vento que zoa
Pascual Veiga
1842 Mondoñedo 1906 Madrid
(detalle) Bello Piñeiro. Beiramar. Óleo sobre lenzo. 35x41 cm. Colección Particular. Ver imaxe completa

Banda Municipal de Madrid : Alborada gallega. Barcelona : Odeón, [ca. 1928]. 3:22 min. ASG-OO-0597.
Escoita aqui o audio
Nacionalismo musical galego
Compositor e director de orfeóns, é unha das figuras máis representativas do Nacionalismo Musical Galego. Foi neno de coro na capela de música da catedral mindoniense, onde tivo como primeiro profesor ao mestre de capela José Pacheco. Na súa vila natal iniciouse na interpretación do órgano, para continuar logo en Covadonga e finalmente na Coruña, cidade na que se estableceu en 1864 como organista da Colexiata de Santa María del Campo. En 1892 obtivo praza no Conservatorio de Música de Madrid, fixando alí a súa residencia.

Veiga é coñecido na historia musical galega como o principal impulsor dos orfeóns populares. En 1865 dirixe o da sociedade ‘Fraternidad Juvenil’, e sucesivamente fundará e dirixirá os orfeóns Brigantino, Coruñés, El Eco e Coruñés nº 4. En Madrid dirixirá cando menos outros dous orfeóns: o Matritense e o do Centro Galego.

É autor de música relixiosa e de obras doutros xéneros, entre as que se inclúen, por exemplo: ‘Galegos’. ‘A nosa terra!’, ‘Os ártabros’, ‘A fiada’ e as ‘Rapsodias Galegas’, estas últimas instrumentais, coas que inicia en Galicia o xénero do poema sinfónico, que terá continuidade noutros músicos do século XX. Pero Veiga pasará a posterioridade sobre todo como autor da Alborada Galega e da música do Himno galego, sobre texto de Eduardo Pondal.


A ‘Alborada Gallega’ ou ‘Alborada de Veiga’ estreouse durante os Xogos Florais de Pontevedra de 1880 co título de ‘Estrela coruñesa’, nome da poesía de Francisco María de la Iglesia sobre a que fora composta a melodía. Interpretada polo Orfeón Brigantino, conseguiu o máximo galardón neste certame. Máis tarde, e xa co nome de ‘Alborada Gallega’, presentouse na Exposición Internacional de París de 1889, interpretada polo Orfeón Coruñés baixo a dirección do propio Pascual Veiga, obtendo o primeiro premio e a Gran Medalla de Ouro.

Desde o momento da súa composición ‘A Alborada’ foi considerada a máxima representación dos sentimentos galegos, pasando a ser unha das pezas musicais galegas máis populares, ben sexa na súa forma coral e cantada ou na súa execución unicamente instrumental, sendo interpretada en multitude de festas, romarías e actos públicos.

Nesta versión, escoitamos á Banda Municipal de Madrid, dirixida por Ricardo Villa, nunha gravación de 1928 depositada no Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega. Esta banda, fundada en 1909, foi creada por Ricardo Villa e José Garay. Ambos acordaron a súa singular plantilla, que inclúe corda grave con violonchelos e contrabaixos, ademais da arpa e as familias completas de instrumentos (vento madeira, vento metal, percusión,...). Con este criterio, o conxunto sonoro, ademais de completo e equilibrado, ofrece grandes posibilidades expresivas e tímbricas.

Máis información:
http://academia.gal/
https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/
Autor/a: Isabel Villoch
A sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega procura a complicidade de todos e mostra unha selección dos nosos compositores. Cada músico que se presenta asóciase a un artista plástico galego. A unión non é azarosa. Xorde de sincronías históricas e de coincidencias nas sensibilidades estéticas, de afinidades persoais e de emotividades compartidas. Trátase, en definitiva, de que o noso disfrute sensitivo e intelectual sexa pleno.