Nas orixes da lírica trobadoresca galego-portuguesa
Henrique Monteagudo


doi:10.17075/SECXEL.2013.010

Comparte

1. Adro: Algunhas precisións imprescindibles

A primeira vista, pode resultar sorprendente atopar un texto sobre as orixes da lírica trobadoresca galego-portuguesa nun volume de estudos debruzados sobre «O século de Diego Xelmírez». Conforme o saber convencional, aquel fenómeno cultural desenvolveuse fundamentalmente ao longo do século xiii e primeiras décadas do xiv, e todo o máis poden citarse moi escasos precedentes illados dalgún texto composto nos últimos anos do século xii1. Non obstante, a partir do labor desenvolvido en primeiro lugar polos estudosos portugueses António Resende de Oliveira e José Carlos Ribeiro Miranda, e máis recentemente por dous investigadores galegos, José Antonio Souto Cabo e mais quen subscribe estas liñas, os nosos coñecementos sobre a personalidade histórica dos trobadores máis antigos incrementáronse de xeito considerable, abrindo novas perspectivas para unha mellor comprensión dos primordios da lírica trobadoresca galego-portuguesa2.

Entre as novidades máis relevantes que nos traen os novos achados e as hipóteses que neles se apoian é, precisamente, que dunha banda temos bos argumentos para retrotraer polo menos un cuarto de século (isto é, ata ca. 1175) as manifestacións preliminares do fenómeno, e doutra banda, que no seu florecemento a nobreza galega gozou dun protagonismo dificilmente ocultable. Precisamente, no presente contributo imos defender que os inicios da tradición trobadoresca deben datarse nas últimas décadas do século xii, e que o núcleo impulsor da implantación comezou a callar arredor de 1200, de maneira que a «primeira xeración» trobou entre esas datas e 1225ca. Ambos os feitos dan plena lexitimidade á consideración das orixes da lírica trobadoresca galego-portuguesa no marco do «século de Diego Xelmírez», aquel grande século xii en que Galicia, chea de pulo, adquiriu o seu feitío de país en aspectos fundamentais, desde a ordenación do territorio á cultura.

Como ensinou Ferdinand Braudel, a historia é un entretecido de diversos tempos: os tempos da cultura, da lingua, da literatura non necesariamente cadran (de feito, adoito non cadran) co tempo da política, do mesmo xeito que os tempos duns grupos sociais non necesariamente cadran cos dos outros. Así, non hai dúbida de que a finais do século xii e desde logo a mediados do seguinte (momento de plenitude da lírica trobadoresca), o perfil político da vella Gallaecia Magna, esgazada en dúas metades pola fronteira entre dous reinos, a meridional (a Galecia Bracarense) incorporada a Portugal e a setentrional (a Galecia primeiro lucense e despois máis ben iriense) a León / Castela, se ía esvaendo: considérense as datas da independencia política de Portugal (meados do século xii), e da xunción do Reino de Galicia primeiro co reino de León (1157-1230) e despois e sobre todo (a partir de 1230) co reino de Castela. Non obstante, ata máis adiante (quizais os finais do século xiv) a antiga Gallaecia Magna perviviu como marco social e cultural, polo menos no imaxinario de certos sectores da nobreza.

José Mattoso sinala que a nobreza do norte e o sur do Miño demorou en interiorizar a fronteira miñota e borrar a conciencia da vedraña unidade: «As relações familiares entre os nobres dos dois lados da fronteira, e as fáceis oscilações dos senhores entre os dois reinos, mostram uma perfeita osmose entre as nobrezas galega e portuguesa, senão uma verdadeira identidade» (Mattoso 1985, 181). Ao tempo, os vencellamentos familares que o historiador evoca, tan importantes na difusión e implantación da lírica trobadoresca nos nosos lares (como máis adiante mostraremos), deberon constituír un factor retardatario do proceso de reformulación da antiga consciencia de unidade en cadansúa orientación diverxente, cara ás novas identidades contrastivas dos grupos nobiliarios ‘portugueses’ versus ‘galegos’. Na mesma liña, o mestre do medievalismo lustiano salienta agudamente os diferentes ritmos históricos de conformación da identidade colectiva ‘galega’ versus ‘portuguesa’ (e viceversa) no clero e na nobreza de aquén e alén Miño, subliñando o protagonismo inicial do clero: «A consciência nacional, constituída mais precocemente nos meios clericais de ambos os lados da fronteira [galego-portuguesa], em sentido obviamente divergente, tardou, pois, tudo parece indicá-lo, a penetrar entre os nobres» (ibidem). Doutra banda, en relación co papel das institucións do estado, apunta: «Tudo concorre […] para mostrar a importância que o Estado assume no eclodir do mesmo sentimento nacional. Os meios humanos que mais precocemente o descobrem são justamente os que com ele estão mais ligados: primeiro os clérigos, sempre mais precoces na expressão de ideias relacionadas com a cultura, depois os nobres mais ligados ao rei» (Mattoso, 1985, 195).

Coidamos que é á luz destes «décalages» entre o tempo político e o cultural, e entre os tempos dos distintos grupos sociais, que cómpre entender a historia do fenómeno trobadoresco galego-portugués, máis concretamente, dúas das súas características fundamentais que queremos desde agora salientar: que tivese a súa base sociolóxica na nobreza galega e portuguesa setentrional (que en orixe, como afirma Mattoso, constituían un grupo social practicamente indiferenciado), e que se manifestase en lingua galega (mapa nº 1). Subliñar isto sería escusado se o estudo e a comprensión do fenómeno non se atopasen viciados, desde o mesmo momento de redescubrimento dos textos poéticos, en pleno século xix, á calor das nacentes filoloxías nacionais (entre elas, a lusitana), por preconceptos nacionalistas dun e doutro lado da fronteira. Foi o marco de intelección estato-nacionalista o que impediu recoñecer o fenómeno como galego nos dous sentidos: xeográfico e lingüístico-cultural. Abonda con sinalar que galego era o nome da lingua dos cancioneiros no século xiii (tal como mostramos noutro lugar, véxase Monteagudo 1999, 117-23).

Aínda hoxe poderiamos utilizar para referirnos a ese fenómeno os termos de galego e de Galecia, con tal de advertir que na Idade Media (ata mediados do século xiv, como mínimo) tan galegos eran os falares da Ponte de Lima, Braga, A Guarda ou Porto coma os de Ribadavia, Pontevedra, Vilafranca ou Betanzos, e que Galecia é unha designación convencional da rexión que correspondía aproximadamente coa antiga Gallaecia Magna, e que por tanto, tan Galecia era Braga (a cabeceira da Galecia meridional) coma Lugo (a cabeceira da Galecia setentrional). Independentemente das designacións empregadas, sen ter en conta o que acabamos de dicir é sinxelamente imposible interpretar sen grave distorsión o fenómeno trobadoresco que acabou sendo denominado, de dona Carolina Michaëlis de Vasconcellos en diante, galego-português3.

En definitiva, o propósito do presente contributo é expoñer e analizar as evidencias que temos ao noso dispor sobre os trobadores máis antigos, e sobre elas discutir as hipóteses acerca da cronoloxía, topografía e medio sociocultural en que abrochou o trobadorismo galego-portugués. O noso traballo pretende ter carácter estritamente académico, pero non renuncia a un certo ton apoloxético: queremos reivindicar a lírica trobadoresca como fenómeno fundamentalmente (aínda que non exclusivamente) galego-portugués, ou, máis exactamente, galego (polo ámbito xeográfico-cultural).

Habitualmente, o tema das orixes da lírica galego-portuguesa tense abordado desde dúas perspectivas distintas. Unha, como exploración dos «precedentes» ou «raíces», tal como está exemplarmente tratado por M. Rodrigues Lapa baixo o título de «O problema das origens líricas» (1977, 31-107) e maxistralmente revisado máis recentemente por Tavani (1986, 23-37). Nese tipo da exploración, o grande debate xira arredor de dous aspectos: dunha banda, o esclarecemento de cales serían as raíces dunha presumida tradición lírica autóctona galaica (ou hispano-mozarábica?) ancestral, de carácter «oral» e ambiente «popular», da que serían herdeiras directas as cantigas de amigo; doutra banda, cales serían as fontes (litúrxicas, arábicas, xermánicas?) das que deitou a lírica trobadoresca de carácter culto (escrita) e ambiente cabaleiresco / cortesán, que tomara pulo e adquirira forma codificada no ámbito occitano / francés, e que estaría mellor representada pola cantiga de amor.

Pero a perspectiva desde a que queremos abordar aquí o tema das orixes remite máis ben a outra cuestión, que finalmente será a dos tempos, lugares, axentes e modalidades de artellamento de ambas as dúas tradicións, un artellamento que daría lugar á lírica trobadoresca galego-portuguesa tal como a coñecemos. O noso asunto é, pois, o das orixes históricas dunha tradición literaria, de tipo oral (cantada), pero apoiada na escrita: a lírica trobadoresca, que ten carácter culto (no senso de «alta cultura escrita») e ámbito fundamentalmente nobiliario (non clerical nin popular). Como é ben sabido, o xurdimento deste fenómeno no noroeste da península, con extensión cara ao sur e ao centro, constitúe unha innovación cultural, unha innovación non autóctona, senón que resulta da recepción, asimilación e adaptación dunha serie de modelos difundidos a través do empréstimo desde alén-Pireneos, particularmente desde Occitania. Por tanto, imos prestar atención aos contactos iniciais dos medios cortesáns do oeste da península coa lírica occitana, que, ata onde sabemos, se produciron pola vinda de axentes culturais foráneos (trobadores occitanos) ao noroeste peninsular, máis do que pola visita de axentes autóctonos (trobadores galegos) aos centros de creación foráneos.

78866.png

Mapa nº 1.

2. Inicios da lírica trobadoresca: Das primeiras experiencias á implantación. estado da cuestión (Resende de Oliveira)

Para comezar o noso percorrido, cómpre partir dunha proposta de periodización da lírica trobadoresca galego-portuguesa que nos permitirá situar o noso problema nun marco cronolóxico máis amplo. Para tal, imos ter en conta a elaborada polos estudosos António Resende de Oliveira (Oliveira 1993 e 1998) e José Carlos Ribeiro Miranda (Miranda 1998, 2004; Oliveira e Miranda 1995), segundo os cales sería posible distinguir catro períodos no decurso da tradición trobadoresca (Oliveira 1995, 62-86):

  1. Primeiras experiencias (1175-1225)
  2. Implantación (1225-1250)
  3. Cortes rexias (1250ca-1300ca)
  4. Refluxo (1300-1340)

No período que Oliveira denomina «primeiras experiencias» (1175-1225) rexistraríanse as tentativas iniciais, esporádicas, de cultivo da lírica trobadoresca, das cales os testemuños máis antigos que podemos datar con razoable seguranza sería o famoso sirventés satírico «Ora faz ost’o senhor de Navarra» (B 1330bis / V 1021), composto polo aristócrata portugués Johan Soarez de Paiva ca. de 1200 (talvez en 1196) e mais a cantiga en lingua occitana «Ali u nazque la Toroña» (B 454), composta ca. 1215 polo tamén aristócrata luso Garcia Mendiz d’Eixo. A terceira composición en antigüidade que podemos datar con seguranza é a cantiga amorosa «Tu que ora vees de Montemayor» (B 48), probablemente composta en 1223 polo aristócrata galego-portugués Gil Sanchez, data que xa nos situaría ás portas da que Oliveira denomina «segunda xeración trobadoresca». Este período inicial correspondería aproximadamente co que noutro lugar Miranda denomina «primeira xeración trobadoresca», á que pertencerían os autores «que elaboraram os primeiros textos em galego-português antes de o fenómeno adquirir consistência e permanência em terras onde na realidade o galego-português era língua do quotidiano, o que só parece suceder genericamente a partir de 1220» (Miranda 2004, 59).

A seguir, viría o período de «implantación» do novo fenómeno cultural (1225-1250), protagonizado por unha segunda xeración trobadoresca. Canto a este período, os estudosos que vimos seguindo salientan o relevo que atinxe a nobreza galego-miñota-duriense, en particular certos magnates e algúns membros da nobreza secundaria. Entre as cortes señoriais galegas e portuguesas que adquirirían un papel de relevo na implantación da lírica trobadoresca, identifícanse en concreto tres: a do galego Rodrigo Gomez de Trastámara, coa que se relacionaron entre outros os trobadores Pero Vello e Pay Soarez de Taveyros; a dos Sousa, unha das principais liñaxes portuguesas, á que pertenceron (ademais do xa citado Garcia Mendiz d’Eixo), os trobadores Fernan Garcia Esgaravunha e Gonçalo Garcia; e a dos Soverosa, portugueses da fronteira miñota, coa que se relacionou o trobador galego Johan Soarez Somesso. Canto ás liñaxes secundarias, están identificadas as de Briteiros (á que pertenceu o trobador Johan Mendiz de Briteyros) e de Avoin (á que pertenceu o trobador Johan Perez d’Avoin).

Os investigadores citados presupoñen que os cancioneiros nos transmitiron a maior parte das cantigas máis antigas, e conclúen que o impulso inicial para o cultivo da lírica trobadoresca galego-portuguesa partiu de autores portugueses, que as primeiras experiencias tiveron como marco propicio as cortes rexias castelá e aragonesa e mais as cortes señoriais do centro do norte da península (localizadas en ambiente castelán ou próximo a el), e que non sempre se comporían en galego. De feito, como veremos, estes estudosos falan dun núcleo «oriental» iniciador, que viría seguido dun núcleo «occidental», responsable da implantación da lírica trobadoresca no ámbito galego-portugués. Salientan o papel que xogaron nese primeiro impulso a alta nobreza portuguesa e castelá, á que pertenceron os trobadores reputados como máis antigos, tal como os citados Johan Soarez de Pavia e Garcia Mendiz d’Eixo (Sousa), o tamén portugués Pero Rodriguez de Palmeira e mais o castelán Rodrigo Diaz dos Cameiros.

Porén, o devandito cadro deixa sen explicar unha pregunta fundamental: Se a lírica trobadoresca non naceu na Gallaecia Magna, porque se escribiu en romance galego? En verdade, este feito parece que non encaixa doadamente na hipótese que deseñan Resende de Oliveira e Miranda. Pola nosa banda, a partir de investigacións e descubertas sobre as relacións literarias, a personalidade histórica e o contexto social dos trobadores máis antigos, atrevémonos a deseñar un cadro histórico diferente, no que salientan as seguintes constatacións e hipóteses:

  1. Os cancioneiros case seguramente non preservaron as cantigas máis antigas: faltan as de varios dos autores iniciais. Se non se ten coidado dabondo á hora de considerar esta lagoa (e, dentro do posible, sandala, cando menos hipoteticamente), pódese compor unha imaxe seriamente distorcida do momento inicial da lírica trobadoresca.
  2. Posuímos evidencias poderosas que obrigan a revisar a cronoloxía comunmente aceptada: con seguranza, esta debe recuar varias décadas. Na mesma liña, probablemente debemos admitir que os xéneros poéticos (cantiga de amor / de amigo / burlesca) comezaron a distinguirse máis cedo do que se adoita soster, ou, dito doutra maneira, a cantiga de amigo e a canción satírica foron cultivadas en galego nos moldes trobadorescos antes do que comunmente se cre.
  3. Coa reconsideración da cronoloxía debe ir asociada unha reavaliación da importancia da corte rexia galego-leonesa, probablemente a de Fernando ii (1157-1184) e sen dúbida a de Afonso ix de Galicia/León (1184-1230).
  4. Igualmente, haberá que recoñecer o protagonismo da nobreza galega e miñota no xurdimento do fenómeno trobadoresco desde os mesmos inicios. Nese senso, convén lembrar os estreitos vencellos entre as liñaxes do norte e do sur do Miño: as íntimas relacións entre elas darán conta do arraizamento e difusión do fenómeno trobadoresco no ámbito da Gallaecia Magna e en galego. Para afondar neste punto fundamental, ímonos apoiar nas pesquisas pioneiras de Carolina Michaëlis de Vasconcellos (1904, vol. II, 291 e ss.), e as máis recentes de José Mattoso (especialmente 1984, 1985a, 1985b, vol. I e 2007) e António Resende de Oliveira (1994, 1995 e 2001), en particular as que versan sobre a nobreza portuguesa setentrional nos séculos xii e xiii.

Ata hai moi pouco tempo, a percepción da importancia do papel da nobreza galega coetánea viña escurecida pola penuria das fontes narrativas, pois en Galicia non dispoñemos dunha fonte comparable aos Livros de Linhagens, tan rica en información sobre a nobreza portuguesa (ben que de feito, tamén ofrece un valioso apoio para a galega), mentres que as copiosas fontes documentais que chegaron a nós son case sempre de procedencia eclesiástica e de exploración complexa para obter delas información sobre o estamento nobiliar. En todo caso, adiantamos xa algunhas conclusións de relevo: a) a importancia da liñaxe dos Traba e das súas prolíficas conexións matrimoniais; b) a relevancia dos contactos e intercambios nobiliares con Portugal e León facilitado pola porosidade das fronteiras nos dous sentidos; c) o papel dos frecuentes matrimonios mixtos, tanto reais coma aristocráticos, de nobres galegos/as con nobres portugueses/as e doutras rexións da península (León, Castela, Cataluña); d) o protagonismo das donas nobres na difusión do gusto e o padroado deste fenómeno cultural.

3. Precedentes: A tradición lírica autóctona. O testemuño da escultura románica

Presumiblemente, como antes afirmamos, a lírica trobadoresca galego-portuguesa naceu do encontro de dúas tradicións diferentes: unha autóctona, de longa vida oral, con raíz popular e difusión xograresca, que, logo de experimentar unha reelaboración máis ou menos radical conforme os moldes trobadorescos, está na base da cantiga da amigo; e outra foránea, orixinada en Occitania, máis «culta» (asociada á escrita) e cortesá, de ámbito trobadoresco, que está na base da cantiga de amor. Que nos dominios da Gallaecia Magna existía unha tradición lírica popular que recreaban e difundían os xograres parece estar fóra de dúbida. Pero só o contacto coa tradición trobadoresca de orixe occitano permitiu que aquela chegase a ser cultivada do xeito que foi e se transformase, previa a súa estilización, no fenómeno que se plasmou nos Cancioneiros e que a través deles chegou a nós. Case con certeza, de non terse producido ese contacto, a dita tradición «popular» e «xograresca» non deixaría pegada visible e perdurable, ou deixaría unha moito máis feble e de feitío ben diferente á que efectivamente coñecemos.

Daquela tradición lírica autóctona da Gallaecia Magna, en que se darían a man o canto, a música e a danza, non temos testemuños textuais nin directos nin indirectos. Pero si que podemos procurar evidencias nas artes figurativas coetáneas, concretamente, na escultura románica tan ricamente representada nas ducias de igrexas que inzan o territorio galego. Que saibamos, salvo algunha referencia máis ou menos protocolaria ao relevo do David actualmente colocado no Pórtico da fachada de Praterías da Catedral de Santiago, nos estudos sobre as orixes da lírica trobadoresca galego portuguesa obviouse a referencia a este testemuño. Non pretendemos emprender unha discusión a fondo sobre este asunto, pero non queremos deixar pasar a ocasión sen chamar a atención sobre o seu eventual interese. No que vén a seguir, imos limitarnos a aproveitar os traballos que existen sobre representacións xograrescas na escultura románica galega4, pois, a pesar de que tampouco eses contributos se internan na cuestión da relación que estas poidan gardar coa lírica trobadoresca, ofrecen evidencias suxestivas para o noso asunto.

Así, ampliando as achegas pioneiras de X. R. Fernández Oxea, Yzquierdo Perrín (1997) ofrece nunha achega sintética un inventario de escenas de xograría do románico de Galicia. Destas, as que poderían ter relevancia para nós serían exclusivamente as que representan xograres músicos, nalgúns casos acompañados de danzantes / contorsionistas ou bailadeiras. Probablemente a máis antiga, de ca. 1100, sexa a que aparece nun capitel de San Martiño de Mondoñedo, que representa, segundo Yzquierdo, a narración evanxélica do rico Epulón e o pobre Lázaro: na escena, o banquete e Epulón aparece amenizado por tres músicos. Escenas de este estilo, con músicos amenizando comedelas, aparecen, como é ben coñecido, no Pazo arcebispal de Santiago, coñecido como Pazo de Xelmírez, construído no segundo terzo do século xiii (imaxe nº 1).

Segundo Yzquierdo, «las representaciones de músicos en el románico de Galicia tampoco son anteriores a los comienzos del siglo xii ni tuvieron que ver con el mundo de los juglares en su origen, ya que, seguramente, la primera obra que se hizo fue el magnífico David de la desaparecida fachada del Paraíso» [da catedral compostelá] (Yzquierdo 1997, 74). Este David aparece tocando un instrumento amplamente representado na imaxinaría musical esculpida no románico galego: unha fídula oval cun arco (imaxe nº 2). Representacións asociadas de músico tocando a fídula con arco e contorsionista, a mediados do século xii, aparecen nas fachadas de Santa María Salomé de Santiago e da nave norte da catedral de Lugo (a segunda realizada probablemente por mestres francos). Nestes casos, parece que a representación ten un carácter moralizante. O mesmo carácter poden ter as representacións dos capiteis e os canzorros de Santiago de Mens (Malpica), onde tamén aparece un músico tocando unha fídula, e que se labraron contra o último cuartel do século xii.

Pero outras representacións parecen, ao menos a primeira vista, non responder a ese carácter moralizante. Extremadamente rechamante nese sentido é a representación dun músico e un contorsionista que decoran as ménsulas en que se apoia o tímpano da fachada occidental da igrexa do mosteiro feminino de San Salvador de Sobrado de Trives, construída por volta de 1175 (imaxes nº 3, 4, 5). Músico e contorsionista se repiten con formas semellantes en cadanseu canzorro da ábsida da igrexa conventual de Santa María de Ferreira de Pantón, obra do mesmo anónimo mestre que traballou en Sobrado de Trives, probablemente un pouco antes (1160/70), e de conxecturable formación castelá, segundo Sánchez Ameijeiras (2001, 171). Tamén é moi interesante a escena labrada no capitel esquerdo do arco triunfal de Santo Estevo de Lousadela (Sarria, Lugo). Nun dos seus extremos, aparece un músico tocando unha fídula oval cun arco, e en actitude de acompañar a música co canto, a carón dunha figura masculina que sostén un libro aberto sobre o peito. A escena suxire a participación dun xograr nunha cerimonia relixiosa.

Os capiteis do arco triunfal da igrexa de Santa Mariña de Castro de Amarante (Antas de Ulla, Lugo), que Yzquierdo Perrín (1997, 86-88) data nos comezos da segunda metade do século xii, ofrecen representacións indubidables de escenas xograrescas. No da esquerda está labrado un músico sedente, que viste túnica curta cinxida e tanxe unha fídula oval con arco. Enfronte, no capitel da dereita, aparece unha figura danzante acompañada doutra sentada que toca un pandeiro (imaxes nº 6, 7 e 8). Unha representación xograresca que lembra extraordinariamente a anterior é a que se acha nun capitel da igrexa de San Cristóvão de Rio Mau, perto de Vila do Conde, único exemplo de representación deste tipo que atopamos en territorio portugués. A fábrica actual data, na parte máis antiga, dos comezos da segunda metade do século xii. Desta primeira época data a cabeceira, «verdadeira obra maior» do románico portugués, a pesar da modestia das súas dimensións. Segundo a ficha do Instituto de Gestão do Património Arquitectónico e Arqueológico, esta cabeceira débese «a um artista que conhecia perfeitamente a escultura galega», e «o principal interesse desta parcela do edifício reside nos seus capitéis. O que mais tem suscitado interesse por parte dos investigadores é o capitel do lado Sul do arco triunfal, decorado nas suas três faces: um jogral na frente voltada à nave…»5.

Por outra banda, Yzquierdo Perrín considera que nos capiteis da igrexa de Santa María de Castro de Amarante se inspira unha das representacións máis extraordinarias do asunto en foco, labrada no tímpano da porta sur da igrexa de San Miguel de Monte (Chantada, Lugo). O tímpano, a diferenza dos capiteis ou os canzorros, ofrece maior folgura para a representación dunha escena, e dótaa dunha grande visibilidade. En San Miguel do Monte represéntanse dous músicos, un deles tocando a fídula e outro unha especie de pandeiro, unha bailadeira e un animal, que pode ser un can, cabalo ou grifo ou ben un león, dependendo da interpretación que se dea á escena (imaxe nº 9). A obra é atribuída ao mestre Paio (Pelagio), que deixou o seu nome na igrexa de Santa María de Taboada dos Freires, próxima a San Miguel do Monte. Isto permite datar o tímpano desta arredor de 1190.

Co mestre Paio (Pelagio), un dos poucos artistas rurais do románico galego do que coñecemos o nome, formaríanse outros canteiros que difundiron o seu estilo (Yzquierdo Perrín 1997, 90). Talvez a algúns destes se deba o tímpano meridional da igrexa de San Miguel de Ucelle (Coles, Ourense), de ca. 1200, que parece inspirado en San Miguel do Monte, aínda que é máis sinxelo ca este, pois representa unicamente un home tocando unha fídula (neste caso sostida na man dereita, ao contrario de todos os anteriormente amentados), acompañado dunha muller que parece estar danzando acompañándose dun pandeiro cuadrangular (imaxe nº 10). Segundo Yzquierdo Perrín, as escenas representadas nestes dous tímpanos serían puramente xograrescas, mentres que Moralejo (2004a, 34 n. 52 e 2004b, 56), e con el Sánchez Ameijeiras (2001, 168-71) interpretan que se trata de representacións de ‘xograría ao divino’, protagonizadas polo rei David. Así, para a última investigadora citada, referíndose tanto ás representacións de Sobrado de Trives coma as de San Miguel do Monte e Santa María de Ucelle, a súa «disposición en un contexto privilegiado, como son tímpano y mochetas, invita a reconocer en estos casos una iconografía sacra» (Sánchez Ameijeiras ibidem).

Para rematar, imos recoller a referencia a dúas escenas xograrescas representadas nas igrexas de San Pedro da Mezquita (A Merca, Ourense) e San Pedro de Trasalba (Amoeiro, Ourense). En dous capiteis contiguos da portada occidental da primeira igrexa aparecen catro figuras: unha delas tanxe un instrumento que pode ser unha fídula (aparentemente, tocada sen arco) e as outras tres cantan e danzan (para Sánchez Ameijeiras 2001, 170, algunha delas podía representar un animal). Nun capitel situado no lado esquerdo da portada principal de San Pedro de Trasalba aparece a figura dun xograr vestido de túnica longa, que lle chega aos tornecelos, cunha fídula asida coa man esquerda e apoiada no peito, que tanxe cun arco que ten da man dereita. Á súa dereita vese unha figura de menor tamaño (un neno?) que podería estar cantado, e sobre o cal se labrou un can (imaxe nº 11). Estas dúas obras deben ser de comezos do século xiii: a primeira, de ca. 1200, a segunda poucos anos posterior.

Como dixemos previamente, non pretendemos emprender unha discusión pormenorizada destas representacións, en que habería de esclarecer puntos tales como os modelos iconográficos que lles serviron de inspiración, a súa autoría, as relacións entre elas e a súa interpretación nos respectivos contextos, sempre no marco sacralizado dos templos. Sobre o primeiro, Yzquierdo suxire a probable existencia dun modelo común a todas elas, que puido ser unha miniatura ou un relevo hoxe perdido (1997, 92). Sobre a autoría e as probables relacións entre elas, nos parágrafos anteriores xa se foron ofrecendo algunhas pistas. Sobre o último aspecto, tamén sinalamos xa que o debate se sitúa entre unhas interpretacións máis literais das imaxes, como representacións de escenas xograrescas (punto de vista de Yzquierdo Perrín) ou noutras de tipo máis alegórico, co rei David como protagonista e apuntando a finalidades moralizantes (Serafín Moralejo e Rosario Sánchez Castiñeiras).

O punto que fundamentalmente nos interesa a nós é: teñen todas ou algunhas desas representacións relación co fenómeno xograresco, e particularmente, co xurdimento da lírica trobadoresca galego-portuguesa? Sobre este aspecto ocórresenos formular as seguintes observacións:

a) A cronoloxía desas representacións, que as sitúa na segunda metade do século xii e primeiros anos do xiii, resulta extraordinariamente suxestiva, pois viría coincidir cos momentos orixinarios da tradición trobadoresca, que pola súa banda coincide co pulo da arte románica en Galicia. A maior parte das oitocentas igrexas galegas que conservan parte da fábrica románica foron erguidas entre 1157 e 1230 (Sánchez Ameijeiras 2001, 157); así e todo, semella pouco verosímil que nos atopásemos perante unha simple concomitancia cronolóxica entre o surto artístico da arquitectura románica e o da lírica trobadoresca.

b) A súa topografía resulta non menos suxestiva. A maior parte das representacións que nos interesan se sitúan ou ben no camiño de Santiago (Santo Estevo de Lousadelo, Sarria / Santa Mariña do Castro de Amarante, Antas de Ulla) ou ben na Galicia centro-meridional, nunha área que vai desde A Merca (ao sur da cidade de Ourense) ata San Miguel do Monte (na serra entre Rodeiro e Chantada), con especial concentración nas terras ao norte da provincia de Ourense, na beira occidental do río Miño, e nas terras estremeiras da outra beira do Miño ao sur da provincia de Lugo (San Miguel de Ucelle, Coles e San Pedro de Trasalba, Amoeiro / Santa María de Ferreira de Pantón). Pode non ser casual que nesta área se localice un importante núcleo trobadoresco florecido nos finais do século xii e primeiras décadas do xiii (Monteagudo 2008, 315-92). Nesta mesma zona se localiza unha representación xograresca do mesmo tipo, aínda que de datación posterior (ca. 1314), na igrexa conventual do mosteiro feminino de Santo Estevo de Chouzán, Carballedo (Yzquierdo Perrín 2008, 149). Nótese de paso que as representacións en igrexas conventuais corresponden, polo menos no caso dos exemplos coñecidos, a mosteiros de monxas.

c) Finalmente, nótese que os únicos instrumentos musicais que aparecen representados nas escenas que nos interesan –bardante tanto as de San Martín de Mondoñedo, moi temperás en un estilo ben específico, coma as do Pazo de Xelmírez de Compostela–, son a fídula oval de arco (que aparece en todos os casos) e o pandeiro rectangular. É de salientar que nas miniaturas co Cancioneiro da Ajuda aparecen outros instrumentos de corda (salterio, viola, arpa…) e pandeiretas redondas, pero non pandeiros (imaxes nº 12 e 13). Quizais esta diferenza se explique porque, efectivamente, as imaxes en pedra remitan a escenas estritamente xograrescas, en canto as iluminuras do dito Cancioneiro remiten a escenas propiamente trobadorescas. No mesmo sentido pode interpretarse a presenza nas últimas, ademais dos executantes e danzantes, dunha figura que representa o trobador6.

En definitiva, e a falta dunha exploración máis a fondo, suxerimos que as devanditas representacións de escenas xograrescas na escultura románica de Galicia deben pórse en relación co pulo do mesmo fenómeno cultural na segunda metade do século xii e, quizais, máis en particular, co xénero das cantigas de santuario, do que os cancioneiros trobadorescos recolleron unha representación notable, que, ata onde podemos enxergar, corresponde basicamente a xograres que floreceron no século xiii (Monteagudo 1998) (mapas nº 2 e 3). Por outra banda, xulgamos que é escusado referirse ás representacións de música sacra na escultura románica galega (do estilo do Pórtico da Gloria da catedral de Santiago, e no seu ronsel, da catedral de Ourense, das igrexas de Carboeiro, santo Estevo de Ribas de Miño e outras), que envían a un ámbito (o litúrxico) diferente ao trobadoresco, pero que non deixan de mostrar a grande afección melódica da Galicia coeva (imaxes nº 14 e 15).

Imaxe nº 1.

Imaxe nº 2.

Imaxe nº 4.

Imaxe nº 3.

Imaxe nº 5.

Imaxe nº 6.

Imaxe nº 7.

Imaxe nº 8.

imaxe9.psd

Imaxe nº 9.

Imaxe nº 10.

Imaxe nº 11.

Imaxe nº 12.

Imaxe nº 13.

Mapa nº 2.

80398.png

Mapa nº 3.

Imaxe nº 15.

4. Precedentes: A lírica trobadoresca occitana e a súa irradiación cara ao Occidente

Consideraremos agora cando, como e a través de quen puido chegar o exemplo da lírica trobadoresca ás terras do fisterra galego. Para tal, as pistas fundamentais ofrécenas as noticias sobre visitas de trobadores occitanos ás cortes reais do centro-oeste da península (véxase Alvar 1977 e 1978), que podemos pór en relación con ecos de composicións occitanas que poden detectar en cantigas de trobadores galegos (Miranda 2004, 63-137). As máis antigas desas noticias condúcennos aos tempos do reinado de Afonso vii, que rematou en 1157 (Alvar 1977, 27-43). Precisamente, a primeira pista pode atoparse na referencia feita polo xograr Cercamon (doc. 1137-1149) ao inesperado falecemento de Guillerme x de Aquitania, acontecido en Compostela o 9 de abril de 1137, co gallo da súa peregrinaxe á tumba do apóstolo: «Sant Jacme, nembre’us del baro / que denant vos jai pelegris» («Lo plaing comenz iradamen»). Pero non temos evidencias da estadía de Cercamon na corte de Afonso vii. Quen sen dúbida si parou nesta corte foi trobador gascón Marcabrú (doc. 1130-1149), discípulo de Cercamon e un dos xograres occitanos máis antigos: probablemente os seus contactos con esta corte son anteriores, pero a súa permanencia nela debeuse de producir entre ca. 1140 e ca. 1145, cando compuxo a súa célebre canción de cruzada «Emperaire, per mi mezeis», dedicada a Afonso vii (Menéndez Pidal 1924, 149-52).

Será interesante lembrar que por estas datas se rexistra documentalmente dun Pallea juglar, que aparece confirmando o foral dos francos de Toledo dado en Burgos o 24 abril 1136. Menéndez Pidal xa salientou que este Palla debía ser un persoeiro de certo relevo na corte imperial, pois subscribe o dito diploma a carón de condes, bispos e rico-homes (1924, 147). O xograr Palla está ben documentado en Compostela, onde aparece vendendo un soar na Rúa Nova ao cóengo Paio Cresconiz, segundo se recolle no testamento deste (López Ferreiro 1901, 241). Menéndez Pidal pensa que o tal Palla «tenía importancia social considerable, cuando el arzobispo don Pelayo Camundo, en 1154, nombra sus testamentarios al Obispo de Mondoñedo, al Deán, al Chantre, al Arcediano de la Catedral compostelana y a Palea, domini Imperatoris joculator» (ibidem, véxase López Ferreiro, 1901, apéndices, p. 66). O autor de Poesía juglaresca y juglares entende que Palla non podía ser un xograr histrión, senón músico, e asevera que «el arte desconocido que ejercía en la corte era, sin duda, una primitiva poesía gallega, hoy perdida» (ibidem, 148). Secomasí, se esta conxectura fose atinada, daquela deberiamos concluír que o cultivo dunha lírica galega de carácter cortesán e ‘culto’ tería unha tradición previa ao contacto co trobadorismo occitano, ou ben retrotraer este contacto en varias décadas: non sendo ningunha das dúas hipóteses inverosímiles, o certo é que non temos ningunha evidencia en que apoialas.

Durante o reinado de Fernando ii (1157-88) rexístrase a probable vinda a Galicia do trobador catalán Guillem de Berguedà (doc. 1138-1192) como peregrino a Compostela (1175-82ca.; véxase Alvar 1977, 50-51). Mencionan o monarca nalgunha das súas cancións (o que pode significar que visitaron a súa corte) os occitanos Guiraut de Bornelh (doc. 1162-1199, a visita puido ser ca. 1170), quen sabemos con certeza que acudiu á corte castelá de Alfonso viii, e Arnaut Daniel (doc. 1180-1195), quen se refire ao «reis Ferrans» como o «seignor dels Galecs» (1180ca.; véxase Alvar 1977, 63-75).

Das referencias a Afonso ix (1188-1230) que aparecen en varias composicións trobadorescas (Alvar 1977, 65-74 e Miranda 2004, 63-69), as que máis nos interesan, pois parecen estar relacionadas con estadías na súa corte, son as de Guilhem Magret, Peire Vidal, Elias Cairel e Uc de Sant Circ. O primeiro destes, Guilhem Magret (doc. 1196-1204), nun dos seus sirventeses máis célebres, datado polos estudosos en 1196, gaba con palabras moi expresivas a xenerosidade da corte de Afonso: «Et a Leon trobiei fon / on sorzon var vestimen / et aurs mesclatz ab argen». Por parte, na ‘Vida’ deste trobador afírmase que se retirou «en un hospital en Espaigna, en la terra d’En Roiz Peire dels Gambiros» (Alvar 1978, 97), nome este que probablemente remite a Roy Diaz dos Cameiros ou ‘de los Cameros’, poderoso señor da comarca rioxana dese nome, fronteiriza de Castela, Aragón e Navarra. Roy Diaz era fillo, como veremos, de Guiomar Rodriguez de Traba e xenro de Diego Lopez de Haro (que pola súa vez tamén acollera na súa corte varios trobadores occitanos, en particular Peire Vidal, véxase Alvar 1977, 143-46). Foi xefe da súa liñaxe entre 1187 e 1230, e el mesmo compuxo tres cantigas que se perderon por causa da mutilación do cancioneiro B (Vasconcellos 1904, II, 574-79 e Miranda 2004, 37-55)7.

Pero a visita probablemente máis prolongada dun trobador occitano á corte de Afonso ix foi a realizada por Peire Vidal (doc. 1183-1204), quen debeu de realizar unha estadía bastante longa, entre ca. 1200 e ca. 1204, durante a cal, con toda probabilidade, se atoparía co recentemente citado Roy Diaz dos Cameiros. É interesante notar que ese período coincide case exactamente coa estadía na corte leonesa da infanta Berengaria de Castela como raíña consorte, unida a Afonso ix por un matrimonio fugaz, que o Papa obrigou a disolver alegando cosanguinidade entre os cónxuxes (Monteagudo 2008, 317-18). Vidal refírese de xeito explícito en dúas ocasións ao monarca galego-leonés, unha delas na súa célebre canción de cruzada composta en 1201-2, onde lle aconsella: «Reis de Leon, senes mentir / devetz honrat pretz reculhir» (Alvar 1977, 65-67). É de notar que, case con certeza, Peire Vidal estivera relacionado antes con Diego Ximenez dos Cameiros, o pai de Roy Diaz e esposo de Guiomar Rodriguez de Traba, a quen parece citar nunha composición anterior a 1187 (Miranda 2004, 43). A pegada de Peire Vidal resulta detectable en tres dos trobadores galegos presumiblemente máis antigos de que os cancioneiros nos legaron algunha composición, situados respectivamente nos lugares primeiro, segundo e décimo do índice do cancioneiro B: Ayras Moniz d’Asma, Diego Moniz e Osoyro Anes (Miranda 2004, 64, 127).

Pola súa banda, Elias Cairel (doc. 1204-1222) puido visitar a corte de Afonso ix por volta de 1210 (Alvar 1977, 69-70 e 153-56; Miranda 2004, 64), e probablemente alí compuxo unha canción en que gaba a Roy Diaz dos Cameiros. Finalmente, Uc de Sant Circ (doc. 1217-1253) acompañou o seu coterráneo o gran señor pictavino Saveric de Mauleon (doc. 1180-1230), cando este encabezou unha hoste de cabaleiros gascóns que participou na primeira campaña militar de Afonso ix contra Cáceres (1218) (Miranda 2004, 66-67). Curiosamente, «a partir desta altura cessarão abruptamente os contactos directos de trovadores provençais com meios aristocráticos ou régios do Centro ou do Ocidente peninsular»(Miranda 2004, 67). Con todo, a obra de Uc de Sant Circ atopou eco en trobadores da escola galego-portuguesa, como Osoyro Anes (Miranda 2004, 102) e Martin Soarez.

Relacións antigas entre trobadores occitanos e a lírica trobadoresca galego-portuguesa poden rastrexarse por outras vías, pero estas xa non implican a presenza física daqueles en Galicia ou na corte dos reis de Galicia/León, senón contactos que se puideron producir noutros lugares, como a corte rexia de Castela ou cortes nobiliarias do centro-norte da península ou mesmo fóra dela (cítase con insistencia a corte de Bonifacio de Monferrato, entre 1193 e 1206; véxase Brea 1994, 52-56 e Miranda 2004, 53-54 e 128), ou ben simple noticia de composicións. Deses anos de finais do século xii e comezos do xiii datan dúas cancións que ofrecen cadanseu testemuño suxestivo do surto dunha lírica trobadoresca en galego. Entre 1195 e 1202 Raimbaut de Vaqueiras (doc. 1180-1205) compón o seu descordo plurilingüe, en que inclúe unha cobra ou estrofa en romance galego, a carón doutras en occitano, francés, italiano e gascón. Iso, en interpretación de Carolina Michaëlis, debe considerarse «um testemunho seguro de que já antes de 1194 o gallego-português havia alcançado foros de linguagem lyrica, mêsmo nas cortes hespanholas» (Vasconcellos 1904, II, 736)8. Pola súa banda, o trobador catalán Ramon Vidal de Besalù (doc. 1196-1252) nunha composición que debe ser anterior a 1204, cita uns versos que atribúa a un autor castelán («us castellas») que trobaba en galego (Miranda 2004, 53-54, 179-202), mentres que ao menos tres dos trobadores galegos probablemente máis antigos, como Osoyro Anes, Diego Moniz e Johan Soayrez Somesso parecen ter coñecido algunha das súas cancións (Miranda 2004, 65).

Como fomos sinalando, varios dos trobadores occitanos citados deixaron pegada nos trobadores galegos máis antigos. Por caso, o trobador que aparece en primeiro lugar no índice do cancioneiro B, copiado na Tavola Colocciana (véxase máis abaixo), é Ayras Moniz d’Asma, de quen o dito cancioneiro recolle dúas cantigas. Pois ben, notablemente, as dúas remiten a trobadores occitanos que acabamos de citar: unha delas (B 6) reproduce un esquema métrico-estrófico orixinario de Peire Vidal, un esquema que aparece tamén noutra cantiga (B 37) doutro dos trobadores probablemente máis antigos, Osoyro Anes (Miranda 2004, 83 e 87, textos nas pp. 141-42 e 152-53). A outra cantiga de Ayras Moniz recollida nese cancioneiro (B 7) toma como modelo unha tensó de Raimbaut de Vaqueiras (Miranda 2004, 82-90, texto nas pp. 143-44). Na escasa obra conservada de Diego Moniz poden oírse ecos de Peire Vidal e Raimon Vidal de Besalù.

Doutra banda, a única cantiga que chegou a nós de Garcia Mendiz d’Eixo (B 454), composta en occitano no sur de Galicia, podería terse inspirado na canción que antes citamos de Guilhem Magret (segundo hipótese de Miranda 2004, 64 e 168-77). Finalmente, a exigua obra que os cancioneiros nos legaron de Osoyro Anes (a máis ampla, con todo, dos autores que inician o cancioneiro B, oito textos, algúns moi breves ou fragmentarios), ofrece ecos de Peire Vidal, Raimon Vidal de Besalú e Bernat de Ventadorn (doc. 1147-1170) e quizais Raimbaut de Vaqueiras (Miranda 2004, 102-27). A eses nomes probablemente haxa que engadir o de Uc de Sant Circ. En senso contrario, dous trobadores en occitano, Raimbaut de Vaqueiras e Raimon Vidal de Besalù, recolleron nalgunha das súas composición ecos da lírica trobadoresca galego-portuguesa.

Referíndose a Ayras Moniz d’Asma, Diego Moniz e Osoyro Anes, despois de analizar coidadosamente os lazos intertextuais que os vencellan coa lírica occitana, o estudoso J. C. Miranda afirma:

Quando investigados os escassos textos que deixaram, estes três trovadores começam por manifestar uma notável proximidade de diversas matrizes occitânicas […] Se bem que os trovadores activos a partir da década dos vinte [do século xiii] possam revelar ocasionais dívidas para com os occitânicos, elas não terão nem a mesma visibilidade nem a mesma intensidade que adquirem nestes três. Isto é um claro indício de que estamos perante trovadores pertencentes a uma fase inicial, já que somente então, e em ambiente leonês, ?como antes, no norte de Castela? terão estado criadas condições propícias a tão intenso convívio com a cultura transpirenaica (Miranda 2004, 127).

Ora, se queremos precisar o cando e o como deses contactos, parece claro que debemos fixarnos no período 1190-1210, ou apurando aínda máis, 1195-1205, e dirixir a ollada para a corte de Afonso ix de Galicia e León. Nese tempo e nese lugar, como froito dun contacto máis directo, intenso e continuado ca nunca entre as dúas tradicións, a autóctona galega e a foránea occitánica (un contacto que con certeza debe ter precedentes en encontros, conexións e influencias máis circunstanciais de décadas anteriores), debeu de abrollar a lírica trobadoresca galego-portuguesa tal como nos é coñecida mediante os cancioneiros.

Finalmente, imos sinalar outros factores que puideron facilitar a chegada ao occidente de influxos do trobadorismo occitano:

  • Peregrinación a Compostela e Camiño de Santiago, aínda que probablemente Compostela non foi un centro importante nas etapas iniciais.
  • Vencellos das cortes rexias occidentais coas do centro / oriente: neste senso, é de notar o papel que puideron xogar as dúas raíñas chamadas Berengaria, unha delas esposa de Afonso vii (de orixe catalá, como irmá do conde Raimon Beenguer iv de Barcelona), e a outra do seu neto Afonso ix (de orixe castelá, e descendente de Leonor de Aquitania).
  • Outros posibles factores coadxuvantes puideron ser a presenza de nobres cataláns no noroeste da península (Lomax 1982) e a implantación do Císter en Galicia.

5. Topografía. Contacto e xénese: No centro ou no Occidente?

Dixemos antes que as pescudas sobre a datación dos autores que aparecen nos cancioneiros galego-portugueses parten do suposto –xeralmente admitido des que foi establecido por Carolina Michaëlis de Vasconcellos– de que por vía da regra a secuencia en que figuran nos manuscritos reflicte a súa cronoloxía relativa. Isto quere dicir que os autores que se atopan en posicións máis altas nestes deben ser os máis antigos. Comecemos, pois, por dar a lista dos dez primeiros que figuraban no exemplar do que depende B (Miranda 2004, 50-51, Monteagudo 2008, 342), comparando o contido deste cancioneiro coa denominada Tavola Collociana, o seu presumible índice (Gonçalves 1976). Na seguinte listaxe, indicamos as composicións que se lle atribúen ou poden atribuír en B; dos autores que van en cursiva perdéronse as composicións por mutilación da parte inicial deste códice9:

  1. Ayras Moniz d’Asma [2 cantigas atribuídas e transmitidas: B 6-7]
  2. Diego Moniz [6 cantigas atribuídas, só 2 transmitidas: B 8-8bis]
  3. Pero Paez Bazaco [8 cantigas atribuídas]
  4. Joan Velaz [2 cantigas atribuídas]
  5. Don Juano [1 cantiga atribuída]
  6. Johan Soarez de Pavia [6 cantigas atribuídas + 1 transmitida: B 1330 / V 937]
  7. Pero Rodrigues de Palmeyra [2 cantigas atribuídas]
  8. Rodrigo Diaz dos Cameyros [3 cantigas atribuídas]
  9. Ayras Oarez [3 cantigas atribuídas]
  10. Osoyro Anes [8 cantigas atribuídas e transmitidas: B 37- 4310]

Segundo propoñen Oliveira (1993, 1998 e 2001, 65-95) e Miranda (2004, 37-57), o protagonismo no arranque da lírica galego-portuguesa correspondería a un ‘núcleo oriental’, «primeiro grupo de trovadores en galego-português, activo já en 1196» que comezaría a trobar en ambiente castelán (Miranda 2004, 199). Posteriormente, a iniciativa pasaría a mans dun núcleo occidental, articulado arredor da corte de Afonso ix de Galicia / León11. Oliveira tamén ten falado de ‘geração de recepção’ para se referir ao primeiro núcleo, e de ‘geração de adaptação e implantação’ para se referir ao segundo (2001, 79). Estes estudosos conxecturan que os autores 4 a 8 da listaxe anterior formarían un grupo interpolado nunha relación primitiva que incluía os autores 1 a 3 e 9-10, e sosteñen que ese presunto grupo podería constituír o tal ‘núcleo oriental’. Os esteos máis firmes para esta hipótese afincan en dous feitos incontrovertibles: dunha banda, o amentado sirventés de Johan Soarez de Pavia (nado 1140ca., doc. 1169-1196) refírese a feitos históricos acontecidos en 1196 ou 1200ca. na fronteira entre Navarra e Aragón e protagonizados polos respectivos monarcas deses dous reinos; doutra banda, a personalidade histórica de Rodrigo Diaz dos Cameyros (nado 1160ca., doc. 1187-1230) sitúanos nun ámbito xeográfico moi próximo ao devandito.

Aos ditos feitos engádense distintas noticias e referencias (algunhas delas evocadas nos parágrafos anteriores) que dan pistas máis ou menos sólidas sobre actividade trobadoresca no ámbito castelán no último cuartel do século xii, e en particular poñen de vulto o papel nesa actividade das cortes nobiliarias de Fernando Nuñez de Lara (doc. 1173-1219), Diego Lopez de Haro (doc. 1170-1214), Rodrigo Díaz de los Cameros (doc. 1186-1230) e mais Pedro Rodriguez de Azagra (doc. 1170-1186) e Ermengol viii de Urgel (doc. 1184-1209). Miranda ten explorado a hipótese dun contacto entre Johan Soarez de Pavia e Roy Diaz dos Cameyros en ámbito castelán no tempo en que aquel compuxo o seu célebre sirventés (1196ca.) (Miranda 2004, 37-45). No terreo das hipóteses, apúntase tamén a conxectura dunha relación de Pero Rodriguez de Palmeyra (sobre quen volveremos decontado) con estes dous trobadores naquel mesmo ámbito, tendo en conta que probablemente estivo ausente de Portugal a partir de 1183, e tamén se suma a este suposto núcleo Joan Velez de Guevara (doc. 1176-79), fillo de Vela Ladrón, señor de Oñate (Miranda 2004, 45-53), que respondería pola personalidade histórica do Joan Velaz que figura na Tavola Colocciana.

Así e todo, non convén perder de vista que varios dos nomes citados, tanto portugueses como casteláns, tiveron unha relación documentada con reino de Galicia / León, comezando Johan Soarez de Pavia, cuxo nome recollía o Marqués de Santillana na célebre Carta Proemio al Condestable de Portugal, rexistrando a noticia segundo a cal «se dize aver muerto en Galizia por amores de una infanta de Portugal». Alén deste rumor que relaciona o aristócrata portugués con Galicia, é constatable a súa presenza (Iohanne de Pauia) en Vilafranca en 1182, testemuñada nun instrumento copiado no Tumbo de Sobrado (véxase Miranda 2004, 19). Canto a Pero Rodriguez de Palmeyra (n. 1160ca., doc. entre 1180-83 e 1225), os nobiliarios afirman insistentemente que morreu de amor pola nobre galega Maria Paez, que nun lugar aparece identificada como filla de Pay Curvo de Toroño e casada con Gonçalo Gonçalvez (Livro do Conde I, 439 [37E4]) e noutro como filla do señor miñoto Pay Soarez de Valadares (Livro do Conde II, 66 [53A3])12. En todo caso, convirá relembrar que este Pero Rodriguez de Palmeyra era bisneto do magnate galego Rodrigo Froylaz de Traba, irmán de Pedro Froylaz, a través da súa nai Elvira Rodriguez, filla de Gonzalo Rodriguez de Traba (esquema xenealóxico nº 1).

Por outra banda, varios dos aristócratas do centro-norte da península que son reputados como axentes activos na acollida do trobadorismo occitano e, por esa mesma razón, presumibles mediadores entre este e o nacente trobadorismo galego-portugués tamén tiveron relacións co reino de León, e máis concretamente con Galicia. Comezando polo máis empoleirado deses, o conde castelán Nuño Perez de Lara (doc. 1141-1177) estivo casado con Tereixa Fernandez de Traba (filla do conde Fernando Perez de Traba), quen, pola súa banda, cando enviuvou do Lara, casou en segundas nupcias co rei Fernando ii de Galicia e León. Isto explica que varios dos fillos do primeiro matrimonio de Tareixa desenvolvesen unha parte maior ou menor da súa carreira política no reino galego-leonés, como aconteceu nomeadamente con Gonzalo Nuñez de Lara (doc. 1195--1224) e o seu irmán primoxénito o conde Fernando Nuñez de Lara (doc. 1173-1219). Este último, que recibiu a varios trobadores occitanos na súa corte, está documentado en ámbito galego-leonés entre 1191-94 e 1199-1200, e durante períodos máis breves en 1208, 1217 e 1219 (Barton 1997, 239).

Outro persoeiro relevante, o aristócrata vasco Diego Lopez de Haro (1167-1217) tamén veu casar cunha nobre galega, Aldonza Gonzalez, filla de Rodrigo Velaz, conde de Sarria (Barton 1997, 307; Pardo de Guevara 2000, II, 11)13. Ademais dos vencellos con Galicia a que puido dar lugar esta unión matrimonial, Diego López de Haro aparece como tenente das terras de Aguiar e Montenegro en 1189 (González 1944, 329)14 e a comezos do comezo do século xiii permaneceu, desnaturado de Castela, varios anos no reino de Galicia e León (1200-06), detendo tenencias tan importantes como León, Astorga e Asturias (ibidem).

Finalmente, o propio trobador Roy Diaz dos Cameiros estivo próximo ao rei de Galicia-León nos primeiros anos do século xiii, cando aparece como tenente das terras de Sarria e Montenegro (Miranda 2004, 56), seguindo nisto os pasos do seu pai, Diego Ximénez de los Cameros, que fora tenente da cidade de León entre 1178-80 (Miranda 2004, 38) e tamén tivera unha relación directa con Galicia a través da súa esposa, a nai de Roy Diaz, Guiomar Rodriguez de Traba (quen, por certo, ao pasamento do marido se retirou no mosteiro de Ferreira de Pantón) (esquema xenealóxico nº 1).

En resumo e en conclusión, á vista dos datos devanditos, preguntámonos se non resultaría prudente pensar que, caso de as cortes dos devanditos magnates teren xogado algún papel mediador entre a recepción do trobadorismo occitano e o xurdimento do trobadorismo galego, ese papel non terá que ver máis ben coas súas relacións familiares coa nobreza galega e as súas estadías no territorio galego-leonés. Isto, ao menos, faría máis verosímil o emprego do galego como lingua desa manifestación literario-musical.

80541.png

Esquema xenealóxico nº 1.

6. Cronoloxía e topografía. Os trobadores máis antigos

E chegamos con isto ao cerne do noso asunto. Imos reconsiderar as novas que posuímos sobre a cronoloxía e naturalidade dos trobadores máis antigos, ou máis exactamente, dos dezanove que aparecían nas posicións máis altas de B, a xulgar polo seu índice C (a Tavola Colocciana) e o propio cancioneiro; aos que habería que engadir o nome de Garcia Mendez d’Eixo. Para tanto, basearémonos nas identificacións con personaxes históricos propostas no noso traballo (Monteagudo 2008, 315-416) e nas recentes achegas de Souto Cabo (2010 e 2012), alén dos traballos anteriores de López Ferreiro (1902), Vasconcellos (1904) e Oliveira (1994 e 1995) e outras máis puntuais. Como indica Oliveira (1994, 169) referíndose a este grupo, «parece induvitável, perante os elementos de que dispomos, que eles correspondem, de facto, aos trovadores mais antigos»15. Comezaremos pola cronoloxía:

1. Ayras Moniz d’Asma [doc. 1176?-1224?] nado 1155ca.?16

2. Diego Moniz [doc. 1200ca.?]17

3. Pero Paez Bazaco [doc. 1200ca.-1227a.] nado 1165ca.?18

4. Johan Velaz [doc. 1158-1181?]19

5. Don Juano [¿?]20

6. Johan Soarez de Pavia [doc. 1169?-1200] nado 1140ca.21

7. Pero Rodriguez da Palmeyra [doc. 1180-1225?]22

8. Rodrigo Diaz dos Cameyros [doc. 1186-1230]23

9. Ayras Oarez [doc. 1187 e 1208?] nado 1160ca.?24

10. Osoyro Anes [doc. 1175-1215] nado 1155ca.?25

11. Nuno Fernandez de Mirapeyxe [1211-1243ca.?]26

12. Fernan Figueyra de Lemos [¿?]27

13. Don Gil Sanchez [doc. 1207-1236]28

14. Rui vel Roy Gomez o Freyre [doc. 1215]29

15. Fernan Rodriguez de Calheyros [doc. 1195] nado 1170ca?30

16. Pero Garcia d’Ambroa [doc. 1203-1235ca.]31

17. Don Fernan Paez de Tamallancos [doc. 1197-1242ca.]32

18. Vasco Praga de Sandim [-1258]33

19. Johan Soayrez Somesso [doc. 1212-1247]34

.... [lagoa de A]

Como se bota de ver pola cronoloxía dos devanditos autores, resulta máis ou menos probable, segundo os casos, que varios deles trobasen antes dos finais do s. xii: este sería o caso seguro de Joan Velaz, se aceptamos a identificación que propón para el Souto Cabo, pois debeu de falecer en 1181 ou pouco máis tarde; mais tamén o do xa coñecido de Johan Soarez de Pavia, e mais os de Ayras Moniz d’Asma, Pero Paez Bazoco, Pero Rodriguez da Palmeyra, Ayras Oarez, Osoyro Anes e Fernan Rodriguez de Calleyros. Especialmente significativo é o caso do último dos citados, pois o documento datado en Burgos en 1195 que nos foi transmitido formando parte da documentación do mosteiro de Oseira (Romaní Martínez 1989, I, 101-2), aparece subscrito, ademais de por el mesmo (identificado como «Ferrant Rodriguet, filio de Roi Fernandiz de Calleiros») e outros cabaleiros, escudeiros e burgueses, por un ‘Martinus Fernandiz cantador’. A hipótese de que Fernan Rodriguez estaba xa en contacto con medios trobadorescos nese momento parece imporse coa forza dunha evidencia.

Isto resulta dobremente notable se temos en conta que este trobador, ademais de cantigas de amor (21 textos), tamén compuxo cantigas de amigo (8 textos) e satíricas (3 textos), por tanto, sería o autor máis antigo de quen os cancioneiros recollen composicións dos tres xéneros poéticos35. Se hai que retrasar a actividade lírica de Fernan Rodriguez de Calleyros á última década do século xii, probablemente teremos que revisar a idea de que a cantiga de amigo é un xénero que se incorporou á tradición trobadoresca relativamente tarde. Xa que logo, o encontro entre a corrente lírica tradicional autóctona de carácter popular e xograresco e a corrente lírica innovadora alóctona de carácter culto e trobadoresco podería terse producido máis ben no século xii (como tarde, a súa última década) e non con posterioridade a 1220/25ca., como adoitaba suporse.

Vaiamos agora á cuestión da naturalidade destes trobadores máis antigos. Nove deles son con seguranza ou moi probablemente de naturalidade galega: Ayras Moniz d’Asma, Diego Moniz, Pero Paez Bazaco, Osoyro Anes, Pero Garcia d’Ambroa, Don Fernan Paez de Tamallancos, Nuno Fernandez de Mirapeyxe, Fernan Figueyra de Lemos (este, quizais un intruso máis tardío) e Johan Soayrez Somesso (personaxe tipicamente fronteirizo, afincado na terra de Toroño, e máis particularmente en Crecente, na beira setentrional do Miño). Tres máis son case con certeza galegos: Johan Velaz, Ayras Oarez, Roy Gomez o Freyre. Outros dous son galego-portugueses: Don Gil Sanchez (fillo do portugués Garcia Mendez d’Eixo, da liñaxe dos Sousa, e da galega Elvira Gonzalez de Toroño) e Vasco Praga de Sandim (nobre galego casado coa nobre miñota Teresa Martins Mogudo de Sandim, cuxa familia aparece ligada aos Valadares e os Soverosa). Outros tres son indubidablemente portugueses: Johan Soarez de Pavia, Pero Rodriguez da Palmeyra (de ascendencia galega, como vimos) e Fernan Rodriguez de Calheyros (miñoto). Un é castelán de nai galega: Rodrigo Diaz dos Cameyros. Un máis é descoñecido: Don Juano. As cifras devanditas dan unha idea da importancia do elemento propiamente galego nas primeiras fases de emerxencia da lírica trobadoresca galego-portuguesa: nove nomes seguros e tres case seguros máis dous mixtos sobre un total de dezanove.

Dentro do grupo de trobadores galegos, é posible enxergar unha compoñente territorial específica, que remite ás terras centro-meridionais de Galicia (Asma, Lemos, Búbal, Orcellón, Castela), ás que están vencellados con certeza catro trobadores dos máis antigos (Ayras Moniz d’Asma, Pero Paez Bazaco, Osoyro Anes, Don Fernan Paez de Tamalancos) e con maior ou menor probabilidade outros tres máis (Diego Moniz, Johan Velaz e Ayras Oarez). Nesas bisbarras da Galicia centro-meridional, arredor do eixo constituído polo tramo medio-baixo do río Miño, tivo o seu berce unha liñaxe nobiliaria, os Arias / Ayras (na forma romance medieval), que gañou preeminencia na segunda metade do século xii e que ramificou en dúas pólas sobranceiras ao longo do século xiii, unha delas sobre todo en Galicia (os Nóvoa) e outra tanto en Galicia como en Portugal (os Batissela)36. Esta liñaxe, que xogou un papel destacado no vencellamento entre familias nobres do norte e do sur do Miño, parece vencellada de varios xeitos coa tradición lírica trobadoresca, o que fai sospeitar que xogou un importante papel na aclimatación e difusión do fenómeno, ao menos nas primeiras décadas do século xiii.

As dúas pólas da familia arrincan de dous fillos de Ayras Pedrez Calvo (doc. 1125-51): os irmáns Johan Ayras (doc. 1157-80), de quen proceden os Nóvoa, e Fernando Ayras (doc. 1165-96), de quen proceden os Limia / Batissela. Ambos os dous aparentaron con cadansúa rama da familia máis podente da Galicia coeva, os Traba (véxase esquemas xenealóxicos nº 1 e 2) a través de senllas netas de Pedro Froyaz: Johan Ayras casou con Urraca Fernandez, filla de Fernando Perez de Traba; mentres que Fernando Ayras se uniu con Tareixa Vermuez, filla de Vermun Perez de Traba. O primeiro matrimonio tivo ao menos oito fillos varóns, dos que salientaremos tres (Véxase esquema xenealóxico nº 2). O primoxénito Pero Eanes de Nóvoa (doc. 1173-1231)37, foi tenente de Ribadavia co seu tío Fernando Arias e o seu irmán Gonzalo Eanes en 1188 (Melón nº 66) e da terra de Nóvoa en 1203 (Melón, nº 86); uniuse cunha señora da familia da Maia, unha das máis destacadas de Portugal, para desenvolver unha brillante carreira no reino veciño, ata exercer de mordomo maior do rei Afonso ii no período 1217-22 e mais do seu sucesor Sancho ii no período 1228-31 (Mattoso 1993, 109-10 e 120-21). Pola súa banda, o segundoxénito Gonzalo Eanes (doc. 1185-1238) atinxiu o cargo de Gran Mestre da Orde de Calatrava, e a el aparece vencellado o nome do trobador Roy Gomez o Freyre (doc. 1215; véxase Souto Cabo 2010, 31), probablemente un cabaleiro da dita Orde militar. Finalmente, Osoyro Anes (doc. 1175-1217) é, conforme coidamos ter demostrado, o trobador do mesmo nome.

A análise temática, retórico-estilística e lingüística da exigua obra de Osoyro Anes pon de relevo afinidades entre este autor e Ayras Moniz d’Asma, Fernando Paez de Tamallancos, Vasco Fernando Praga de Sadim, Fernan Rodriguez de Calheyros e Johan Soayrez Somesso (Monteagudo 2008, 363-92). Estas afinidades son especialmente estreitas no caso do primeiro e os tres últimos citados (Monteagudo 2013). Parece que aí temos unhas pistas sólidas para identificar un grupo de trobadores de ambas beiras do Miño que estiveron en contacto directo entre si e que puideron xogar un papel decisivo na implantación e difusión do fenómeno nos finais do século xii e primeiras décadas do seguinte.

Canto aos fillos de Fernando Ayras e Tareixa Vermuez, merecen ser salientados aquí o primoxénito Johan Fernandez, Rodrigo Fernandez Codorniz e mais Maria Fernandez (Véxase esquema xenealóxico nº 3). Esta última casou con Lopo Rodriguez d’Ulloa e do matrimonio naceron o trobador Johan Lopez d’Ulloa (finado antes de 1236) e mais Tareixa Lopez d’Ulloa, esposa do trobador Fernan Paez de Tamallancos. Pola súa banda, Rodrigo Fernandez Codorniz é pai de Maria Rodriguez Codorniz, cuxo rapto a mans de Johan Bezerra foi obxecto dunha cantiga satírica do trobador Gonzalo Garcia de Sousa (B 455 / V 346, véxase Michaëlis 1904, II, 330, n. 2 e Oliveira 1994, 354-56). Pero máis relevante para o noso asunto é o primeiro, Johan Fernandez: este casou primeiro coa nobre portuguesa Berenguela Gil Afonso de Baiam, de quen tivo a Fernan Eanes Batissela, continuador da liñaxe, e ao enviuvar casou con Maria Paez Ribeyra, nobre galega que fora barragá de Sancho I de Portugal, de quen tivera Gil Sanchez, que tamén figurou nas ringleiras das promocións trobadorescas máis antigas (véxase esquema xenealóxico nº 5). Johan Fernandez tamén despregou unha importante carreira na corte portuguesa, pois foi dapifer de Sancho I, e despois atinxiría o cargo de alférez e mordomo maior de Sancho II (1224-26), precedendo neste último cargo ao seu curmán Pero Eanes, a quen nos acabamos de referir (Mattoso 1993, 109-10 e 120-21).

O primoxénito e sucesor de Johan Fernandez Batissela, Fernan Eanes, veu emparentar con outra familia protagonista da implantación da lírica trobadoresca, neste caso no norte de Portugal: os Sousa (véxase esquemas xenealóxicos nº 4 e 7). O trobador máis antigo desta xinea, Garcia Mendez de Sousa ou d’Eixo, é compositor dunha cantiga en occitano, escrita con toda probabilidade no sur de Galicia en 1215ca., onde contraeu matrimonio (un exemplo máis de enlace mixto) coa nobre galega Elvira Gonzalez de Toroño, durante o seu voluntario desterro de Portugal (véxase esquemas xenealóxicos nº 4 e 6). A muller de Fernan Eanes Batissela, Tareixa Eanes, era sobriña daquel Garcia Mendez, mentres que a irmá desta, Elvira Eanes, se uniu co trobador Roy Gomez de Briteyros (quen a raptara para forzar o matrimonio, segundo escarnece Martin Soarez nunha célebre cantiga satírica, B 172, véxase Bertolucci 1992, 112-14) (véxase esquemas xenealóxicos nº 4 e 7). Pola súa banda, un dos fillos de Garcia Mendez d’Eixo, Gonzalo Garcia de Sousa, foi tamén trobador (citado previamente como autor da cantiga que satiriza o rapto de Maria Rodriguez Codorniz), mentres que a súa filla Maria Garcia casou co xa citado Gil Sanchez, fillo da galega Maria Paez Ribeyra (madrasta de Fernan Eanes) e Sancho I de Portugal (véxase esquema xenealóxico nº 7).

Non deixa de chamar a atención o feito de que as tres mulleres que protagonizan cadansúa cantiga de escarnio portivesen entre si e con Fernan Eanes Batissela: Maria Paez, a segunda esposa do pai deste, parece ser a «señor branca e vermella» a que se refire o trobador Pay Soarez de Taveyros na célebre ‘cantiga da guarvaya’ (A 38, non está claro se esta é unha cantiga satírica); mentres que Elvira Eanes de Sousa, satirizada por Martin Soarez, era cuñada do mesmo Fernan Eanes, como irmá da súa dona; pola súa vez, Maria Rodriguez Codorniz, obxecto das chanzas de Gonzalo Garcia de Sousa, era curmá de Fernan Eanes, como filla do seu tío materno Rodrigo Fernandez. Ao parecer, esta Maria Rodriguez Codorniz foi raptada polo seu futuro marido, Johan Bezerra, da corte de Rodrigo Gomez de Trastámara (Oliveira 1994, 355). A esta mesma corte se refiren os irmáns trobadores Pay Soarez e Pero Vello de Taveyros (B 142) nunha tenzón que, segundo a rúbrica que a precede, ía frechada a «duas donzellas muy fremosas filhas d’algo assaz, que andavan en cas dona Mayor, molher de dom Rodrigo Gomez de Trastamar» (Ajuda, II, 314-17; Oliveira 1994, 401-2 e 424-25). Don Rodrigo Gomez foi o derradeiro representante da liñaxe de Traba, a máis sobranceira da Galicia do século xii e comezos do xiii, e á que tamén é obrigado referirse cando se trata das orixes da lírica trobadoresca en Galicia (Vieira 1999).

En efecto, á terceira xeración desta familia, contada a partir dos fillos de Pedro Froylaz de Traba e o seu irmán Rodrigo Froylaz, pertenceron catro dos máis antigos trobadores (véxase esquema xenealóxico nº 1): descendentes de Pedro Froylaz son o galego Osoyro Anes, reiteradamente citado, o galego-castelán Roy Diaz dos Cameyros (fillo de Guiomar Rodriguez de Traba, filla pola súa vez de Rodrigo Perez de Traba), a quen tamén nos temos referido e mais o igualmente amentado Garcia Mendez d’Eixo ou de Sousa (neto de Rodrigo Perez por parte da súa nai Maria Rodriguez); doutra banda, de Rodrigo Froylaz, que fixo carreira en Portugal, descende Pero Rodriguez da Palmeyra, quen debeu de trobar nos anos finais do século xii e iniciais do seguinte, e de quen os libros de liñaxes aseguran que morreu de amor por unha dama que Dona Carolina identifica con Maria Paez, filla de Pay Soarez de Valadares. A estes aínda se podería engadir o nome de Johan Velaz, se aceptamos a identificación que propón Souto Cabo, que xa consignamos en páxinas anteriores. Nas dúas seguintes xeracións de descendentes de Pedro Froylaz de Traba aínda se contan catro trobadores máis: os galegos Johan Lopez d’Ulloa e Fernan Paez de Tamallancos, e mais os galego-portugueses Gonzalo Garcia de Sousa e Fernan Garcia Esgaravunha, fillos do citado Garcia Mendez d’Eixo.

Co devandito queda de vulto o papel protagonista que a nobreza galaico-miñota tivo na recepción, implantación e difusión do fenómeno trobadoresco na área nordoccidental da península ibérica. Dá a impresión de que a afección pola lírica trobadoresca se xestou en determinadas familias e se espallou a través de conexións familiares, en concreto a través de ligazóns matrimoniais. Neste senso, como atrás adiantamos, cómpre chamar a atención sobre o papel das mulleres: seguindo os fíos desas ligazóns familiares, diríase que estas constituíron os axentes principais do fenómeno. Nas primeiras xeracións trobadorescas poden citarse varias unións entre nobres galegas e señores portugueses das cales nace un fillo trobador: poñamos por caso, Maria Paez Ribeyra e Maria Ayras de Fornelos, ambas as dúas barragás de Sancho I de Portugal. A primeira delas foi nai do bastardo real Gil Sanchez, que se conta entre os cultores máis antigos da lírica; a segunda, despois de convivir co rei, casou con Gil Vazquez de Soverosa, de quen tivo Vasco Gil, outro trobador das xeracións intermedias. Nun nivel inferior, o da alta aristocracia, podemos amentar o caso de Elvira Gonzalez de Toroño, que casou con Garcia Mendez d’Eixo ou de Sousa, el mesmo trobador (en occitano), e ambos os dous pais de Gonzalo Garcia de Sousa e Fernan Garcia Esgaravunha e sogros do devandito Gil Sanchez (polo matrimonio deste coa súa filla Maria Garcia).

É nese marco, onde queda de relevo a importancia de certas familias nobres e das ligazóns entre elas para a recepción, cultivo e difusión da lírica, que cobra especial importancia a información que coñecemos sobre a familia Traba. Como acabamos de mostrar, aparentemente nesta arraigou unha afección pola lírica trobadoresca que se debeu de transmitir de xeración a xeración. Esa afección puido xogar un papel destacado na difusión horizontal do fenómeno a través das distintas ramas e os seus enlaces, non só dentro do propio territorio galego, senón tamén cara ao Portugal setentrional, tan próximo polas razóns que xa coñecemos, e cara á Castela fronteiriza co País Vasco e Navarra. Será casual que dúas fillas de Rodrigo Perez de Traba, Maria e Guiomar, casadas ambas fóra de Galicia (respectivamente en Portugal, con Men Gonzalez de Sousa, e en Castela, con Diego Xemenez dos Cameyros) sexan nais de cadanseu trobador das primeiras fornadas, Garcia Mendez d’Eixo e Rodrigo Diaz dos Cameyros? E será casualidade que a súa curmá Urraca Fernandez, casada co galego Johan Ayras, sexa nai doutro trobador, Osoyro Eanes? Aínda que non se pode descartar a hipótese da ‘contaminación’ horizontal, por caso a partir de Rodrigo Diaz (para elucidala cumpría afinar a cronoloxía destes autores), a verdade é que esta conexión suxire máis ben a preexistencia dunha tradición familiar, difundida fundamentalmente por vía feminina. Parece menos verosímil a hipótese da polixénese: nas dúas primeiras décadas do século xiii o cultivo da lírica trobadoresca non estaba tan difundido como para que cada un destes autores se atopase, de xeito independente, nun ambiente propicio para romper a trobar.

Sen dúbida, cando nos referimos á situación do século xii e comezos do xiii, teremos que manexar con cautela o termo ‘liñaxe’, pois segundo M. C. Pallares e E. Portela (1993, 239-94) tal noción só comeza a consolidarse en Galicia contra finais do século xiii. A estrutura familiar de partida correspondería ao modelo cognaticio, bilinear e horizontal: «Desde el punto de vista del parentesco, la aristocracia altomedieval de Galicia se presenta como una estructura cognática, bilineal y horizontal en la que los grupos familiares se forman a través de la filiación y el matrimonio y crean una tupida red de relaciones», o que significa que «ambas líneas de parentesco, la derivada del varón y la derivada de la mujer, operan en igualdad de condiciones en la transmisión del status social, los bienes y derechos, mediante la descendencia, la herencia y la sucesión» (Pallares / Portela 1993, 243 e 262). Isto implica, entre outras cousas, o reparto equitativo da herdanza entre os descendentes, varóns ou mulleres (ibídem, 248); destarte «a la alianza matrimonial se llega en igualdad de condiciones» e as mulleres casadas transmiten aos seus fillos e fillas os seus propios bens (ibídem, 275 e 293).

Pola contra, a estrutura agnaticia, que corresponde co modelo liñaxístico, unilinear e vertical, favorece a transmisión indivisa do núcleo do patrimonio mediante a adopción do morgado e o reparto desigual da herdanza segundo criterios de sexo (con preferencia dos varóns) e idade (con preferencia dos fillos maiores sobre os menores); de aí a importancia da primoxenitura e a primacía da liña masculina (véxase tamén Mattoso 1985b, 392). Segundo os autores que vimos seguindo, a transición entre un e o outro modelo nos medios nobiliarios galegos verificaríase na segunda metade do século xiii e os comezos do seguinte. Pola súa banda, J. Mattoso38 sostén que o proceso de constitución das liñaxes no seo da nobreza portuguesa comeza xa nos meados do século xii. Esta tese constitúe un esteo fundamental para os traballos de Resende de Oliveira, para quen os avances dese proceso nos ambientes nobiliarios galego-portugueses constitúen a chave para interpretar a canción de amor trobadoresca, e incluso a propia aclimatación do fenómeno trobadoresco en Galicia39. Segundo este estudoso, a imaxe da muller e da relación con ela que se plasma na canción de amor galego-portuguesa responde ás condicións creadas pola redefinición das estratexias familiares nos medios nobiliarios, unha redefinición que primaba os primoxénitos, relegaba os segundoxénitos (obrigados a procurar saída nas ordes militares, no clero ou na vasalaxe nos séquitos militares dos magnates) e resgardaba as fillas do casamento choéndoas nos mosteiros femininos. O protagonismo do cultivo da lírica trobadoresca durante a fase de implantación do fenómeno trobadoresco no noroeste correspondería precisamente a eses fillos segundos da media nobreza, degradados á condición de simples cabaleiros, e para os cales o acceso ao matrimonio con señoras da súa categoría social se volvía nunha aspiración inalcanzable e por tanto frustrante.

Como se bota de ver, o esclarecemento desta cuestión non é de importancia menor para a explicación da acollida do fenómeno trobadoresco nas terras da Galecia Magna, pero non é este o lugar para resolvela. Con seguranza, a modificación das estruturas familiares non se produciu de súpeto senón ao longo dun proceso máis ou menos demorado, e por tanto existiu un período de transición en que as novidades foron difundíndose de xeito irregular de xeración en xeración, de rexión a rexión, dun grupo social a outro, e incluso dunha familia a familia e dun ramo a outro do mesmo clan. Xa que logo, antes de chegar a conclusións xeralizantes sería bo estudar caso por caso, e polo que nos atinxe, un por un os trobadores das primeiras camadas: nunha primeira aproximación, por exemplo, parece que Pero Paez Bazaco e Fernan Paez de Tamallancos eran primoxénitos (contando só varóns), igual que Johan Soarez de Pavia, mentres que Osoyro Anes tiña ao menos dous irmáns varóns maiores e Johan Soayrez Somesso era probablemente segundoxénito (Monteagudo 2008, 325-27, 355-57 e 363-68 e mais Monteagudo 2013; para Johan Soarez véxase Miranda 2004).

Abóndenos aquí con sinalar que, no que atinxe á familia Traba, parece claro que ao longo do século xii as súas estratexias de sucesión e parentesco se orientaron segundo un criterio cognaticio, o que implicaba que os vencellos trabados pola liña feminina eran tan relevantes coma os establecidos pola masculina40. Por tanto, os fillos (varóns ou femias) das mulleres fillas de Pedro Froylaz de Traba formaban parte da familia co mesmo título ca os fillos e podían considerarse tanto membros da casa da súa nai (Traba) coma membros da casa do seu pai (Sousa ou Cameyros, nos casos que citamos no parágrafo anterior). En todo caso, aos efectos do papel que puideran ter as mulleres na difusión dunha afección arraigada na familia, non semella moi relevante que existise ou deixase de existir unha clara noción de liñaxe.

Perfilado xa o contorno xeográfico e social dos iniciadores do fenómeno trobadoresco na Galicia de finais do século xii e comezos do xiii, e salientado o papel dun mangado de familias nobres de Galicia e o Portugal setentrional no fenómeno, antes de rematar imos retrotraernos para os tempos de Xelmírez, na segunda e terceira década do século xii, para comprobarmos ata que punto nese período se configuran o cadro nobiliario que acolleu e adaptou aquela importante innovación cultural. Segundo as fontes coetáneas (en particular, a Historia Compostellana) os principais magnates e casas nobiliarias galegas no tempo de Diego Xelmírez eran os seguintes (véxase mapa nº 4 e esquema xenealóxico nº 1)41:

Pedro Froylaz de Traba*: Vermudo, Fernando Perez*, Rodrigo Perez de Traba* (> Portugal)

• Monio Paez de Monterroso*, casado con Lupa Perez de Traba

Rodrigo Froylaz (> Portugal), pai de Gonzalo Rodriguez

• Gomez Nunez de Pombeiro*(>Portugal), casado con Elvira Perez de Traba

• Rodrigo Velaz* de Lemos e Sarria, casado con Urraca Álvarez

• Goterre Vermudez* de Montenegro, casado con Toda Perez de Traba

• Afonso Nunez* de Limia

Aos anteriores habería que engadir dous personaxes inicialmente secundarios, pero que ascenderon rapidamente naqueles tempos ata a primeira liña da nobreza galega:

• Fernando Eanes de Toroño, casado con Urraca Gomez

Arias Perez de Deza, casado con Ilduara Perez de Traba

Nunha simple ollada ás devanditas listas, ponse de vulto a centralidade da familia Traba, mentres que a comparanza coas árbores xenealóxicas que ofrecemos pon de relevo que unha parte substancial dos trobadores das primeiras xeracións remontan ás persoas que aparecen nesas dúas listaxes. Xa que logo, o marco social e cultural en que xermolou o trobadorismo galego-portugués quedou establecido, nas súas liñas xerais, na primeira metade do século xii, nos tempos de Diego Xelmírez.

80637.png

Esquema xenealóxico nº 2. Descendencia de Arias Calvo.

80685.png

Esquema xenealóxico nº 3. Descendencia de Fernando Arias.

80747.png

Esquema xenealóxico nº 4.

80788.png

Esquema xenealóxico nº 5. Descendencia de Johan Fernandez Batissela.

80910.png

Esquema xenealóxico nº 6. Descendencia de Payo Curvo.

80989.png

Esquema xenealóxico nº 7. Os Sousa: enlaces cos Batissela e cos descendentes de Maria Paez Ribeyra.

81037.png

Mapa nº 4.

7. CABO. A XEITO DE CONCLUSIÓN

Imos retomar algunhas das ideas que fomos enfiando nas páxinas anteriores, para ofrecer a xeito de conclusión do presente contributo:

  • A lírica trobadoresca galego-portuguesa compúxose en romance galego(-portugués) porque se orixinou e tivo a súa base principal no territorio de Galecia ou Gallacia Magna, isto é, galaico-portucalense.
  • A súa base social de orixe é a nobreza galaica das dúas beiras do río Miño. Os contactos entre familias nobres de Galicia e o Portugal entre Miño e Douro tiveron un relevante papel na difusión e consolidación do fenómeno trobadoresco. En todo caso, cómpre investigar máis a fondo a nobreza galega dos séculos xii e xiii, completando desde a perspectiva de aquén Miño os importantísimos e esclarecedores estudos realizados xa alén Miño.
  • Os inicios da lírica trobadoresca deben situarse máis ben nas últimas décadas do século xii, aínda que probablemente antes da derradeira puido tratarse de experimentos ou tentativas illadas. A implantación definitiva dunha tradición solidamente asentada e crecentemente difundida debeu producirse a partir de 1200, quizais co concurso do trobador occitano Peire Vidal, durante a súa estadía na na corte rexia de Afonso ix de Galicia / León, corte que, en todo caso, debeu de xogar un papel importante nesa implantación.
  • Finalmente, tamén salientamos a importancia de determinadas familias nobres de Galicia e o Portugal setentrional e as ligazóns entre elas, cara ao oriente (Lara e Cameiros cos Traba) pero sobre todo entre o norte e o sur do Miño.

En definitiva, non só pola lingua, senón tamén pola orixe histórica e polo ámbito xeográfico e sociocultural que lle serviu de base, a poesía trobadoresca é un fenómeno basicamente galego(-portugués), aínda que emerxeu por influxo europeo (occitano) e atinxiu un alcance hispánico; unha realidade esta que ás veces vén embafada polo indiscutible brillo das cortes rexias de Castela (Afonso x) e Portugal (Don Denis).

Fontes documentais

A = Cancioneiro da Ajuda

B = Cancioneiro da Biblioteca Nacional

Historia Compostellana = Flórez, Henrique (1767), Historia Compostelana. Madrid: Imprenta de la Viuda de Eliseo Sánchez.

Livro do Conde = Mattoso, José (ed.) (1980), Livro de Linhagens: Livro de Linhagens do Conde D. Pedro, 2 vols. Lisboa: Publicações do II Centenário da Academia das Ciências.

LD = Livro de Linhagens do Dean, en Portugaliae Monumenta Historica. Scriptores, I. Olisipone, 1856, 143-75.

LV = Livro Velho de Linhagens, en Portugaliae Monumenta Historica. Scriptores, I. Olisipone, 1856, 175-83.

Recuero Astray, M. / González Vázquez, M. / Romero Portilla, P. (1998): Documentos medievales del Reino de Galicia. I. Alfonso VII (1116-1157). Santiago: Xunta de Galicia.

Romaní Martínez, M. (ed.) (1989): Colección diplomática do mosteiro cisterciense de Santa María de Oseira (Ourense) 1205-1310, vol. I. [Santiago:] Tórculo.

Bibliografía citada

Alvar, C. (1977): La poesía trovadoresca en España y Portugal. Barcelona: Editorial Planeta.

Alvar, C. (1978): Textos trovadorescos sobre España y Portugal. Barcelona: Editorial Planeta.

Barton, S. (1997): The Aristocracy in twelf-century León and Castile. Cambridge: Cambridge University Press.

Brea, M. (1994): «A voltas con Raimbaut de Vaqueiras e as orixes da lírica galego-portuguesa», en E. Fidalgo / P. Lorenzo Gradín (eds.), Estudios galegos en homenaxe ó Profesor Giuseppe Tavani. Santiago: Xunta de Galicia / Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro, 41-56.

Fernández Fernández, A. (2005): O mosteiro feminino de San Miguel de Bóveda na Idade Media. Estudo histórico e colección documental (séculos xii-xv). Noia: Toxosoutos.

Fernández Rodríguez, M. (2004), Toronium. Aproximación a la historia de una tierra medieval. Santiago de Compostela: Instituto de Estudios Gallegos ‘Padre Sarmiento’.

Flórez, H. (1767), España Sagrada. Tui, vols. 22 e 23. Madrid: Antonio Marín.

Galindo Romeo, P. (1923), Tuy en la Baja Edad Media. Siglos xii-xv. Madrid: Consejo Superior de Investigaciones Científicas.

García Turnes, B. (2002): «Sobre a (proto)historia do termo galego-portugués na reflexión lingüística lusa do século xix», en R. Lorenzo (coord.), Homenaxe a Fernando R. Tato Plaza. Santiago: Universidade de Santiago de Compostela, 323-35.

Gonçalves, E. (1976): «La Tavola Colocciana Autori Portughesi», Arquivos do Centro Cultural Português 10, 387-448.

González, J. (1944): Alfonso IX, 2 vols. Madrid: Instituto Jerónimo Zurita.

Lacerda, Manuel (coord.), http://www.igespar.pt/pt/. Instituto de Gestão do Património Arquitectónico e Arqueológico, Governo de Portugal.

Lapa, M. Rodrigues (1977): Lições de Literatura Portuguesa. Época Medieval. Coimbra: Coimbra Editora.

Lomax, D. (1982): «Catalans in the Leonese Empire», Bulletin of Hispanic Studies 49, 191-97.

López Ferreiro, A. (1901/ 1902): Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago de Compostela, vols. IV e V. Santiago: Imprenta y Enc. del Seminario Conciliar Central.

López Sangil, J. L. (2005), A nobreza altomedieval galega. A familia Froilaz-Traba. Noia: Toxosoutos.

Mattoso, J. (1984): Portugal Medieval. Novas interpretações. [Lisboa:] Imprensa Nacional / Casa da Moeda.

Mattoso, J. (1985a): Ricos –homens, infanções e cavaleiros. [Lisboa:] Imprensa Nacional / Casa da Moeda.

Mattoso, J. (1985b): Identificação de um país. Ensaio sobre as origens de Portugal, 2 vols. Lisboa: Editorial Estampa.

Mattoso, J. (1987): A nobreza medieval portuguesa. A família e o poder. Lisboa: Editorial Estampa.

Mattoso, J. (dir.) 1993: História de Portugal. Segundo Volume: A monarquia feudal. [Lisboa:] Estampa.

Mattoso, J. (2007): Dom Afonso Henriques. Lisboa: Temas e Debates.

Menéndez Pidal, R. (1924): Poesía juglaresca y juglares. Aspectos de la historia literaria y cultural de España. Madrid: Centro de Estudios Históricos.

Miranda, J. C. (1998): «Le surgissement de la culture troubadouresque dans l’Occident de la Péninsule ibérique (II). Les genres, les thèmes et les formes», en Touber, A. (ed.), Le Rayonement des Troubadours, Actes du colloque de l’AIEO. Amsterdam / Atlanta: Rodopi, 97-105.

Miranda, J. C. (2004): Aurs mesclatz ab argen. Sobre a primeira geração de trovadores galego-portugueses. Porto: Guarecer.

Monteagudo, H. (1998): «Cantores de santuario, cantares de romaría», en D. W. Flitter & P. Obder de Baubeta (eds.), Ondas do mar de Vigo. Actas do Simposio Internacional sobre a Lírica Medieval Galego-Portuguesa. Birmingham: Seminario de Estudios Galegos, 12-37.

Monteagudo, H. (1999): Historia social da lingua galega. Galaxia: Vigo.

Monteagudo, H. (2008): Letras primeiras. O Foral do Burgo de Caldelas, os primordios da lírica trobadoresca e a emerxencia do galego escrito. [A Coruña:] Fundación Barrié de la Maza.

Monteagudo, H. (2013): «A personalidade histórica do trobador Johan Soayrez Somesso», en Rosario Álvarez / Ana Maria Martins / Henrique Monteagudo / Maria Ana Ramos (eds.), Ao sabor do texto. Estudos dedicados a Ivo Castro. Santiago de Compostela: Universidade, 421-52.

Monteagudo, H. (no prelo): «Somesso, Fornelos, Sarraça, Fayan», Boletín da Real Academia Galega.

Moralejo Álvarez, S. (2004a), «Artistas, patronos y público en el arte del camino de Santiago», en idem, Patrimonio artístico de Galicia y otros estudios. Homenaje al Prof. Dr. Serafín Moralejo Álvarez, 3 vols. Santiago de ComposteLa: Xunta de Galicia, t. II, 21-36.

Moralejo Álvarez, S. (2004b), «Artes figurativas y artes literarias en la España Medieval: románico, romance y roman», en idem, Patrimonio artístico de Galicia y otros estudios. Homenaje al Prof. Dr. Serafín Moralejo Álvarez, 3 vols. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, t. II, 55-60.

Oliveira, A. Resende de (1993): «A caminho da Galiza. Sobre as primeiras composições em galego-português», en Brea, M. (coord.), O cantar dos trobadores. Actas do congreso celebrado en Santiago de Compostela entre os días 26 e 29 de abril de 1993. Santiago: Xunta de Galicia, 249-61. Recollido en Oliveira 2001, 65-78.

Oliveira, A. Resende de (1994): Depois do espectáculo trovadoresco. A estrutura dos cancioneiros peninsulares e as recolhas dos séculos xiii e xiv. Lisboa: Colibri.

Oliveira, A. Resende de (1995): Trobadores e xograres. Contexto histórico. Vigo: Xerais.

Oliveira, A. Resende de (1998b): «Le surgissement de la culture troubadouresque dans l’Occident de la Péninsule ibérique (I). Compositeurs et cours», en A. Touber (ed.), Le Rayonement des Troubadours, Actes du colloque de l’AIEO. Amsterdam / Atlanta: Rodopi, 85-95. Recollido, en versión portuguesa aumentada, co título «A ocidentalização do canto trovadoresco galego-português. Compositores e cortes» en Oliveira 2001, 79-95.

Oliveira, A. Resende de (2001): O Trovador galego-português e o seu mundo. Lisboa: Notícias.

Oliveira, A. Resende de / J. C. Miranda (1995): «A segunda geração de trovadores galego-portugueses: temas, formas, realidades», en J. Paredes, Medioevo y literatura. Actas del V Congreso de la Asociación Hispánica Medieval, 4 vol. Granada: Universidad, vol. 3, 499-512. Reproducido en Oliveira 2001, 97-110.

Pallares, M.ª C. / E. Portela (1993): De Galicia en la Edad Media. Sociedad, Espacio y Poder. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.

Pardo de Guevara y Valdés, E. (2000): Los señores de Galicia. Tenentes y condes de Lemos en la Edad Media. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza.

Prol, S. (2009): Nobres vencellados ao castelo de Maceda. Ourense: Difusora de letras, artes e ideas.

Ron Fernández, X. (2005): «Carolina Michaëlis e os trobadores representados no Cancioneiro da Ajuda», en M. Brea (coord.), Carolina Michaëlis e o Cancioneiro da Ajuda, hoxe. Santiago de Compostela: CRPIH / Xunta de Galicia, 121-88.

Sánchez Ameijeiras, R. (2001): El Arte Románico en Galicia y Portugal / A Arte Românica em Portugal e Galiza. [S.l.:] Fundación Pedro Barrié de la Maza / Fundação Calouste Gulbenkian, 156-75.

Souto Cabo, J. A. (2006): «Pedro Garcia de Ambroa e Pedro de Ambroa», Revista de Literatura Medieval 18, 225-48.

Souto Cabo, J. A. (2010): «O eco das primeiras vozes», en E. M. Oliveira Gomes da Torre (org.), Voz. viii Colóquio Internacional da Seccão Portuguesa da AHLM. Vila Real: UTAP.

Souto Cabo, J. A. (2012): Os cavaleiros que fizeram as cantigas. Niterói (RJ): UFF.

Souto Cabo, J. A. (no prelo): «Fernando Pais de Tamalhancos: cavaleiro e poeta», Revista de Literatura Medieval.

Tavani, G. (1986): A poesía lírica galego-portuguesa. Vigo: Galaxia.

Vasconcellos, Carolina Michäelis (1904), Cancioneiro da Ajuda. Edição crítica e commentada, 2 vols. Halle: Max Niemeyer.

Vieira, Y. Frateschi (1999): En cas dona Maior. Os trovadores e a corte senhorial galega do século xiii. Santiago de Compostela: Laiovento.

Yzquierdo Perrín, R. (1997): «Escenas de juglaría en el románico de Galicia», en J. Leira López (dir.), Aulas no Camiño. Un estudio multidisciplinar da realidade galega que atravesan os camiños de Santiago. O camiño inglés e as rutas atlánticas de peregrinación a Compostela. A Coruña: Universidade da Coruña, 67-102.

Yzquierdo Perrín, R. (2008): «Aspectos de la vida cotidiana en el románico y el gótico de Galicia», en M. del C. Lacarra Ducay (ed.), Arte y vida cotidiana en la época medieval. Zaragoza: Institución ‘Fernando el Católico’, 133-76.

1 En concreto, o sirventés satírico «Ora faz ost’el senhor de Navarra» do trobador portugués Johan Soarez de Pavia, probablemente composto en 1196. Sobre o texto e o contexto da cantiga véxase Miranda 2004, 15-57.

2 Xa entregado este traballo para a súa publicación, chega ás nosas mans por xentileza do seu autor a obra do profesor José António Souto Cabo Os cavaleiros que fizeram as cantigas (Niteroi/RJ, 2012). Ese espléndido traballo, que pon o ramo a unha intensa laboura de pesquisa de moitos anos e será referencia obrigada no futuro, trata en profundidade e por extenso o asunto que aquí tocamos de xeito sumario. Obviamente, no presente contributo tivemos moi presentes os avances desa magna empresa que foron publicados previamente en artigos (que nalgún caso puidemos consultar en versión pre-publicada, grazas á xenerosidade do noso colega), oportunamente citados na bibliografía. Pola contra, non nos foi posible levar conta do libro, fose para ampliar, corrixir ou matizar puntos aquí tocados, fose para expresar reparos, discrepancias ou matizacións ao que nel se afirma. En todo caso, malia traballarmos de xeito independente, agás diverxencias puntuais, as hipóteses de partida, a abordaxe do tema, a metodoloxía e as conclusións fundamentais de ambos son no esencial coincidentes.

3 Véxase García Turnes 2002. En todo caso, o adxectivo galego-portugués referido á lírica ten o defecto de evocar a imaxe enganosa dun fenómeno que abranxería a Galicia máis o Portugal actuais: o marco, o foco, a base, insistimos, está nas terras das dúas beiras do Miño, que abranxen aproximadamente a Galicia actual e Portugal ao norte do Douro. Tamén é certo que a designación galego ten o defecto de asociarse de xeito inmediato ao idioma actual de Galicia, co que daría a impresión de que os do norte de Miño pretendemos apropiarnos das realidades que designaba naqueles tempos.

4 Véxase en particular, Yzquierdo 1997 e 2008. Discusión dalgúns puntos, que se indicarán oportunamente, en Moralejo 2004a e 2004b e mais en Sánchez Ameijeiras 2001.

6 O único exemplo de posible (aínda que non probable) paralelismo con esta figura sería o personaxe de Santo Estevo de Lousadela que aparece portando un libro aberto, e que Yzquierdo interpreta, plausiblemente, como un clérigo.

7 Alén da referencia contida na ‘Vida’ de Guilhem Magret, Roy Diaz dos Cameiros aparece directamente citado en non menos de dúas composicións, unha de Aimar lo Negre (datable 1220-25ca.) e outra de Elias Cairel (1210ca), e talvez noutra de Raimon Vidal de Besalú (datable 1200-14), o que suxire que foi «um dos grandes mecenas do labor trovadoresco deste período, cuja actividade terá sido particularmente crucial no que diz respeito ao suporte às primeiras experiências em galego-português» (Miranda 2004, 43-44).

8 Sobre o descort existe unha amplísima bibliografía. Para o que nos interesa aquí, remitimos a Brea 1994.

9 No caso dos autores de que non nos chegaron composicións, o número de cantigas atribuídas despréndese das cifras que asignan C (a Tavola Colocciana) e B (Cancioneiro Colocci-Brancuti ou da Biblioteca Nacional de Lisboa). O caso de Ayras Moniz é peculiar, pois non aparece en C, a pesar de ser este o presumible índice de B. Nos nomes dos trobadores asumimos algunhas correccións sobre as formas recollidas sexa en B ou C. Nomeadamente, as emendas Asme > Asma e Bazoco > Bazaco están xustificadas en Monteagudo 2008, 342 e implicitamenta asumidas por Souto Cabo 2010, 22 e 27. A lectura Ayras Oarez no lugar da máis corrente Ayras Soarez vén proposta (atinadamente, ao noso entender) por Souto Cabo 2010, 18-19. Este mesmo investigador (ibidem), propón corrixir o nome Don Juano por Don Juião ou Don Julião, mais esta corrección é máis difícil de xustificar desde o punto de vista paleográfico, pois no caso da segunda forma non se ve como a secuencia <li> sería omitida, e no da primeira, o esperable sería unha grafía con <y> (Juyano), que non parece doado que pasase desapercibida. Por parte, queremos reivindicar as nosas pescudas sobre Pero Paez Bazaco, Osoyro Anes e Fernan Paez de Tamallancos (Monteagudo 2008, 346-59, 363-91 e 393-416), non sempre debidamente recoñecidas.

10 Canto ao número de cantigas deste trobador, téñase en conta que en B aparece unha coa numeración repetida: B 39bis, mentres que B 43 se atopa transmitida fragmentariamente.

11 Aproveito para deixar constancia de que a síntese que presento da hipótese destes estudosos en Monteagudo (2008, 343) non implica que adherise a ela, como afirma o colega Souto Cabo (2010, 15 nota 24).

12 Véxase esquema xenealóxico nº 6.

13 Souto Cabo 2010, 25 dá esta Aldonza como neta de Fernando Perez de Traba, a través do conde Gonzalo Fernandez, pero non achega os seus argumentos para afirmar esa filiación.

14 Julio González no lugar citado, atribúelle a tenza das terras de «Aguilar y Monteagudo», pero coidamos que no caso da segunda se trata dun lapsus por «Montenegro», pois na Galicia medieval non se rexistra ningunha terra denominada «Monteagudo».

15 Ese grupo atópase dalgún xeito individualizado pola lagoa que presenta o cancioneiro A inmediatamente despois de Johan Soayrez Somesso (Vasconcellos 1904, I, 186-87), unha lagoa arrodeada doutras anomalías, tanto en A como en B, o cal se ten plausiblemente interpretado como un indicio de que ese lugar constitúe un ‘punto de sutura’ de distintos testemuños manuscritos preexistentes (Oliveira 1994, 66-67). É notable nese senso que o cancioneiro de Nuno Eanes Cerzeo, autor que segue a Somesso en B, vaia encabezado pola rúbrica «Nun’Eanes Cerzeo que fez estas cantigas d’amor», o que parece indicar que este autor foi introducido tardiamente nesa posición. Véxase Monteagudo 2008, 371-72 e a bibliografía a que aí remitimos.

16 Véxase Monteagudo 2008, 359-61 e Souto 2010, 27-28; estudo e edición do seu cancioneiro en Miranda 2004, 81-90 e 140-45.

17 Véxase Monteagudo 2008, 354-55; estudo e edición do seu cancioneiro en Miranda 2004, 91-96 e 146-49.

18 Véxase Monteagudo 2008, 346-59.

19 Véxase Souto Cabo 2010, 34-37. Este investigador propón identificalo como fillo de Vela Goterrez, mordomo de Fernando II e de Sancha Ponce. Johan Velaz sería neto por parte de pai de Toda Perez de Traba, filla de Pedro Froylaz (véxase esquema xenealóxico nº 1). A datación tan temperá converte en arriscada (e ao tempo especialmente interesante) esta proposta, que implicaría que o cultivo da lírica trobadoresca xa comezara pouco despois dos meados do século xii. Pero precísanse máis evidencias, ou ao menos indicios, para esteala con mellor fundamento. Véxase agora Souto Cabo 2012, 17-53.

20 Véxase Souto Cabo 2010, 38-43, quen propón emendar a lectura do nome deste trobador para Juyano, e identificalo con Don Juyão Perez Cotalaya (doc. 1151-1202). A proposta é suxestiva, pero obriga a unha emenda moi arriscada, tal como sostivemos arriba. Véxase agora Souto Cabo 2012, 187-97.

21 Véxase Vasconcellos 1904, II, 565-70, Oliveira 1994, 371-72, Miranda 2004, 15-48 e Souto Cabo 2010, 39-43, e agora 2012, 112-16.

22 Véxase Vasconcellos 1904 II, 570-74, Oliveira 1994, 423-24 e Miranda 2004, 45-47.

23 Véxase Vasconcellos 1904, II, 574-79, Oliveira 1994, 430 e Miranda, 2004, 37-45.

24 Véxase Souto Cabo 2010, 22, e agora 2012, 121-23. A proposta de lectura do nome adiantada por este investigador parece aceptable, o que resulta máis dubidoso é o parentesco que lle atribúe con Osoyro Anes e a súa familia (os Limia), pois no documento que pode servir de proba para establecela, datado en 1168 (Fernández Fernández 2005, 119-21), entre outros elementos disonantes, o seu pai aparece como Arias Fernandez, mentres que o pai de Johan, Pedro e Fernando Arias de Limia se chamaba Ayras Pedrez Calvo (véxase Recuero Astray / González Vázquez / Romero Portilla 1998, 131; documento datado en 1141). Canto ás datas en que Ayras Oarez está documentado, á de 1187 achegada por Souto Cabo, probablemente pode engadirse a de 1208 (Romaní 1989, I, 136).

25 Véxase Monteagudo 2008, 363-92; estudo e edición da súa obra en Miranda 2004, 97-125 e 150-64. López Ferreiro 1902, V, 372-73, e tras el Cotarelo 1933, Oliveira 1994, 398-99 e Miranda, ibidem identifican o trobador cun Osoyro Anes Mariño, presunto irmán dos tamén trobadores Pero e Martin Anes Mariño, cóengo da catedral de Santiago que viviu na primeira metade do século xiii (doc. 1220, morto 1246). A nosa proposta, que coidamos ben fundada, xa fora suxerida pero rexeitada sen una exploración pormenorizada por Oliveira 1994, 398, Frateschi Vieira 1999, 144-47 e Miranda 2004, 98 (en nota). Acéptaa Souto Cabo 2010, 20-22, que anuncia unha argumentación máis detida agora en Souto Cabo 2012, 79-123.

26 Véxase López Ferreiro 1902, V, 372 e Oliveira 1994, 394-95.

27 Véxase Oliveira 1994, 338-39. Segundo este estudoso, tendo en conta a anomalía de que apareza copiada nese lugar unha cantiga de amigo (fragmentaria) a seguir a súa única cantiga de amor conservada, é probable que este trobador sexa un intruso no grupo dos máis antigos. Neste senso, documenta un Fernan Figueira en Cerveira (Alto Minho) en 1258, que podería representar un ramo secundario da familia, radicada na terra galega de Lemos, que se establecería en Portugal a partir da metade do século xiii.

28 Véxase Vasconcellos 1904 II, 318-19 e 527-29, e Oliveira 1994, 351-52.

29 Véxase Souto Cabo 2010, 31, e agora 2012, 112-16.

30 Véxase Oliveira 1994, 344 e especialmente Monteagudo 2008, 388. A importante noticia que nós damos como primicia, que sitúa este trobador en Burgos en 1195, foi ampliada por Souto 2010, 31, quen obvia a referencia ao noso traballo.

31 Véxase Souto Cabo 2006.

32 Véxase Monteagudo 2008, 393-416 e Souto Cabo no prelo.

33 Véxase Oliveira 1994, 439 e Monteagudo 2008, 389.

34 Véxase Ron Fernández 2005, 134-35, Souto Cabo 2010, 32-33 e Monteagudo 2013, e agora Monteagudo no prelo.

35 Dos trobadores anteriores a el, practicamente só temos cantigas de amor, todas elas transmitidas exclusivamente por A, salvo os casos excepcionais do sirventés de Johan Soarez de Pavia (transmitido por B e V na correspondente sección de cantigas satíricas) e da cantiga de amigo de Fernan Figueyra de Lemos, que, como vimos, aparece cunha colocación anómala (B 47) a seguir da única cantiga de amor deste autor (B 46).

36 Sobre os Arias véxase García Álvarez 1966, sobre os Limia / Batissela Monteagudo 2008, 137-8, 321-29, 363-68 e 490-93, e sobre os Novoa véxase Prol 2009, 19-32 e 227-30 (esta última para manexar con moita cautela, pois a fonte dezaoitesca que utiliza está viciada de confusións e fantasía), e agora Souto Cabo 2012, 79-123. Sobre a relación cos Traba, López Sangil 2005, 65-71 e 144-48, sobre a proxección en Portugal destas liñaxes (en particular os Traba e os Limia), e en xeral sobre o papel dos nobres galegos na corte portuguesa, véxase Mattoso 1984, 175-84; 1985a, 122-29-31; 1985b, 187-88 e 222 e mais 2007, 96-104. Véxase tamén Livro do Conde 13C3.

37 A atestación máis antiga áchase no Tumbo C da catedral de Santiago, nº 46.

38 «Em Portugal, creio não haver dúvida de que o sistema linhagístico substitui o cognático durante a segunda metade do século xii», en «Problemas sobre a estrutura da família na Idade Média», en Mattoso 1984, 241-57; a cita é da p. 248. Porén, o mesmo autor puntualiza: «Não quer isto dizer que não haja entre nós alguns casos de linhagem mais precoces e outros de persistência cognática, ou pelo menos de divisão equitativa do património familiar, ainda para além do fim do século xii […] O processo de difusão das linhagens se prolonga por mais de um século» (ibidem, 248, 249). A tese de que a estrutura liñaxística se implantou na nobreza portuguesa desde os mediados do século xii aparece reiterada en Mattoso 1985a, 110; a supervivencia do modelo cognaticio en áreas periféricas é estudada en Mattoso 1985b, 389-417.

39 Véxase os traballos «Como identificar o trovador», «A mulher e as origens da cultura trovadoresca no ocidente peninsular», «Afinidades regionais. A casa e o mundo na canção trovadoresca portuguesa», «Arqueologia do mecenato trovadoresco em Portugal» e «A segunda geração de trovadores galego-portugueses: temas, formas e realidades» recollidos en Oliveira 2001, 15-22, 23-34, 35-50, 51-62 e 97-110 respectivamente.

40 Estudan o caso, fundamentalmente desde o punto de vista da articulación de relacións de liñaxe, Pallares / Portela 1993, 277-94.

41 Sinalamos cun asterisco [*] os aristócratas que foron distinguidos co título condal, poñemos en cursiva os fillos e fillas de Pedro Froylaz de Traba e mais o seu irmán Rodrigo Froyaz, e indicamos cunha frecha [>] os que fixeron carreira en Portugal.