“Vincha”
Só temos unha referencia do uso deste instrumento a través de Anxo Martínez Sanmartín quen o viu en mans dun esmoleiro nas feiras de Santiago de Compostela a mediados do século XX. Segundo esta información, o músico tocaba unha especie de violín moi rudimentario dunha soa corda tendida sobre unha vara que refregaba con outro arco e pulsaba cos dedos, producindo así unha melodía. Este instrumento levaba nun extremo unha vincha chea de aire que facía de resoador, de aí o nome con que este informante nolo referiu, descoñecendo o nome con que o mendicante o denominaba.
Non puidemos achar en Galicia ningunha outra información sobre un instrumento semellante. Non entanto, parece que este sinxelo monocordio se empregou por toda Europa e se coñece con diferentes nomes como bumbass en Alemaña, basse de Flandre en Francia ou drone and string en Inglaterra, onde foi típico de músicos ambulantes. A “vincha” tamén se asemella á vina hindú, unha antiga cítara de pau cunha cabaza nun extremo que lle sirve de resoador 1. Notaremos aquí que ao longo deste traballo non é esta a primeira vez, nin será a derradeira, en que un instrumento galego aparece documentado baixo unha forma semellante na India, caso das trompas da Fonsagrada ou os clarinetes duplos e sinxelos, coincidencias que alcanzan tamén a un xogo de nenos, a coñecida billarda ou estornela, que baixo o nome de danguli se xoga tamén naquel país. Reminiscencias indoeuropeas? Quen o sabe…
Ver notas- [1] Sachs, C. Historia Universal de los Instrumentos Musicales. Ed. Centurión. Buenos Aires, 1947; p. 214. ↩