Lino Braxe
Mugardos (A Coruña), 18/ 6/1962 - A Coruña, 25/12/2020Autoría: Ana Abad de Larriva
Poeta, actor, director e dramaturgo; figura poliédrica da cultura galega
Xa de neno tivo unha grande atracción pola arte, ao medrar nunha familia de artistas, e el mesmo explicaba que foi moi importante nel a influencia do seu avó, violinista profesional, que o levaba ao circo e ao cinema, e de seu pai, pintor e cantante; así como coñecer o compositor Manuel Balboa e o seu irmán, o cantante de ópera Fernando Balboa. A súa irmá, María Braxe, é tamén artista plástica. Todo isto, unido á súa temperá afección á lectura, axiña o encamiñou cara á cultura. Outro episodio que influíu moito na súa pulsión creativa foi unha pneumonía moi forte que tivo de neno, que o obrigou a pasar dezaseis meses en casa, e que, como el mesmo contaba, fixo que aprendese a distraerse só, debuxando e lendo, e que logo comezase el mesmo a escribir os seus propios textos a partir daquilo que lía e, a partir de aí, xa nunca puido parar de debuxar e de escribir.
Como poeta, formou parte do colectivo coruñés De amor e desamor, fundado no ano 1984, integrado tamén por Lois Pereiro, Xosé Devesa, Xavier Seoane, Manuel Rivas, Pilar Pallarés, Miguel Anxo Mato Fondo, Xulio López Valcárcel e Francisco Salinas Portugal, e participou nos dous volumes colectivos que publicou o colectivo en Ediciós do Castro. Os seus poemas foron publicados nos libros individuais Banquete (Sotelo Blanco, 1990); Entre ruínas (Espiral Maior, 1996); Ardora (Sociedade de Cultura Valle-Inclán, 1997); Poemas obxecto e visuais (Espiral Maior, 1999); O sangue dos árabes (Xerais, 1999); A caricia da serpe (Espiral Maior, 1999); O longo día acaba (Deputación da Coruña, 2002); Alaridos, que resultou finalista na XIII edición do Premio Miguel González Garcés e foi editado pola Deputación da Coruña no ano 2006; Diálogo dos mortos e a noite (Espiral Maior, 2008), unha homenaxe a Manuel Balboa; Baixo o sol de Mesina, que obtivo un accésit no Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas 2007, e foi editada pola A.C. Caldeirón; e Poemas guardados, publicado de xeito póstumo nun volume bilingüe en galego-castelán editado por Alexandrina Fernández Otero, no ano 2022, e no que se recollen poemas das súas estadías en Cuba, Italia e Arxentina. Ademais, Lino participou en volumes colectivos, e algúns dos textos dos seus recitais foron publicados en edicións propias.
Como artista plástico, é autor dunha ampla colección de cadros, nos que o mar, como espazo de partida e chegada, estaba moi presente. Esa faceta súa dialogaba continuamente cos seus poemas, sendo autor de numerosos cadros-poemas.
Outro campo no que desenvolveu amplamente a súa creatividade foi no teatro. O seu primeiro contacto co teatro galego foi na compañía coruñesa Luís Seoane, no ano 1985, ao acudir á chamada da
Primeira experiencia libre de teatro. A súa primeira publicación dramática foi A promesa (Ediciós do Castro, 1991), que incluía unha escolma dos seus textos dramáticos escritos ata ese momento. En 1993 gañou o Concurso de Teatro Breve da Escola Dramática Galega coa peza A actriz, que foi publicada nos Cadernos da EDG. Ese mesmo ano o seu texto O amargo camiño de Walter de Outono apareceu recollido no volume colectivo O camiño das estrelas, editado por Elsinor Teatro.
Como actor traballou con numerosos grupos e compañías, como coa Escola Dramática Galega, en 1992, en Ei, Feldmühle (Fantasía do Valadouro, con vampiros), de Xesús Pisón, baixo a dirección de Manuel Lourenzo; con Elsinor Teatro n’O camiño das estrelas, no ano 1993, baseada en textos seus, de Manuel Lourenzo, Xesús Pisón e Flor Maceiras; con Librescena, en Cyrano de Bergerac, de Edmond Rostand, na montaxe de Xosé M. Rabón, en 1998; con Manivela, na montaxe d’O auto do prisioneiro, de Carvalho Calero, dirixida por Antonio F. Simón, e con adaptación do propio Lino, no ano 2000; con Áncora Produccións en Footing, de Gustavo Pernas Cora, no 2002; con Bengala Produccións en Historia do soldado, de Charles-Ferdinand Ramuz e Igor Stravinsky, baixo a dirección de Xosé M. Rabón, en 2007, e en Master Class, de Terrence McNally, tamén baixo a dirección de Xosé M. Rabón, no ano 2010; con Sarabela, en Tango, de Slawomir Mrozek, baixo a dirección de Ánxeles Cuña Bóveda, en 2011, e en Viaxe a ningunha parte, de Fernando Fernán Gómez, en 2012, tamén baixo a dirección de Ánxeles Cuña Bóveda; ou con Teatro do Noroeste, en Linda and Freddy, ilusionistas, baixo a dirección de Eduardo Alonso, en 2013.
No Centro Dramático Galego, CDG, formou parte do elenco das pezas Un refaixo para Celestina, de Eduardo Blanco Amor, na montaxe dirixida por Antonio F. Simón, en 1993; Nin me abandonarás nunca, de J. Posada Curros e Luís de Gálvez, na montaxe de Manuel Guede do ano 1995; Viaxe e fin de Don Frontán, de Rafael Dieste, na versión de Manuel Guede dirixida por Antonio F. Simón ese mesmo ano; Nau de amores, a partir de textos de Gil Vicente e dirixida por Cándido Pazó, tamén en 1995; Hostia, de Armando Cotarelo Valledor, na montaxe de Manuel Lourenzo do ano 1996; Como en Irlanda, a partir de Nouturnio de medo e morte, de Antón Villar Ponte, e Xinetes para o mar, de John Millington Synge, con dramaturxia de Quico Cadaval e Xepe Casanova e dirixida por Cadaval, nese mesmo ano; O peregrino errante que cansou ó demo, de Xavier Lama, dirixida por Andrés Pazos, en 1997; Lisístrata, ou cando as mulleres reviraron, de Aristófanes, na montaxe de Eduardo Alonso, nese mesmo ano; O bufón de El Rei, de Vicente Risco, na posta en escena de Manuel Guede, tamén en 1997; Memoria de Antígona, de Quico Cadaval e Xavier Lama, dirixida por Guillermo Heras, en 1998; A cacatúa verde, de Arthur Schnitzler, na montaxe de Eduardo Alonso do ano 2001; e Daquel abrente, de Roberto Vidal Bolaño e Francisco Taxes, dirixida por Antonio Simón no 2003. Ademais, participou na dramatización de Caín, pirata, de José Zorrilla, dirixida por Xosé M. Rabón para a Compañía Nacional de Teatro Clásico, en colaboración co CDG e o Centro Coreográfico Galego, no ano 2017.
Como director de escena, dirixiu montaxes para numerosas compañías, e nun número importante desas postas en escena foi autor do texto ou mesmo actuou. Algunhas das compañías coas que traballou como director foron Teatro Maltés, para a que puxo en escena pezas como A gaiola, de Jenaro Marinhas del Valle, no ano 2001, ou o espectáculo de teatro-rock Porca Vita, a partir do texto Matanza, de Roberto Salgueiro, en 2002; Lagarta, Lagarta, para a que dirixiu Fobias (unha estraña noite na casa de Luis Mendía), de José Luís Prieto, no ano 2004, e Carambola (cóncavo convexo), tamén de José Luís Prieto; Eme2 e Bucanero, para as que dirixiu, en 2005, outro texto de José Luís Prieto, Por un millón de dólares; ou R.T.A. Produccións, coa que no ano 2006 adaptou e dirixiu Hamlet, de Shakespeare, nunha potentísima montaxe de gran formato protagonizada por Luís Tosar, que supoñía a primeira posta en escena profesional en galego deste texto.
Coa súa compañía Teatro Proscrito dirixiu pezas como A amarga emoción do perdido, un texto escrito por el e por José Luís Prieto, nunha montaxe de 2007 da que formou parte do elenco; Rosa de dous aromas, de Emilio Carballido, adaptada e dirixida por el en 2012, cun elenco formado por Sabela Hermida e Isabel Blanco, e na que Lino foi, ademais, o creador da escenografía; a peza de microteatro Inverno occidental, a partir do seu texto homónimo, recollido no volume colectivo Banqueiros (Laiovento, 2012), peza que se integrou en 2013 en Occidente (Alaridos dunha civilización enferma), un espectáculo de duración maior composto por tres pezas (Inverno occidental I, II e II), levado á escena con Espello Cóncavo; ou o monólogo Manar, a derradeira caravana, en 2015, posto en escena con Manarte, a partir do seu texto Campo sur, que montara Teatro do Noroeste no 2002, protagonizado por Luma Gómez e dirixido por Elina Luaces; adaptado para esta nova montaxe en colaboración con Sabela Hermida, que foi quen o protagonizou. O texto de Manar foi publicado no ano 2023, de xeito póstumo, en Edicións Proscritas, nunha edición bilingüe de Alexandrina Fernández Otero e Sabela Hermida.
Para Teatro do Adro dirixiu en 2008 Comida chinesa, de Pedro Ángel Ramos García, e para Espello Cóncavo Lino dirixiu os seus propios textos Maggy, interpretado por Manuela Varela, no 2013, e Romano, no ano 2014, unha peza que fixo unha pequena xira por Italia; así como Cartas a un amigo alemán, de Albert Camus, adaptada e dirixida por Lino, da que formaba parte do elenco, en 2015, ano en que puxo en escena Mulleres con historia, un espectáculo para dúas actrices (Manuela Varela e Uxía Vázquez) que incluía varias pezas súas; así como a adaptación teatral de Bala Perdida, de Manuel Rivas, no ano 2016, dirixida por Lino Braxe e Jorge Rey, e na que Lino actuaba, nunha colaboración entre Espello Cóncavo e Títeres Cachirulo.
Para Bucanero, escribiu e dirixiu pezas como A delgada liña boba, en 2013, e Sesión continua, en 2019, e adaptou e dirixiu Os amos do mundo, de Carmen Blanco, na que tamén actuaba. Bucanero puxo en escena, en colaboración con Manarte Producciones, o texto de Lino Eurovisión. O fake show, en 2021, de xeito póstumo, baixo a dirección de Rebeca Montero, estreado na Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas.
A poesía foi unha constante na creación escénica de Lino Braxe, quen adaptou e dirixiu pezas como Rosalía, sobre la sombra que siempre me asombra, de Miguel Anxo Fernán-Vello, unha peza para achegar o público español á figura de Rosalía de Castro, na que Lino actuaba; ou Mundo Lois, que dirixira a partir de textos de Lois Pereiro, e na que actuaba xunto a Antela Cid.
Lino dirixiu numerosas lecturas dramatizadas que incorporaban sempre unha coidada posta en escena, como a de Midas, de Isaac Díaz Pardo (texto do que fixo unha edición crítica, xunto ao d’O ángulo de pedra, nun volume publicado pola editorial Citania, no ano 2017), ou A soldadeira e Esquema de farsa, de Luís Seoane, dirixidas por Lino con Teatro Proscrito e Manarte Producciones (a última tivo unha adaptación radiofónica, que quedou recollida nun CD publicado pola Fundación Luís Seoane). Tamén puxo por primeira vez en escena Romeo e Xulieta, famosos namorados, unha adaptación escénica súa dirixida por el e por Xoán Carlos Mejuto do texto extraído d’As crónicas do sochantre, de Álvaro Cunqueiro, no ano 2016, con Teatro Proscrito, Manarte Producciones, a Asociación Cultural Alexandre Bóveda e o Concello e a Deputación da Coruña; ou un fragmento de Edipo, de Manuel María (ese mesmo ano, tamén no Memorial Ibán Toxeiro).
Como director, deixou unha fonda pegada en varias xeracións de actores e actrices, pola súa intuación e intelixencia á hora de darlle a cada artista o que precisaba, pola súa pulsión creativa inspiradora e pola súa humanidade. O seu compromiso escénico e social incluía unha forte vinculación co teatro amador e de base, e, durante anos e ata o seu pasamento, dirixiu o grupo de teatro ACAB da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, e participou en numerosas edicións do Memorial Ibán Toxeiro.
Ademais dos numerosos recitais e espectáculos poéticos propios que realizou, moitas veces musicados, como no grupo poético-musical A Caricia da Serpe (integrado por Lino Braxe, Miguel Ladrón de Guevara, Xosé Luis Saqués e Rómulo Sanjurjo), no proxecto Avenida Atlántica, ou acompañado só por Rómulo Sanjurjo; dirixiu recitais como Poemas de María, en homenaxe a María Casares en colaboración coa Asociación de Actores e Actrices de Galicia, AAAG, no ano 2015; ou proxectos escénicos de compoñente didáctica, como A alegre partitura, unha posta en escena a partir dun texto del que dirixiu para o Consorcio para a promoción da música da Orquestra Sinfónica Galicia, para o Festival Mozart. No ano 2018, dirixiu a que foi a primeira posta en escena profesional d’O paseo das esfinxes, de Luísa Villalta, con Teatro Proscrito e a Deputación da Coruña.
Como autor dramático, ademais dos textos mencionados, participou en proxectos como a creación do texto de Galicia SL, de Teatro do Noroeste e Teatro do Malbarate, xunto a Manuel Rivas, Antón de Santiago, M.ª Xosé Queizán, Manuel Guede, Xesús Campos e A. Simón, en 1998. Teatro do Noroeste puxo en escena outros dous textos de Lino: o xa citado Campo Sur, no ano 2002, e A mamma, no ano 2014, protagonizadas as dúas por Luma Gómez, e a primeira dirixida por Elina Luaces e a segunda por Eduardo Alonso. Lino participou na adaptación do texto de Otelo, de William Shakespeare, xunto a Imma Antonio e Juan Udaondo, para a montaxe de Librescena dirixida por Xosé M. Rabón, no ano 2001; foi o autor do texto A espada de Raex, para Teatro Maltés, na montaxe dirixida por Eduardo Cunha, “Tatán”, no ano 2003, e participou na adaptación do texto 39 veces chao (se algún día esta muller morta), de Miguel Sande, xunto a Xosé M. Rabón, en 2011, para Bengala Produccións.
Como escritor, cultivou a narrativa, en textos como A memoria perdida (Vía Láctea, 1991); O conde-vampiro, unha novela para público infanto-xuvenil (Sotelo Blanco, 1995); o libro de relatos A cor do ceo (Xerais, 1999); O botín da miseria, tamén dirixido ao público infanto-xuvenil (Everest Galicia, 2011), ou Sidi, unha viaxe cara á vida, publicada de xeito póstumo, no ano 2022, e editada por Anxelina Fernández Otero, con ilustracións de María Braxe. En 1992 Diario 16 de Galicia publicou a súa antoloxía Territorios (Poemas, parábolas e contos).
O audiovisual foi outro dos campos nos que desenvolveu o seu labor. Foi actor nas longametraxes Autopsia, dirixida por Milagros Bará, do ano 2003; Fútbol de Alterne, dirixida por Alber Ponte, no 2010; La herencia de Valdemar, de José Luis Alemán, tamén do 2010; A cicatriz branca, de Margarita Ledo Andión, no ano 2012; a mediametraxe El váter susurra, de Rafael Calvo, do ano 2000; e as curtas Gris púrpura, de Xosé Abad, de 1991; Sen motivo aparente, dirixida por Eduardo Gabín, de 1994; Afonía, de Chema Gagino, tamén do ano 1994; A mercería, dirixida por Marise Brostel, no ano 2000; O trasto, de Rafael Calvo, do 2002; Automóbil, de Andrés Victorero, do 2007, ou Historia da arte, de Javier Batanero, tamén do 2007.
Foi o guionista da mediametraxe Un café de ollos verdes, dirixida por Antonio F. Simón no ano 1995; e autor da adaptación do guión, xunto a Antonio Simón, da longametraxe La novia de medianoche, no ano 1997, a partir do proxecto de Buñuel, dirixida por Simón; así como da curtametraxe de ciencia ficción de animación A Coruña, cidade do futuro, xunto a Enrique Ribadulla, no 1999. Ademais, foi director da serie Valderrei, e escribiu e dirixiu a curtametraxe Dor, no ano 2015, sobre os nenos e nenas asasinados violentamente, a partir dunha experiencia persoal.
Como actor de audiovisual, participou en series como Pratos combinados, Galicia Express, A vida por diante, Gondar, Mareas Vivas, Rías Baixas, O quid, ou o capítulo piloto de Pesquisas: O caso das galiñas aforcadas, do que foi guionista, xunto a Xulio Fontecha e Francisco Taxes, así como no telefilme Contou Rosalía.
A radio foi outro dos campos nos que Lino deixou a súa pegada, sendo durante máis dunha década locutor e xefe de programación en RNE, un medio onde exerceu de adaptador da obra dramática de numerosos autores galegos, como Blanco Amor ou Cunqueiro. Ademais, dedicaouse á dobraxe durante moitos anos e dirixiu a Fonoteca de Galicia.
Tamén se dedicou á crítica, á investigación e á edición literaria, tanto co seu propio selo editorial, Edicións Proscritas, como con outras entidades e editoriais. Encargouse, xunto á súa compañeira Alexandrina Fernández Otero e a Pablo Mariñas, da edición crítica da obra de Jenaro Marinhas del Valle, nos volumes Obra completa dramática de Jenaro Marinhas del Valle (Espiral Maior, 2006); Amarga memoria (Espiral Maior, 2008), que incluía unha escolma de poemas, teatro e narrativa; Caderno de notas (A Nosa Terra, 2008); e Cancións de Manuela / Canções para Manuela (Edicións Proscritas). Tamén editou, xunto a Alexandrina, a Obra dramática completa de Luísa Villalta (A.C. Alexandre Bóveda, 2018). Dos libros que editaba, procuraba facer posta en escena, como no caso de Velada, con textos de Jenaro Marinhas del Valle, no ano 2008; ou O paseo das esfinxes, de Luísa Villalta, no 2018. Lino foi, ademais, un dos fundadores e redactores da revista Luzes de Galiza.
Lino Braxe faleceu o 25 de decembro de 2020. A derradeira peza que escribiu foi O real coronavirus, que rematara de escribir e de revisar xusto antes do seu pasamento, e que puxo en escena o grupo ACAB da Asociación Cultural Alexandre Bóveda no ano 2021. Nese momento estaba a traballar en varias postas en escena, que non puido rematar, como a do seu texto Joseph, Katherine e George. No ano 2021, o XXIV Memorial Ibán Toxeiro, organizado pola A.C. Alexandre Bóveda concedeulle o seu premio de honra. Ese mesmo ano a MITCFC acolleu unha serie de actos de homenaxe ao artista mugardés. Un ano despois, en 2022, AAAG concedeulle o Premio de Honra Marisa Soto, a título póstumo, como recoñecemento e homenaxe á súa traxectoria e ao seu traballo a prol da cultura e da escena galega, así como ao seu labor como un dos principais impulsores dos Premios María Casares.
Agradecementos
A Sabela Hermida Mondelo, a Manuela Varela, a Alexandrina Fernández Otero e a María Braxe pola súa agarimosa e prezada colaboración.
Bibliografía
«A AAAG lembra a Lino Braxe, referente e figura poliédrica cuxo compromiso creativo e persoal deixan unha fonda pegada», na páxina web da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, (25 de novembro de 2020).
«A AAAG outorga o Premio de Honra Marisa Soto a título póstumo a Lino Braxe», na páxina web da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, (23 de maio de 2022).
«A Coruña lembra a Lino Braxe no XXIV Memorial Ibán Toxeiro», Culturagalega.gal, (10 de novembro de 2021).
«A estrea do Hamlet
que dirixe Lino Braxe supón a maior aposta privada polo teatro na nosa historia», Culturagalega.gal, (16 de febreiro de 2006).
«Estreno en Sada de la obra O paseo das esfinxes de Teatro Proscrito», La Opinión A Coruña, (8 de abril de 2019).
«Falece Lino Braxe, figura polifacética da cultura galega», na edición dixital da Erregueté, Revista Galega de Teatro, (26 de decembro de 2020).
Gil, Francisco J.: «Lino Braxe, todo é poesía». Entrevista a Lino Braxe no xornal La Región, (14 de xullo de 2017).
«Lino Braxe reúne sus acrílicos en miniatura», na edición dixital do xornal La Opinión A Coruña, (16 de maio de 2019).
«O Teatro Principal acolle a primeira montaxe dun texto de Carbalho Calero», no xornal La Voz de Galicia, (4 de setembro do ano 2000).
Rivas, Manuel: «Lino Braxe, o Ulises de Mugardos», na edición dixital da revista Luzes, (26 de decembro de 2020).
Vázquez, Susana: «Adeus a Lino Braxe», na web de Aulas Galegas, (26 de decembro de 2020).
Vidal Ponte, Roi: «Lino Braxe e o teatro: 5 apuntamentos biográficos con comentarios persoais e unha interpretación sincrónica», na Erregueté, Revista Galega de Teatro, 101 (2021), 13-16.
Vieites, Manuel F. (coord.): Cento vinte e cinco anos de teatro en galego. Vigo: Galaxia, 2007.
Como citar: Abad de Larriva, Ana : Lino Braxe. Publicado o 13/12/2023 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=6274. Recuperado o 07/02/2025
DOCUMENTACIÓN DE
Introdución escrita por Lino Braxe para a súa adaptación do Hamlet, de Shakespeare, que dirixiu con R.T.A. Produccións no ano 2006
Fonte: María Braxe
Artigo escrito por Lino Braxe sobre o poeta Xavier Seoane
Braxe, Lino: «O poeta Xavier Seoane déitase a escoitar o canto da terra», O Correo Galego, (16 de outubro de 1994)
Fonte: AELG.
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Recompilación de material sobre a montaxe de Viaxe a ningunha parte, de Fernando Fernán Gómez, de Sarabela Teatro do ano 2012
Fonte: Sarabela Teatro
Dossier con material sobre a montaxe de Tango, de Slawomir Mrozek, de Sarabela Teatro do ano 2011, na que participou Lino Braxe como actor
Fonte: Sarabela Teatro
Programa de man da peza A velada, de Teatro Proscrito, dirixida por Lino Braxe, a partir de catro textos de Jenaro Marinhas del Valle, no ano 2008
Fonte: María Braxe
Programa de man da obra Carambola (Cóncavo Convexo), de José Luís Prieto, que dirixiu para a compañía Lagarta, Lagarta, de Ernesto Chao e Rosa Álvarez, no ano 2006
Fonte: María Braxe
Cartel da montaxe da peza O bufón de El Rei, de Vicente Risco, na posta en escena de Manuel Guede, no ano 1997, na que Lino Braxe participou como actor
Fonte: CDG.
Viaxe e fin de don Frontán, ficha técnica. Estreada o 7 de xullo de 1995 esta obra de Rafael Dieste estivo dirixida por Antonio F. Simón
«Viaxe e fin de don Frontán, de Álvaro Cunqueiro». En Centro Dramático Galego: 20 anos, 1984-2004. Santiago de Compostela: Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais IGAEM, 2004.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Nova sobre a emisión de lecturas dramatizadas de textos teatrais de Dieste, Blanco Amor e Cunqueiro da Radio Galega, en maio do ano 1995, nun proxecto coordinado por Lino Braxe
«A Radio Galega emite obras de teatro de Dieste, Blanco Amor e Cunquiro», El Correo Gallego, (11 de maio de 1995)
Fonte: María Braxe
Cartel da montaxe da peza Nin me abandonarás nunca, de J. Posada Curros e Luís de Gálvez, dirixida por Manuel Guede, no ano 1995, na que Lino Braxe participou como actor
Fonte: CDG.
Cartel da montaxe de Viaxe e fin de Don Frontán, de Rafael Dieste, na versión de Manuel Guede dirixida por Antonio F. Simón, no ano 1995, na que Lino Braxe participou como actor
Fonte: CDG.
Escolma da obra de Jenaro Marinhas del Valle, realizada por Lino Braxe, Alexandrina Fernández Otero e Pablo González Mariñas
Braxe,Lino; Fernández Otero, Alexandrina; González Mariñas, Pablo (ed.): Breve escolma de Jenaro Marinhas del Valle. Escolma en varias linguas impulsada pola AELG co patrocinio da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo.
Fonte: AELG
Cartel da XXIV edición do Memorial Ibán Toxeiro, organizado pola Asociación Cultural Alexandre Bóveda, na que se fixo unha homenaxe a Lino Braxe
Fonte: AELG.
Programa de man da montaxe de Tango, de Slawomir Mrozek, de Sarabela Teatro, na que participou Lino Braxe como actor
Fonte: María Braxe
Ligazóns de interese
«A AAAG outorga o Premio de Honra Marisa Soto a título póstumo a Lino Braxe», na páxina web da Asociación de Actores e Actrices de Galicia. (23 de maio de 2022)
Fonte: Asociación de Actores e Actrices de Galicia AAAG
«A Coruña lembra a Lino Braxe no XXIV Memorial Ibán Toxeiro», culturagalega.gal. (10 de novembro de 2021).
Fonte: Consello da Cultura Galega
«Falece Lino Braxe, figura polifacética da cultura galega», na edición dixital da Erregueté, Revista Galega de Teatro. (26 de decembro de 2020)
Fonte: Erregueté, Revista Galega de Teatro
Susana Vázquez: «Adeus a Lino Braxe», na web de Aulas Galegas. (26 de decembro de 2020)
Fonte: Aulas Galegas.
https://aulasgalegas.org/
Manuel Rivas: «Lino Braxe, o Ulises de Mugardos», na edición dixital da revista Luzes. (26 de decembro de 2020)
Fonte: Luzes
https://luzes.gal
«A AAAG lembra a Lino Braxe, referente e figura poliédrica cuxo compromiso creativo e persoal deixan unha fonda pegada», na páxina web da Asociación de Actores e Actrices de Galicia. (25 de novembro de 2020)
Fonte: Asociación de Actores e Actrices de Galicia AAAG
«Lino Braxe reúne sus acrílicos en miniatura», La Opinión A Coruña. (16 de maio de 2019)
Fonte: La Opinión
www.laopinioncoruna.es
«Estreno en Sada de la obra O paseo das esfinxes de Teatro Proscrito», La Opinión A Coruña. (8 de abril de 2019)
Fonte: La Opinión
Francisco J. Gil: «Lino Braxe, todo é poesía». Entrevista a Lino Braxe no xornal La Región. (14 de xullo de 2017)
Fonte: La Región
Artigo escrito por Lino Braxe sobre os vinte anos do Memorial Ibán Toxeiro: «O memorial Ibán Toxeiro 20 anos despois» publicado no xornal La Opinión A Coruña. (14 de novembro de 2016)
Fonte: La Opinión
https://www.laopinioncoruna.es
Vídeo do ano 2014 en que Lino Braxe fala das liñas de creación na súa escrita, e como foi a evolución da súa biografía literaria e a súa bibliografía
Fonte: Videoteca da AELG
«Co director e actor teatral, Lino Braxe». Entrevista de María Solar a Lino Braxe no ZigZag Diario da Televisión de Galicia, no programa do 14 de decembro de 2012
Fonte:ZigZag Diario. TVG
Vídeo do ano 2012 en que Lino Braxe fala dos seus referentes, as lecturas que alimentaron a súa obra e que circunstancias biográficas llas facilitaron
Fonte: Videoteca da AELG
Vídeo resumo de Viaxe a ningunha parte, de Sarabela, do ano 2012, na páxina web da compañía
Fonte: Sarabela Teatro
Artigo sobre o recital que fixo Lino Braxe para as persoas afectadas polo terremoto na localidade italiana de L’Aquila, en maio do ano 2009, acompañado polo músico Rómulo Sanjurjo, por Ana Abad de Larriba: «Versos de Rosalía confortan a L’Aquila», Faro de Vigo, (26 de maio de 2009)
Fonte: Faro de Vigo
https://www.farodevigo.es
Vídeo do ano 2008 en que Lino Braxe responde á pregunta de por que comezou a escribir
Fonte: Videoteca da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, AELG
Nova sobre a presentación do disco O sorriso do diaño, do grupo A caricia da serpe, en decembro do ano 2007, por Marcos Otero: «A caricia da serpe presenta su último disco en el Rosalía», La Opinión A Coruña, (27 de decembro de 2007)
Fonte: La Opinión
https://www.laopinioncoruna.es
«A estrea do
Fonte: Consello da Cultura GalegaHamletque dirixe Lino Braxe supón a maior aposta privada polo teatro na nosa historia», culturagalega.gal. (16 de febreiro de 2006)
Vídeo en que Lino Braxe, presentado por Yolanda Castaño, recita un dos seus poemas, no V Congreso de Escritores/as XXV Aniversario AELG, no ano 2005
Fonte: Videoteca da AELG
«O Teatro Principal acolle a primeira montaxe dun texto de Carbalho Calero», La Voz de Galicia. (4 de setembro do ano 2000)
Fonte: La Voz de Galicia
https://www.lavozdegalicia.es/
Episodios da serie Rías Baixas
Fonte: http://www.crtvg.es/en-serie/as-nosas-series/rias-baixas [Consulta: ]2023-04-24
Ficha audiovisual de Lino Braxe en AVG: o soportal do audiovisual galego, do Consello da Cultura Galega
Fonte: Consello da Cultura Galega
Páxina web do CDG onde aparece a listaxe de producións do CDG ao longo da súa historia.
Fonte: CDG
https://centrodramatico.xunta.gal
Lino Braxe na web do Centro de Documentación de las artes escénicas y de la música
Fonte: https://www.teatro.es/profesionales
Espazo web de Lino Braxe na Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, AELG
Fonte: AELG
Vídeo da homenaxe a Luísa Villalta, O outro lado da música: a palabra, organizada pola AELG o 3 de outubro de 2004 no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, que incluíu o espectáculo Música desvelada, sobre textos teatrais e poéticos de Luísa Villalta, con adaptación e dirección de Lino Braxe, quen tamén formaba parte do elenco
Fonte: Videoteca da AELG.
[Última consulta: 2024-01-09]
Videos
Vídeo de presentación da Obra dramática completa de Luísa Villalta, na Asociación Cultural Alexandre Bóveda, no ano 2018, na canle en YouTube da asociación
Fonte: Asociación Cultural Alexandre Bóveda / youtube.com
Videobook de Lino Braxe, na súa canle de Youtube, no ano 2012
Fonte: Lino Braxe / youtube.com
Filme Fútbol de alterne, dirixido por Alber Ponte no ano 2010, no que participou Lino Braxe como actor, na canle de YouTube Burla negra
Fonte: Burla Negra / Yutube.com
Fragmento de Viaxe a ningunha parte, de Fernando Fernán Gómez, na montaxe de Sarabela Teatro, na que actuaba Lino Braxe, no ano 2012, na canle en YouTube de Tempo de lecer Ourense
Fonte: Tempo de lecer Ourense / Youtube.com
Fragmento da peza Rosa de dous aromas, na montaxe de Teatro Proscrito, adaptada e dirixida por Lino Braxe, cun elenco formado polas actrices Sabela Hermida e Isabel Blanco, no ano 2012, na canle en YouTube de Tempo de lecer Ourense
Fonte: Tempo de lecer Ourense / Yotube.com
Vídeo da canción «Negra sombra», do espectáculo poético-musical Avenida Atlántica, de Lino Braxe e Rómulo Sanjurjo, gravada na Habana, en setembro do ano 2008, coa colaboración de Polito Ibáñez. O texto é o poema homónimo de Rosalía de Castro e a música, a da canción de Bob Marley e Vincent Ford «No Woman No Cry»
Fonte: Canle en YouTube de Dubideos
Audios do disco O sorriso do diaño, gravado por Lino Braxe co grupo A caricia da serpe no ano 2007
Fonte: A caricia da serpe / YouTube.com
Audios
Entrevista a Lino Braxe sobre a súa dirección d’O paseo das esfinxes de Luísa Villalta: «Lino Braxe dirixe O paseo das esfinxes de Luísa Villalta». Entrevista no Diario Cultural da Radio Galega emitida o 23 de maio de 2018
Entrevista a Lino Braxe na Cadena Ser sobre a estrea de Esquema da farsa, a partir de textos de Luís Seoane, adaptada por Lino, no programa do 11 de maio de 2017
Libros do ccg sobre Lino Braxe
Luís Seoane.
1996 | Luís Seoane, Autoría. Lino Braxe, Compilación. Xavier Seoane, Compilación.
Textos sobre arte