vento que zoa
Juan Durán
1960 Vigo, Pontevedra
(detalle) Marisa Calderón. Acuarela e tinta sobre papel, manipulada dixitalmente 70x50 cm. Ver imaxe completa

Juan Durán: El valle de la inquietud. Pianista: Ricardo Blanco. 4:18 min. En:Antonio Ruibal y Ricardo Blanco. Ilusiones compartidas. Fundación Paideia-Mans, 2006
Escoita aqui o audio
Premio da Cultura Galega 2013
Compositor e arreglista, ten escrito máis dun centenar de obras: música de cámara, vocal, sinfónica e escénica, ademais de traballos didácticos, e arranxos e orquestracións de música galega.

Membro fundador da Asociación Galega de Compositores (1987), da que foi Presidente.

Entre 1987 e 1997 foi profesor do Conservatorio Superior de Música da Coruña e na actualidade pertence ao corpo de Inspectores de Educación, na especialidade de ensinanzas artísticas.

No ano 2000 consigue o Premio de Composición da Universidade Carlos III de Madrid coa súa obra Álbum para Orquesta.

En 2005 edítase a súa reconstrucción da ópera Inés e Bianca do compositor histórico Marcial del Adalid, por encargo da Xunta de Galicia.

En 2008 estréase a súa ópera O arame, sobre texto de Manuel Lourenzo, pola que obtén o Premio da Crítica de Galicia.

Obtivo en 2008 o Primeiro Premio de Composición da Federación Galega de Bandas Populares co seu poema sinfónico O soño de Breogán.

En 2010 inicia unha especial colaboración coa soprano internacional Cristina Gallardo-Domás: con ela graba un CD de cancións galegas, fai arranxos de música chilena e escribe para ela cancións e unha cantata sobre textos de Gabriela Mistral.

En 2011, gaña o Premio de Composición do Festival Internacional de Música Española de León, coa súa obra sinfónica 4 elementos.
Finalista, en 2011, do IV Premio Internacional de Música Sacra co seu motete para coro e orquestra Noso Pai.

A súa música pódese atopar en diversos arquivos, CDs e DVDs, e en editoriais como Real Musical, Viso Editorial, Arte Tripharia, Dos Acordes e na editorial catalana Dinsic.


El Valle de la Inquietud (Intermedio para piano, 1990)

Acaso poucas obras da miña autoría foron máis interpretadas que este breve intermezzo pianístico que leva o título dun poema de E. A. Poe. Dende que o 24 de maio de 1991 fora estreado no Conservatorio Superior de Música da Coruña polo pianista Ricardo Blanco (a quen está adicada a obra) ata a derradeira versión que fixo Brais González con motivo da celebración dos 30 anos do Consello da Cultura Galega en 2013, moitos foron os pianistas que, en distintos concertos, achegáronse a esta páxina da miña música. Por citar a algúns quero nomear aquí a Diego Fernández Magdaleno, Javier Vázquez Grela, Santiago Barro, Antonio Queija, Iago González, Jorge Hevia e especialmente a Albert Nieto quen fixo a primeira gravación desta peza en CD.

El Valle de la Inquietud foi editada en 1993 na Colección de Música Galega Contemporánea, Vol III, da Asociación Galega de Compositores, co patrocinio da Deputación Provincial da Coruña. E foi gravada, como se dixo, por Albert Nieto en 1997, en Edicións do Cumio, e posteriormente por Ricardo Blanco nos Estudos Mans da Fundación Paideia Galiza en 2006.

Máis información:

Sitio web de Juan Durán [30/10/2013]

El compositor Juan Durán a través de su obra. en Dialnet [30/10/2013]

Juan Durán no web da Asociación Galega de Compositores [30/10/2013]
Autor/a: Juan Durán
A sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega procura a complicidade de todos e mostra unha selección dos nosos compositores. Cada músico que se presenta asóciase a un artista plástico galego. A unión non é azarosa. Xorde de sincronías históricas e de coincidencias nas sensibilidades estéticas, de afinidades persoais e de emotividades compartidas. Trátase, en definitiva, de que o noso disfrute sensitivo e intelectual sexa pleno.