Da restauración da escritora á reformulación do pacto. Rosalía de Castro á luz do feminismo
María Xesús Nogueira PereiraUniversidade de Santiago de Compostela


doi:10.17075/rcsxxi.2014.042

Comparte

Inmaculábante. Eras necesaria.
Inmacúlante. Es o principio da camiñada.
Xela Arias

Muller, amiga.
Ana Roman

APUNTAMENTO LIMIAR

Dos múltiples enfoques dos que foi obxecto a obra de Rosalía, o levado a cabo desde o feminismo foi, sen dúbida, un dos que máis incidiu na interpretación da súa obra. As mudanzas producidas nesta, que esclareceron cuestións hoxe en día consideradas indiscutíbeis, non se produciron até hai tan só unhas décadas, unha vez que os feminismos que empezaban a agromar entre nós comezaron a ser aplicados aos estudos literarios.

Os traballos aparecidos nos últimos anos mostran en xeral unha preocupación por procurar novos ángulos desde os que analizar a vida e a obra rosalianas, así como por iluminar obxectos de estudo que pasaran desapercibidos. O afán de levar a cabo lecturas contemporáneas percíbese en moitas das investigacións recentes, e estivo tamén presente na organización do Congreso Internacional Rosalía no Século xxi. Unha Nova Ollada (2013), que dedicou unha das súas sección a «Rosalía á luz dos novos paradigmas», contemplando entre eles o feminismo.

Debo, no entanto, aclarar neste breve apuntamento que a miña reflexión non parte propiamente do rosalianismo avalado por monografías e traballos de referencia, senón dun interese pola poesía contemporánea e, en especial, por aquela escrita nas últimas décadas. Entre os meus obxectos de investigación figura ademais, desde hai algún tempo, a relación poesía-xénero, que non pode obviar o legado de Rosalía.

O encadramento da achega lévame, polo tanto, a reflexionar non só sobre a importancia que o feminismo tivo no coñecemento da escritora, senón tamén sobre a incidencia que esta corrente de pensamento exerceu na pegada de Rosalía en autoras posteriores. É talvez pola amplitude do enfoque polo que a miña contribución renuncia necesariamente á exhaustividade e prefire a iluminación selectiva de fitos, nomes e voces.

O MARCO

Por obvio que resulte, non está de máis lembrar que a cuestión que nos ocupa está enmarcada por dúas grandes correntes de estudo que, neste caso, acaban por confluír: o feminismo e a revisión da obra de Rosalía.

O desenvolvemento do feminismo en Galicia e a súa aplicación á literatura é un proceso ben estudado do que é inescusábel salientar algunhas iniciativas cohesionadoras do ensaio, a crítica e a creación literaria escrita por mulleres. Unha das máis relevantes foi a Festa da palabra silenciada, fundada en 1983 por María Xosé Queizán e que, dous anos despois, dedicou un monográfico a Rosalía de Castro. A procura de ferramentas e modelos, e a revisión da tradición foron tarefas de urxencia nuns estudos literarios feministas incipientes. Na centralidade da autora de Cantares gallegos nesta axenda insistiu Helena González cando recordou como, en tal proceso, «o primeiro dos labores comunais da crítica literaria e das escritoras foi a restauración de Rosalía» (2005: 26-27).

Pola súa banda, a revisión da figura e da obra de Rosalía foi iniciada pola crítica académica e feminista na década dos 80. É frecuente sinalar como data emblemática 1985, ano de celebración do Congreso Internacional de Estudos sobre Rosalía de Castro e o seu Tempo, cuxas actas, publicadas en 1986, son unha boa mostra da diversificación de perspectivas, metodoloxías e lecturas.

iniciativa levada a cabo desde o ámbito académico sumábanse algunhas outras de carácter claramente revisionista xurdidas no contorno nacionalista, reivindicadas con detalle por Pilar García Negro:

En 1980, coincidindo co centenario da publicación de Follas Novas, a comisión de mulleres da Asamblea Nacional Popular Galega, publicou un cartafol («As mulleres galegas polos nosos dereitos»), con escolma de textos en verso e prosa da escritora e colaboracións de Manuel María, Francisco Rodríguez e unha servidora. Con mellor presentación reeditámolo en 1985 (ano en que se cumprían cen do falecemento da escritora), cun rotundo título: «Rosalía de Castro, a primeira feminista da nación galega» (2013: 21).

O apuntamento de García Negro, no que lembra ademais os monográficos que á autora lle dedicaron A Nosa Terra (1984) e Festa da palabra silenciada (1985), fai mención dos dous termos oximorónicos, nación e xénero, que Helena González (2005) explicou botando man do concepto de paraugas totalizador. Neste senso, cómpre salientar a importancia da conciencia de xénero no labor de revisión e desmitificación de Rosalía de Castro levado a cabo por Kathleen N. March, Carmen Blanco, Camiño Noia ou a propia María Pilar García Negro, entre outras. Algunhas das principais achegas renovadoras débense, como se poderá comprobar máis adiante, a este paradigma.

A CONTRIBUCIÓN DO FEMINISMO AO COÑECEMENTO DE ROSALÍA E DA SÚA OBRA

Un dos obxectivos principais do feminismo radicou talvez na posibilidade de reapropiación dunha figura que desde había anos estaba nas mans do galeguismo patriarcal. As implicacións de semellante recuperación no discurso historiográfico da literatura galega non son difíciles de imaxinar, como tampouco o é o seu influxo no colectivo de escritoras que nalgúns casos estaban a traballar a prol da súa lexitimación. A condición fundacional que se lle atribuíu na literatura galega a Rosalía de Castro fixo que a reapropiación da súa figura adquirise unha dimensión metonímica. Debido a ela, as lecturas innovadoras e as ferramentas empregadas na análise da súa biografía e da súa obra crearon modelos útiles para aplicar a outras escritoras.

Os estudos levados a cabo desde o feminismo permitiron, ademais, a identificación dunha serie de tópicos e falsidades que viñan lastrando tanto a biografía como a interpretación da obra rosaliana. A súa tipoloxía é diversa: algúns gardan relación coa biografía da escritora; outros, coa súa obra; e un terceiro grupo, coa potencialidade en canto modelo.

I. Tópicos relacionados coa súa biografía

Como é sabido, o estudo da vida da escritora é materia controvertida, sobre a que foron achegando luz nos últimos tempos traballos de referencia de Andrés Pociña e Aurora López (1993), e de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda (2002). O valor destes achados increméntase pola insistencia histórica nunha lectura biografista da obra rosaliana, especialmente da súa poética. Ferramentas e enfoques feministas resultaron fundamentais na corrección de importantes lugares comúns que se viñan reiterando.

Un destes tópicos foi o da suposta condición de muller iletrada, que obviaba «unha formación moi superior á das mulleres da súa procedencia social» (Agra 2008) e o coñecemento das correntes filosóficas, sociais, políticas e literarias do seu tempo. Nunha liña próxima debemos situar a insistencia en remarcar o dominio na súa poética da sensibilidade sobre a razón, que negaba calquera profundidade filosófica da súa obra.

Coa biografía rosaliana ten que ver tamén a teoría da dependencia literaria de Murguía, cuxo papel achegaron algúns, de maneira perigosa, á autoría. No relativo a esta influencia, e aos lugares comúns existentes acerca da actitude de Rosalía en canto escritora, resulta esclarecedor o rótulo «O patriarca e a precursora», empregado por Carmen Blanco (2006) nun dos estudos dedicados á escritora.

Aos tópicos mencionados cómpre engadir aínda unha serie de imaxes empregadas por escritores (Angueira 2009) e críticos, igualmente reiteradas ao longo da historia da literatura contemporánea. É o caso de nai, católica, muller abnegada ou santiña. No comentario que se reproduce a seguir, García Negro enumera algúns dos procedementos empregados na fabricación de imaxes que tentan afrontar a «contradición (muller / xenio / símbolo nacional / transcendencia da súa obra)»:

[…] a hipersexualización (toda a súa obra se debe a unha altísima sensibilidade feminina); a transexualización (é un escritor en corpo de muller; a consistencia da súa lírica é «viril»; a súa forza, «varonil»); a supra-sexualización (é divina; é santa; está, logo, por riba das continxencias humanas) ou a des-sexualización (é simplesmente humana, non asociábel a súa obra e posición ideolóxico-morais á súa condición de muller) (2013: 19).

A de Rosalía é, polo tanto, unha biografía lastrada por prexuízos sexistas que enraizaron firme e ocultaron a súa dimensión máis consciente, revolucionaria e complexa. Tal mistificación exerceu un condicionamento múltiple: por unha banda, da figura da escritora (tamén como modelo); por outra, da historia da literatura galega, e en particular da literatura escrita por mulleres; e, finalmente, da interpretación da súa obra.

II. Tópicos relacionados coa súa obra

Foron as achegas que lograron contradicir lugares comúns acerca da obra da autora as que supuxeron unha verdadeira revolución nos estudos rosalianos. Algunhas destas interpretacións xurdidas da man dos feminismos foron asumidas nas esexeses recentes da súa obra. Nesta tarefa resulta doado diferenciar dúas vertentes: a recuperación e a reinterpretación.

i. Recuperación de textos

Foi este un traballo crucial que, talvez pola distancia temporal ou talvez pola súa evidencia, quedou en ocasións esquecido. A revisión da obra de Rosalía desde o feminismo recuperou e puxo en valor textos que hoxe en día son considerados emblemáticos e nalgúns casos fundacionais1. Velaí os casos máis significativos:

«Lieders», publicado en 1958 en Álbum del Miño e considerado como o «primeiro manifesto feminista publicado en Galicia e probablemente en España» (con tales palabras aparece etiquetado no Álbum de mulleres da web do Consello da Cultura Galega2.

«Las literatas. Carta a Eduarda», aparecido en 1865 en Almanaque de Galicia, a miúdo citado en estudos sobre a autora e considerado un alegato feminista «que parte dunha actitude semellante á adoptada no século seguinte por Virginia Woolf en A room of one’s owm (1929)»3.

A dedicatoria de Cantares gallegos, dirixida a Cecilia Böhl de Faber, Fernán Caballero, estudada como mostra da actitude de Rosalía en canto muller escritora e que levou mesmo a «considerar 1863 como data simbólica do feminismo literario» (Blanco 1991: 47).

O limiar de Follas novas, fundamental para entender o tratamento que da muller en canto suxeito fai na obra.

O primeiro poema de Follas novas, «Daquelas que cantan as pombas e as frores / todos din que teñen alma de muller / mais eu que n’as canto, Virxe da Paloma / ¡ai!, ¿de que a terei?»), considerado toda unha declaración de principios de clara orientación feminista.

A súa narrativa, recuperada como obxecto de estudo a partir de 1985 coa sección que lle dedica o Congreso Internacional de Estudos sobre Rosalía de Castro e o seu Tempo (1986)e de estudos recentes (March 1994, González e Rábade ٢٠١٢).

ii. Novas claves de interpretación

A asunción e interiorización de moitas destas claves fixeron esquecer nalgún caso a súa verdadeira contribución. Sería prolixo enumerar as novas liñas de lectura abertas desde o feminismo. Limitareime a enunciar algunhas das máis importantes para reflexionar despois sobre a súa repercusión:

A identificación dun suxeito feminino, consciente, transgresor e subversivo, que non se soubera ver detrás dunha inocente meniña gaiteira que puña voz aos Cantares gallegos nin, en xeral, tampouco detrás da polifonía rosaliana.

A utilización consciente e selectiva da literatura popular de tradición oral (Angueira 2013, García Negro 2013), que durante anos fora explicada dunha maneira reducionista.

O feminismo social e solidario de Cantares gallegos e de Follas novas, indiscutíbel desde hai tempo.

O cuestionamento de roles e valores estabelecidos levado a cabo pola autora no conxunto da súa obra.

A perspectiva claramente antipatriarcal que adoptan unha boa parte dos seus textos.

A dimensión crítica e combativa agochada en Flavio ou en El caballero de las botas azules, que pasara desapercibida aos ollos do rosalianismo.

A lectura do corpus da autora estase a enriquecer a cada pouco con achegas procedentes de novos paradigmas metodolóxicos situados na órbita feminista. A súa aparición obrigou en ocasións á reformulación de xuízos e a unha reinterpretación do universo rosaliano. Non obstante, a incidencia destes achados non se restrinxe aos estudos sobre a autora, senón que ten incidencia en todo o sistema literario. Algunhas destas lecturas tiveron lugar nun momento en que se estaba a construír unha crítica feminista. Neste sentido, posúen tamén unha dimensión fundacional. Por outra banda, moitas destas interpretacións son extrapolábeis á literatura galega escrita por mulleres, e, como tal, serviron igualmente de modelos para unha crítica feminista que seguiu construíndose até hoxe en día.

iii. Tópicos relacionados coa súa condición de modelo

As numerosas imaxes coas que Rosalía de Castro foi identificada desde finais do século xix é cuestión estudada (Angueira 2009). Os prexuízos que lastraban tran ecoicos cualificativos crearon unha distancia case sempre insalvábel entre ela en canto modelo de escritora e as xeracións que a seguiron. A imposibilidade de constituír un modelo útil foi explicada por Helena González:

Rosalía de Castro, figura auroral da literatura galega e referente inexcusable das escritoras, non serviu para naturalizar nin autorizar unha xinoescrita propia a partir da publicación dos seus dous libros en galego porque a súa posible influenza nas escritoras posteriores estaba mediatizada polo discurso do patriarcado galeguista e, daquela, nivelada e xestionada desde certas perspectivas dos pais e do país. Houbo que agardar a que a crítica e a creación feminista dos 80 a desposuíse do mito que lastraba nas lecturas galeguistas e a humanizase (González 2005: 15).

Especialmente valiosa para a cuestión que nos ocupa é a afirmación que Kathleen N. March facía á altura de 1986, cando lamentaba que a «Rosalía combativa e independente que está a aparecer na nova crítica parez non tere aparecido na poesía femenina na Galiza de hoxe», ao tempo que reivindicaba a escritora como modelo feminista autóctono:

A Rosalía dos poemas máis combativos, en todos os sensos, […] isa sí pode ter relevancia para as [poetas] de hoxe, e mesmo podería servirlles de modelo feminista, o que é tan importante como o non ter que sair do propio país para topar inspiracións criativas (1986: 291-292).

A condición de modelo para outras escritoras que a investigadora norteamericana vía en Rosalía pasara igualmente inadvertida para unha poeta como Lupe Gómez, como explica nunha lembranza en que implica a institución educativa en canto responsábel da transmisión de semellante visión:

Cando me falaban no colexio da grandísima e importantsima Rosalía, a min non me gustaba nada esa muller irreal e perfecta. Non era un modelo que eu quixese imitar. Máis ben quería fuxir dela porque me daba medo (apud Reimóndez 2010: 78).

Igualmente significativo resulta o testemuño de Ana Romaní, quen, no fío dunha entrevista, nega a influencia de Rosalía de Castro nas poetas que publicaron ao longo do século xx por estar a súa imaxe asociada «a un determinado modelo de mujer, una mirada reduccionista y mitificadora que, lejos de abrir horizontes para las escritoras, las confinaba a un único modelo» (Nogueira ٢٠٠٨: ١٣٥). A este respecto puntualiza: «Quizás este efecto, de producirse, ha sido recientemente, a partir de los estudios críticos de la obra de Rosalía desde perspectivas feministas que podríamos situar en los años 80» (ibidem).

Pola súa banda, a reflexión de Chus Pato sobre a influencia de Rosalía na súa poética en canto matriz simbólica sintetiza, ao meu entender, unha boa parte das mudanzas que se produciron na relación coa escritora estabelecida por moitas das voces femininas que a sucederon:

En lo que me atañe, la figura de Rosalía es central y me relaciono con sus textos y con ella misma como una especie de matriz simbólica. Con las madres —simbólicas o no— el proceso es más bien como sigue: fusión total, admiración, deseo de independencia (de encontrar la propia voz), huida, regreso y pacto de unas nuevas condiciones en las que la hija pueda regresar (Nogueira 2008: 129).

A restauración de Rosalía abriu novas vías de diálogo coa súa obra baseadas efectivamente na proximidade. Da extensa nómina de textos paréceme oportuno seleccionar, a xeito de mostra, algunhas manifestacións relevantes cuxos títulos resultan abondo significativos:

O poema «Rosalía, tan amiga», de Ana Romaní (Palabra de mar, 1986)

A composición «... rosalía de castro, emily dickinson, edith södegran», de Ana Romaní (Das últimas mareas, 1994).

O discurso de ingreso na Real Academia Galega Diálogos con Rosalía (1996) e o poemario Vida secreta de Rosalía (1996), de Luz Pozo Garza.

O volume colectivo Daquelas que cantan... Rosalía na palabra de once escritoras galegas, coordinado por Ana Blanco (1997) e que recolle composicións de autoras de xeracións diversas4.

A estudada xenealoxía mítica que parte da imaxe de Penélope en «Tecín soia a miña tea» e que é posíbel rastrexar en textos actuais (González 2005, Nogueira 2006).

A aproximación a Rosalía desde a sororidade, a amizade ou o diálogo, así como a súa reivindicación á beira doutras escritoras universais que constitúen un referente para o feminismo foron variando, entrada xa a década dos novena, a relación de admiración que dominara a poesía anterior, modificada, no que ás voces femininas se refire, pola complicidade e o estabelecemento de vínculos que as lexitimasen.

Para un estudo posterior quedará unha análise detallada desoutra viaxe pola obra de Rosalía emprendida polas escritoras baixo a luz do feminismo. Neste breve percorrido quero tan só mostrar como esta corrente de pensamento implantou novas regras no diálogo coa figura e o texto de Rosalía, deliberadamente afastadas das que foran herdadas da tradición. Da multiplicidade de fórmulas, interésanme especialmente aquelas que están marcadas pola ironía, a distensión e o ludismo no exercicio da intertextualidade, tamén coa obra da escritora. Na miña opinión, son estas as que mostran con máis nitidez unha nova actitude, debedora ás claras do feminismo rosalianista. Tal acontece nuns versos do libro Non son de aqu (2008), de María do Cebreiro, onde lemos:

brillaba tanto

coma o canto

das follas

de Rosalía de Castro

impresas en papel

Biblia [...]

(2008: 17)

ou nun texto moi anterior, pertencente a un libro senlleiro e emblemático como foi Baleas e baleas (1988), de Luísa Castro, se cabe máis irreverente:

¿Sabes de onde vés? Vés

dun viveiro de mexilóns

en lata. Detrás. Detrás da fábrica onde podrecen

as cunchas

e as caixas de peixe. Un fedor imposible, un azul

que non vale. De alí vés.

Ah! dixen eu, entón son a filla do mar.

Non.

Eres a filla da hora do bocadillo.

(1988: 68)

Semellante atrevemento foi posíbel grazas a novas actitudes poéticas que practicaban formas de culturalismo das que Luísa Castro se revelara precursora. Foino, ademais, grazas a un teimudo labor de desmitificación da figura de Rosalía emprendido desde o feminismo que a liberou de imposturas e adherencias incómodas e deu lugar á reformulación de vínculos e pactos coa escritora. Na creación literaria e, en particular, nas voces máis recentes da poesía galega é tamén visíbel a pegada do feminismo rosalianista.

Referencias bibliográficas

Actas do Congreso internacional de estudios sobre Rosalía de Castro e o seu tempo (1986): Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega / Universidade de Santiago de Compostela, 3 vols.

Agra, María Xosé (2008): «Señores da terra e fillas do mar: o feminismo de Rosalía de Castro», Álbum de mulleres, Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega, (http://www.culturagalega.org/album/detalleextra.php?id=1160).

Álvarez Ruiz de Ojeda, Victoria (2002): «Bibliografía rosaliana 1999-2002», Revista de Estudios Rosalianos, 2, 179-235.

Angueira, Anxo (2009). «Algunhas visións de Rosalía de Castro», en Anxo Angueira (ed.), Rosalía XXI, Vigo / Xerais, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 95-102.

Angueira, Anxo (2013): Rosalía de Castro, Cantares gallegos, Vigo, Xerais.

Blanco, Ana (coord.) (1997): Daquelas que cantan. Rosalía na palabra de once escritoras galegas, Padrón, Patronato Rosalía de Castro.

Blanco, Carmen (1991): Literatura galega da muller, Vigo, Xerais.

Blanco, Carmen (2006): Sexo e lugar, Vigo, Xerais.

Castro, Luisa (1988): Baleas e baleas, Ferrol, Sociedad de Cultura Valle-Inclán.

López, Aurora / Andrés Pociña (1993): Rosalía de Castro. Documentación biográfica y bibliografía crítica (1837/1990), A Coruña, Fundación Barrié, 3 vols.

García Negro, María Pilar (2013): Cantares gallegos, hoxe. Unha lectura actualizada de Rosalía de Castro, Santiago de Compostela, Alvarellos.

González Fernández, Helena (2005): Elas e o paraugas totalizador. Escritoras, xénero e nación, Vigo, Xerais.

González Fernández, Helena / María do Cebreiro Rábade Villar (eds.) (2012): Canon y subversión. La obra narrativa de Rosalía de Castro, Barcelona, Icaria.

March, Kathleen N. (1986): «Rosalía de Castro como punto de referencia ideolóxico-literaria nas escritoras galegas», en Actas do Congreso internacional de estudios sobre Rosalía de Castro e o seu tempo, Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega / Universidade de Santiago de Compostela, I, 283-292.

March, Kathleen N. (1994): De musa a literata. El feminismo en la narrativa de Rosalía de Castro, Sada (A Coruña), Ediciós do Castro.

Rábade Villar, María do Cebreiro (2008): Non son de aqu, Vigo, Xerais.

Nogueira Pereira, María Xesús (2006): «De vangardas e Penélopes. A intertextualidade na poesía galega dos noventa», Madrygal. Revisa de Estudios Gallegos, 9, 93-102.

Nogueira Pereira, María Xesús (2008): «Los signos de la diferencia. Entrevista con las poetas Chus Pato y Ana Roman», en Manuela Palacios González / Helena González Fernández (eds.), Palabras extremas: Escritoras gallegas e irlandesas de hoy, A Coruña, Netbiblo, 127-139.

Reimóndez, María (2010): «Extranjera en su patria. El destierro de las escritoras gallegas», en Belén Martín Lucas (ed.), Violencias (in)visibles. Intervenciones feministas frente a la violencia patriarcal, Barcelona, Icaria, 69-89.

1 Para outro lugar quedará unha reflexión sobre a frecuencia e o emprego do adxectivo fundacional nos estudos rosalianos.

2 www.culturagalega.org/album/detalleextra.php?id=1151 [última consulta: 5/9/2013].

3 Lenda que figura na portada do documento reproducido en Álbum de mulleres, na web do Consello da Cultura Galega (http://www.culturagalega.org/album/detalleextra.php?id=1152) [última consulta: ٥/٩/٢٠١٣].

4 O libro reúne poemas de Pura Vázquez, Luz Pozo Garza, María do Carme Kruckenberg, Xohana Torres, María Xosé Queizán, Helena Villar, Chus Pato, Pilar Pallarés, Xela Arias, Ana Romaní e Yolanda Castaño.