Os Idiófonos


Un instrumento musical encádrase dentro deste grupo cando o son é producido polo corpo do mesmo instrumento, é dicir, é o mesmo instrumento o que soa cando se pon en vibración ao refregalo, percutilo, sacudilo etc.

Entre os idiófonos achamos seguramente algúns dos instrumentos musicais máis antigos que empregou o home, pois basta entrebater dúas pedras, dous paus ou golpear o propio corpo para conseguir un son. Por este mecanismo moitas ferramentas de traballo deberon converterse nalgún momento da evolución humana en instrumentos musicais cando a sucesión de golpes rítmica asociada ao traballo pasou a significar algo máis, é dicir, cando comezou a inspirar algún tipo de emoción que máis tarde levaría a independizar estes sons do traballo, sen que isto queira dicir que a música teña a súa orixe aquí. En todo caso, a asociación da música cos útiles e ritmos de traballo é outro dos universais da música humana que en Galicia se reflicte no uso de numerosas ferramentas agrícolas e domésticas para a produción de música, como pronto veremos.

Os idiófonos clasifícanse en varios grupos en virtude da acción que hai que levar a cabo para facelos soar. Hai idiófonos que deben ser golpeados directa ou indirectamente, outros nos que é preciso puntear cos dedos, un terceiro grupo nos que o instrumento precisa ser refregado, e un último no que o aire os abanea para facelos soar.

Patrocinadores e colaboradores