Frautas verticais
Un tubo de madeira ou de óso, longo e baleiro, co borde lixeiramente afiado constitúe xa unha frauta vertical da que é posible tirar varios sons diferentes simplemente variando a inclinación do sopro, sen necesidade de furados adicionais para os dedos. Este tipo de frautas considéranse moi antigas, quizais as máis, e aparecen datadas con seguridade en Europa arredor do 3000 a.C 1, e constitúen aínda un instrumento de grande tradición nos países do próximo Oriente e do Magreb. A primeira iconografía coñecida parece que data do IV milenio a.C. en Hieraconpolis, en Exipto, país onde se conservan innumerables representacións antigas deste instrumento. Esta frauta recibe o nome de naï, que en persa significa cana, pero o máis curioso deste instrumento son as súas ancestrais normas construtivas: unha cana con sete furados para os dedos, en que a distancia entre a embocadura e o primeiro furado debe ser a mesma que entre este e o fondo da frauta. A distancia dos sete furados calcúlase empregando unha unidade natural: o largo do polgar, é dicir uns 21-25 mm. Cando falemos das nosas frautas e outros instrumentos de vento veremos como se aplica esta mesma norma.
Un tipo de frauta vertical, co fondo obturado, constitúe a base doutro antigo instrumento que si achamos en Galicia, as denominadas siringas ou frautas de Pan por atribuíren os gregos a súa creación a este deus.
Ver notas- [1] Meylan, R. “Permanence de la flûte oblique autour de la Méditerranée”. En: Sons Originels. Préhistoire de la Musique. Actes du colloque de musicologie. Université de Liège. Liège, 1994 ; p. 135. ↩