Diálogos confinados

Diálogos confinados

Esta serie de entregas audiovisuais, a modo de pílulas culturais, ten por obxectivo tomarlle o pulso á cultura galega nesta situación de parálise provocada pola COVID-19.
Diferentes voces dos múltiples ámbitos que abrangue o complexo sector cultural achegarannos as súas percepcións sobre a realidade que están a vivir mediante breves diálogos moderados por persoas vinculadas ao Consello da Cultura Galega. Coñeceremos así tamén as súas expectativas de futuro a curto e medio prazo e mais que medidas cren necesario adoptar para paliar os estragos que está a causar no mundo da cultura. O obxectivo é tecermos unha radiografía polifónica da cultura confinada desde Galicia, coas súas perspectivas e demandas para un futuro inmediato.
Con esta aposta, xunto cos informes que está a realizar do xeito continuo o Observatorio da Cultura Galega e co traballo xornalístico do seu portal de divulgación cultural culturagalega.gal, o Consello da Cultura Galega quérese facer eco da preocupación do mundo da cultura e contribuír a sumar propostas que enriquezan o debate sobre o futuro dun sector, o cultural, que se demostrou esencial para as nosas vidas.