Violín de castiñeiro


É un xogo de rapaces que temos documentado nas montañas das comarcas de Terra de Trives e Viana (Ourense). Construíase tamén co tubo obtido da codia dunha póla de castiñeiro. Parécese algo a un xipro no xeito de fabricalo, no tamaño e no xeito de producir o son mediante un bisel, pero non leva furados para os dedos, e o seu aspecto e xeito de tocalo difiren totalmente dun xipro, xa que o taco de madeira que se emprega para facer o aeroduto que leva o aire cara ao bisel mantense no mesmo anaco de póla do que se fai, de xeito que non é posible introducir a parte superior desta frauta na boca. Deste xeito, nestes violíns soprábase de lado, como nunha frauta traveseira, pero dispoñendo os beizos ao redor do furado que comunica co aeroduto. O lado distal dos violíns de castiñeiro ía aberto e obturábase ou non co dedo índice da man dereita, de xeito que, dependendo da forza do sopro e de si este furado estaba ou non tapado, podíanse obter varios sons, correspondentes aos catro primeiros harmónicos da nota fundamental do tubo aberto e do pechado. Deste xeito, o violín de castiñeiro dispoñía de oito notas diferentes coas que se compón unha escala diatónica, podendo polo tanto tocar calquera melodía.

Estes sinxelos instrumentos musicais, denominados frautas de harmónicos, foron descubertos para a ciencia hai ben pouco pois pola súa sinxeleza pasaban desapercibidos. Agora sábese que aparecen en numerosas culturas baixo formas sorprendentes como as enormes frautas dos espíritos de Nova Guinea de máis dun metro e medio de lonxitude executadas por pares por diferentes músicos 1. En Europa están documentadas a tilinca en Romanía e a seljefløyte en Noruega, fabricada esta con codia de salgueiro e tocada de xeito transversal igual que o noso violín de castiñeiro.

Ver notas
  1. [1] Montagu, J. Origins and development of musical instruments. Plymouth, Scarecrow Press Inc.: 2007, p. 65.
Patrocinadores e colaboradores