Trompeta, tuba, trombón e bombardino. As bandas populares
As bandas populares comezaron a súa andadura en Galicia a partir dos anos 40 do século XIX. Segundo Carlos Rei, a primeira foi a de Merza (Vila de Cruces, Pontevedra) no 1928 1, pero Luis F. Guitián opina que isto é practicamente imposible e que a teor da documentación escrita que se conserva, a primeira destas formacións foi “La Lira” de Ribadavia (Ourense), fundada no 1840. A proliferación destas agrupacións orixinou na nosa tradición musical unha moi fonda transformación que propiciou a introdución de diversos instrumentos musicais á vez que condicionou o comezo da decadencia do conxunto gaiteiro-tamborileiro. Fóra do tema puramente organolóxico, as bandas populares xeraron unha variación no tipo de repertorio interpretado polos gaiteiros, que recollían as pezas de moda que estas agrupacións interpretaban, introducindo así no noso folclore diversas tipoloxías estranxeiras (valses, polkas, mazurcas, rumbas, fox-trots, etc.). Por outra parte, as bandas comezaron a substituír o gaiteiro na súa función de animar as festas patronais, de forma que durante os dous terzos primeiros do século XX os gaiteiros tradicionais xa non ocuparon o rol central nestas festas que ata entón tiñan asignado, sendo estas agrupacións as que eran contratadas para as festas de maior prestixio, ata que foron desprazadas polas orquestras alá polos anos 1950-60.
Desde o punto de vista organolóxico as bandas propiciaron diversos fenómenos. Primeiro, introduciron dous instrumentos membranófonos: a caixa, que ao longo dos séculos XIX e XX substituíu ao tambor, e o bombo cos pratiños que se situou a carón do gaiteiro, pasando a formación de gaita de fol e tambor a ser substituída en moitos lugares pola de gaita de fol, caixa e bombo, con ou sen pratiños. Por outra parte, a través da introdución de varios instrumentos aerófonos, as bandas populares condicionaron a aparición de dous novos tipos de formación musical: os denominados cuartetos tradicionais nos que o clarinete ou o requinto se sumaron ao conxunto de gaita de fol, caixa e o bombo; e as denominadas murgas ou charangas que resultaron da fusión entre o gaiteiro tradicional (gaita de fol e tambor) e diversos instrumentos das bandas populares. Así apareceron pequenas formacións que aliaban o puramente tradicional coa moda, permitindo que as comisións de festas con poucos recursos contratasen a formacións que imitaban ás bandas populares en instrumentación e repertorio. Os instrumentos que as murgas herdan das bandas populares son principalmente clarinetes, requintos e saxofóns, malia que non faltan informacións orais ou fotográficas que amosan trompetas, tubas, bombardinos e trombóns de varas a carón do gaiteiro. Todos estes instrumentos de lingüeta membranosa pertencen a unha clase diferente que os cornos e cornetas, pois tendo estes o corpo do instrumento cónico, téñeno aqueles fundamentalmente cilíndrico, excepto no seu tramo final no que forman un pavillón cónico máis ou menos pronunciado e longo. Por esta razón, pertencen ao grupo 423.2 “trompetas cromáticas” da clasificación de Hornbostel e Sachs, ou ao grupo 423.22 que aparece despois da modificación que suxerimos para poder incluír as cornetas galegas dentro desta clasificación.
Malia formaren parte da música tradicional galega en canto a súa presenza nas murgas, estes instrumentos non pertencen de seu ao noso instrumentario tradicional, e os portadores raramente os mencionan cando os interrogamos sobre os músicos da súa zona, cousa que si fan, por exemplo, co clarinete, o que demostra unha integración moi superior deste instrumento no seu imaxinario. Iso si, trompetas, tubas, bombardinos e trombóns son considerados como verdadeiros instrumentos musicais, pero tanto instrumentistas como instrumentos carecen da consideración de, por exemplo, a gaita de fol ou o clarinete. En todo caso, aínda puidemos achar algunha mención destes instrumentos na nosa lírica tradicional:
Nel pueblo de Celavente
inventaron un teatro
pra formar unha danciña
o día oito de marzo
fáltano-la directora
a quén vamos a poñer
a Marina ou a Celia
a Conceución da Cotarela
unhes dicen qu’a Marina
i outros dicen que a Celia
i ese mando pertenez’
a Conceución da Cotarela
a Zurda leva o bajo
i o Chico leva a trompeta
i o Tomás toca o bombo
i o Sodón a pandareta
o sisòfón o Facundo
i o Niclet’o clarinete
i o Salvador o requinto
i os platillos o Minchiño
aún nos falta señores
a cousa máis elegante
o Ricardo do Barcelona
ofreceuse pra danzante.
[CPGDS, IV, II, 44]
Recollido en Celavente (O Bolo, Ourense)
- [1] Rei Cebral, C. Os instrumentos musicais na lírica tradicional galega. Obra inédita, en prensa, p. 12 no orixinal. ↩