vento que zoa
Xavier de Paz López-Nóvoa
1963 A Coruña
(detalle) Antonio Murado, sen título 2010. Óleo sobre lenzo 200 x 210 cm. Fonte:ATALAIA. http://culturagalega.org/atalaia/obras/sen-titulo-76 Ver imaxe completa

Xavier de Paz: O mencer dos soños, 2000. 10:28 min. En: A música sinfónica so século XX. Orquestra Real Filharmonía de Galicia, dir. Antoni Ros Marbà. Madrid : Boa : Xunta de Galicia, 2005.
Escoita aqui o audio
O compromiso entre o clásico e o contemporáneo
Xavier de Paz cursou os seus primeiros estudos musicais no conservatorio da súa cidade natal, trasladándose posteriormente ós conservatorios de Santiago de Compostela e de Madrid.
Ademais da súa formación oficial, asistiu a cursos de composición ditados por Joan Guinjoan e traballou con Zbigniew Rudzinski e Franz Hummel nos Internationales Jugenfestpieltreffen Bayreuth, Alemaña.
Cunha bolsa da Deputación Provincial da Coruña estudiou composición con Stephen Gryc e James Sellars na Hartt School of Music da Universidad de Hartford (EEUU), onde se graduou con honores como Master of Music in Composition.
En 1993 gañou o premio SGAE para Jóvenes Compositores coa obra Sentado sobre un golfo de sombra. En 1994 obtivo o premio Edward Diemente da Hartt School of Music e en 1996 foi becado polo Ministerio de Asuntos Exteriores na Academia Española de Historia, Arqueoloxía e Belas Artes de Roma.
Sentado sobre un golfo de sombra foi interpretada, en 1996, en New York polos Solistas da New York Philharmonic Orchestra dirixidos por Tania León como parte da homenaxe internacional a Manuel de Falla organizado pola SGAE e a propia orquestra.
En 1997 foi compositor en residencia da Joven Orquesta Nacional de España. En octubre dese mesmo ano gañou a primeira edición do Premio Andrés Gaos coa obra Das ausencias I, estreada pola Real Filharmonía de Galicia baixo a dirección de M. Zumalave.
A súa música formou parte de programas de concerto en varios países de Europa e de Estados Unidos, recibiu encargos de numerosos intérpretes e institucións e foi interpretada, entre outros, polos pianistas Ana Vega Toscano, Jean Pierre Dupuy e Fermín Bernechea, polo Quartett Musik Akademie de Varsovia, The Hartt Contemporary Players, o violinista Florian Vlashi, o viola David Quiggle, o dúo Corostola-Carra, o Ensemble “Solars Vortices” de Avignon, The Hartt Sinfonietta, o Grupo Instrumental Siglo XX, a Real Filharmonía de Galicia, os Solistas da New York Philharmonic Orchestra, a Joven Orquesta Nacional de España, a Orquestra da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia e a Orquesta Sinfónica de Galicia.
Colabora habitualmente co Instituto Complutense de Ciencias Musicales (ICCMU) como responsable das edicións críticas de, entre otras, as zarzuelas Pan y toros de Barbieri, Los sobrinos del Capitán Grant de Fernández Caballero, El baile de Luis Alonso e El Barbero de Sevilla de Jiménez, La leyenda del beso y La del Soto del Parral de Soutullo y Vert, Bohemios de Vives e as óperas Farinelli de T. Bretón, Ipermestra de B. Saldoni e Giovanna di Castiglia de A. J. Cappa.
Xavier de Paz é membro fundador da Asociación Galega de Compositores.

O mencer dos soños foi un encargo da Expo 2000 de Hannover e está dedicada ó director de orquestra galego, Maximino Zumalave. A obra constitúe un magnífico exemplo de eclecticismo, esa peculiar harmonía de contrarios, compromiso entre o clásico e o contemporáneo, que caracteriza a produción musical de Xavier de Paz. El sabe ben que tesouro recibe a tavés da tradición. Na organización do material concílianse liberdade e sentido da orde. O orgánico podería considerarse totalmente clásico -madeiras e metais a dous (sen trombóns), quinteto de corda e timbais-, se non fose pola riquísima percusión, que denuncia ó compositor contemporáneo: maracas, bombo, prato suspendido, triángulo, bongós e tam-tam. O vibráfono merece comentario separado porque adquire un protagonismo moi especial; ademais, o seu timbre ensoñador é particularmente apropiado para unha obra que nos fala metaforicamente dunha bela paradoxa: o amencer ou despertar dos soños; e ten a particularidade de fundirse dun modo marabilloso cos arcos.



Autor fotografía: J. L. Mendez
Autor/a: Xavier de Paz. Comentario: Julio Andrade
A sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega procura a complicidade de todos e mostra unha selección dos nosos compositores. Cada músico que se presenta asóciase a un artista plástico galego. A unión non é azarosa. Xorde de sincronías históricas e de coincidencias nas sensibilidades estéticas, de afinidades persoais e de emotividades compartidas. Trátase, en definitiva, de que o noso disfrute sensitivo e intelectual sexa pleno.