Rin-ran

Trátase dun curioso xogo de nenos que consiste nunha noz atravesada por un pauciño de xeito que este non xire. Noutra noz, que se manterá fixa entre os dedos, practícanse dous furados para que este pau a atravese folgadamente e poda xirar. No pauciño enrólase un cordeliño que sae por un furadiño lateral da noz que se sostén cos dedos. Tirando deste cordel, o pau e a noz que leva encima xiran e recollen o cordel no sentido contrario, o que se aproveita para darlle outro tirón, conseguindo así un movemento continuo de rin-ran que emite un son xordo. Este xoguete aparece n’Os xoguetes esquecidos de Xosé López e Xosé Manuel García1 onde se describen outros modelos de rin-ran que na parte xiratoria superior poden levar máis dunha noz. Estes autores informáronnos que había quen facía ritmos diferentes con este xoguete.

Instrumentos semellantes aparecen tamén noutras culturas. Consisten normalmente nunha parte que xira sobre si mesma e que pode levar algún furado para potenciar o seu zoar ao xirar. En Francia son coñecidos co nome de toupies ronflantes (literalmente buxainas zoantes), áchanse tamén en moi diversos pobos africanos, como entre os tetela, sungu e olembas 2 das ribeiras do Congo ou entre os luba do Zaire 3, e ata en América do Sur se coñecen estes instrumentos 4, por canto é moi posible que a súa antigüidade sexa moi grande.

Ver notas
  1. [1] López González, X. e García X. M. Os xoguetes esquecidos (I). A Nosa Terra. Vigo, 2003; p. 127.
  2. [2] Torday, E. e Joyce, T.A. Notes ethnografiques sur les populations habitant les bassins du Kasai et du Kwango oriental. Annales Musée Congo Belge, 1922. Sci. Hum. In-4º, serie IV, vol. III, fasc. 1,. P. 55.
  3. [3] Centner, Th. L’enfant africain et ses jeux dans Le cadre de la vie traditionnelle du Katanga. Ed. CEPSI. Elisabethville, 1963; mémoire 17, p. 288.
  4. [4] Tranchefort, F.-R. Los instrumentos musicales en el mundo. Ed. Alianza Música. Madrid, 1994; p. 204.
Patrocinadores e colaboradores