AUTORÍA:
Henrique Monteagudo;
DOI. 10.17075/adg.2025.24045
Xenio e figura da nación galegaAlfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886 - Bos Aires, 1950), intelectual, artista plástico, escritor e dirixente político, é un referente indiscutido do galeguismo e o nacionalismo, un clásico das letras galegas e unha das figuras máis representativas da Galicia contemporánea. No seu intenso percorrido vital poden distinguirse tres etapas: inicial (1886-1916), artística (1917-1930) e política (1931-1950). Na primeira etapa define a súa vocación: estuda Medicina pero refuga exercer como doutor para se dedicar ao cultivo das artes plásticas. Na segunda etapa comprométese co galeguismo e o nacionalismo galego na súa condición de intelectual e artista. Na terceira e última etapa, sen abandonar o seu labor creativo, entrégase ao compromiso político, que o leva ás Cortes Constituíntes da II República (1931-1933); á dirección do Partido Galeguista (1932-1936); a formar parte das listaxes da Frente Popular, nas que foi novamente elixido deputado (1936); á defensa da República e do Estatuto durante a Guerra Civil, e, xa no exilio, á Presidencia do Consello de Galiza fundado por el mesmo en Bos Aires (1944) e a ocupar unha carteira ministerial no Goberno republicano en París (1946-1947).
Primeira etapa. Os anos de formación (1886-1915)
Castelao naceu en 1886 en Rianxo e foi fillo de Mariano Rodríguez e Joaquina Castelao. A súa familia era de condición social modesta. O seu pai, mariñeiro, emigrou á Arxentina, onde se instalou como comerciante na Pampa, e el quedou ao coidado da súa nai, ata que ambos atravesan o Atlántico para xuntarse co pai, que coñece a piques de cumprir os dez anos (1895). Nos catro anos que a familia viviu na Pampa, a súa nai trouxo ao mundo as dúas irmás, Xoaquina e Tareixa. A experiencia da estrañeza social e cultural, primeiro na Pampa e despois á súa volta a Galicia (1900), aguzarían a percepción da singularidade étnica do seu pobo.
Nos inicios do século XX a familia regresa a Galicia, xa cunha posición social mellorada, ata o punto de que o seu pai chega a alcalde de Rianxo (1907). O ascenso social ábrelle ao noso autor o camiño aos estudos universitarios, que inicia no curso 1903-1904 en Santiago de Compostela. Aquí destaca no rebuldeiro ambiente estudantil non tanto pola súa brillantez académica como polas súas caricaturas e a súa colaboración coa tuna. Así, comeza a darse a coñecer como caricaturista na Exposición Regional Gallega de Santiago (1909) e nos Salóns de Humoristas da Sala Iturrioz de Madrid (1908 e 1909), e como ilustrador de publicacións na revista gráfica Vida Gallega de Vigo, o Almanaque Gallego de Bos Aires e libros como Princesa del amor hermoso (1909), de Sofía Casanova.
Unha vez obtido o título de licenciado en Medicina en 1909, marcha a Madrid a cursar o doutoramento, conforme desexaba o seu pai, pero regresará da capital sen rematalo, para se instalar en Rianxo. Nos anos seguintes revelarase como un artista reflexivo e combativo, militando a carón do seu pai no bando conservador / maurista contra os caciques do Partido Liberal. Nace así o semanario satírico El Barbero Municipal (Rianxo, 1910-1914), no que colabora asiduamente como debuxante e articulista, e no que estrea a súa escrita en galego nun rexistro popular e humorístico. Intégrase tamén no movemento Joven Galicia e en 1912 adhírese á Liga de Acción Gallega, ao mesmo tempo que multiplica a súa colaboración con diversas publicacións galegas (La Temporada de Mondariz) e da diáspora (La Voz de Galicia, Bos Aires), e con distintos medios madrileños (El Liberal), ademais de continuar ilustrando libros (La casa de la Troya, 1915). Nos seus debuxos e cadros retrata unha Galicia rural colorista, cunha estética costumista e unha visión pintoresca; mentres que as súas ilustracións apuntan máis cara á estética modernista. En 1912 realiza a súa primeira exposición individual en Ourense e contrae matrimonio coa estradense Virxinia Pereira, coa que axiña terá o seu único fillo, Afonso Xesús, nado en 1914 e que falecerá aínda mociño (1928).
En 1915 pronuncia en Madrid a súa conferencia Algo acerca de la caricatura, publicada en 1916 ou 1917, na que reivindica o carácter artístico da caricatura e a súa potencialidade como medio de revelación crítica da realidade ante un público masivo. O mesmo ano oposita na propia capital ao corpo funcionarial de Auxiliares de Estatística do Instituto Geográfico Estadístico, e obtén praza con destino na cidade de Pontevedra, onde se instalará en 1916.
Segunda etapa. «O noso xenial artista» (1916-1930)
Desde 1916 ata 1936 establece a súa residencia habitual na capital do Lérez, onde, ademais de desenvolver a súa carreira como funcionario, exerceu como profesor auxiliar de Debuxo no Instituto de Ensino Medio, onde trabou a amizade con Antón Losada Diéguez, unha figura que marcará a súa evolución. Grazas ao seu enxeño, o seu carácter alegre e a súa cordialidade, o noso autor integrouse con facilidade na vida social e cultural pontevedresa. Participou na fundación do Museo Provincial de Pontevedra (1927), co que se sentiu intimamente vencellado (ata o punto de legarlle a súa obra artística), e da Coral Polifónica (1928), coa que colaborou activamente, e da sociedade local de estudos Labor Gallega.
Nos anos que van desde a fundación das Irmandades da Fala (1916), ás que axiña se adheriría, ata a proclamación da II República (1931), Castelao afinca o seu compromiso co nacionalismo galego, ao mesmo tempo que desenvolve a súa carreira como debuxante e escritor. Cultura e política van da man, como nunca deixará de acontecer ata o final da súa vida, mais nesta etapa o noso autor concéntrase na produción artística, non só por vocación persoal, senón tamén pola forza das circunstancias, pois a ditadura primorriverista (1923-1930) coutou a actividade política do galeguismo.
A súa produción plástica desprégase sobre todo no debuxo e o deseño. O seu talento plásmase na serie de estampas que se exporán baixo o título xenérico de Nós e na súa colaboración en distintas publicacións como caricaturista, humorista gráfico e ilustrador de libros e revistas, mais tamén realizou incursións na escenografía e o cartelismo, e nunca abandonou a súa faceta como pintor, ben que esta última se resentiu dos seus graves problemas coa vista, que tenderon a empeorar ao longo da súa vida. Na década de 1920 Castelao revélase ademais como escritor, que non só cultiva a literatura de creación, senón tamén o articulismo e o ensaio, xénero este en que se inicia a través da oratoria. Castelao brilla con especial fulgor no texto breve, relatos e prosas narrativas, que son publicados en distintos medios antes de ser recollidos en volume. As súas dúas facetas de artista plástico e escritor fúndense admirablemente nas cousas, denominación dun xénero creado por el mesmo en que se combina unha estampa cun breve texto narrativo ou descritivo.
Así, as producións máis representativas da súa traxectoria neste período son a exposición e o álbum Nós, a revista do mesmo nome (da que foi ilustrador, director artístico e colaborador), as series de debuxos humorísticos «Cousas da vida» publicadas na prensa, e as pezas plástico-literarias que el mesmo denominou Cousas, reunidas nun primeiro volume en 1926 e nun segundo volume en 1929. A exposición Nós, mostra de corenta e nove estampas mais un autorretrato, inaugurouse na Coruña en 1920 e percorreu varias vilas e cidades galegas ata 1924, cando remataría o seu periplo en Compostela. O álbum que recolle esta mostra viría a lume co mesmo título en 1931. Os temas que aparecen nas estampas son os problemas sociais da Galicia rural daquel tempo, coa representación de tipos populares, mulleres e anciás, nenos e nenas, tolleitos, cegos e seres marxinais e, fronte a estes, os caciques, os burócratas, os fidalgos e os cregos. A mostra constituía un revulsivo estético contra o realismo costumista imperante, e contiña unha denuncia e unha interpelación. Alén da significación que tivo na traxectoria persoal de Castelao, esta exposición constitúe un fito na historia do nacionalismo e da cultura galega.
A súa produción como caricaturista e humorista gráfico, espallada en diversas publicacións, atinxe a súa forma máis acabada nas series «Cousas da vida», que lle reportaron unha extraordinaria popularidade. Nestas viñetas, Castelao tenta partir do pensamento do paisano galego, coa súa visión do mundo extremadamente pragmática, entre o escepticismo, a crítica e o desengano. Converteuse así nun desvelador da beleza, da intelixencia e da fondura da vida cotiá do pobo galego, retratada na súa realidade prosaica e fuxindo de todo tipismo folclorizante. Nas «Cousas da vida», Castelao soubo captar as contradicións e paradoxos da vida para lles dar unha fina expresión humorística, afastada do acedume das estampas de Nós. Dentro da súa obra plástica desta etapa non se pode esquecer o seu labor como ilustrador, sexa de publicacións periódicas (revista Nós, cabeceira do diario Galicia…), sexa de obras literarias, entre as que salienta, entre outras, a xoia verbal e plástica do poemario Na noite estrelecida, de Ramón Cabanillas (1926). Na súa produción como ilustrador revélase o Castelao máis decorativo e modernista.
Asemade, estréase como narrador en galego con relatos breves publicados n’A Nosa Terra (1919), pero axiña comeza a ensaiar unha nova modalidade artística, fundindo a expresión plástica e a literaria, que transcende o texto ilustrado e o debuxo con pé escrito. Esta modalidade dará lugar ao xénero das Cousas, do que vai ofrecendo entregas nas revistas Nós (1920-1923) e Céltiga (1924-1925 e 1926-1927) e os diarios Galicia (1924-1925) e El Pueblo Gallego (1926-1927), que serán recollidas en dous volumes (1926 e 1929). As Cousas constitúen a creación máis orixinal do autor, caracterizada polo seu carácter sintético, a máxima expresividade, a ironía e o humorismo nas súas diversas tonalidades, o seu carácter crítico e a abordaxe sentimental dos asuntos tratados, de carácter popular. Os textos están escritos nunha prosa elegante, clara e esmerada, en ocasións rítmica ata o punto de constituíren auténticos poemas en prosa.
Por parte, cómpre facer referencia á súa faceta como orador e ensaísta. As súas primeiras conferencias versan sobre temas artísticos: Arte e galeguismo (1919), Humorismo. Debuxo humorístico. Caricatura (1920) e «O novo espírito» (1924). Estes asuntos son novamente tocados en conferencias pronunciadas nos inicios da década seguinte: «O galeguismo na arte» (1930), «O novo espírito na arte» (1932) e «A caricatura» (1932). Coa conferencia «Arte e galeguismo» (1919) pretende definir as bases dunha estética e dunha pintura nacional galega, desenvolvendo unha reflexión fortemente influída polas ideas do escritor ruso León Tolstoi, que contrapón o cosmopolitismo universalista das elites coa autenticidade e orixinalidade da verdadeira arte popular. Humorismo. Debuxo humorístico. Caricatura volve sobre asuntos tocados no seu primeiro texto sobre a caricatura, e nel introdúcese a modo de exemplo o relato Un ollo de vidro, que sería publicado de xeito independente pola editorial Céltiga (1922).
Grazas a unha bolsa da Junta para Ampliación de Estudios, en 1921 realiza unha longa viaxe de estudo por Europa (París, Bélxica, Berlín e Múnic), durante a cal percorre museos e visita exposicións de arte. As súas experiencias e impresións durante esta viaxe están recollidas nun Diario, que está na base de dúas series de artigos publicados na revista Nós —«Do meu diario» e «Cubismo» (1922-1923)—, onde queda patente o seu rexeitamento das correntes pictóricas de vangarda, coa excepción do expresionismo alemán.
O pasamento do seu fillo Afonso (1928) súmeo na dor, da que só comeza a saír grazas á bolsa que lle é concedida para percorrer A Bretaña estudando os seus cruceiros. O traballo resultante, As cruces de pedra na Bretaña, editado polo Seminario de Estudos Galegos (1930), anuncia a súa monografía sobre os cruceiros galegos, As cruces de pedra na Galiza, da que ofrecería un avance no seu discurso de ingreso na Real Academia Galega (1934) e que virá a lume, magnificamente ilustrada, en Bos Aires (1950).
Terceira etapa. Castelao político (1931-1950)
A fin da ditadura abre paso á proclamación da II República (1931), que crea un marco propicio para a mobilización política do galeguismo. Este toma corpo na fundación do Partido Galeguista, o cal establece como o seu obxectivo central a consecución do autogoberno galego, mediante a aprobación dun Estatuto de autonomía. Castelao mergúllase de cheo na acción política. Presenta a súa candidatura pola provincia de Pontevedra nas eleccións ás Cortes Constituíntes da República, nas que é elixido deputado, e participa na fundación do Partido Galeguista (1931), do que será un dos referentes máis sobranceiros. Na súa actividade parlamentaria destaca o seu discurso en defensa dunha emenda ao artigo da Constitución da República referente á oficialidade das linguas, no que se enfrontou con Miguel de Unamuno.
O encargo da escenografía para a estrea en Madrid do drama Divinas palabras, de Valle-Inclán (1932), supón un fito relevante na súa carreira plástica. Pero a tarefa principal naquel momento foi o impulso do proceso autonómico galego, que culmina coa aprobación do proxecto de Estatuto de autonomía na asemblea de municipios galegos (decembro de 1932). Non obstante, o proceso estatutario queda en suspenso pola crise de goberno e a convocatoria de novas eleccións, que son gañadas pola dereita e que deixan a Castelao fóra do Parlamento. Isto dálle máis lecer para os seus traballos artísticos. En 1934 dá ao prelo dous libros cos que pon o ramo á súa traxectoria como narrador: a colección de relatos Retrincos, ilustrados con gravados do pintor Carlos Maside, e a novela Os dous de sempre, ilustrada polo propio autor. Retrincos acolle cinco contos que narran episodios biográficos, desde a súa infancia na Arxentina («O segredo») ata a súa efémera experiencia como médico durante o andazo de gripe de 1918 («O retrato»). Trátase de relatos intensos na súa brevidade, que se desenvolven nunha progresión narrativa perfectamente pautada ata un final redondo, tecidos nunha prosa sinxela, tersa, traballada co coidado minucioso dun ourive.
En outubro de 1934, como resposta á chamada Revolución de Asturias e á declaración do Estat Català, o Goberno dereitista da República desata unha vagada represiva, que atinxe ao Partido Galeguista e castiga co desterro a Castelao e Alexandre Bóveda, os seus secretarios político e de organización respectivamente. Desde finais de outubro de 1934 ata mediados de xullo de 1935, o noso autor vese obrigado a residir en Badaxoz, desde onde viaxaría a Lisboa para coñecer persoalmente ao poeta Teixeira de Pascoaes e atoparse co profesor Manuel Rodrigues Lapa. Desde Estremadura participa de xeito decisivo no debate interno que se abre no Partido Galeguista sobre a política de alianzas. Castelao e Bóveda maniféstanse claramente a prol de acordos coas forzas republicanas dispostas a impulsar a aprobación do Estatuto de autonomía. O noso autor publica n’A Nosa Terra, voceiro do partido, unha serie de artigos titulada «Verbas de chumbo», dirixidas á militancia galeguista, nos que se enfronta coas posicións da dereita do Partido Galeguista, que acabará por escindirse para formar a Dereita Galeguista. Co tempo, esta serie será incorporada a Sempre en Galiza como «Adro» ou limiar.
O Partido Galeguista vai ás eleccións xerais de febreiro de 1936 formando parte da Frente Popular, que gaña as eleccións e en cuxas ringleiras Castelao sae elixido como o deputado máis votado en Galicia. O novo Goberno de esquerda abre o camiño para a celebración do referendo do Estatuto, que se realiza o 28 de xuño. Un par de semanas despois, Castelao viaxa a Madrid como parte dunha delegación galega para entregar o texto do Estatuto ás autoridades da República. Alí sorpréndeo o golpe de Estado do 18 de xullo e, a partir dese momento, o noso autor nunca máis volverá a Galicia.
Durante a guerra reside sucesivamente en Madrid, Valencia e Barcelona. Involúcrase con todas as súas forzas na defensa da democracia republicana e da autonomía de Galicia. Colabora na organización das Milicias Populares Galegas en Madrid e da Solidaridade Antifeixista Galega (SAG) en Valencia. Asemade, mantén unha columna, novamente co título «Verbas de chumbo», en Nueva Galicia. Portavoz de los Antifascistas Gallegos, editado polo Partido Comunista, e publica diversas colaboracións no xornal Nova Galiza. Boletín Quincenal dos Escritores Galegos Antifeixistas, editado en Barcelona. En 1938 prepara a publicación dun libro, Verbas de chumbo, que recolle a serie publicada en Nueva Galicia, pero este non chega a saír do prelo. O seu activismo artístico antifascista plasmouse en tres álbums de guerra, Atila en Galicia, Galicia mártir (Valencia, 1937) e mais Milicianos (Nova York, 1938), que atinxiron unha ampla difusión internacional, nun contexto de auxe do fascismo e de mobilización democrática en todo o mundo.
Outra faceta da súa actividade en defensa da República son as viaxes de propaganda organizadas polo Goberno. A primeira lévao á Unión Soviética (abril-maio, 1938) e a segunda condúceo aos Estados Unidos, onde o sorprenderá a derrota da República e onde residirá case dous anos (xullo 1938-xuño 1940). Nos Estados Unidos colabora co Frente Popular Gallego Antifascista e desenvolve unha intensa campaña de mitins por todo o país para recadar fondos. Desde alí viaxa a Cuba coa mesma finalidade, dá conferencias na Universidad de La Habana e intervén nas eleccións á directiva do Centro Galego da capital (novembro 1938- febreiro 1939). En Nova York completa a súa farsa dramática Os vellos non deben de namorarse, que comezara anos antes e que será estreada en Bos Aires en 1941 e representada en Montevideo no ano seguinte. Tamén redacta un texto memorialístico que se acabará convertendo o Libro II de Sempre en Galiza. Antes de abandonar a cidade funda, xunto a Emilio González López, a Casa de Galicia-Unidade Galega de Nova York (1940).
Unha vez nomeado xefe do Partido Galeguista polo grupo de Bos Aires, fai un chamamento aos militantes exiliados para que se poñan en contacto con el con vistas á reconstrución do partido, que obtén escaso eco. De regreso en Bos Aires, funda a Irmandade Galega e aposta pola colaboración cos vascos e cataláns, cos que refunda Galeuzca, que publicará unha revista co mesmo nome. A relación cos nacionalistas vascos, especialmente estreita, foi moi útil no proceso que rematou coa súa incorporación ao Goberno republicano no exilio, pero acabou constituíndo un problema cando este entrou en crise, polas diferenzas políticas que afloraron entre Castelao e o PNV.
Unha vez instalado en Bos Aires, a onde arriba en xullo de 1940, desenvolve unha intensa actividade política e cultural que o leva a distintas cidades arxentinas e a Montevideo, e redacta o que será o Libro III de Sempre en Galiza, ao que incorpora os textos de artigos, conferencias e discursos que produce ata 1943. A obra veu a lume en 1944, editada polo Centro Ourensán da capital porteña. A súa presentación pública nun acto multitudinario constituíu un acto preparatorio da fundación do Consello de Galiza, especie de goberno galego no exilio, encargado de custodiar o dereito de Galicia á autonomía, ao que se adheriron un grupo significativo pero minoritario de deputados galegos da diáspora.
Despois de rematada a guerra mundial coa derrota do eixe nazi-fascista, o exilio republicano reorganízase, na convicción de que as potencias vencedoras obrigarán a Franco a abandonar o poder. Castelao participa na reunión das Cortes en México, na que consegue a constitución da Comisión para o estudo do Estatuto de Galicia (1945). A primeiros de 1946 constitúese un goberno de concentración con representación das distintas forzas e correntes políticas, presidido por Francisco Giral, e Castelao é designado ministro en representación da oposición democrática galega e co decisivo apoio do galeguismo do interior, co que retomara contacto ao longo de 1945. Isto fórzao a trasladarse a París (agosto de 1946), sede do Goberno no exilio, onde residirá ata que a crise deste (xaneiro de 1947) lle abra a porta para o regreso a Bos Aires.
As esperanzas da restauración democrática esváense, e Castelao disente das tentativas de parte da oposición de pactar cos monárquicos desafectos ao franquismo, o que o distancia tanto dos nacionalistas vascos e cataláns coma dos galeguistas do interior. Aínda que desilusionado e doente, ao seu regreso Castelao non deixa de facer labor entre a colectividade galega de Bos Aires. O último acto público de relevo no que participa é a celebración do Día de Galicia de 1948, durante a cal pronuncia o seu discurso «Alba de gloria», talvez a peza cume da oratoria en galego.
Ante o avance da súa doenza, o círculo bonaerense que o arrodea afánase na produción da que sería a súa última obra, As cruces de pedra na Galiza, da que só conseguiu ver impresos os primeiros cadernos, pois o agravamento da enfermidade lévao á morte no Sanatorio do Centro Galego o 7 de xaneiro de 1950. Co velorio do seu cadáver e o seu multitudinario enterro no cemiterio da Chacarita despídese unha figura unanimemente querida e admirada e comeza a construción do mito, o mito máis sobranceiro da Galicia no século XX.
![]() |
