Trompeta, anafil
Unha longa trompeta recta (1,60 m de media) denominada anafil parece que foi introducida polos árabes na península ibérica implantándose así en toda Europa o costume oriental de abrir os cortexos con trompetas e tambores. A denominación anafil provén do árabe nafîr que significa “sinal de ataque, trompeta, clarín” 1. Seben os romanos xa usaban unha trompeta recta moi semellante, a tuba, en diferentes ocasións, como rituais fúnebres ou na guerra como instrumento de sinalización, descoñécese se esta podería ser a orixe do instrumento árabe ou viceversa. A través de múltiples iconografías, o uso dos anafís documéntase ao longo de toda a Idade Media, por exemplo nas Cantigas de Santa María (s. XIII), mais os xograres de trompeta e anafil tiñan unha consideración inferior aos outros, pois só se dedicaban ao fin xa mencionado. Coetáneas con estas representacións aparecen na península as primeiras novas escritas do seu uso no Libro de Alexandre 2: “fazien las trompas elos annafiles tanner”. Estas trompetas facíanse soar en acontecementos sociais de relevancia como desfiles, cabalgatas, procesións, recibimentos de nobres etc., e formaban parte dos séquitos da nobreza, polo que non debe estrañar a súa presenza habitual, como os cornos, a carón das representacións de Xesús Cristo, caso das pinturas murais de San Miguel de Eiré (s. XII). Axiña as trompetas se asociaron cos tambores 3 (atabais) nesta función de representación. No Libro del Buen Amor (s. XIV), ao describir o Arcipreste de Hita como “clérigos e legos, e frailes e monjas, e dueñas, e joglares, salieron a recibir a don amor” fai mención deles nunha das súas máis famosas enumeracións de instrumentos musicais:
1233 Dulcema e exabeba, el finchado albogón,
sinfonía e baldosa en esta fuesta son
el francés odrecillo con éstos se compón
la neciacha mandurria allí face su son.
1234 Trompas e añafiles salen con atabales,
non fueron tiempo ha placenterías tales,
tan grandes alegrías, nin atán comunales;
de juglares van llenas cuestas y eriales.
Carlos Rei documenta este uso en Galicia no século XV cando Vasco de Aponte referíndose a Fernán Pérez Andrade di: “…traía continuamente dous ou tres trompetas” (Libranzas, Arquivo de Santiago); “Don Lope, da casa dos Moscoso traía dez ou doce paxes e outros mozos de cámara con todos os oficios que podía ter un gran señor, e un par de trombetas” (Vasco de Aponte, Recuento) 4. Segundo nos refire tamén Vasco de Aponte, o exército dun nobre daquela compúñase máis ou menos de:“…vinte ou corenta dacabalo, moi ben armados, e trescentos ou catrocentos peóns encoirizados, medeo lanceiros ou medeo besteiros, cos seus cascos, e con dúas trombetas facendo grande asonada…” 5. Neste mesmo século aparece moi ben documentado o uso do anafil en Santiago de Compostela para dar o aviso de se xuntaren os membros da corporación na notaría. Así aparece reflectido no Libro do concello de Santiago 6 onde aparecen as actas notariais dos anos 1416-1422. Ao comezo de moitas delas pódense ler sentenzas deste estilo: “Dia l-ues tres dias do mes de agosto. Sabean todos que seendo o conçello, justiças et omes bõos et regidores jurados da çidade de Santiago juntados por crida de anafil segundo que han de costume enna notaria de min Rui Martines [...]”, ou “Septe dias do mes de desenbre. Sabean todos que nos o conçello, alcalles et regidores jurados et homes bõos da çidade de Santiago seendo juntados enno sobrado da notaria de Rui Martines, notario da dita çidade por crida de anafil, segundo que avemos de uso et de costume [...]”. Neste século XV a denominación árabe anafil aínda alterna coa latina trompeta, pero nos séculos seguintes xa se abandona.
Dos apuntamentos de Pérez Costanti na súa obra Notas Viejas Galicianas 7, que xa vimos ao falar dos tambores [143], dedúcese o abundante uso das trompetas en Santiago de Compostela, a partir do século XVI e ata mediados do XVIII, para anunciar diversos acontecementos da vida pública, acompañar os paseos de graos da universidade etc. 8 A partir deste momento, parece que as trompetas, que moitas veces aparecen agora baixo a denominación de claríns, comezaron a ser substituídas, a carón dos tambores, por outros instrumentos como os pífanos [283] e chirimías [353]. Simultaneamente, a súa morfoloxía orixinal recta foi mudando cara a modelos máis curtos e curvados como os que aparecen representadas no cadeirado do coro da Igrexa de San Martiño Pinario (s. XVII, Santiago de Compostela), onde tres anxos tocan tres modelos diferentes de trompetas: unha recta, tipo anafil, outra lixeiramente curva e outra máis na que o tubo xa dá unha volta completa sobre si mesmo. Estas coplas compostas no século XIX por Xoán Manuel Pintos Villar para a súa obraA Gaita Gallega tocada polo gaiteiro 9 mencionan a trompeta aínda en estreita relación coas caixas militares, e o trompeteiro como pregoeiro:
Pois sin ti miña joya que sería
Dos encantos que crean os poetas?
Que seria da ilustre poesia?
Aqueles solo foran uns trompetas,
E esta fatigosa algaravía
Barullada de caixas de retretas
Que aboujan e rebentan os oidos
Ainda de orelludos empedridos
[AGG, 18]
Entrando na vila
Berrando e correndo
As casas vestidas
De cores diversos,
Todas ateigadas
De mil forasteiros,
Nos ares estralos
De pólbora cheos,
Foguetes, é bombas,
Palenques de a trueno.
As calles enchidas
De un genio inmenso
E tocar nas prazas
Millenta estrumentos
No medio do adro
Aquel trompeteiro
Pubricar as novas
Nestes mesmos termos
[AGG, 100]
E mandan ir propor òs inimigos
A paz que lles require un parlamento
Mais eles rinse ben da sua labia
Jurando agiña de tomar o forte,
E por debaixo os pès canto ten dentro.
O mensageiro torna coa resposta
Vai a levala adentro do castelo,
Fèchanse as portas, as trompetas soan
E ferve o sangue ja dentro do peito.
[AGG, 180-181]
O uso destes aerófonos decaeu completamente ao longo dos séculos XVII e XVIII. Porén, en Galicia aínda podemos achar unha lembranza do uso medieval das trompetas acompañando aos tambores no folión de Antroido da parroquia de Mormentelos (Vilariño de Conso, Ourense), onde cornos e algunha trompeta curva de metal acompañan aos grandes tambores de antroido abríndolle paso ao cortexo de enmascarados.
- [1] Bec, P. Les instruments de musique d’origine arabe. Sens et histoire de leurs désignations. Ed. Isatis. Cahiers d’Ethnomusicologie Régionale, 2004, pp. 36-37. ↩
- [2] De mediados do século XIII narra a vida de Alexandre Magno. ↩
- [3] Parece ser que as trompetas se asociaron cos atabais, mentres que, correndo o tempo, os pífanos o fixeron cos atambores, substituíndo esta formación a aquela. Os atabais serían tambores unimembranófonos de fondo cóncavo, tocados por parellas, mentres que os atambores eran de corpo cilíndrico e bimembranófonos que tensados con cordas serían os devanceiros dos tambores e caixas militares. ↩
- [4] Rei Cebral, C. Os instrumentos tradicionais na lírica popular galega. Obra inédita, en prensa. ↩
- [5] Vasco de Aponte. Pedro Madruga. Ed. Castrelos. Vigo, 1969, p. 23. ↩
- [6] Rodríguez González, A. Libro do Concello de Santiago (1416-1422). Ed. Consello da Cultura Galega. Santiago de Compostela, 1992, pp. 13, 15, 21, 29, etc. ↩
- [7] Pérez Costanti, P. Notas Viejas Galicianas. Ed. Xunta de Galicia. 1993, pp. 301, 449, 467, 471. ↩
- [8] Ver referencias completas cando falamos do tambor [143]. ↩
- [9] Pintos Villar, X. M. A Gaita Gallega tocada polo gaiteiro. Imprenta de don José y don Primitivo Vilas. Pontevedra 1853. Reed. facsimil por: La Voz de Galicia. A Coruña, 1981, pp. 18 e 100. ↩