2. Os membranófonos


A característica diferencial diste tipo de instrumentos musicais é que o son se produce poñendo en vibración unha membrana tendida e tensada sobre unha abertura. A maior parte dos membranófonos, aínda que non todos, denomínanse tambores. Estes poden ser unimembranófonos ou bimembranófonos dependendo se a caixa, o corpo do instrumento, vai cuberta cun ou dous parches de pel respectivamente.

21 MEMBRANÓFONOS DE PERCUSIÓN. A percusión efectúase directamente sobre a membrana.

211 DE PERCUSIÓN DIRECTA. Este tipo de percusión pode ser efectuada directamente coas mans, cunha man e un pauciño, con dous paus, con un só pau, cunha correa, cun atado de poliñas etc.

211.1 De cavidade semiesférica. Timbais.

211.11 De cavidade individual. Timbal de orquestra.

211.12 En grupo ou parella permanente. Nacares.

211.2 Membranófonos tubulares. Este tipo de tambores considéranse profundos cando a altura da caixa é maior que o diámetro do parche e chatos cando é menor 1.

211.21 Tubular cilíndrico. O diámetro da caixa do tambor é o mesmo no centro que nos extremos.

211.211 Dunha soa membrana.

211.212 De dúas membranas.

211.212.1 Individual. Tambor, caixa e bombo.

211.212.2 En grupos. Os bombos de mallada das treboadas e os tambores dos folións de antroido poderían estar nesta categoría pois podemos entender “grupo” como unha ligazón física dos instrumentos ou tamén como unha xuntanza funcional dos mesmos inseparable culturalmente.

211.22 Con forma de barril. O diámetro da caixa é maior no centro que nos extremos, seguindo unha liña curva.

211.221 Dunha membrana.

211.222 De dúas membranas.

211.222.1 Individuais.

211.222.2 En grupo.

211.23 Duplo cónico. O diámetro da caixa é maior no centro que nos extremos pero segue unha liña recta.

211.231 Dunha membrana.

211.232 De dúas membranas.

211.232.1 Individuais.

211.232.2 En grupo.

211.24 Con forma de reloxo de area.

211.241 Dunha membrana. Algúns tambores altomedievais

211.242 De dúas membranas.

211.242.1 Individuais. Algúns tambores altomedievais.

211.242.2 En grupo.

211.25 Tambores con forma cónica.

211.251 Dunha membrana.

211.252 De dúas membranas.

211.252.1 Individual.

211.252.2 En grupo.

211.26 Con forma de copa.

211.251 Dunha membrana.

211.252 De dúas membranas.

211.252.1 Individual.

211.252.2 En grupo.

211.3 Membranófonos de marco 2. Son aqueles nos que a altura da caixa non é maior que o diámetro da membrana. Considéranse profundos se a lonxitude do marco é maior que a cuarta parte do diámetro do parche, e chatos se o marco é menor que a cuarta parte do diámetro do parche.

211.31 Con marco e sen mango.

211.311 Unimembranófonos. Pandeiros redondos, pandeiretas 3 e pandeiras.

211.312 Bimembranófonos. Pandeiros cadrados 4.

211.32 Con marco e con mango.

211.321 Unimembranófonos.

211.322 Bimembranófonos.

212 MEMBRANÓFONOS SACUDIDOS. Ben sexa por impacto exterior ou interior.

212.1 Dotados dunha cavidade.

212.11 Individual.

212.12 En grupo.

212.2 Coa caixa tubular.

212.21 De tubo cilíndrico.

212.211 Dunha membrana.

212.211.1 De cilindro aberto.

212.211.2 De cilindro pechado.

212.212 De dúas membranas.

212.212.1 Individuais.

212.212.2 En grupo.

212.22 Caixa en forma de barril. (Subdivisións iguais a 211.22)

212.23 Con forma cónica dupla. (Subdivisións iguais a 211.23)

212.24 En forma de reloxo de area. (Subdivisións iguais a 211.24)

212.25 Caixa de forma cónica. (Subdivisións iguais a 211.25)

212.26 Con forma de copa. (Subdivisións iguais a 211.26)

212.3 Membranófonos sacudidos de marco.

212.31 Con marco e sen mango.

212.311 Dunha soa membrana.

212.312 De dúas membranas.

212.32 Con marco e con mango.

212.321 Unimembranófonos.

212.322 Bimembranófonos.

22 MEMBRANÓFONOS PUNTEADOS. Neste tipo de instrumentos a membrana é posta en vibración mediante unha corda suxeita a ela. A corda ao ser punteada ou pulsada transmite as súas vibracións á membrana. Por entrar na súa composición unha corda tensa que produce primariamente as vibracións, estes instrumentos poderían ser tamén clasificados como cordófonos. Problemas deste tipo só achan solución, como xa vimos noutros exemplos, tendo en conta os antecedentes de parentesco, neste caso concreto sería posible chegar a determinar a verdadeira situación destes instrumentos investigando se o seu devanceiro foi un membranófono ou un cordófono.

23 MEMBRANÓFONOS DE FRICCIÓN. A vibración da membrana tensa acádase friccionándoa de diversos xeitos.

231 MEDIANTE PAUS. A membrana ponse en vibración ben refregando un pau que entra en íntimo contacto con ela, ou ben refregándoa directamente cun guizo.

231.1 O pau está inserto na membrana a través dun furado.

231.11 O pau é fixo, non pode ser trocado de lugar.

231.12 O pau é semifixo, parcialmente móbil ao rozar a membrana.

231.13 O pau é completamente móbil ou ceibe. A fricción non se produce no pau, senón que é o propio pau o que fricciona a membrana directamente.

231.2 O pau está atado á membrana sen perforala. Zambombas 5.

232 EMPREGANDO UNHA CORDA. A vibración da membrana conséguese mediante a fricción dunha corda amarrada a ela.

232.1 Mediante unha corda fixa.

232.11 Dunha soia membrana. Outro tipo de zambombas galegas.

232.12 Bimembranófonos.

232.2 De fricción mediante o movemento xiratorio dunha corda suxeita a un pau. Cigala.

233 COAS MANS. A membrana fricciónase directamente coas mans 6.

24 MEMBRANAS CANTADORAS. A membrana ponse en vibración debido ao choque dunha corrente de aire contra ela.

241 LIBRES OU DE SOPRO DIRECTO. Carecen de cámara de aire. Papel de fumar sobre un peite, follas.

242 CON TUBO OU CAVIDADE. A membrana está situada nun tubo ou caixa. Mirlitóns.

É importante na descrición dos membranófonos achegar toda información posible sobre o xeito en que a membrana é tendida, asegurada e tensada sobre a caixa. Os parches poden estar pegados, cravados, abotoados, enlazados. Estes termos non necesitan explicación, salvo enlazados que significa “atados cunha corda cerca do borde da caixa”.

Os parches enlazados existen nun elevado número de variedades sendo importante, tanto para a súa clasificación como para a súa descrición, dar resposta a dúas cuestións: como se aseguran as ligaduras aos parches e como se estiran os parches sobre a caixa. Á súa vez, as ligaduras poden estar directamente aseguradas, é dicir, pasadas a través de furados practicados directamente no borde da pel, ou indirectamente aseguradas cando as cordas están atadas a aros ou ariños. Un aro pode ser feito de cordas, correas retortas, tiras de rota ou madeira; tamén pode ser exterior ou oculto se está agachado dentro do borde enrolado da pel. As correas ou cordas tendidas sobre a caixa poden estar atadas seguindo diferentes modelos: liñas paralelas, formando N, W, X ou Y ou tamén formando unha rede.

Os seguintes sufixos permiten introducir toda esta serie de características dentro da clave decimal proposta por Hornbostel e Sachs:

-6 A membrana está encolada.

-7 A membrana esta cravada.

-8 A membrana está encordada.

-81 A membrana está atada empregando unha corda, sen utilizar ningún outro dos sistemas anteriores.

-811 Sen mecanismo.

-812 Con arrochos ou zunchos 7. Diversos cordóns, cordas ou pezas de coiro crúzanse no centro do encordado actuando como tensores.

-813 Con tensores enlazados. A corda debuxa un zig-zag.

-814 Mediante cuñas entre o corpo do tambor e a corda que amarra a membrana.

-82 O encordado está suxeito á pel polo seu extremo non sonoro.

-83 O encordado amárrase á membrana empregando un ariño auxiliar. Aquí se achan os tambores, bombos, tambores de antroido e bombos de mallada.

-84 As cordas están atadas na base baleira do corpo do tambor.

-85 O encordado suxéitase a un soporte ou cinto de diferente material.

-86 As cordas amárranse empregando caravillas.

[Dende –82 a –86 existen subdivisións iguais ás de –81]

-9 A membrana está dobrada nos extremos. Un aro ou anel pasa sobre os extremos da membrana.

-91 O anel é de corda.

-92 O anel é de metal.

-921 Sen mecanismo. Caixas.

-922 Con mecanismo.

-9221 Sen pedais.

-9222 Con pedais.

Na descrición de calquera membranófono é tamén importante facer alusión tanto ao material con que é fabricado (diversos tipos de madeiras, coco, cabaza, bambú, arxila ou metal), como á presenza ou ausencia de cordas tendidas diametralmente sobre os parches, os denominados bordóns.

Outro aspecto importante é a descrición da posición de execución. Os tambores poden ser tocados ben parados no chan ou sobre unha tarima, ben pendurados do teito, dun soporte ou do corpo do tocador, mentres que os parches poden estar dirixidos cara aos costados, cara arriba ou cara abaixo. Nos tambores con dous parches debe indicarse sempre se a percusión se realiza nunha soa ou nas dúas membranas.

Ver notas
  1. [1] Faise esta distinción porque os tambores tubulares chatos cumpriría clasificalos como membranófonos de marco, pero, como proceden da evolución dun tambor tubular profundo, clasifícanse na súa mesma categoría.
  2. [2] Nesta categoría inclúense tamén os membranófonos de caixa non circular, que poden adoptar diversas formas poligonais (cadrados, rombos, triángulos, etc.).
  3. [3] As pandeiretas e pandeiras son sen dúbida descendentes dos antigos pandeiros redondos unimembranófonos que aínda viven en determinadas zonas do veciño Portugal e se lembran nalgunhas zonas de Galicia. Por mor deste parentesco, cremos correcto identificar os pandeiros redondos, pandeiretas e pandeiras sostidas coa man esquerda como membranófonos de marco. Mentres que as pandeiretas sostidas co man dereita (desenvolvemento propiamente galego) serán clasificadas como idiófonos de golpe directo nun novo grupo denominado marcos percutidos (111.26), pois como xa indicamos a intención musical non se centra nunha membrana tensa que resoa (acompañada ou non dunhas poucas ferreñas), senón no son dun gran número de ferreñas postas en movemento batendo nunha pel destensada que non resoa.
  4. [4] Tamén por razóns de índole filoxenética non se inclúen neste apartado os tambores europeos nos que a caixa é menos alta que o diámetro do parche, categoría á que pertencen a maior parte dos tambores galegos (caixas, tambores e bombos). Este tipo de tambores proceden seguramente do timbal cilíndrico longo e polo tanto deben ser incluídos na categoría 211.212.1.
  5. [5] Malia que achamos este tipo de membranófonos en Galicia e a palabra aparece nos dicionarios consultados, nunca puidemos saber da súa denominación tradicional por boca dun portador que tocase o instrumento. En todo caso, debemos facer notar que a palabra zambomba aparece tanto no portugués coma no español.
  6. [6] Deste xeito de obtención do son participan tamén as pandeiretas galegas cando se realiza o movemento denominado riscado, consistente en refregar a membrana cun só dedo e máis raramente co puño pechado. O resultado desta acción é unha serie de golpiños rapidísimos (en definitiva unha vibración) que cumpren a mesma función que os redobres nos tambores. Deste xeito, as pandeiretas galegas amósanse como un instrumento dunha exquisita complexidade, tanto pola súa natureza material, mestura de membranófono de marco con idiófono, como pola forma de obtención sonora, hábil combinación de sacudimentos, golpes e friccións.
  7. [7] Así se denominan tradicionalmente unhas pezas de coiro ou pel con forma de anel que unen dúas cordas permitindo tensalas ao se desprazaren arriba ou abaixo.
Patrocinadores e colaboradores