Os cordófonos
Segundo a opinión dos autores que como Sachs1 se ocuparon de intentar dilucidar a orixe dos instrumentos musicais, moitos dos que empregan a vibración de cordas tensas entre dous puntos para emitir o son orixináronse a partir dun instrumento denominado arco musical. Consistente nunha corda tendida entre os extremos dunha vara arqueada. Este é un dos primeiros instrumentos musicais que aparece representado nas pinturas rupestres; unha das máis famosas é a representación na cova de Trois-Frères (Ariège, Francia) dun bruxo enmascarado cunha pel de bisonte que sostén este arco cerca da boca.
Parece que a orixe do arco musical nada ten que ver co arco de caza, pois as formas máis antigas podían acadar os tres metros de lonxitude2 e noutras o instrumento fabrícase cunha cana da que se separan unha tira de codia que fica adherida a ela polos extremos e é separada do corpo do instrumento por unhas pontes. Por outra parte, estes arcos precisan sempre un resoador para amplificar o son da corda; este pode ser moi variado, dende a boca do músico ata moi diferentes tipos de cavidades (vinchas, cabazas, furados no chan etc.). O caso é que o desenvolvemento ulterior dos arcos musicais pode estar na raíz dos principais grupos de cordófonos: varios arcos xuntos (pluriarco) puideron orixinar as arpas, coas súas cordas perpendiculares á caixa de resonancia; os arcos nos que as cordas se levantan na parede dun tubo puideron conducir á familia das cítaras, nas que as cordas decorren de xeito paralelo á caixa de resonancia; e os arcos con resoador de cabaza ou semellante poden estar na orixe do grupo dos laúdes (rabel, laúde, violín, guitarra, etc.).
Temos que dicir que en Galicia os instrumentos de corda foron, polo menos durante os séculos XIX e XX, moi escasos e dun uso bastante limitado dentro da música tradicional, dominada case en exclusiva polos membranófonos asociados ao canto feminino e polos aerófonos, representados fundamentalmente pola gaita de fol, o clarinete, o acordeón e diferentes tipos de frautas traveseiras. A razón desta escaseza de cordófonos, tan diversos e importantes na música tradicional do veciño Portugal, sempre nos chamou poderosamente a atención, sen que poidamos apuntar ningunha razón de fondo obvia para este feito, que desde logo non pasa pola “dominación” da gaita de fol, tan importante tamén no país veciño.
Vexamos a seguir os poucos cordófonos que puidemos documentar en uso na música tradicional de Galicia durante o século XX.
Ver notas