Corneta

Aínda hoxe na comarca de Ordes podemos achar bastante xente que lembra o uso destes instrumentos. Alí denominaban cornetas a uns cornos de cabra aos que lles cortaban a punta, facéndolles un asentiño para os beizos. Nunha das caras planas do corno practicaban dous ou tres furados para os dedos. Así composta, a corneta puíase coa navalla por fóra e ás veces ornamentábase labrándolle un dentado arredor do extremo polo que non se sopraba. A algunhas cornetas engadíaselles unha pequena embocadura de madeira ou corno, semellante á dunha trompeta, para facilitar a emisión do son. A corneta suxéitase coa man esquerda, apertándoa contra os beizos, entanto que co índice, corazón e anular da man dereita se manexan os tres furados dixitais. Soprando con forza na embocadura podíanse tocar catro notas, o que bastaba para entoar uns sinxelos toques que, na comarca de Ordes, eran sempre de muiñeira.

Segundo Corominas (1954) a denominación de corneta podería proceder do cruce producido nas linguas hispánicas entre trompeta, de orixe galorrománica, e o autóctono cuernabocina de cuerno (1644)” e demais representantes iberorromances de cornu.

O uso principal das cornetas na zona de Ordes producíase durante o antroido, no marco dun ritual de desafío ou competición. O asunto consistía nun desafío dunha aldea á veciña: os mozos, armados coas súas cornetas, visitaban a aldea do lado para botar unha brisca (un xogo de cartas), xogaban doce mozos, seis de cada bando. Cando un bando mataba o tres de triunfo do outro, todos os seus mozos facían soar as cornetas. Cando un equipo gañaba a partida, facíase tamén o mesmo: “tocábanlle o corno ós que perdían”.

Como xa vimos, Frei Martín Sarmiento di que cara ao Seixo chámanlle gaita aos cornos do carneiro1 polo que tamén é posible que se estea a referir a este tipo de aerófonos. Perfecto Feijóo, gaiteiro da Pontevedra de finais do século XIX e principios do XX, coleccionou cornetas de diferentes lugares de Galicia hoxe conservadas no Museo de Pontevedra. Nós puidemos documentalas tamén nos Ancares, a través dun exemplar da colección de José Temprano; na zona de Sarria grazas a informacións do noso amigo Jesús Cano; e tamén na comarca de Bergantiños, pero feitas aquí con cornos de vaca e, xa que logo, bastante maiores que as fabricadas con corno de cabra. Casto Sampedro achega na sección de “Curiosidades Varias” do seu cancioneiro unha ducia de tocatas para corneta recollidas en Silleda, Santiago, Noia, Ames e Negreira 2, describindo así estas “cornas o cuernos de cabra”:

«Así llaman a unos más que primitivos instrumentos que usan hacia la montaña los pastores y la gente joven que quiere avisar y llamar para que se concurra a un punto determinado, con objeto de asistir principalmente a las reuniones nocturnas de las aldeas. Entre ellos hay algunos que sacan algún partido del mismo, a pesar de que su extensión es escasa; su desafinación grande y exigen además buen labio y buenos pulmones. Por las tocatas a que se refiere esta nota, puede verse lo que alcanzan los más hábiles.» 3

A teor destes datos, as cornetas deberon ser noutrora instrumentos bastantes coñecidos por toda Galicia, o que queda tamén reflectido na nosa lírica tradicional. Nas coplas que seguen dáse conta de como se fabricaban empregando os cornos de cabras e castróns. A primeira é referida por Carlos Rei Cebral 4 que a obtivo dun Padre Nuestro Pequeniño recollido por Federico Maciñeira Pardo de Lama (Literatura popular das terras de Capelada e Faladora):

Padre Nuestro capuchín

fun por aquel camiño torto,

atopei un cabrito morto

e saqueille as cornas

e púxenme a tocar, a tocar;

oíronme os de Lugo,

chamáronme pucho rubo.

Oíronme os de Francia,

chamáronme pucha branca.

Tamén este conto recompilado en Senra, concello de Oroso (A Coruña), por Ramón Martínez López, referido tamén por Carlos Rei Cebral na xa citada obra, fala do mesmo:

- Pico, pico, mazarico,

¿Quen che dou tamaño pico?

- Doumo Dios e os meus pecados

para picar nos carballos.

Eu piquei e repiquei

e graiños encontrei.

Leveinos ao muiño,

o muiño a moer,

os ratiños a comer,

e collín un polo rabo

e leveino ao mercado

e vendín cen reás por bocado;

marchei por unha corredoira torta,

atopei unha craba morta,

saqueille unha corna

e púxenme a tocar nela,

toquei e toquei e volvín a tocar,

e decía así: Sebastianciño e vós, vide aquí,

que sete ladrós me teñen preso aquí,

a craba negra e mais a verdegada

están nunha caldeira

facendo unha guisada.

Unha variante deste conto dálle nome ao instrumento fabricado do corno dunha cabra:

Pico, pico, mazarico

¿quen che dou tamaño bico?

Doumo Dios e San Francisco

para picar nos carballos,

antre ponlas e ramallos.

E piquei e repiquei,

tres granciños atopei

e leveinos ó moíño;

o moíño a moer,

os ratiños a comer

e collín ún polo rabo

e leveino ó mercado.

¿Canto me dades, señores,

por este porco cebado?

Cen reás e un ochavo.

Fun por cas de miña tía

cando o sol amañecía;

doume unha cunca de leite;

a cunca estaba fendida

i a culleriña partida.

Fun pola corredoiriña,

topei unha cornetiña,

que tocaba que rabiaba,

e salíronme os ladróns

e roubáronme os calzóns.

Acudide acá mulleres,

con gadañas e culleres.

[PPG, <P 335> <L 0> <A 1865>]

Estoutras coplas referidas por Carlos Rei recollen a mesma denominación:

Rapaza da media larga,

da larga media,

vaille toca-la corneta

a quen te entenda

[IMLTG, 163]

Cala, se queres calar,

cara de caracandil,

nafres de corneta vella,

bandullo de tamboril

[IMLTG, 163]

Este autor apunta que esta corneta pode significar un tipo de bugina feita en barro que usan na zona de Bonxe e o Curuto durante o antroido. Tamén na Fonsagrada denominan por veces corneta ás tobas, de xeito que é difícil saber a que tipo de corneta se refiren estas coplas sen saber a súa procedencia que, por certo, o autor non indica. En todo caso, as cornetas feitas de cornos de cabras foron moito máis abundantes por toda Galicia que as buguinas ou as tobas, por canto o normal sería que as coplas se referisen a este instrumento.

Non lle falta razón a Casto Sampedro ao observar que as cornetas son instrumentos antigos, a presenza de dous ou tres furados así o indica, pois moitos dos máis antigos aerófonos posúen este número. Sachs, con outros autores posteriores, opinaba seguindo a súa lóxica evolutiva que os primeiros aerófonos fabricados polo home tiveron que ter dous e despois tres furados. Pese a que estes postulados evolucionistas están xa superados, igual non lle falta algo de razón se pensamos que a aprendizaxe tradicional podería rememorar dalgún xeito a historia dos instrumentos musicais, polo menos dentro dunha cultura en particular. É moi frecuente que durante a súa aprendizaxe os gaiteiros galegos fabricasen sinxelos aerófonos valéndose de pallas de centeo, cana, sabugueiro, codias de diferentes árbores etc., na maioría dos casos que coñecemos, comezaban sempre por poñerlle dous e despois tres furados; segundo ía aumentando a súa habilidade musical, ían engadindo máis furados, parando normalmente nos seis. Tres furados áchanse tamén noutro dos máis antigos aerófonos que conservamos en Galicia, as tobas, así como nos pitos cabreiros e caramelas que xa vimos. Moitos outros antigos aerófonos tradicionais europeos semellantes ás cornetas galegas presentan tamén tres furados: o prillar de Noruega, o ragas e o achgaris bálticos ou o piibar estonio 5. Será difícil saber se a presenza de tres furados tonais en todos estes antigos aerófonos ten algo que ver co sistema de tetracordos gregos (quizais a súa orixe?), que resultan na oitava despois de unir dous, pero a posibilidade está aí e cumprirá afondar nas escalas producidas por este tipo de instrumentos para comprobalo. Os datos de que dispoñemos sobre as escalas emitidas polas cornetas galegas resumímolos nesta táboa (as desviacións respecto á escala temperada están indicadas en cents):

A antigüidade deste tipo de cornetas está ben documentada. Os persas xa usaban cornos con furados dixitais como instrumento de sinais. Segundo Ramón Andrés 6 en Europa foi frecuente, sobre todo a partir do século X, a presenza destes cornos aos que se lles practicaban entre tres e cinco furados dixitais; na miniatura da cantiga 270 das Cantigas de Santa María (s. XIII) represéntanse probablemente dous xograres deste instrumento. Nas últimas décadas do século XV o modelo común comezou a perfeccionarse, fabricándose en madeira e con máis furados, de xeito que durante o século XVI xa aparece na música culta toda unha familia destes instrumentos que ostentaron un lugar privilexiado debido á súa versatilidade e espléndido son. Recoñécense polo seu fuste lixeiramente curvado e cónico, sen pavillón no fondo do instrumento. En Galicia consérvanse varias representacións deste instrumento no cadeirado do coro da Igrexa de San Martiño Pinario (s. XVII) tocando a carón de óboes, frautas e diversos instrumentos de corda.

Tanto no dicionario de Covarruvias (1611) como no de Autoridades (1732) diferéncianse claramente dous tipos de cornetas, unhas son simplemente un corno dun só son que usan “caçadores monteros y los postillones 7” e outras “instrumento músico que se tañe con la boca en las capillas de música, con otros instrumentos de esta especie y de otras. Dióse este nombre por ser algo curvo, y casi semejante al cuerno de toro”. Por corneta entendemos hoxe un instrumento completamente diferente, da familia das trompetas, fabricado en metal e que carece de pistóns. Este instrumento está asociado co ambiente militar onde os cornetas se encargaron de comunicar diversas ordes co son do instrumento. No século XX proliferaron as bandas de cornetas e tambores, asociación instrumental que estudamos máis amplamente cando falamos destes últimos instrumentos. As seguintes coplas tradicionais falan da corneta militar:

Este cantar tan bonito

veuno traer a Marín

un zapateiro de Noia

na punta do cornetín.

[PPG, <P 914><L 0><A 1869><E DB>]

Mil veces pingou o sangue

Miña limpa bayoneta

Sin que o toque me arredase

Da corneta

Vede o sinales

De algun valor

Nestes oxales

De probe honor

[AGG, 171]

As cornetas feitas de cornos de cabra son hoxe por hoxe un instrumento musical extinto en Galicia, pero aínda puidemos falar con algúns homes que as tocaran de mozos, entre eles Andrés Rodríguez (1930-2004), gaiteiro de Vilamaior (Ordes). Del aprendemos a dixitación que expoñemos, algún toque, e mais a maior parte do coñecemento que do uso e función do instrumento achegamos aquí. Entre as súas referencias estaba a lembranza dun home que era o mellor tocador de corneta da zona, pois era quen de tocar sen alentar, é dicir, sen interromper o son do instrumento para coller aire. Seica ao tocar a corneta enchía as fazulas de aire, e mentres o expulsaba apertándoas, aproveitaba para encher de novo os pulmóns alentando polo nariz. Esta é a única referencia que temos do uso da respiración circular para tocar un aerófono en Galicia.

As cornetas foron consideradas, polo menos na comarca de Ordes, como verdadeiros instrumentos musicais polos seus tocadores, pois ademais de ser fabricadas exclusivamente con este fin, con elas faise música (melodía); aqueles que sacaban un bo partido musical delas eran apreciados por esta habilidade. Tiveron tamén unha certa consideración como instrumentos rituais, polo que os propios instrumentos, que se conservan aínda en moitas casas da zona, son tidos en moi grande estima polos seus donos.

Dentro da clasificación de Hornbostel e Sachs, a situación deste tipo de cornetas galegas non estaba clara, por canto propuxemos unha nova estruturación do apartado 423.2 para dar cabida aos cornos naturais con furados dixitais, que agora se incluirían no apartado 423.211.

Ver notas
  1. [1] Sarmiento, M. Catálogo de Voces y Frases de la Lengua Gallega. Edición y estudio por J. L. Pensado. Universidad de Salamanca, 1973, p. 401.
  2. [2] Sampedro y Folgar, C. Cancionero Musical de Galicia. Fundación Pedro Barrié de la Maza. Reimp. facs. de la edición de 1942. A Coruña 1982, 2ª parte, pp. 205-207.
  3. [3] Sampedro y Folgar, C. Op. cit. 1ª parte, p. 205.
  4. [4] Rei Cebral, C. Os instrumentos tradicionais na lírica popular galega. Obra inédita, en prensa, p. 157 no orixinal.
  5. [5] Tranchefort, F.-R. Los instrumentos musicales en el mundo. Ed. Alianza Música. Madrid, 1994; p. 272.
  6. [6] Andrés, R. Diccionario de instrumentos musicales. Ed. Península. Barcelona, 2001, pp. 124-125.
  7. [7] Os postillóns ían diante dos grupos de viaxeiros ou das carruaxes, dacabalo ou en mula, e actuaban como guías e gardas da recua entre unha posta e outra, levando recados entre elas e tamén o correo.
Patrocinadores e colaboradores