O fomento de análises anovadas e interdisdiciplinares de grandes figuras da cultura galega é un dos obxectivos centrais do Consello da Cultura Galega. En tempos pasados foron Rosalía de Castro ou Ramón Otero Pedrayo, pero tamén Martín Sarmiento, Luís Seoane ou Álvaro Cunqueiro algúns dos autores merecentes de congresos científicos de longo alento. Nunca, ata hoxe, se afrontara a realización dunha actividade centrada no primeiro dos persoeiros da Galicia medieval, como é o caso do arcebispo Diego Xelmírez. A ocasión veu dada pola conmemoración do nono centenario da consagración do infante Afonso Raimundes como rei de Galicia, na catedral de Santiago, no ano 1111, da que foi gran promotor e protagonista o daquela aínda bispo Xelmírez. Novecentos anos despois, e co precedente da ambiciosa exposición Compostela e Europa, debruzada tamén na época de Xelmírez e que visitou lugares ben singulares da tradición xacobea, como París ou Roma, antes de chegar a Compostela, o Plenario do Consello da Cultura acordou convocar este congreso, do que tiven tamén a honra de formar parte da súa comisión organizadora, canda excelentes expertos como Fernando López Alsina, Henrique Monteagudo e Ramón Yzquierdo Perrín.

A idea central do congreso foi a de reunir en Compostela os mellores especialistas na obra e no tempo de Diego Xelmírez, coa idea de analizar a súa excepcional biografía pero tamén a influencia que exerceu na Europa do seu tempo, tanto nas artes e nas letras, como no ámbito da política laica e, desde logo, da eclesiástica, na que se volveu un gran cabezaleiro. O elenco de convidados reunido no Consello non podía ser mellor, pois relatores participantes no congreso e que hoxe son coautores deste libro proveñen dos campos da historia, da historia da arte, da filoloxía latina e da literatura romanista, procedentes asemade de prestixiosas universidades europeas (Colonia, Liverpool, Núremberg, Porto), españolas (Autónoma de Barcelona, Sevilla, Zaragoza), alén das universidades galegas da Coruña e Santiago e do Museo Arqueolóxico Nacional de Madrid. No nome dos organizadores e, desde logo, no meu propio, quero agradecerlles a súa contribución e presenza en Compostela. As sesións do congreso foron moi intensas e a pluralidade de enfoques disciplinares e de procedencias institucionais que logramos reunir naquel encontro ficaron ben patentes nos debates e, agora, nos textos que se publican e que espero que fagan xustiza á figura de Xelmírez e ao seu tempo. Un tempo excepcional, certamente único na historia de Galicia, de acordo coa opinión dun dos máis devotos biógrafos do prelado compostelán, Manuel Murguía, que alcumou esta fase histórica como «O século de Xelmírez». E así denominamos nós este libro dedicado á figura e ao século que o viu vivir, como un recoñecemento tanto ao biografado como ao seu biógrafo.

O arcebispo compostelán era consciente da dimensión histórica da súa executoria e da grandeza da obra que estaba a facer, tanto no plano eclesiástico como no propiamente político. De certo, tivo a habilidade de coroar a súa biografía cunha obra esencial para o coñecemento das súas xestas e benfeitos, que foi a Historia Compostelana, un dos libros fundadores, co Liber Sancti Jacobi ou Codex Calixtinus, da identidade cultural de Galicia. Primeiro arcebispo da sé metropolitana de Compostela, dignidade lograda en dura disputa coas sés de Braga e de Mérida, e figura principal dos reinos cristiáns das primeiras décadas do século xii, viaxeiro a Cluny e a Roma e promotor da monumentalización da cidade de Santiago con artistas e mestres traídos de diversos lugares de Europa, a figura de Diego Xelmírez encarnou como ningún outro príncipe eclesiástico ou civil coetáneo as liñas mestras dun tempo de grandes mudanzas. Para dicilo coas verbas de Manuel Murguía, nada relevante se tería feito despois do século de Diego Xelmírez, pois na arte e na literatura, na política e mesmo na estratexia política e relixiosa da época, algo do prelado compostelán se descobre en cada un dos grandes acontecementos da época que marcaron unha liña divisoria ou parteaugas no curso da historia. Para o caso que nos ocupa, o da historia das terras da vella Gallaecia regadas polos ríos Sil e Miño, a acción de Xelmírez supuxo adoptar unha vía «franca» ou ultrapirenaica, no canto de escoller unha vía «lusitana» cara á fronteira do sur, que tivo como principal resultado a formación do reino de Portugal e a incardinación da Gallaecia lucense no marco da monarquía leonesa e castelá. Pero tamén tivo a consecuencia de colocar nun lugar único a cidade e a sé de Compostela e de facer das terras galegas un laboratorio onde se desenvolveu unha colonización do territorio guiada pola sabedoría das ordes monásticas francas, nomeadamente a asentada na abadía de Cluny. El foi un «notorious cluniophile», en palabras de Charles Bishko opotunamente lembradas por Ludwig Vones, pero tamén foi un debelador das posicións políticas e relixiosas da diocese de Braga e do condado portucalense.

A influencia de Xelmírez na historia do seu tempo foi máis que importante. Foi, no sentir de Murguía, a «única» que merece ser entendida como tal en toda a historia de Galicia. Como asevera un dos relatores deste libro, o profesor da universidade do Porto Luís C. Amaral, «o futuro das terras e das gentes a sul do Minho podia ter sido ben diferente», de non concorreren as políticas desenvolvidas por Xelmírez, os condes borgoñóns Raimundo e Henrique e, desde logo, os monarcas leoneses así como os influentes abades de Cluny e os papas de Roma. Foi unha constelación de figuras e de iniciativas que non é frecuente atopar no teatro da historia. Talvez algunha das súas apostas teña deitado unha longa sombra no resto da historia das terras do occidente atlántico da Península Ibérica. Pero polo menos temos a certeza de que, nunca de forma tan patente como daquela, a Gallaeciade ecos romanos e suevos non era unha periferia do continente europeo, senón un lugar central deste. Dado que a análise histórica tende a caer na irremediable tentación de emitir xuízos propios do «futuro pasado», como advertiu Reinhart Koselleck, non é de xeito considerar a obra do bispo Xelmírez polas consecuencias duns actos que nós coñecemos pero que el e os demais protagonistas daquela altura histórica non podían coñecer nin mesmo imaxinar.

A figura de Diego Xelmírez, con ser tan senlleira e mesmo única na historia de Galicia, goza dunha irregular fama. Xa no seu día se ocupou do asunto Santiago Montero Díaz, pero antes del foron nomes maiores da cultura galega, desde Benito Vicetto e Manuel Murguía ata Ramón Otero Pedrayo ou Alfonso R. Castelao, os que labraron esa fama de Xelmírez, ben como un traidor á causa galega ou ben como un gran príncipe da cristiandade. A súa executoria histórica reúne en si mesma, a partes iguais, tanto de grandeza como de maldición. Non deixou indiferente a ningún dos seus estudosos, pero tampouco os seus coetáneos inmediatos lle gardaron fidelidade. As súas cinzas fican en lugar ignoto e o seu recordo, na propia cidade que tanto engrandeceu, limítase a unha humilde rúa que levou durante moitos séculos o popular nome de «Rego de auga». Con todo, seguen en pé as obras e pazos, rúas e fontes cuxa construción promoveu, seguen manando auga os libros que alentou e a súa figura continúa a ser tan interesante como controvertida. Talvez sexa esta a maíca que debe pagar quen aspirou a estar por riba dos tempos que lle tocou vivir, que tal foi o caso do arcebispo Diego Xelmírez.

Ramón Villares

Presidente do Consello da Cultura Galega