Aerófonos de lingüeta dupla dotados de fol. As gaitas de fol

Non imos facer aquí unha historia da gaita de fol en Galicia. Isto levaríanos outro tanto como o que levamos escrito e preferimos deixalo para un próximo traballo máis específico. Quen estea interesado en afondar un pouco no asunto pode consultar a xa clásica e excelente obra de Anthony Baines Bagpipes 1, tamén The Bagpipe de Francis Collison 2, a voz bagpipe na obra de referencia The New Grove Dictionary of Music & Musicians 3 ou mesmo Fiesta, identidad y contracultura de Javier Campos 4, onde se fai un repaso bastante atinado do tema en Galicia.

Antes de comezarmos, debemos aclarar que, a partir deste momento, cando nos refiramos ao instrumento “gaita de fol” deberemos entender sempre que estamos a falar de gaitas de fol con tubos cantores de lingüeta dupla, de palleta.

Xa explicamos varias veces que, na nosa opinión, os aerófonos dotados de fol, as gaitas de fol, xorden despois de acolar a instrumentos que xa existían un depósito para o aire, e pensamos, en contra do que outros autores opinan, que foi principalmente a idea do fol a que se espallou e non o instrumento en si. O sentido de engadir un fol a un instrumento que xa existía é moi claro: estes instrumentos soprados directamente coa boca requirían un grande esforzo, sobre todo se temos en conta que eran tocados coa técnica da respiración circular á que xa aludimos ao falarmos doutros instrumentos. Pola documentación escrita grega e romana que se conserva, parece que o fol con esta utilidade fixo a súa aparición antes do cambio de era. Así xurdiron o askaulos 5 grego derivado de engadirlle un fol ao aulòs, instrumento citado por Aristófanes en Os Acarnianos e Lisístrata, c. 425 e 411 a.C. respectivamente; e tamén a tibia utricularis 6 romana, instrumento máis serodio que resultou de lle engadir un depósito para o aire á tibia. Deste xeito, moitas e diferentes gaitas de fol irían xurdindo aquí e acolá segundo o invento do fol se foi espallando. Non sabemos onde se inventou a primeira gaita de fol, tampouco se sucedeu en varios sitios, pero si sabemos que unha das primeiras mencións claras a ela é en mans de Nerón (37-68 d.C.) de quen di Dión Crisóstomo que sabía “como tocar o tubo coa boca e como apretar o odre baixo o brazo7, ou Caio Suetonio “Contra o final da súa vida [Nerón] prometera que se se mantiña no poder nos xogos que se realizarían para a celebración da súa vitoria, daría unha audición de órgano hidráulico, choraulam, e mais outra de utricularium”8. É posible logo que fosen os romanos quen espallasen o invento do fol por todo o imperio pero descoñecemos de que parte do imperio o recolleron. Sachs opinaba que de Asia Menor, debido ao achado da coñecida estatuíña que amosa un cego tocando unha especie de frauta de Pan que parece alimentada por un fol que o instrumentista sostén debaixo do brazo.

Xa vimos como Estrabón na súa Xeografía (c. 29 a.C.-7 d.C.) menciona que os habitantes do noroeste tocaban o aulòs e sabemos tamén que xa no século II a.C. os habitantes da península coñecían o procedemento para fabricar depósitos flexibles que contivesen aire. Tito Livio describe como as tropas celtiberas e lusitanas no inverno do 218-217 a.C. empregan foles cheos de aire para atravesar os ríos. Polo tanto, en Galicia e contra o cambio de era, xa tiñamos dispoñibles os dous elementos para facer unha gaita de fol. Non sabemos se foi así ou non, pois a historia deste instrumento en Galicia segue a ser escura, tanto que a primeira proba segura da súa existencia no noso país data do século XIII, cando foi labrado o famoso capitel de Melide, hoxe conservado no Museo de Pontevedra e onde se aprecia claramente un gaiteiro cun instrumento dotado xa de roncón e punteiro.

As posibilidades son amplas, desde que a gaita de fol fora xa coñecida en Galicia antes da chegada dos romanos, pasando porque fosen eles quen trouxeron a idea de acolar un fol a instrumentos aerófonos, ou quizais pola súa chegada máis serodia en mans dos pobos xermanos. Tamén podería ser que o instrumento se coñecese desde moi antigo e que se extinguise despois, volvendo a rexurdir máis tarde na alta Idade Media. Nada podemos afirmar con seguridade por agora. O caso é que a gaita de fol foi, desde a Idade Media e ata a actualidade, o instrumento popular máis destacable, e non só en Galicia, senón en toda Europa. Sufriu, é certo, altos e baixos, pero a grande variedade de gaitas de fol que aínda hoxe se conservan en Galicia e Europa son proba da súa vitalidade pasada e presente. Abonda observar as iluminacións das Cantigas de Santa María para decatármonos de que xa no século XIII a variedade destes instrumentos era grande. Alí aparecen gaitas de fol con punteiros cónicos, posiblemente de lingüeta dupla, equipadas xa con varios bordóns, así como instrumentos con punteiros cilíndricos, seguramente de lingüeta sinxela, con resoador ou sen el, e aínda outros instrumentos equipados cunha vincha pero soprados directamente coa boca.

Basten estas poucas palabras para facer unha introdución ao que agora nos interesa: describir os tipos de gaitas de fol con tubos cantores de lingüeta dupla que existiron en Galicia ao longo do século XX e que seguramente son herdanza directa das que existiron nos séculos XVII e XVIII, provindo algunhas tipoloxías probablemente de bastante máis atrás.

As descricións que faremos a continuación foron xa publicadas con anterioridade no noso artigo: “Gaitas e gaitas de fol galegas con cantores tipo óboe9, polo que o presente texto é simplemente un resumo, corrixido e ampliado nalgúns poucos aspectos, daquela publicación, na que se poderá estender a información aquí vertida.

Antes de analizarmos as peculiaridades que nos permiten diferenciar varios tipos de gaitas de fol en Galicia, imos ver cales son as características comúns a todas elas.

O primeiro que debemos indicar é que o nome correcto do instrumento é gaita de fol 10, circunstancia moitas veces esquecida por eruditos e estudosos que pasan por denominalo gaita, sen ter presente que este polisémico apelativo pode facer referencia a multitude de instrumentos musicais soprados directamente coa boca e incluso aludir tamén ao pene e outras partes dalgúns animais. En descargo daqueles que toman gaita por gaita de fol diremos que tamén o pobo o fai normalmente, e que só despois de inquirilo acaban por recoñecer que o nome correcto é gaita de fol; de feito, as coplas tradicionais que falan da gaita son moitisimas, pero só puidemos achar dúas nas que se mencione o seu nome completo:

Saca, Marica do fondo da ucha

un neto de caña do tinto ribeiro;

saca, Marica, que case me ole,

mentras que ven esa gaita de fole

[IMLTG, 111]

Estoutra corresponde ao final dunha panxoliña:

Correde, rapaciños,

pra ir a Belén

coa gaita do fol

que din que naceu un neno

tan bonitiño como un sol

[IMLTG, 93]

En todo caso, nos textos escritos en galego recollidos no Tesouro Informatizado da Lingua Galega do Instituto da Lingua Galega, esta denominación abunda xa desde mediados do século XIX, sendo a primeira nunha obra de Antonio Fernández Morales do 1861 titulada Ensaios poéticos en dialecto berciano:

«…logo qu’ ha amanecido a vendimar van-se á viña, levando, no seu metido, cada guapa galeguiña, o cesto do seu querido. Na gaita de fol tocando vai o gaiteiro a muiñeira; algúis ó son bailando, i algúas nos cus tocando dos seus megos a pandeira. Acompasando as pisadas e collidas polas maos outras van emparexadas, cantando as mesmas tonadas dos anos todos pasaos. Ó finar, con muito ardor aturulan: “¡Ijijíiiiiii!!…»

En todas as gaitas de fol galegas o tubo cantor, o punteiro, é cónico e vai fornecido con oito furados dixitais, ademais de posuír na súa parte distal dous ou tres buratos non dixitais denominados orellas. Os furados dixitais crecen sempre en tamaño da parte superior á inferior, con excepción daquel burato destinado ao meniño da man dereita, que é sempre lixeiramente máis pequeno que o inmediatamente superior. A perforación interior dos punteiros das gaitas de fol galegas é sempre cónica, de paredes rectas ou curvas e pode rematar nun engrosamento máis ou menos pronunciado. O punteiro emite o seu son mercé a unha lingüeta dupla, da que xa falamos, denominada palleta ou menos frecuentemente pipa 11, fabricada con dúas laminiñas de cana atadas con fío sobre un pequeno tubo de metal ou cálamo de pluma de galiña.

Á parte do punteiro, todas as gaitas de fol galegas van fornecidas con un ou varios bordóns, de lingüeta sinxela ou dupla, que reciben diversos nomes dependendo da zona e do tipo de lingüeta que porten. Por agora referirémonos unicamente a aquel bordón que é común a todas as gaitas de fol galegas: o ronco, roncón ou orneón. Ten unha lonxitude aproximada de 60-80 cm e está composto por tres pezas de madeira torneada que encaixan unhas nas outras, cun furado interno normalmente cilíndrico que vai aumentando de diámetro cara á parte máis distal . O roncón remata nunha peza con forma de copa, escavada por dentro e que remata nun furado duns 1.5-2 cm de diámetro. Este bordón acada o seu son característico mediante unha lingüeta sinxela, denominada pallón ou palletón, que se talla nun tubiño de cana ou sabugueiro. Normalmente a lingüeta do pallón tállase dende o nó cara á inserción no ronco, mais hai outros xeitos posibles: o máis frecuente deles é labrala cara ao nó, moito máis raro é tallala fragmentando o nó da cana en dúas partes.

Do roncón pendura sempre un freque, chamado tamén por veces farrapo, e unha ou varias perillas, manzanetas ou borlas. Xuntos forman un dos principais ornamentos das gaitas de fol galegas, polo que a súa presenza era sempre coidada con esmero polos gaiteiros.

Ponte de xionllos,

levanta as más ante o peito

e bica do ronco a borla

con grande recollimento.

[AGG, 16]

Vindelle ver a monteira bonita,

Prumas de galo no curuto van

Vindelle ver o farrapo do ronco

Feito un-ha resta de fios de lan.

Has de espirrar po las nocas

E tomar do tabaqueiro

Que a mesma copa do ronco

Po las narices che meto

[AGG, 21]

Os freques podían ser de seda ou la, dependendo do poder adquisitivo do gaiteiro, e podíanse mercar xa feitos ou ben ser tecidos na casa empregando uns teares especialmente deseñados para iso. O freque ten un xeito especial de ser colocado no roncón: normalmente era duplo e partía da parte posterior da primeira peza, para rematar dando unha volta arredor da argola inmediatamente anterior á copa da derradeira peza do roncón, de xeito que os fíos do freque quedan libres cara á parte posterior cubrindo a copa. As perillas ou manzanetas confeccionábanse normalmente enrolando un anaco de freque sobre si mesmo, cando non se mercaban xa feitas.

As gaitas de fol dispoñen tamén dun tubo a través do cal o aire é introducido no fol. O máis común é que nesta peza se sopre directamente coa boca e que vaia situada na parte superior do fol, caso no que é denominada soprete ou soplete. Tornéase nunha peza de madeira cun furado interno que remata nunha válvula de coiro, o que impide o retorno do aire cara á boca do tocador.

Todos os tubos das gaitas de fol van acolados ao fol coa mediación duns curtos tubos de madeira denominados asentos ou buxas. Ata non hai moito, os foles fabricábanse empregando a pelica dun cabrito, malia que tamén se usaron as peles de año e can para este fin. A buxa do punteiro atábase na parte do fol que correspondía co pescozo do animal, a do roncón normalmente na pata dereita e a do soprete na esquerda. De existiren máis bordóns, practicábanse, no lateral dereito do fol, os furados necesarios para acolar as restantes buxas. Hoxe este tipo de foles retroceden en favor doutros fabricados con materiais sintéticos.

Ao contrario do que ocorre cos aerófonos de lingüeta sinxela dotados de fol, nas “gaitas galegas” este vai sempre recuberto dun vestido de tea, denominada xustillo ou vestido. Este xustillo é outro dos ornamentos que os gaiteiros dispoñían con particular esmero. Normalmente fabricábanse de teas finas, como pano, damasco, diversos tipos de brocados e veludos das cores máis diversas, pero as máis das veces colorados. Os vestidos podían ser finamente bordados e tamén reberetados cun cordón de calabrote, cunha tira bordada ou, na zona oriental, mesmo cun freque.

As gaitas de fol galegas eran feitas sempre por artesáns en talleres especializados, pese a que moi raramente estes especialistas vivían unicamente da fabricación destes instrumentos. Decote achamos famosos fabricantes de gaitas de fol que compatibilizaban a factura de instrumentos con outros traballos como a agricultura ou a gandería, sendo moi frecuentes os oficios de carpinteiros e ebanistas entre estes homes. Hoxe existen reputados artesáns que viven exclusivamente da fabricación das gaitas de fol, caso do obradoiro da familia Seivane (hoxe en Cambre, A Coruña), Antón Corral (Vigo, Pontevedra), Oli Xiráldez (Balcaide, Teo, A Coruña), Xosé Manuel Gil (Ponteareas, Pontevedra), Afonso Rodríguez Castro (O Rosal, Pontevedra), Joaquín Espiño (Riobó, A Estrada), Ramón Acha “O Chilro” (Cambados, Pontevedra) ou o do propio autor que reproduce gaitas de fol antigas en Santiago de Compostela, por citar só algúns.

A madeira de elección para a fabricación das gaitas de fol foi o buxo, antigamente moi abundante en Galicia, malia que tamén se podían empregar outras madeiras como a oliveira ou o freixo.

Miña gaita de oliveira

¡heite de mandar dourar!

gracias a ti, miña gaita,

moitos cartos vou gañar.

[IMLTG, 102]

De pau de buxo se fai

roncón, soplete e punteiro,

o fol faise decontado

cun pelexo de carneiro

[IMLTG, 100]

A gaita eche boa,

bocales de buxo,

virolas de corno,

foles de cabuxo

[IMLTG, 103]

Madeiras de importación como os paus santos ou o ébano tamén se usaron para a factura das gaitas de fol, pois foron moi valoradas polos gaiteiros. Entre as máis de cen gaitas antigas que tivemos a oportunidade de analizar, non achamos, por agora, ningunha tallada, aínda que na zona de Mondoñedo era frecuente ornalas con finas incisións pintadas de cor vermella.

Tamén na función social se diferencian as gaitas de fol doutros aerófonos de lingüeta tradicionais. Mentres estes valían normalmente como diversión e pasatempo de nenos e mozos, agás no caso da rosca, a gaita de fol desenvolveu unha función central na vida festiva galega. Foi o instrumento escollido para animar as festas patronais e o preferido para os numerosos bailes que se facían despois dos traballos do campo, pese a que a presenza do gaiteiro neles non sempre era posible. A música das gaitas de fol galegas non foi exclusivamente encamiñada para ser bailada, tamén desempeñou un papel destacado nas cerimonias relixiosas. Así, nas procesións raramente faltaba o gaiteiro e, en moitas zonas de Galicia, existiron misas acompañadas con melodías interpretadas por este instrumento, do que tamén as danzas gremiais fixeron e fan uso. Na Epifanía as gaitas de fol fornecen sempre o sustento melódico para as cantigas de Reis e Noiteboa.

Dentro das festas patronais, outra función importante dos gaiteiros foi dar as alboradas. Nelas os gaiteiros percorrían as rúas da aldea, dende a mañá cedo, tocando melodías que anunciaban o comezo do día de festa. Tamén na parte meridional de Galicia o gaiteiro podía acompañar as “rondas” coas que os mozos obsequiaban ás mozas.

Deste xeito, o gaiteiro e a gaita de fol gozaron ata o século XIX e parte do XX dunha prestixiosa imaxe que, a partir do primeiro terzo do século pasado, se foi degradando como consecuencia da progresiva desintegración sufrida pola nosa tradición oral, para volver a rexurdir con forza a partir dos anos 1970.

A gaita de fol ocupa así o lugar principal dentro do noso sistema de cultura tradicional, sendo en xeral o instrumento máis valorado con diferenza e, como xa explicamos ao falar da clasificación galega dos instrumentos musicais, o que nos fornece dun prototipo polo que se miden o resto dos útiles empregados nos actos musicais para seren ou non considerados como verdadeiros instrumentos musicais. En canto á súa filiación sexual, foi sempre instrumento masculino, aínda que se documentan algúns poucos casos de mulleres gaiteiras que, a partir dos anos 70 do século pasado, se volven cada vez máis e máis abundantes. Na actualidade pódese considerar que esta filiación xa non existe, como tampouco para os instrumentos que a acompañan.

Falemos agora das diferenzas en base ás que podemos establecer distintos tipos de gaitas de fol en Galicia. Estas afectan principalmente a aspectos morfolóxicos, como o número e disposición dos bordóns ou o mecanismo de insuflación, mais poden establecerse tamén diferenzas baseándose noutros criterios como o tipo de dixitación empregada, a nomenclatura das diferentes partes do instrumento, as técnicas de execución etc. Preferimos o criterio morfolóxico para establecer os diferentes tipos por acharse claramente emparellado con áreas xeográficas definidas, ademais de permitirmos establecer unha cronoloxía aproximada para cada unha delas.

Posto que as gaitas de fol xorden de acolar un fol a instrumentos que eran soprados directamente coa boca, as primeiras gaitas de fol foron soamente iso, un fol do que saían un ou dous tubos cantores. Xa que moitos dos instrumentos aos que se acolou o fol eran óboes duplos como o aulòs ou a tibia, é moi frecuente que as poucas iconografías conservadas da alta Idade Media amosen gaitas de fol con dous tubos cantores e sen bordóns das que logo falaremos. Estas gaitas de fol foron desaparecendo en favor daquelas cun único tubo cantor, á vez que se lles comezou a engadir un gran bordón 12. A partir dos séculos XII-XIII aproximadamente, comezan a facerse moi abundantes por toda Europa as gaitas de fol con esta morfoloxía, punteiro e roncón, constituíndo o tipo máis estendido durante toda a baixa Idade Media e que chegaría ata os nosos días. Co Renacemento aparecen as gaitas de fol ás que se lles engade un segundo bordón sobre o ombreiro do gaiteiro, sendo durante o Barroco cando se fan abundantes, aquí e aló, os modelos máis complicados de tres e máis bordóns, que poden ou non repousar sobre o ombreiro.

Atendendo ao número e disposición dos bordóns achamos en Galicia catro tipos fundamentais de gaitas de fol: a gaita de catro voces, a gaita de ronquillo, a gaita de barquín e a gaita de fol “sinxela. Quede ben entendido que destas denominacións só as de gaita de catro voces e gaita de barquín son empregadas polo pobo; as outras dúas empregarémolas unicamente para facilitar a exposición, tendo sempre presente que a denominación tradicional do instrumento, incluso nas zonas onde recibe outro nome, é sempre gaita ou, máis correctamente, gaita de fol.

Ver notas
  1. [1] Baines, A. Bagpipes. Occassional papers on technology, 9. Ed. Penniman and B.M. Blackwodd. Pitt Rivers Museum. University of Oxford, 1960.
  2. [2] Collison, F. The Bagpipe. The history of a musical instrument. Ed. Routledge & Kegan Paul. Londres, 1975.
  3. [3] Sadie, S. e Tyrrell, J. (Editores). The New Grove Dictionary of Music & Musicians. Ed. McMillan. Londres, 2005.
  4. [4] Campos, J. Fiesta, identidad y contracultura. Contribuciones al estudio histórico de la gaita en Galicia. Ed. Deputación de Pontevedra. Santiago de Compostela, 2007.
  5. [5] Askaulos significa literalmente “aulòs con fol” é dicir gaita de fol.
  6. [6] Tibia utricularis significa tamén literalmente “tibia con fol”, é dicir, gaita de fol, pois uter, utris equivale en latín a fol, chamándose tamén así a uns flotadores feitos de peles que se empregaban para cruzar os ríos. Non entanto esta denominación non aparece nas fontes históricas onde só se cita ao utricularium.
  7. [7] Remnant, M. Historia de los instrumentos musicales. Ed. Ma non troppo. Barcelona, 2002, p.140.
  8. [8] Cayo Suetonio. De Vita Cesarum (VI, 54). Citado en: Crivillé i Bargalló, J. Historia de la música española. 7. El folklore musical. Ed. Alianza Música. Madrid, 1988, p. 378.
  9. [9] Carpintero, P. Gaitas e gaitas de fol galegas con cantores tipo óboe. En: Etnofolk. Revista galega de etnomusicoloxía. Nº 5, maio 2006, pp. 105-166.
  10. [10] Curiosamente nas montañas da comarca de Viana (Ourense) denominan o fol como boto, pasando así o instrumento a chamarse gaita de boto igual que en Aragón.
  11. [11] Achamos esta denominación nas comarcas de Arzúa e Terra de Melide, onde a acción de empalletar o punteiro das gaitas de fol recibe o nome de “empipado”. Tamén na parte leste da provincia de Lugo é frecuente denominar ás palletas como pipas.
  12. [12] Aínda así, sobreviven algúns tipos como a zampogna italiana que conservan esta duplicidade do cantor.
Patrocinadores e colaboradores