Pablo Carpintero Arias
Naceu en Castro de Carballedo (Lugo) en 1969. É doutor en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela onde foi profesor de Bioquímica. Actualmente realiza un segundo doutoramento no Departamento de Historia da Arte desta mesma universidade sobre a gaita de fol, e traballa no Proxecto Ronsel da Universidade de Vigo para a recuperación do Patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia. É membro directivo da Asociación de Gaiteiros Galegos e dirixe dous grupos de recuperación de tradicións musicais galegas: A Requinta de Xián e o Obradoiro de Cultura Tradicional Ultreia.
O seu traballo de investigación está centrado principalmente na evolución da morfoloxía e repertorio da gaita de fol e na súa contextualización social e histórica, así como no estudo dos diversos instrumentos musicais tradicionais galegos. Colabora con institucións como a Radio Galega, onde periodicamente realiza seccións dedicadas ao folclore galego, ou Consello da Cultura Galega, onde depositou en 2005 un arquivo composto de máis de 350 horas de gravacións de campo.
É tamén artesán especializado na reprodución de todo tipo de instrumentos musicais tradicionais galegos e imparte cursos relacionados cos instrumentos musicais galegos e a súa historia, así como concertos musicais e didácticos.