Juan Compañel Rivas. Un editor con conciencia de Galiza
Xurxo Martínez GonzálezUniversidade de Vigo


doi:10.17075/rcsxxi.2014.023

Comparte

«En quince de enero de mil ochocientos veinte y nueve […] bauticé solemnemente y puse los Santos Óleos a un niño que nació el día antes, al que puse por nombre Juan María de Jesús; hijo de legítimo matrimonio de D. Francisco Compañel y D.ª Jacoba de Ribas, vecinos de la calle de la Azabachería»1.

O apelido Compañel xa nos xera a primeira pregunta sobre os devanceiros do noso protagonista xa que non é un apelido galego. Nas distintas partidas bautismais dos cinco fillos do lar Compañel Rivas, Francisco Luis aparece como oriúndo de Villa de Torrente (Valencia), pero, na instancia enviada ao concello o 19 de maio de 1830, el mesmo afirma ser natural de Ferrol (en concreto da Graña)2. Murguía, no Diccionario de escritores gallegos (1862: 26), tamén indica este último lugar (e lembremos que o Diccionario está impreso por Juan Compañel, o cal puido intervir para corrixir o dato). Nós sospeitamos que naceu, efectivamente, en Villa de Torrente, pero axiña a súa familia se trasladaría a Ferrol.

O primeiro dato que temos da instalación do lar Compañel Rivas en Compostela sitúanos en 1820, época do Trienio Constitucional. Nesa etapa, Francisco Luis Compañel rexenta unha libraría onde se facían subscricións ao xornal El Cetro Constitucional. Diario Político3, que o seu propio título confesa a liña liberal.

Pola documentación coñecida, teremos que agardar até 1830 para que o espazo daquela libraría incorporase tamén unha imprenta, mercada ao impresor Ramón Temes Gil. Manuel Murguía afirma no seu Diccionario de escritores gallegos sobre o obradoiro de Compañel: «el mejor establecimiento tipográfico que conoció Santiago en el presente siglo» (1862: 26).

As primeiras obras publicadas polo novo obradoiro e que puidemos consultar corresponden ao ano 18314. Porén, hai outra obra que aparece no arquivo do Catálogo Colectivo del Patrimonio Bibliográfico Español con data de 1830: Novena a la Seráfica Sta. Teresa de Jesús, madre y fundadora de la sagrada Orden Reformada de Carmelitas Descalzas, Descalzos / por un padre de la Compañía de Jesús5.

O 26 do mes de Nadal de 1832 morría Francisco Luís Compañel e deixaba catro fillos orfos e unha viúva embarazada, Jacoba Rivas, que tivo a coraxe de poñerse á fronte do negocio familiar. Polo testamento, afirman os profesores Barreiro Fernández e Odriozola: «Por la tasación de los bienes que se hace, sabemos que se trata de una familia joven que iniciaba realmente su vida con pocos recursos económicos pero con una extraordinaria ilusión» (1992: 223).

Os citados investigadores tamén consideran que a viúva contou inicialmente coa axuda dalgún profesional do sector, sinalando o nome de Jacobo Souto. Os pés dos novos libros poñen: Imprenta de la Viuda de Compañel e Hijos.

Durante os anos de florecemento da prensa provincialista, coincidentes cun contexto histórico favorábel aos progresistas, o taller familiar imprimirá cabeceiras tan sinaladas como El Idólatra de Galicia (voceiro da benemérita Academia Literaria), El Porvenir ou La Revolución, órgano da xunta revolucionaria creada en 1846.

Nun exercicio de imaxinación histórica, tratemos de figurarnos a presenza de Antonio Romero Ortiz, José Rúa Figueroa, Domingo Díaz de Robles ou Antolín Faraldo pasando polo obradoiro dos Compañel para deixar as cuartillas e escritos para os xornais citados. E nese espazo está Juan Compañel, que, con 17 anos, xa debe estar traballando na imprenta e, incluso, pode que estea á fronte dela xa que o seu irmán máis vello (Joaquín) se encargara da imprenta que a familia abrira en Ourense precisamente dende o inicio de 18466.

O noso protagonista foi, con case a práctica seguridade, testemuña dos enfrontamentos polas rúas de Compostela entre as tropas do xeneral Concha e as tropas rebeldes comandadas por Solís. Precisamente pola rúa da Acibechería, onde residía a familia, sucederon distintas escaramuzas armadas.

Naqueles anos de mocidade, Juan Compañel estaba a recibir unha lección de historia galega e estaba en predisposición para aprendela e interpretala. A súa educación ideolóxica situouse, sen dúbida, nun ambiente progresista e con querenza polas teses provincialistas daquela xeración malograda en 1846, que sufrira unha derrota na batalla, pero sementara razóns de compromiso para as xeracións vindeiras7.

Sobre a formación educativa e profesional do noso protagonista, lemos o testemuño del mesmo nun artigo feito en terceira persoa e publicado en resposta a algunhas desconsideracións feitas dende o Diario de La Coruña.

Este periodista [Compañel] hoy, ha aprobado con buenas notas en la Universidad de Santiago algunos cursos de filosofía, jurisprudencia é historia natural; en el Seminario de la misma ciudad, algunos cursos también de teología, lengua griega y hebrea y literatura latina; en las cátedras de la Sociedad Económica, estudió química y mecánica; particularmente aprendió las lenguas francesa e italiana, música y dibujo8.

Aínda que uns anos máis novos ca Juan Compañel, xa andaban polas rúas de Compostela Aurelio Aguirre e Manuel Murguía, xa acudían ás aulas da Real Sociedade Económica de Amigos do País9. Peregrina Compañel (n. en 1833) ía de paseo con Rosalía de Castro.

JUAN COMPAÑEL EN MADRID

En 1850, atopamos en Madrid o noso protagonista. Descoñecemos exactamente o ano en que chega á capital española, aínda que sospeitamos que puidese ser ese mesmo ano. «Cuando desgracias de familia llevaron al Sr. Compañel á Madrid á enseñarle á ganar el pan con el sudor de la frente, época á que pobremente alude con misterio el Diario, sin saber que esa época es para nosotros la más honrosa y de vanagloria»10.

O negocio de Ourense pecha en maio de 1847. É posíbel, nesa altura, que Joaquín Compañel marchase a Madrid onde traballaría en Correos? Nada sabemos. A finais de 1849 e inicios de 1850, a imprenta que tiñan en Compostela sofre dificultades, coidamos que económicas, que provocan o peche do negocio no citado 1850. Jacoba Rivas quedaría, entón, cunha libraría, segundo se desprende do rexistro de casados de 1861 da súa filla Carmen11.

Naquela altura, atopamos en Madrid nomes como Antolín Faraldo, Antonio Romero Ortiz, José Rúa Figueroa, Vicente Manuel Cociña e outros distinguidos na época do provincialismo da década dos 40. Tamén a un Nicomedes Pastor Díaz pero, sobre todo, a Eduardo Chao Fernández, un dos dirixentes do radical Partido Demócrata (fundado en 1849 a partir dos sucesos revolucionarios de 1848) e un dos xornalistas máis activos na prensa de capital12.

Interésanos moito poñer de relevo a figura de Eduardo Chao Fernández e toda a estirpe dos Chao. Non imos deternos en relatar a importancia do boticario José María Chao nos primeiros pasos do liberalismo galego e a súa función dentro dos círculos vigueses. Pero si cómpre saber de Eduardo Chao a súa faceta de líder político situado no republicanismo de esquerdas, a súa presenza nos círculos e cafés de Madrid, a súa participación na editorial Gaspar y Roig (unha das casas máis notábeis da época), onde escribe, coordina e mesmo chega a dirixir coleccións como a da Biblioteca del Hombre Libre; e a súa relación coa familia Avendaño (natural de Vigo), asentada na cidade do Manzanares.

Unha hipótese que lanzamos é a posibilidade de que Eduardo Chao protexese e favorecese a Juan Compañel na súa chegada a Madrid. Sendo unha persoa de peso dentro da citada editorial Gaspar y Roig, pode resultar válida a seguinte afirmación de José Antonio Durán: «Allí [en Madrid] moraban, en efecto, el impresor Juan Compañel, cuñado del anfitrión [Eduardo Chao] y Alejandro, el menor de los Chao. Amante de por vida de la formación profesional […], los dos se estaban formando a la última en el mundo de la impresión, la edición y el comercio en Gaspar y Roig» (2000: 72).

A preparación técnica de Juan Compañel sitúanolo preto do mundo editorial, polo que, a proposta de Durán non debe resultar un desatino. Aínda así, cómpre saber que en 1850 Compañel aínda non era nada dos Chao, pois casou con Emilia Chao en 1863 (trece anos despois). O que para nós non garda lugar a dúbidas é que Compañel entrou nos círculos sociais e intelectuais dos galegos exiliados (porque moitos eran realmente exiliados tras a represión exercida en 1846 e 1848 en Galiza) da man de Eduardo e Alejandro Chao, con quen compartían evidentes inquedanzas políticas, sociais e culturais.

Respecto deste período da súa vida, o noso protagonista confesa:

En aquella Corte no olvidó la educación que había recibido, y sus amigos en las horas de descanso eran las Cátedras del Ateneo, las Bibliotecas, los Museos y personas de talento e instrucción. Allí había merecido el título de Socio de mérito sobresaliente de la sociedad filantrópica Museo Popular al frente de la cual se hallaban doctores y catedráticos de la Universidad Central, y en esa sociedad fue catedrático de principios de geometría13.

Nesta altura, queremos facer mención a unha óptica de estudo pouco empregada no campo da historiografía cultural (porque hai cultura alén da literatura): a sociabilidade definida polo investigador occitano Maurice Agulhon. Cómpre que prestemos atención ás formas de socialización non só como condición dunha tendencia humana de formar grupo (que podería resultar algo máis propio da antropoloxía), senón como unha mostra sociolóxica do comportamento humano, centrándonos nos motivos, nas propias formas de expresión e no estudo dos propios espazos de socialización creados. Cómpre investigar o nacemento de espazos como os círculos recreativos, os parladoiros das cafetarías ou as conversas en lugares como as boticas (lembremos a de Suárez Freire en Compostela ou José María Chao en Vigo), bibliotecas (caso de Joaquín Patiño) ou imprentas (caso de Rei Chiquito e Compañel). E, á vez, seguindo a Agulhon, estudar como se produce esta nova socialización á calor da transformación sistémica no paso do Antigo Réxime ao sistema liberal, observar a democratización das persoas a partir destas experiencias e a creación de novos lugares de sociabilidade onde caducaría o salón aristocrático na medida en que aumentaba o lugar por excelencia da nova burguesía: o café.

Queremos tan só anotar esta percepción analítica como un chamado á reflexión da investigación galega. No estudo da obra literaria de Rosalía de Castro é tan importante o contido do escrito como o contexto en que é creado.

En 1854, triunfa un levantamento chamado A Vicalvarada, que provoca o ascenso ao poder de Espartero, o Duque da Vitoria (persoa moi ligada os círculos progresistas de Vigo e ao propio Eduardo Chao, aínda que este xa mantiña posturas máis radicais). Aqueles sucesos collen a Compañel e, seguramente, a Alejandro Chao en Madrid. Unha nova lección de historia ao contemplar a loita nas rúas da Milicia Nacional, o erguer das barricadas, a axitacións nas rúas, nos cafés, nas imprentas que non paraban de sacar proclamas e novas edicións das cabeceiras xornalísticas.

A primeira imprenta da que o noso protagonista será o encargado (non, polo tanto, o propietario) foi en 1855 en Madrid: Imprenta á cargo de J. Compañel. Entre os distintos traballos publicados, aparecen varios discursos de galegos na Universidade Central (lembremos que Nicomedes Pastor Díaz, o home chamado a prologar os Cantares fora reitor dela.

Pero máis atención prestamos á publicación dos seguintes títulos: La Razón. Revista Política, Filosófica y Literaria, promovida por Pi i Margall e Manuel Gómez Marín, o cal revela unha posición política revolucionaria (por certo que se inclúen algúns traballos feitos por galegos e de temática galega); e El Eco de la Clase Obrera, dirixido por un tipógrafo catalán chamado Ramón Simó y Badía, e que está considerado como un dos primeiros xornais marxistas na historia do Estado español. Pois ben, Compañel editou este xornal a partir do número 7 até o seu peche. O noso protagonista tamén imprimiu a primeira reclamación do dereito á asociación obreira presentada nas Cortes polos teceláns Joaquín Molar e Juan Alsina nese 1855.

Estas impresións obrígannos a pensar na relación que Compañel puido estabelecer cos núcleos do Partido Demócrata, verdadeiro defensor desas teses no Parlamento español. E tamén reflexionar sobre a participación de Eduardo Ruiz Pons (novo deputado dende 1854 polos demócratas) pero, sobre todo, a participación, influencia e mediación de Eduardo Chao para favorecer o impresor compostelán.

A CHEGADA DE JUAN COMPAÑEL A VIGO

En xaneiro de 1856, Compañel xa está en Vigo co encargo de poñerse á fronte da imprenta de La Oliva, aínda propiedade de José Ramón Fernández Domínguez (chamado Carballo), que este xa era cuñado de Eduardo e Alejandro Chao14. Un negocio, o de La Oliva, francamente familiar, pero que revela unha vez máis a importancia do estudo social da cultura galega.

Non é este o lugar para explicar polo miúdo os fundamentos de La Oliva. Abonda que saibamos que tiña a Alejandro Chao como redactor-xefe, a José Ramón Fernández como primeiro director, a Eduardo Chao como director ideolóxico. Manuel Murguía como director literario e a Compañel na imprenta. Xornal de progresismo avanzado, próximo ao Partido Demócrata (xa que La Oliva tamén foi apoiada polos sectores da burguesía progresista de Vigo) e xornal que recupera as liñas do provincialismo sen ápice de dúbidas. A primeira homenaxe aos Mártires de Carral faise dende as súas páxinas, así como a protección de Aurelio Aguirre e Eduardo Pondal polos suceso de Conxo ou a creación dunha biblioteca literaria, dirixida por Manuel Murguía, onde abundan os motivos galegos (obras como El Buho gallego do Conde de Lemos ou as cartas do Conde de Gondomar).

Compañel tamén se encargaba da impresión do Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra no ano 1856, grazas á mediación (e tráfico de influencias, todo hai que dicilo) dos progresistas vigueses15.

Coidamos que no núm. 88 (3 de Nadal de 1856), Compañel asume a dirección do xornal. A imprenta mercaríalla a José Ramón Fernández despois, en 1859, cando o impresor tamén era director d´El Miño.

Á fronte d´El Miño, xornal do que coñecemos unha porcentaxe mínima da colección, aínda á espera (nós que somos fregueses da esperanza e optimismo) da súa aparición completa, Compañel decide pór no subtítulo a partir de 1863 «Todo por Galicia. Todo para Galicia», recuperando unha parte do dito por El Porvenir. Nas páxinas d´El Miño está escrita a historia do Rexurdimento galego.

A relación entre o matrimonio Castro-Murguía e Compañel foi moi estreita. Lembremos tamén a que mantiveron ambos con Alejandro Chao, compoñendo, así, unha tríade verdadeira en que Rosalía emerxe como a voz da literatura patria. Compañel foi o principal editor das obras de Castro-Murguía: La hija del mar (1859), La primera luz (1859), Diccionario de escritores gallegos (1862), A mi madre (1863), Cantares gallegos (1863) e Ruinas (1864). Mesmo a finais de 1859, o matrimonio trasládase a Vigo para que Murguía se poña á fronte d´El Miño ante a ausencia temporal de Compañel.

Nestes anos, o impresor sufriu a persecución dos conservadores e mesmo pasou pola cadea. Porén, tamén contou coa solidariedade dos progresistas de Vigo, moi ligados no seu día á familia Chao16. Deste xeito, non nos pode parecer estraño atopar o nome de Juan Compañel entre os accionistas fundadores do Banco de Vigo, no distinguido ano de 1863, o mesmo en que casa con Emilia Chao Fernández (coa cal terá tres fillos). Tamén foi socio fundador da empresa de papelaría chamada La Cristina, en Lavadores.

Non parece que haxa dúbidas para comprender o papel de Compañel na posta dos cimentos do florecer da cultura galega. Nós vemos na súa vontade un ánimo progresista e provincialista, firme na decisión de situar a Galiza en pé de igualdade no concerto polifónico dos pobos. E, non esquezamos que contaba co apoio económico, parece que incondicional, do seu cuñado José Ramón Fernández, a quen bautizamos nun artigo como o «mecenas» dos Cantares de Rosalía17.

Cando se proclame a I República (1873), Compañel deixará a dirección do xornal. A razón atopámola no nomeamento de Eduardo Chao como ministro de Fomento, quen sitúa o noso editor como delegado do citado ministerio para a provincia de Ourense, no tempo en que as obras do ferrocarril eran o grande asunto dos coetáneos.

SAÍDA A CUBA

Como sabemos, a experiencia republicana durou pouco. Que sucedeu entón con Compañel? Couceiro Freijomil afirma: «Marchó Compañel a Cuba en el año 1873». Así parece, pero nada podemos aseverar. Cónstanos, porén, que traballou na illa cubana na administración de Correos en Cienfuegos18.

A primeira nova do editor dos Cantares en Cuba é do ano 1876, cando aparece ligado ao negocio de La Propaganda Literaria, presidida polo seu camarada e cuñado Alejandro Chao. Curiosamente, Compañel préstalle unha alta cantidade de cartos para a compra do establecemento onde estaría La Propaganda Literaria (rúa O´Reilly 54). Polo tanto, Compañel e Chao xuntos en Cuba, aínda que coidamos que en distintas cidades. Colaborou coa empresa do seu cuñado: La Ilustración de Galicia y Asturias, La Ilustración Gallega y Asturiana e La Ilustración Cantábrica. Un proxecto xornalístico ambicioso, con Manuel Murguía na dirección literaria.

O noso editor tamén viviu unha experiencia xornalística e impresora propias na illa caribeña. Lemos na necrolóxica que lle realizou Eco de Galicia: «Dicho señor ha sido director fundador de La Oliva y El Miño de Vigo, y en Cuba del Diario de Cárdenas, La Lealtad de Cienfuegos y La Unión de Colón»19. As tres cabeceiras cubanas tiñan unha mesma tendencia política: o unionismo fronte ao movemento emancipatorio dos mambís cubanos, con Martí á cabeza.

A figura de Juan Compañel entre a emigración galega era coñecida e recoñecida. No Nadal de 1879, constituíase a Sociedad de Beneficiencia de Naturales de Galicia en Cárdenas, unha das primeiras sociedades da emigración galega na illa caribeña. Os presentes acordaron nomear como presidente a Juan Compañel Rivas20.

Tivo aínda ocasión de volver a Vigo xa nos derradeiros anos e afectado dunha doenza descoñecida para nós. A morte colleuno en La Catalina (provincia de Matanzas) no ano 1897, cando daquela exercía o cargo de secretario do concello, dirixido por un furibundo «unionista» español chamado Antonio Alonso de la Lastra. A redacción de Faro de Vigo despedíase así: «Su nombre es bien conocido en Vigo, donde hace ya bastantes años compartió con nosotros las ingratas tareas del periodismo, consagrándose á ellas con toda la fé y el entusiasmo propios en quien como él unía á las dotes de una clara inteligencia, una firmeza de carácter y una convicción de pensamientos inquebrantables»21.

Os seus fillos continuarían ligados á colectividade galega: Juan Compañel Chao como vogal da directiva do Centro Galego da Habana en 1912, Francisco Compañel Chao como bibliotecario do mesmo Centro Galego e secretario da Asociación Viguesa da Habana. Emilia Chao, a súa viúva, falecería en Vigo en 1922.

OS CANTARES DE ROSALÍA PUBLICADOS EN VIGO

Segundo temos relatado anteriormente, o grupo progresista de Vigo, ligado de maneira estreita coa familia Chao, converteu a cidade nun punto de referencia para a cultura galega por medio do seu voceiro oficioso: La Oliva.

Nos editoriais e soltos do xornal, podemos advertir a vontade de recuperación da cultura galega, os seus contos, tradicións, historia e personalidades senlleiras. Recuperan, logo, a vontade existente no provincialismo da década dos 40 onde, como xa sabemos, se formou o noso protagonista.

Ao ano de vida do xornal vigués, xa baixo dirección de Juan Compañel, lemos o seguinte anuncio, seguramente redactado polo impresor e director: «Esta Biblioteca se compondrá de obras de Galicia, y la mayor parte escritas por gallegos, poco conocidas muchas de ellas, inéditas las más, y agotadas otras en sus ediciones, que no se podrán reproducir de otro modo»22. Esta biblioteca dirixiraa Manuel Murguía.

En 1858, Juan Compañel edita e publica El Álbum de El Miño, onde se recolle a colaboración de Rosalía titulada «Lieders». No prólogo do citado álbum, asinado por Compañel, lemos: «Todo lo que tenga relación con Galicia, tiene ya en las columnas del album su lugar designado. Su historia, las creencias populares, las descripciones de sus monumentos; los cantos de sus poetas; las canciones populares, esas gotas fresquísimas de la poesía del pueblo, todo ello merecerá nuestra atención. Queremos hacer un libro, que encierre en sus páginas algo de aquello que constituye la gloria de nuestro país»23.

No prólogo á obra escolar La primera luz (1859), da autoría de Manuel Murguía, relata Juan Compañel: «Nuestro objeto es que el niño, tan pronto empiece a leer, empiece á la vez a conocer y amar á su patria ¡ninguna como la nuestra necesita mas de este santo amor de sus hijos. […] Al ofrecer pues, semejante libro a Galicia, creemos llenar la más alta misión del editor y del hijo amante de su país».

Con estas proclamas, consideramos probado o compromiso coa cultura galega asumido por Juan Compañel Rivas. Igualmente, a presenza dos escritores máis representativos do Rexurdimento nas páxinas de La Oliva e El Miño confirmarían o seu director como un dos impresores de referencia para aquela xeración.

Por estas razóns expostas, coidamos que pode explicarse por que Cantares gallegos se imprimiu en Vigo nos talleres da rúa Real, propiedade de Juan Compañel. Unha obra que supuxo un risco empresarial pola súas características (poesía en galego escrita por unha muller cunha clara vontade progresista e protonacionalista).

Mais, como indicamos noutra parte, a historia da literatura (e cultura) galega precisa cruzar as análises textuais coas análises do contexto social e político daquela altura, rebuscar os lazos familiares e de amizade entre os axentes que participan no proxecto común, na grande obra, de dignificar Galiza para situala no seu xusto lugar dentro da polifonía dos pobos.

Referencias bibliográficas

Alonso Gregorio-Espino, Julio (1984): Notas genealógicas viguesas, volume I, Madrid, MAR-CAR.

Álvarez Ruiz de Ojeda, Victoria (2000): «Manuel Murguía e a Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago (con dous textos inéditos do historiador)», Grial, 147, 399-429.

Barreiro Fernández, Xosé Ramón / Antonio Odriozola Pietas (1992): Historia de la imprenta en Galicia, A Coruña, Biblioteca Gallega.

Bouza Brey, Fermín (1963): «Los Cantares gallegos o Rosalía y los suyos entre 1860 y 1863», Cuadernos de Estudios Gallegos, Santiago de Compostela, Instituto Padre Sarmiento, tomo 18.

Durán, José Antonio (2000): Murguía, 1833-1923, Madrid, Taller de Ediciones J. A. Durán.

Martínez González, Xurxo (2010): «La Oliva, matraz do Rexurdimento», A Trabe de Ouro, 84, Santiago de Compostela, Sotelo Blanco, 581-589.

Martínez González, Xurxo (2012a): «O “mecenas” dos Cantares de Rosalía», Faro de Vigo, 1 de novembro.

Martínez González, Xurxo (2012b): «Juan Compañel Rivas (1829-1897). Alén do editor do Rexurdimento», Grial, 195, 106-117.

Soto Freire, Manuel (1982): La imprenta en Galicia, Lugo, Círculo de las Artes.

1 Serie Libro Sacramental, San Juan Apóstol. Libro de bautizados 1817-1838. Arquivo Diocesano de Santiago de Compostela.

2 Citamos por Bouza Brey, 1963: 287.

3 Cf. El Cetro Constitucional, 4 (1820). Saía da Imprenta de Collado, en Madrid.

4 Muestras de los caracteres y adornos de la imprenta de D. Francisco Luis Compañel e Lista de los individuos del Ilustre Colegio de Abogados de la Real Academia de Galicia que se hallan en actual ejercicio para el año de 1832,

5 Pode que estea confundida cunha reimpresión feita en Compostela en 1838 da man do impresor D. José Fermín Compaña?

6 Joaquín Compañel abriu unha sucursal da Imprenta de la Viuda de Compañel e Hijos na cidade das Burgas para ocuparse da impresión do Boletín Oficial de Orense. O local estaba situado na casa número 5 da praza do Corrixidor.

7 A impresión debe resultar semellante á expresada por Manuel Murguía e Aurelio Aguirre no número de La Oliva, 25 (26.4.1856), dedicado aos Mártires de Carral.

8 Cf. El Miño, 406 (9.3.1861).

9 «En cambio, Murguía non coincide co seu grande amigo Juan Compañel, fillo do libreiro don Francisco, que deixara [p. 403] a Escola de Debuxo en 1844» (Álvarez Ruiz de Ojeda, 2000: 402-403).

10 Op. cit.

11 Rexistro de casados. A. M. 777, Ano 1861, Rex. 3. Arquivo Histórico Universitario da USC.

12 Eduardo Chao protexería tamén a Rosalía de Castro á súa chegada a Madrid en abril de 1856. O avó de Eduardo era Manuel Ignacio Chao Hermida, fillo de Benita Hermida, parente dunha tía de Rosalía. Estes Hermida son os donos do pazo das Torres da Hermida, en Padrón.

13 Op. cit.

14 Casou con Concepción Chao en 1841.

15 Goberno Civil (ca. 11 149, Goberno civil). Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra.

16 Juan Compañel, como José Ramón Fernández, aparecen como testamenteiros no documento testamentario do boticario José María Chao, feito que debe atraer a nosa atención.

17 Cf. Faro de Vigo (1.11.2012)

18 Ultramar, 2408, número 2. Archivo Histórico Nacional.

19 Cf. Eco de Galicia, 1580 (21.8.1891).

20 Cf. La Ilustración Gallega y Asturiana, 5 (18.2.1880).

21 Cf. Faro de Vigo (1.12.1897).

22 Cf. La Oliva, 97 (5.1.1857).

23 Cf. El Álbum de El Miño (Vigo, 1858).