Frautas de embocadura en bisel: os pitos
Entramos agora a falar doutro tipo de frautas moi diferentes das traveseiras. Tecnicamente denomínanse frautas rectas, pois o seu extremo proximal ou superior introdúcese na boca do tocador que a suxeita cara adiante e abaixo coas dúas mans. Tamén se denominan frautas de bisel porque o aire que sae da boca do tocador é dirixido mediante un conduto labrado no extremo proximal do instrumento, o aeroduto, contra un borde afiado, o bisel, que se talla nunha xaneliña no lateral do tubo. Este tipo de frautas pertencen todas ao grupo 421.22 da clasificación técnica de Hornbostel e Sachs e son instrumentos moi antigos. José Miguel de Barandiarán achou preto de Gernika en 1960 unha especie de frauta feita de corno de cervo que pode emitir ata catro sons e que está datada hai uns 8000 anos 1.
En Galicia calquera tipo de frauta de bisel é denominada xenericamente pito, malia que tamén achamos as denominacións de chifre ou xipro (A Fonsagrada). Como sucede con moitos outros instrumentos musicais, non é ata o dicionario de Valladares (1884) onde pito aparece definido como instrumento musical por primeira vez: “1. Pollo de Gallina. 2. Especie de silbato”. Marcial Valladares achega ademais este exemplo tirado da lírica popular:
Teño unha galiña chòca
e ham’a de come-l-o cuco.
Pèga tres vòltas n’o aire.
Tòcall’o pito, Farruco.
No dicionario de Filgueira (1926) repítese a acepción de silbato e no de Eladio Rodríguez (1958-1961) tamén, pero distinguindo xa entre frauta e asubío: “s. m. Polluelo, mientras anda en compañía de la gallina clueca. Pollo pequeño aun después que la clueca lo abandona. Pitillo, cigarrillo de papel. Flauta pequeña que forma un sonido agudo. Especie de silbato, instrumento que sirve para silbar.” Polo que puidemos saber entre os portadores, un pito diferénciase dunha frauta en que esta é considerada un verdadeiro instrumento musical, mentres que, en xeral, un pito é un xoguete de rapaces ou unha cousa de pouco valor. A este respecto don Eladio cita este dito: “Cando pitos, frautas; cando frautas, pitos” que expresa que as cousas adoitan suceder ao revés do que se desexaba ou podía esperarse e contrapón a valía da frauta á sinxeleza do pito.
Verbo da denominación chifre, tan frecuente tamén entre os portadores e portadoras, aparece entre outros nos dicionarios de Rodríguez (1863), Cuveiro (1876) e Valladares (1884) como sinónimo de asubío e de pito, pero é no de Eladio (1958-1961) onde se achega maior información sobre este apelativo e os seus derivados:
1. CHÍFARO. S. m. Silbato, pito, instrumento para silbar. CHÍFANO, chifre.
2. CHIFRA. C. f. Acción y efecto de CHIFRAR. Castrapuercas, especie de silbato de capadores: chifre.
3. CHIFRAR. V. n. Chiflar, silbar con el CHÍFARO o chifre. PIFAR.
4. CHIFRE. S. m. Chiflo, pito, especie de silbato: CHÍFARO, CHIFRA. Chifle, reclamo para cazar aves.
Da nosa lírica tradicional puidemos recoller as seguintes coplas que mencionan os pitos ou os chifres:
Ferreiro maldito
tocáche-lo pito
a porta d’os demos
con sete martelos [sete tubos dos apitos?]
[CPG, III, 202]
As meniñas de Rianxo
pagan as rendas ô cuco;
eu como son rianxeira
“tócall’o pito Farruco”
[CPG, II, 54]
Tócall’o pito, Farruco,
repenícall’o pandeiro
que vai entrar a bailar
Manoel o custureiro.
[PPG, <P 1739> <L 0>]
Tocó el pito en la Quintana [o sereno]
Dando noticia del hecho,
Y con diligencia vana
Corria el oido acecho
Detrás de la caravana
[AGG, 46]
San Vicente pequeniño
é un santo chirifeiro,
que nos dá a nosa festa
o ventedóus de Xaneiro
[CPG, II, 291]
Minguiños sabe a muiñeira,
Minguiños ben a sabía,
que anda tocando no chifre
mañán, tarde, noite e día.
[IMLTG, 161]
As denominacións pito e chifre teñen seguramente unha orixe onomatopeica que se estendeu ao aparello alongado e cilíndrico que producía son e incluso a aquelas outras cousas que, con esta mesma forma, non emiten son. Como xa vimos, chiflo, chifla, xipro, asubío, asubiar proveñen, segundo Corominas (1954) do latín sibilare, e este da forma onomatopeica sifilare. A raíz pi- aparece tamén noutros instrumentos musicais como as pipas ou os pínfanos, está documentada por primeira vez con sentido musical no sumerio pitu hai máis de 5000 anos 2.
A tipoloxía dos pitos é moi variada en Galicia e depende fundamentalmente do material con que se fabriquen e da presenza ou non de furados para os dedos que permitan obter unha melodía. Deste xeito, podemos clasificar os pitos segundo quen os fabrica e o material con que son feitos: pitos de tona, fabricados por nenos e mozos; de cana ou bieiteiro, feitos tamén por nenos pastores fundamental pero non exclusivamente; pitos de corno de cabra fabricados por pastores e, finalmente, pitos fabricados en madeira ou metal por artesáns especializados. Unha cousa é común a moitos deles: foron empregados como instrumentos de aprendizaxe polos futuros gaiteiros. Diso deixa constancia esta copla popular:
O home de neno é chifre,
e de mozo eche gaiteiro,
e do momento que casa
é pelexo de pandeiro.
[IMLTG, 161]
Vexamos as diferentes tipoloxías dos pitos con máis detalle.
Ver notas