Asubíos
Así denominamos os galegos a uns sinxelos aerófonos que só emiten, normalmente, un son. Aparecen por primeira vez descritos no dicionario de Porto (1900): “Asubío. m. Instrumento de caña, hueso, marfil, metal, madera, etc. que sirve para silbar. Pito.” Fabricábanos os nenos como xoguetes empregando calquera material que proporcione unha cavidade globular como unha abelá, unha croia de pexego, unha noz ou un carrabouxo ou bugalla. Na parede de calquera delas practicábase un furado redondo (duns 9-10 mm de diámetro) axudándose da punta dunha navalla. Por ese mesmo furado baleirábase o seu contido empregando a punta da navalla ou un aramiño. Apoiando o asubío debaixo dos beizos e dirixindo un sopro de aire contra a beira do burato obtéñense diversos sons dependendo do material empregado. As abelás producen sons moi agudos, as bugallas sacan sons máis graves e doces, semellan mesmamente o canto das curuxas, de aí que reciban este nome nalgunhas zonas. Con dúas cascas de landra tamén se pode fabricar un asubío: faise medio furado en cada unha e despois componse o furado enteiro xuntándoas, obtendo unha cavidade esférica cun furado para soprar como nos asubíos de abelá ou noz. Tamén cunha soa casca de landra pode construírse facilmente e sen ningunha manipulación outro tipo de asubío: basta con manter a casca debaixo dos polgares que, tapándoa parcialmente, deixan un espazo entre eles para soprar; facendo pasar o aire por aí, vaise espetar contra o bisel que forma o bordo da casca, obtendo un chiído agudo. Tamén as cápsulas de selene serven para fabricar sinxelos asubíos.
Outro tipo de asubíos diferentes levan unha cavidade alongada e un bisel semellante ao dunha frauta con aeroduto. Realmente poderían considerarse tamén como frautas sen furados tonais semellantes ás caramelas. Fabrícanse desde moi antigo empregando madeira, cornos de cervos ou cabras, ou mesmo codia de salgueiro.
Foron xoguetes tan comúns que son mencionados con moita frecuencia nas coplas tradicionais; vexamos algunhas delas:
O cura de Barrabás
doull’ó Demo un asubío
para chamar as rapazas
cando ven pró muíño.
[PPG, <P 3462> <L 0> <A 1884> <E DB>]
Se queres qu’o carro cante,
bótall’o eixo no río;
bótall’o eixo mollado
cantará com’on asubío.
[PPG, <P 573> <L 0>]
Se queres que Gaspar cante
móllalle a boca con viño
verás como ben mollado
canta como un asubío
[OMCV, 23]
O cura de Santa Baia
ten na bulsa un asubío,
para asubiar de noite
ós mozos que van ó muíño.
[IMLTG, 155]
Na seitura do Barroso
perdín o meu asubío;
inda son quen era antes,
inda non perdín o brío.
[IMLTG, 156]
Vente, meniña á beira do río,
heiche tocar co meu asubío.
[IMLTG, 156]
Os asubíos contan entre os instrumentos que se documentan nas escavacións arqueolóxicas europeas máis antigas. Hoxe sabemos que tanto os cromañóns, os nosos antecesores, como os neandertais, a outra humanidade europea, construían asubíos moi semellantes aos que vimos de describir; facíanos con ósos das pezuñas de reno 1 cun furado para soprar, pero seguramente fixéronos tamén usando outros materiais. Polo visto puideron ter unha utilidade como reclamos para a caza, utilidade á que seguen a servir en África, onde estes instrumentos se documentan baixo unha variedade de formas sorprendente 2.
Os asubíos son en Galicia, como xa dixemos, xoguetes de nenos, porén tamén foron útiles empregados polos adultos para dar avisos. Son instrumentos aerófonos que non son frautas propiamente ditas e que pertencen, xa que logo, ao grupo 420.11 da clasificación de Hornbostel e Sachs.
Ver notas- [1] Dauvois, M. “Les témoins sonores paléolithiques extérieur & souterrain”. Tamén: Poplawska, D. “Globular whistles from Nemrik”. Ambos en: Sons Originels. Préhistoire de la Musique. Actes du colloque de musicologie. Université de Liège. Liège, 1994 ; pp. 11-42. ↩
- [2] Laurenty, J.-S. La systématique des aérophones de l’Afrique Centrale. Ed. Musée Royal de l’Afrique Centrale. Tervuren, Belgique Annales, nouvelle série IN-4º-Sciences humaines, nº7, 1974, pp. 40-278. ↩