mondoñedo estaba ise día cheo de Cunqueiros. (Piñeiro 2009: 217-218).

Cunqueiro, nese momento, era recoñecido como escritor en lingua galega polos seus compañeiros de oficio, no interior e no exilio. Así, Blanco-Amor envíalle A esmorga7 para que lle dea o seu parecer, o que demostra consideración e afecto. O escritor mindoniense séntese arroupado, son anos de intensa actividade, pero tamén de satisfaccións. Establécese un proceso de feedback no que todos os participantes do proxecto realizan achegas, pero, pola súa vez, reciben compensacións. Cunqueiro é consciente do que a cultura galega fixo por el, nomeadamente o grupo Galaxia, especialmente o papel restitutivo, pero tamén sabe da súa contribución como grande escritor:

Dunha lingua como a nosa, á cal foi traducido Heidegger, na que temos xa unha cultura filosófica importante e prosistas como Cunqueiro, Blanco Amor, Méndez Ferrín, Carlos Casares e tanto outros, resulta mesmo abraiante que se poida dicir que «tal como está, só pode exprimir capazmente os fenómenos da vida simples». Abraiante, dicimos, pois é como para quedar abraiado. (Cunqueiro 1991: 32).

Estas palabras pertencen a un longo artigo publicado en setembro de 1973 nas páxinas do xornal Faro de Vigo. Cunqueiro sae en defensa da lingua e da cultura galegas despois do ben coñecido ensaio que Manuel Rodrigues Lapa publica meses antes na revista portuguesa Colóquio/Letras 138. O texto do filólogo portugués é un convite a que o galego literario sexa portugués, menoscabando as posibilidades da lingua propia a ser idioma culto. Quizais a resposta máis coñecida sexa a escrita por Ramón Piñeiro na revista Grial (Piñeiro 1973), pero o que moitas persoas descoñecen é que, meses antes de que Piñeiro publicase o seu artigo en defensa da lingua galega, Álvaro Cunqueiro fixera o propio no xornal Faro de Vigo9. Con voz firme, vai rebatendo o discurso de Rodrigues Lapa, que cualifica de «tendencioso», e atribúe, en boa medida, a ver Galicia desde fóra:

Ao cabo, o que lle pasa a Rodrigues Lapa é moi semellante ao que lle ocorre ao tamén admirado e benquerido Ernesto Guerra Da Cal: que ao non ter vencello auténtico coa realidade galega, tenden a ver o caso de Galicia con mentalidade lusitana, na que si están mergullados. Pero iso é tan grave e de tan funestas consecuencias para nós como ver os problemas de Galicia con módulos casteláns. Tan imperialista é unha actitude como a outra. E as dúas, moi prexudiciais para Galicia. (Cunqueiro 1991: 34).

Na liña de pensamento do grupo Galaxia, Álvaro Cunqueiro fai neste artigo unha defensa das traducións para o galego, un xénero que el cultivou. Reivindica que o éxito ou o fracaso delas non son atribuíbles ás linguas, senón aos tradutores. O exemplo que escolle á mantenta Rodrigues Lapa para desprestixiar o idioma é a versión galega dos Carmina feita por Aquilino Iglesia Alvariño. A Cunqueiro non lle treme a man en culpar o autor da tradución das súas carencias e desacertos:

Por exemplo, cando di, ó falar da tradución galega das Carmina, que nela bótase a ver a incapacidade do galego para expresar o requintado e aristocrático estilo de Horacio: do que non se decata Lapa —e isto si que é incomprensible no eminente filólogo— é que a incapacidade e ruralismo e a pouca fortuna da tradución están no tradutor, non no galego. (Cunqueiro 1991: 33).

Cómpre lembrar que a tradución dos Carmina de Horacio a presentou Aquilino Iglesia Alvariño ao premio Bibliófilos Gallegos xunto co Cancioneiro da poesía céltica, de Julius Porkony, traducido por Celestino Fernández de la Vega e Ramón Piñeiro. O xurado decantouse finalmente por premiar o Cancioneiro polo seu modelo de lingua literaria que fuxía do ruralismo. Non deixa de resultar curioso que o filólogo portugués tomase vinte anos despois esta obra para desprezar o modelo de galego culto tendo coñecemento doutras traducións. A Editorial Galaxia esforzouse arreo en cubrir esta liña de traballo e deu ao prelo obras como Da esencia da verdade (1956), de Heidegger, vertida para o galego por Celestino Fernández de la Vega e Ramón Piñeiro; A comedia da oliña (1964), de Plauto, traducida por Aquilino Iglesia Alvariño; os Problemas humáns (1966), de Eduard Spranger, traducida por Domingo García-Sabell; ou Macbeth (1972), de William Shakespeare, vertida para o galego por Fernando Pérez-Barreiro Nolla. Nas traducións, Galaxia buscaba rigor e diálogo con outras culturas, pero tamén demostrar que o galego era unha lingua apta para tratar calquera tema de carácter local ou universal e para ser vehículo de expresión de calquera rexistro idiomático.

Cunqueiro, nas súas cartas, mantén o entusiasmo do grupo polas traducións: «Hai que traducir ó galego aquelo que é apremiante, urxente, que seña dito entre nós» (Cunqueiro 2001: 58). Piñeiro e Del Riego sabían da personalidade de Cunqueiro e aceptábana, eran conscientes de que gran parte da súa produción estaba no seu maxín, pero nunca poderían extraela e poñela en papel. Para Fernández del Riego, o seu amigo Cunqueiro era un bon vivant, expresión que repetía cada vez que se lle preguntaba por algún feito cuestionable, un neno, como declamou no discurso de resposta pronunciado no acto de entrada de Cunqueiro na RAG: «Quizabes Cunqueiro careza de ollos adultos pra dexergar a vida. Dexérgaa ó seu xeito. E dexergándoa dista maneira, descobre siñificados e asociaciós impensabres; anacos do mundo de maxia no que viven, sin se decatar, os nenos» (Cunqueiro 2011: 123-124). Para Ramón Piñeiro, Cunqueiro era igualmente un gran amigo, como testemuña o de Láncara (8-III-1955):

Fai moitos anos que Cunqueiro e mais eu somos bos amigos. Pola miña parte, confírmoche que en gracia e donosía a súa pruma non ten par; tampouco, nas mesmas cualidás, ten par a súa simpatía persoal, sempre a irradiar outimismo e xenerosa ledicia, aínda no medio das disgracias ouxetivas. O gran prodixio da súa persoalidade consiste en que vive realmente, da mañá á noite, no mundo pantástico da imaxinación. A primeira gran desgracia que iste feito lle ocasiona é que a xente non o comprende. De ahí deriváronse, como tiña que ser, moitas e moi grandes desventuras, que, naturalmente, non foron capaces de o traer á realidade «real». Está dende que naceu i estará mentres viva en divorcio irreparable co mundo das outras xentes. Un dos tropezos máis graves, que o ten feito afociñar moitas veces, é o da súa radical diverxencia ética coa xente. O Cunqueiro, por natureza espontánea e non por «degradación moral», vive auténtica e realmente máis aló do ben e do mal. No mundo libérrimo da imaxinación e da pantasía, non rixen as leis éticas que rixen no mundo da vontade. Il, que pertence integralmente a aquil libérrimo mundo, desconoce por completo tales leis éticas. Así, a súa imaxen social —en tanto a sociedade se regula por isas leis— resulta talmente catastrófica diante dos ollos do vulgo: sablista, estafador, mentirán, etc., etc., etc., Mais, sin que deixen de ser «ouxetivamente certas» as súas estafas, os seus sablazos, as súas fabulosas mentiras, etc., a realidade verdadeira do problema é que Cunqueiro obra de maneira espontánea e inconsciente, talmente como podería obrar un neno de cinco anos. Porque il, ó cabo, non é máis que un gran neno; un neno de 45 anos de idade, de 104 kilos de peso e de unha portentosa imaxinación. (Allué 2005: 63-64).

Cunqueiro teceu e desteceu a súa ideoloxía, pero non podemos dubidar que se imbuíu do espírito do grupo Galaxia. O seu non foi un compromiso intransixente, unívoco, pero demostrou en máis dunha ocasión a súa postura cara á lingua. Así informa del Riego a Piñeiro do seguinte acontecemento: «Días pasados organizouse eiquí [en Vigo] un curioso homenaxe coleitivo a Taibo, Cunqueiro, Castroviejo, Zunzunegui, Sigüenza, P. Calasanz, Márquez Peña e Méndez Ferrín. Os dous primeiros e o derradeiro falaron en galego moi espresivamente» (19-VI-1957). Moitos anos despois, en 1977, mostra a mesma postura no acto de presentación do poemario de Xosé María Álvarez Cáccamo, Laberinto de clavicordio. O autor pediulle a Álvaro Cunqueiro unhas palabras en castelán, ao que este lle repuxo furioso: «Como é posíbel que un fillo de Xosé María Álvarez Blázquez non fale galego?» (Álvarez Cáccamo 2006: 254). Por iso o acto tivo lugar na lingua propia do país.

De todas as maneiras, estas dúas anécdotas non nos deben levar a engano nin obviar que en Cunqueiro hai un escritor bilingüe, dúas máscaras que vai alternando ao longo da súa vida. De feito, na década dos setenta, Cunqueiro consolídase como escritor en castelán, o que produce inquietudes no grupo Galaxia, a xulgar polas palabras de Piñeiro a Basilio Losada (15-III-1969): «Leín o Orestes de Cunqueiro. [...] o que temo é que a súa canonización na literatura castelán poida apartalo da creación en galego» (Piñeiro 2009: 751). O autor mindoniense non dubida en ofrecer as súas explicacións a Piñeiro (1-X-1971):

Pro eu, tristemente, non poido darlle á miña obra en galego nin a décima parte do tempo que mester for. Eu vivo do meu traballo, e todo o gañado levárono as carreiras dos fillos, e agora atópome con que ainda teño que escribir vinte ou mais artigos ao mes, dar conferencias que me aborrecen, agora remato dous libros en castelán que me supoñen uns miles de pesetas, etc. Cómo non iba a pasar dias enteiros co libro dos paxaros? Pro é que non teño ises días, isas horas. Ainda que o noxento Celso Emilio en Caracas propalase que eu escribia en galego polos cartos, ti sabes que eu din os meus libros gratis et amore a «Galaxia», e sin percibir cáseque nin un pataco. Así están as cousas. Quero facer o libro dos paxaros, e fareino, e dar unha ou dúas novelas, unhas pezas de teatro, un ou dous libros de poemas, e todo isto nun ano ou dous. Porque, ademais, estou nunha hora na que me sinto muito mais doado en decir en galego, fártame mais, está o pan das verbas na boca miña mais sabroso e fresco si é galego. (Alonso Girgado 2010: 77).

A confesión de Cunqueiro a Piñeiro vai na mesma liña que as súas declaracións públicas. Así, nunha entrevista realizada por Perfecto Conde, afirma: «Yo me vi obligado a hacer periodismo y a escribir libros de narrativa en castellano» (Conde 2003: 112). O vil metal parecía ser a causa da súa incursión como escritor en castelán e son constantes as declaracións en que el mesmo apunta neste sentido, coa conseguinte reafirmación de ser un escritor galego. Polo tanto, teriamos, segundo as súas propias palabras, un Cunqueiro escritor en lingua galega por vontade e en castelán por necesidade:

No se trata de una decisión voluntaria. Yo soy un escritor gallego, soy un hombre que piensa en gallego y no creo en el bilingüismo. Sostengo que hay siempre una lengua de fondo y mi lengua de fondo es el gallego. Que tenga más o menos facilidad para expresarme en otra y que ésta sea el castellano es otra historia. Naturalmente, un escritor que pretenda vivir de la pluma no lo puede hacer si escribe solamente en lengua gallega. (Pérez Bello 2003: 103).

Cunqueiro vivía da súa pluma e era difícil naquel momento sosterse cos ingresos dos libros en galego. Sabemos que, pola entrega de Merlín e familia, Cunqueiro recibiu da editorial Galaxia mil pesetas10, que, sendo unha cantidade respectable, certamente non servía de sustento para manter unha familia, aínda así foi unha relación fecunda e que prosperou no tempo.

Esta relación inquebrantable de Cunqueiro co grupo Galaxia non foi ben entendida por todos os galeguistas, nalgúns casos non tanto pola súa vinculación fascista de finais dos anos trinta e boa parte dos corenta, senón por episodios ocorridos posteriormente. Cunqueiro, por exemplo, recibe moitas críticas pola súa visita a Bos Aires, ao Centro Gallego, que en 1967 estaba nas mans de Mourente, unha persoa afín ao réxime de Franco. O mindoniense foi acompañado do xeneral Constantino Lobo Montero, presidente do Centro Galego de Madrid. Esta viaxe non é apoiada polos seus amigos da Editorial Galaxia, pero, unha vez máis, exculpan a súa decisión, como se deixa ver nas explicacións de Piñeiro a B. Losada (26-IX-1967):

Por certo que comprendo moi ben a desilusión [que] ahí lles produciría o seu viaxe a B. Aires. Ahí so ó conocen como escritor e como amigo, que son as dúas excelencias do Álvaro, pro desconocen a súa tremenda febleza de carácter. É totalmente inconsciente. (Piñeiro 2009: 604).

Con menos entendemento reacciona Celso Emilio Ferreiro, amigo de Cunqueiro ata os anos sesenta. O enfrontamento entre os dous escritores alimentouse tamén pola diferente maneira de entender a creación literaria, pois mentres Cunqueiro estaba librando a «cruzada da imaxinación», Celso Emilio reivindicaba a poesía civil, comprometida. Lembremos uns versos de Longa noite de pedra (1961):

Poetas conformistas desta terra
—testicular emporio de esqueletes—
mentras o home loita, chora e sofre,
cantade a violeta, a margarida,
e desfrolade a rosa reticente
dos vosos mínimos problemas...
decide sí a todo e medraredes.

Entre eses poetas conformistas estaría Cunqueiro, ao que acusa de medrar noutras liñas non tan poéticas enviadas en 1969 ao seu amigo Neira Vilas:

A min non me estrana esta acritude cerril de algunhos compatriotas nosos, entregados ou vendidos ó franquismo como Cunqueiro, etc. O que si me estrana é a posición dos galeguistas de Galaxia, Piñeiro, del Riego, Sabell, etc., que levados do seu fedorento «anticomunismo» son capaces de chegar as máis noxentas vilezas: silenciar, calumniar, delatar... Digo que me estrana esta posición, i en realidade non me espreso ben, pois en verdade xa fai tempo que comprendo o mecanismo que a move, e que non é outro que o de haber elixido, definitivamente e con tódalas consecuencias, un dos campos nos que arestora se debate a historia dos homes: a bandeira do imperialismo e dos explotadores, que leva imprícita a idea de «preferir a inxustiza ao desorde». Esto, vouno entendendo; o que non entendo é a xenreira, o odio incivil, a paixón brutal, a teima feixista con que alimentan o seu parcialismo. (Neira Vilas 2010: 163-164).

Celso Emilio xa entón entrara en conflito co grupo Galaxia, especialmente con Francisco Fernández del Riego. Quizais por todos estes condicionantes, non dubida en cargar a man contra os que noutrora foran os seus amigos. En definitiva, Cunqueiro foi unha figura singular, un grande escritor que non debía deixar a ninguén indiferente, por iso espertou paixóns e odios por igual. Así, para X. L. Méndez Ferrín Cunqueiro era «un reaccionario comprometido e cruel»11, fronte á idea que tiña Franco Grande:

Unha das miñas maiores satisfaccións destes anos foi coñecer a Álvaro Cunqueiro, que, persoalmente, me pareceu entón superior á súa obra. Ramón Piñeiro, que tan ben o coñecía, aguilloouno un pouco, fíxolle falar do que estaba escribindo, e o que Cunqueiro nos contou que estaba facendo —e que nunca escribiu— deixounos turulecos [...]. Piñeiro deixounos abraiados cando nos asegurou que Cunqueiro acababa de inventalos, que non tiña unha liña escrita e que ao mellor non os escribiría nunca, pois non ben saído do café xa se tería esquecido do que alí nos contara. (Franco Grande 2004: 55).

Retomando o fío desta comunicación e, polo mesmo, volvendo a Galaxia, deámoslle a palabra ao seu tantos anos director literario, Ramón Piñeiro, para que sexa el quen nos describa quen era Cunqueiro para o grupo. Quizais así poidamos entender mellor o convivium entre persoas tan diferentes (30-I-1969):

Alégrome de que tiveras ocasión de conocer persoalmente ó Cunqueiro, que ademais de ser o mellor escritor que temos hoxe en língoa galega é unha boa persoa, dotado dunha intelixencia fina e donosa, de gran cultura, de estraordinaria imaxinación poética, de gran senso do humor e dunha simpatía espontánea dificilmente igualable. Todas estas cualidades fan do Cunqueiro unhas das personalidades máis interesantes e máis estraordinarias da Galicia contemporánea. O que ocurre é que a necedade —todo sectarismo, seña cal for, afinca na necedade— dos nosos «comprometidos» tratou de medir a personalidade do Cunqueiro coa medida superficial e xota dos esquemas propagandísticos, presentándonos unha imaxe completamente desfigurada do gran mindoniense. Por eso me alegro moito de que tiveras boa ocasión de o conocer persoalmente. (Piñeiro 2009: 742).

O grupo Galaxia, visibilizado fundamentalmente en Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego, fixo o posible para recuperar a Cunqueiro como escritor prolífico en galego. O acubillo que recibiu o escritor compensouno con grandes páxinas literarias e con fidelidade a eles, que sempre foi correspondida. A súa foi unha relación de fonda amizade que deu froitos abondosos. Despois da súa morte, como eles sempre defenderon, queda cada vez máis o Cunqueiro escritor, o Cunqueiro que é un dos máximos expoñentes da nosa literatura, o Cunqueiro brillante e, a medida que vaia pasando tempo, perderán importancia certas cuestións e quedará a súa potente figura literaria. Igual que pouca xente se detén a saber se Dostoyevski era socialista ou Garcilaso imperialista, pasadas as mil primaveras, quedará a obra de Cunqueiro, a súa literatura, que nos engrandece como país e como lingua, como debe ser.

Referencias bibliográficas

Allué Andrade, X. L.: Cartas a un mozo galego. Correspondencia con Xosé Luís Allué 1953-1967, Vigo, Editorial Galaxia, 2005.

Alonso Girgado, L. et alii (ed.): Ramón Piñeiro: Epistolario lugués. Cadernos Ramón Piñeiro xv, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2010.

Álvarez Cáccamo, Xosé María: Memoria de poeta, Vigo, Galaxia, 2005.

Armesto Faginas, Xosé F.: Cunqueiro: unha biografía, Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 1987.

Conde, Perfecto: «La tristeza es un lujo para jóvenes», en A. González (coord.), Álvaro Cunqueiro 1911-1981, Pontevedra, Deputación, 2003, pp. 107-117.

Cunqueiro, lvaro: «A recuperación literaria do galego», en Á. Cunqueiro, Ensaios iv, Vigo, Galaxia, 1991, pp. 31-37.

Cunqueiro, lvaro: Cartas ao amigo. Epistolario mindoniense a Francisco Fernández del Riego 1949-1961, Vigo, Galaxia, 2003.

Cunqueiro, lvaro: Tesouros novos e vellos, Vigo, Galaxia, 2011.

Dasilva, Xos Manuel: Ramón Piñeiro, tradutor, Noia, Toxosoutos, 2009.

Figueroa, Antón: Ideoloxía e autonomía no campo literario galego, Santiago de Compostela, Laiovento, 2010.

Franco Grande, Xos Luís: Os anos escuros, Vigo, Editorial Galaxia, 2004.

Neira Vilas, Xosé: Cartas de vellos amigos 1959-1998, Vigo, Editorial Galaxia, 2010.

Pérez Bello, Manuel: «Entrevista con Álvaro Cunqueiro», en A. González (coord.), Álvaro Cunqueiro 1911-1981, Pontevedra, Deputación, 2003, pp. 99-105.

Piñeiro, Ramón: «Carta a Álvaro Cunqueiro, trovador galego falándolle dos males presentes de Europa e do seu remedio, dende a ladeira dun castro lugués», Cadernos Grial, 3 (1951), pp. 103-107.

Piñeiro, Ramón: «Carta a don Manuel Rodrigues Lapa», Grial, 42 (1973), pp. 389-402.

Piñeiro, Ramón: «Cultura e política», Grial, 111 (1991), pp. 377-381.

Piñeiro, Ramón: Do sentimento á conciencia de Galicia. Correspondencia (1961-1984), Vigo, Galaxia, 2009.

Rodrigues Lapa, Manuel: «A recuperação literária do galego», Grial, 41 (1973), pp. 278-287.

Umbral, Francisco: «Cunqueiro», en A. González (coord.), Álvaro Cunqueiro 1911-1981, Pontevedra, Deputación, 2003, pp. 95-97.

1 O artigo «El mapa de Fontán» foi publicado no xornal Faro de Vigo (29-XII-1951).

2 El Pueblo Gallego era daquela o xornal máis importante de Galicia. Unha vez que se produce a sublevación militar, foille incautado ao seu lexítimo dono, Portela Valladares, e pasou a ser un diario falanxista, dirixido dende xaneiro de 1937 por Jesús Suevos.

3 Toda a documentación inédita pode atoparse nos fondos da Fundación Penzol.

4 Pequeno fragmento lido por Domingo García-Sabell na xuntanza co grupo de Bos Aires. A reunión realizouse en Santiago de Compostela o 14 de setembro de 1958. Todos os documentos lidos, incluído o citado, «Cultura e política», foran escritos por Ramón Piñeiro.

5 Carta datada aproximadamente en 1952.

6 Carta de Álvaro Cunqueiro a Ramón Piñeiro datada en Vigo o 1-X-1971.

7 Blanco-Amor informa por carta a Francisco Fernández del Riego do envío a Cunqueiro da súa novela ao igual que a outros amigos (8-IV-1960).

8 «A recuperação literaria do galego» foi recollido posteriormente na revista Grial.

9 O artigo «A recuperación literaria do galego» foi publicado por primeira vez no xornal Faro de Vigo (9-IX-1973) e compilado, posteriormente, Ensaios iv, polo que citamos.

10 A Editorial Galaxia non tiña unha asignación fixa aos escritores polos orixinais. Había casos, como o de Otero Pedrayo, que rexeitaba calquera compensación económica polos seus libros e outras persoas que percibían unha contía económica pola obra, pero non sempre era igual. Por exemplo, Vicente Risco recibiu tres mil pesetas pola Historia de Galicia (1952), unha cifra moi superior á percibida por Cunqueiro.

11 Palabras do escritor nunha entrevista concedida a La Voz de Galicia (13-IX-1992).