II Festival de Filosofía de Galicia

II FESTIVAL DE FILOSOFÍA DE GALICIA

30 de setembro, 1 e 2 de outubro - Santiago de Compostela e Ourense A Filosofía ocorre nun corpo que pensa e nun corpo que é pensado. Nesa fusión da experiencia de vivir propomos un Festival para gozar co pensamento das Sophias. Daquelas que o silencio da historia nos obrigou a rebuscar os seus ecos moitos séculos despois. Daquelas que moveron activismos e loitas. Daquelas que pensaron nas academias e nas rúas. Das que cantaron á xustiza, ao mal, ao sexo, ao corpo, ás pombas e á liberdade.

Nun tempo dominado polas incertezas, cheo de sereas que proclaman unha apocalipse tecnolóxica, facer do pensamento unha festa da cultura convértese nunha proposta necesaria. Compartir a palabra e o corpo a través do debate, a poesía, o teatro ou a danza é a nosa contribución a deter un anaco a velocidade do efémero para contemplar o legado das ideas que fan da Filosofía un espazo sempre aberto. Esta segunda edición do Festival de Filosofía de Galicia terá como escenarios as cidades de Santiago de Compostela e Ourense na fin de semana do venres 30 de setembro ao domingo 2 de outubro de 2022. Será un espazo de encontro para gozarmos do pracer de pensar.