Pínfano, frautín

Frautín de cinco chaves (principios s. XX). Colección do autor. Fotografías de Alba Vázquez Carpentier.

Coa denominación de pínfano refírense na zona da Ulla a unha pequena frauta traveseira de madeira, xeralmente de buxo, fabricada en dous ou tres pechos. Tamén se coñeceron estes instrumentos en diversas zonas da provincia de Pontevedra pero denominándose como frautíns e pífanos. Por se trataren de aerófonos alongados poden recibir tamén o nome de gaitas ou gaitiñas, tal e como sucede neste texto dun conto de rapaces recollido por Emilia Pardo Bazán en Vilancosta (Santiago, A Coruña) e referido na súa obra de 1884 Folklore Gallego 1. Aquí aparece o famoso tema dos tres enganos do irmán pobre ao rico; un deles era unha gaitiña que fai resucitar os mortos:

-Ja ves que, por causa tua matei a miña muller. ¿Que vai ser de nós ahora?

-Crispín, perdóname –respondeu Bastian, abrazando-o-. Renuncio ós mil reás; pro ti estás perdido; fijéch’unha morte e, de seguro, vas pra carze.

-Non o penses, que teño ahi unha gaitiña e, entocandoll’a catro o cinco veces a Pépa, há de resucitar.

Troujo Crispín un como pífano de bujo e, meténdoll’o case dentro d’un oido a muller, empezou tu, tuturutu.

A característica diferencial dos pínfanos respecto ás frautas e requintas é a súa escasa lonxitude, uns 25-35 cm, e polo tanto unha afinación moito máis aguda, normalmente en Re. Hai catro tipos de pínfanos que se diferencian claramente pola súa feitura. Uns, denominados preferentemente pínfanos ou chínfanos, facíanse de canaveira polos propios tocadores [ver frauta]. Outros comprábanse nas feiras como entretemento para os rapaces e mozos, feitos en madeira e compostos por dúas seccións e sen chaves; a embocadura, cilíndrica interiormente, contiña o furado para soprar e un tapón na parte proximal; a segunda sección, cónica decrecente cara á parte distal, contiña os seis furados dixitais. Os outros dous tipos, denominados normalmente frautíns (e na Ulla tamén pínfanos), eran empregados xa para acompañar ás gaitas de fol grileiras (afinadas normalmente en tons próximos ao Re), obtíñanse dos artesáns da zona que os fabricaban en buxo, con barrilete e dotados dunha chave. Mercábanse tamén nas tendas de instrumentos musicais, caso no que posuían varias chaves, cinco normalmente, e estaban construídos en madeira de ébano ou granadillo, pero estes eran instrumentos de importación normalmente franceses ou de Europa do leste. A fabricación de pínfanos por artesáns galegos só se documenta en Galicia no taller de García de Riobó (A Estrada), de onde saíron tamén pínfanos afinados en Do e Si para acompañar gaitas de fol nesas tonalidades.

As denominacións de pínfano e pífano aparecen por primeira vez no dicionario de Filgueira (1926) dando chífaro e chínfano como sinónimos. No de Eladio Rodríguez (1958-1961) a definición de pínfano describe varios tipos:

1. CHÍFANO. S. m. Pífano, flautín de tono agudo, que forma parte de algunas agrupaciones musicales. Flauta rústica usada por los muchachos campesinos. Suele formarse con un trozo de caña. CHÍFARO, CHÍNFANO, pínfano.

2. PÍFANO. S. m. pínfano.

3. PÍNFANO. S. f. Pífano, pequeña flauta de sonido muy agudo.

Neste mesmo dicionario o frautín aparece como diferente a pínfano: “S. m. Flautín, flauta pequeña, que se emplea en las orquestas y bandas de música”. A lírica tradicional fai mención moi escasa deste instrumento e Carlos Rei só puido documentar unha copla que o mencionase 2:

Ben te vin, ben te mirei,

ben te mirei, ben te vin,

debaixo do pasadoiro

tocando no teu frautín

[IMLTG, 138]

En Galicia o uso dos frautíns de chaves, seguramente exportados desde as bandas populares, documéntase principalmente na provincia de Pontevedra, ben sexa na comarca natural da Ulla e zonas lindeiras como na comarca de Tabeiros-Terra de Montes 3, ben na parte sur da Ría de Vigo 4. Nestas zonas o frautín aparece acompañando á gaita de fol, sobre todo durante o primeiro terzo do século XX, pois despois da Guerra Civil o seu uso decae considerablemente ata practicamente desa-parecer. Na Ulla usaron del agrupacións como O Gaiteiro de Rianxo, mentres que na cidade de Vigo e no Val Miñor, segundo escrebe Xerardo F. Santomé, foi usado por “Os Peruchos” de Sárdoma e Castrelos, “Os Fonas” de Matamá, “Os gaiteiros de Sampaio de Navia”, “Os Fragoselos” de Coruxo ou “Os Catro irmáns Toralla” de Canido 5. Os pínfanos acompañan ás gaitas de fol desenvolvéndose sempre na segunda oitava do instrumento para que a súa aguda voz se poida sobrepoñer á da gaita de fol.

No que respecta á súa historia, os pínfanos asociáronse xa desde o século XVI á música militar, usándose con moita frecuencia por toda Europa para interpretar marchas xunto cos tambores 6. Este uso aparece tamén documentado en Galicia a principios do século XVIII nos denominados “paseos de los grados” que pola cidade recibían os estudantes que eran doutorados na Universidade de Santiago de Compostela ao son de “tambores y pífaros y clarines”, segundo refire Pablo Pérez Constanti nas súas Notas Viejas Galicianas 7. Unha fermosa iconografía do pínfano en compaña do tambor aparece nunha das obras máis famosas de Francisco Ricci (1608-1685): Auto de fe en la Plaza Mayor de Madrid. A partir deste momento o pínfano faise cada vez máis frecuente nas iconografías, pero en Galicia non coñecemos ningunha que vaia máis atrás do século XX.

Os pínfanos de cana e de buxo en dúas pezas foron moitas veces xoguetes de nenos e na Ulla tamén instrumentos de aprendizaxe para a requinta. Cando xa eran de boa factura e se tocaban ao pé das gaitas de fol, eran considerados verdadeiros instrumentos musicais e o grao de consideración do músico e do instrumento foi semellante ao dos requinteiros e requintas. Como estas, no noso sistema de cultura tradicional, son instrumentos netamente masculinos. De novo apreciamos a presenza de marcadores ocultos na determinación do estatus destes instrumentos.

Ver notas
  1. [1] Pardo Bazán, E. e outros. Folklore Gallego. Sevilla, 1884 [dentro da obra: Biblioteca de las Tradiciones Populares dirixida por Antonio Machado y Álvarez] Reeditado por Ed. Biblio Manías. San Sebastián, 2000, pp. 50 e 51.
  2. [2] Rei, C. Os Instrumentos Tradicionais na Lírica Popular Galega. Obra inédita en prensa, p. 138 no orixinal.
  3. [3] Carpintero, P. A requinta na cultura do val do río Ulla. DEA lido na Universidade de Santiago de Compostela. En prensa.
  4. [4] Santomé, X. F. “O Frautín: instrumento de música popular galega”. En: Na Gaits, 1998, nº 4, Xullo-Setembro, pp. 24 e 25.
  5. [5] Santomé, X. F. Op. cit.
  6. [6] Tranchefort, F-R. Los instrumentos musicales en el mundo. Ed. Alianza Música. Madrid, 1994; p. 218.
  7. [7] Pérez Constantí, P. Notas Viejas Galicianas. Ed. Xunta de Galicia, 1993; p.545-548.
Patrocinadores e colaboradores