Zanfona, zanfoña
Estas denominacións parece que derivan do grego symphoneia, que nunca designou un instrumento musical senón son simultáneo ou execución conxunta. Apunta C. Sachs 1 que a primeira vez que esta palabra aparece relacionada cun instrumento musical foi contra o ano 600, no libro Originum seu etymologiarum libri XX de Santo Isidoro de Sevilla, onde se define a symphonia como unha madeira oca cuberta en cada extremo por un parche estirado que os músicos golpeaban en ambos os lados con pauciños. Segundo Santo Isidoro a coincidencia dunha nota grave cunha aguda produce un son doce: “Symphonia vulgo appellatur lignum cavum ex utraque parte pelle extenta quam virgulis hinc et inde musici feriunt. Fitque in ea ex concordia gravis et acuti suavissimus cantus.” Deste xeito, a symphonia pode ser interpretada, orixinalmente, como un tambor con dous parches de diferentes diámetros e tons, malia agora identificar un instrumento con varias cordas no que estas se poñen en vibración por medio dunha roda que xira.
Ten senso que este nome fose aplicado no século XIII a este tipo de instrumentos de corda refregados con roda, xa que dotados de varias cordas e bordóns, producían a execución simultánea de dúas liñas melódicas xunto cunhas notas pedais. Así, a orixe das palabras zanfona e zanfoña podería ser o resultado da evolución lingüística do termo grego symphoneia que, a través do latino symphonia, derivou en cinfonía ou çinfonia (s. XIII) ou sanfonía (s. XVII), desembocando máis tarde nos actuais termos galegos.
A zanfona galega foi outrora instrumento que cegos e cegas empregaban para acompañar as súas coplas, e non caeu no total esquecemento ao longo do século XX mercé aos esforzos de Faustino Santalices Pérez (1877-1960). Natural de Bande (Ourense) pero afincado posteriormente en Madrid, teimou duramente ata mediados do século XX pola recuperación e rexeneración da zanfona, montando e dirixindo o Obradoiro da Deputación de Lugo, no que lle sucedeu Paulino Pérez. Santalices publicou no 1956 un traballiño titulado La Zanfona, obra de obrigada consulta, e editou un dos clásicos da nosa discografía Gravaciones Históricas de Zanfona (1927-1949) 2. Este traballo de recuperación e dignificación da zanfona influíu de xeito determinante no seu camiño ao longo do século XX. A influencia da obra de Santalices pódese rastrexar incluso nos dicionarios galegos onde a zanfona comeza sendo cousa de pouco valor, asociada a cegos vendedores de literatura de cordel; así en Rodríguez (1863): “Cinfonía, instrumento músico de ciegos. Sarmiento” ou en Valladares (1884): “Zampoña, sinfonía, instrumento músico de ciegos, poco agradable, antes bien rallante á los oidos, por su monótono zumbido parecido al de las Abejas.” En Filgueira (1926) xa se apela á súa orixe medieval: “sf. Zampoña. Sinfonía. Vihuela de rueda. Instrumento musical derivado del organistrum medieval”, mentres que no dicionario de Carré (1928-1931) o seu son xa troca considerablemente: “s. f. Instrumento músico. Consiste en una caja, semejante a la del violín, con cuerdas que oprimen unas teclas que se juegan con una mano; con la otra se hace girar, por medio de un manubrio, un disco que al rozar las cuerdas produce el sonido. La música es dulce y suave, a propósito para acompañamiento de romances y recitados.”
Froito do traballo pasado de Santalices en prol deste instrumento, asistimos hoxe en Galicia a un auxe cada vez maior, con multitude de intérpretes e varias escolas, así como artesáns que as fabrican de xeito admirable, entre eles Luciano Pérez (no taller da Deputación de Lugo), Xermán Arias (Sarria, Lugo), Xaneco Tubío (Outeiro de Rei, Lugo), Manuel Brañas (taller da Deputación de Ourense), Antón Corral e Xaime Ribas (taller da Universidade Popular de Vigo) e Carlos Collazo (Redondela, Pontevedra) entre outros.
A zanfona galega componse dunha caixa aguitarrada, con entalle moitas veces moi pronunciado, de fondo e tampa de harmonía planas. Tapas e aros fabricábanse tradicionalmente en madeira de nogueira (Junglans regia). A caixa é máis alta na parte onde se encaixa un manubrio con forma de S que, movido pola man dereita do músico de atrás cara adiante, fai xirar unha roda de buxo ou nogueira que, untada de resina, pon en vibración cinco cordas tendidas sobre a caixa. O mecanismo que move a roda consta dun eixo metálico que une o manubrio coa roda. Eduardo Torner e Jesús Bal y Gay refiren no seu cancioneiro varias coplas que falan da zanfona; entre elas áchase esta:
Señora amiña da casa
nunca a barriga lle doia
deme un anaquiño de unto
para untal a miña zanfoña
[CG, II, 80]
Esta copla é moi interesante pois reflicte o costume de untar a zanfoña con graxa. Estoutras referidas por Carlos Rei fálannos exactamente do mesmo 3:
Á señora ama da casa
nunca a barriga lle doia
que me ha dar un torremiño
para untar a zanfona
A zanfona eche larpeira,
que si non come, non canta,
que hai que darlle a cada rato
bicos de manteiga branca
A parte que debía ser alimentada, untada, é sen dúbida o eixo metálico que une a roda co manubrio, pois fabricándose este de ferro e coa humidade das nosas terras, enferruxaríase de contado de non protexerse con graxa, elemento que ademais facilitaría a súa función. Por onde se achegaba o unto ao eixo oculto dentro da caixa da zanfona? Só hai unha posibilidade: polo furado que moitas amosan na parede frontal da caixa, xusto fronte á articulación do eixo coa roda. A utilidade deste furado ten sido bastante debatida, habendo quen opinou que cumpría a función de oído sonoro; non obstante, entre a colocación do furado, a imposibilidade de acceder ao eixo por outro lugar e estas coplas populares, pensamos que xa non hai lugar a dúbidas.
Normalmente levan as nosas zanfonas tres cordas de tripa que producen a melodía e dúas máis que fan de bordóns, aínda que Casto Sampedro apunta que as había tamén de catro cordas 4. As cordas melódicas parten dunha man, normalmente con forma de voluta, e cinco grandes caravillas de buxo, que se sitúa no extremo esquerdo do instrumento, acabando nun cordal de buxo ou nogueira que pode ir tamén traballado e que se sostén preto do manubrio. Desde o cordal, de dereita a esquerda, as cordas pasan sobre unha grande e levantada ponte, despois por riba da roda e máis tarde a través dunha caixa rectangular que contén un teclado. Este fabrícase normalmente de buxo ou nogueira e pode ser diatónico (13 teclas) ou cromático (23 teclas), denominadas neste caso, segundo Casto Sampedro, zanfonas de sostenidos 5. Cada unha das teclas contén tres tempereiros ou monxoas, unhas peciñas de madeira de buxo, espetadas nas teclas de forma vertical, que serán as encargadas de ferir as cordas que emitirán así os diferentes sons. O teclado leva unha tampa que se pode levantar permitindo o acceso aos tempereiros que, podéndose xirar a esquerda e dereita, permiten afinar con precisión a escala da zanfona. A estrutura que soporta o teclado contén, na súa parte dereita, preto da roda, tres pezas de madeira (as especas) cunha fendiña na parte superior que permiten montar sobre elas as cordas, illándoas así da roda para as poder afinar unha a unha, ou na combinación que sexa precisa.
As dúas grosas cordas de tripa que fan de bordóns pasan a ambos os lados do rectángulo que porta o teclado. A máis grosa pasa pola parte frontal do instrumento e a máis fina pola que está máis preto do corpo do instrumentista. Téndense entre dúas pontes que poden ter diversas formas pero que adoitan ser unha especie de pezas trapezoidais ou troncocónicas atravesadas por un furado por onde pasa a corda. A ponte que se acha máis preto da man está fixa na zanfona, mentres que a outra, que repousa sobre a tampa de harmonía, pode ser móbil. A ambos os lados da parte dereita e baixa da estrutura rectangular que porta o teclado dispóñense -unhas peciñas móbiles de madeira (chamadas tamén monxoas ou tempereiros) que permiten afastar os bordóns da roda para que non soen mentres se afina a zanfona.
A roda, as pontes de cordas e bordóns e parte do cordal están cubertos cunha tampa semicircular de madeira que protexe estas partes e se pode extraer deslizándoa entre dous soportes que a fixan sobre a tampa de harmonía.
Na parte inferior da grosa man as zanfonas adoitan levar unha tampiña corredeira que agacha un pequeno espazo onde se gardaban a resina para untar a roda, uns anacos de coiro para eliminar a sobrante e mais os algodóns con que se envolven as cordas alí onde refregan coa roda; esta operación quere unha grande delicadeza e constitúe un dos segredos dos bos zanfoneiros; Santalices descríbea así:
«Estas cuerdas para que suenen con suavidad, es preciso ponerle una pequeña vedija de algodón, resistente, fino, de buena calidad, en el sitio donde apoyan sobre la rueda. Para ello se pellizca un poco de algodón, en el sentido longitudinal de la fibra, y se mete el extremo suelto, entre la rueda y la cuerda, envolviéndolo alrededor de ésta en el sentido de la dirección de dicha rueda. Con los dedos pulgar e índice de la mano izquierda, al mismo tiempo que se da vueltas a la rueda, se procura enrollar el algodón fuertemente sobre las cuerdas para que no se mueva.» 6
Casto Sampedro achega no seu cancioneiro a nomenclatura das pezas da zanfona recollida a partir dunha anotación do escritor pontevedrés Xoán Manuel Pintos (1811-1876) 7:
«Chave, gardapolvos, roda, cordeeiro, ferro de cordeeiro, castillete, cordas (dúas primas e unha terceira), bordón, bordoneta ou quintilla, tempereiros, especas, teclas ou técolas, puntos, folla de diapasón, porta, ponte, segunda ponte, cravixeiro, tampo de diante, tampo d’atrás, veo ou agulla, corredores, pía, caixonciño ou secretiña, zapatilla, asas, alzas, correón, cravixas, recina.»
Para tocar a zanfona, mentres o manubrio se xira coa man dereita, o teclado manéxase coa man esquerda, empregando para iso todos os dedos agás o polgar. A expresión, o compás e o matiz débense na zanfona ao manexo da roda a través dun manubrio. Este suxéitase entre o polgar e o índice e corazón da man dereita, apoiando e xirando o seu pomo de madeira sobre a palma da man. A zanfona pódese tocar de pé, pendurada dunha correa a xeito de bandoleira, ou ben sentado, repousando nas pernas do músico e pasando a correa pola cintura deste.
A afinación das cordas das zanfonas tradicionais está por estudar. Hoxe séguese como guía a exposta por Faustino Santalices: as tres cantoras afinadas ao unísono, emitindo unha delas unha oitava máis grave que as outras, e os bordóns, un afinado ao unísono coa máis grave das cantoras e o outro, unha quinta máis baixo. Casto Sampedro opina un pouco diferente 8: “las dos primas se afinaban en sol, la tercera en do, la bordoneta en la octava baja con las primas y el bordón en la octava baja con la tercera”. Pensamos que isto non é debido a erros dos autores, senón que máis ben reflicte unha variedade no pasado á hora de afinar as cordas destes instrumentos.
Canto á tonalidade absoluta en que se afinaba o instrumento, Faustino Santalices observa que as zanfonas se facían en tres tamaños: pequenas, medianas e grandes 9. É posible que a tonalidade definitiva na que se afinaban as zanfonas se escollera, variando a tensión e grosor das cordas, en función daquela máis adaptada á voz do que cantaba con elas, que podían ser homes ou mulleres, segundo nos lembra tamén Casto Sampedro. Este mesmo fenómeno obsérvase aínda hoxe cos rabeis, instrumentos cos que as zanfonas comparten máis dunha calidade como cordas refregadas, presenza de bordóns, uso para acompañar o canto, uso polos xograres e cegos etc., e nos que a nota pedal se escolle en función da voz do tocador.
Galicia é a comunidade peninsular que máis zanfonas antigas conserva. Entre outras: tres na colección de Faustino Santalices, hoxe en mans do seu fillo Faustino Santalices Muñiz; sete no Museo de Pontevedra; dúas de Xosé Domingos Fuciños; unha no Museo do Pobo Galego; dúas en Cántigas da Terra da Coruña (unha que pertencera a Perfecto Feijóo e outra de Saturnino Cuiñas); unha no Museo Arqueolóxico de Ourense, doada en 1904 por Faustino Santalices, e cinco no Museo da Deputación Provincial de Lugo. A última que apareceu pertenceu a un cóengo da Catedral de Santiago e mercouna recentemente un museo de fóra de Galicia.
Referimos as medidas das zanfonas que puidemos documentar no Museo de Pontevedra e a que pertenceu ao cóengo da Catedral de Santiago para dar unha idea aproximada das dimensións das nosas zanfonas, e coa esperanza de que algún dos nosos artesáns se decida a iniciar o tan necesario estudo destes fermosos e antigos instrumentos. As medidas inclúen o groso das madeiras das tapas que roldaba en todos os casos os 3.5 mm aproximadamente.
Como se pode ver na táboa, estas zanfonas son bastante semellantes, variando a lonxitude vibrante das cordas nunha estreita marxe duns 10 mm. Con todo, non podemos deducir destas medidas a súa afinación, pois dependendo do grosor e tensión das cordas esta pode variar bastante. O que si podemos dicir é que, polo menos nesta colección, non hai rastro de zanfonas grandes, medianas e pequenas como afirma Santalices.
Xaneco Tubío indícanos que polos acabados e proporcións das zanfonas que se conservan en Galicia apréciase que existen instrumentos fabricados por verdadeiros luthiers especializados, pero tamén outros nos que determinados detalles revelan a súa construción por ebanistas mañosos. Esta observación é totalmente válida para as zanfonas do Museo de Pontevedra.
A zanfona é xunto co organistrum, o seu probable antecesor, un dos instrumentos máis representativos da estética musical da Alta Idade Media, que encaixa notablemente ben co gusto que os galegos conservamos aínda polas melodías acompañadas dun son grave continuo retratado á perfección na nosa gaita de fol.
Segundo López-Calo 10 descoñécense as orixes do organistrum, aínda que poderían estar no monocordio 11 pitagórico, citando como primeira referencia probable a este instrumento aquela de Odón, segundo abade de Cluny (879-942), nun capítulo titulado Quomodo organistrum construator 12. As primeiras representacións deste instrumento datan do século XII, e, aínda que se conservan representacións anteriores, a máis famosa aparece no pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela (rematado no 1188). En menos dun século os cambios operados sobre o organistrum, como a diminución do seu tamaño para ser tocado por unha soa persoa, o aumento do número de cordas de tres a catro ou tres duplas e incluso a mudanza da caixa aguitarrada por outras rectangulares como as representadas no século XIII nas Cantigas de Santa María, converteron a este instrumento no que no século XIII se denominaría symphonia, cinfonía ou çinfonia, un instrumento ligado xa á música secular para o acompañamento do canto e que aparece citado por primeira vez no Libro de Alexandre (s. XIII): “El plut de los joglares era fiera ríota: y havié cinfonía, farpa, giga e rota” 13.
A zanfona tivo moita aceptación entre a clase dominante na Idade Media, pero comezou a declinar xa nas últimas décadas do século XV, achando refuxio no pobo, en mans de xograres. Nos séculos XVI e XVII extínguese practicamente como instrumento culto e aparece citada aquí e alá con nomes que a relacionan cos invidentes cantores como lira de campesiños, vielle d’aveugle (fr.), viola da orbo (it.) ou os casteláns viola ou vihuela de ciego.
En canto ao seu uso en Galicia, Pablo Pérez Costanti 14 e Faustino Santalices, na súa xa citada obriña La Zanfona, citan un documento do 1662 no que un cego de Betanzos tocador de sanfonia, Pedro de Coiro, se compromete a ensinar a un rapaz se este o acompaña para tocar os ferriños: “Por cuanto el dho Juan Diego tiene un hijo llamado Juan Vazquez también ciego y falto de vista que pretende deprender a tocar el ynstrumento de sanfonia [...]”. En tres anos Pedro Coiro debería ensinar a Juan Vázquez “de manera que sepa tocar el ynstrumento para lo cual le a de dar sanfonia que toque con yerros tocantes [ferriños] a dho oficio como se acostumbra”. Se en dous meses o mestre consideraba que o alumno non daba aprendido debía devolvelo ao pai. Pola súa parte, este pagaríalle seis ducados ao cego por cada mes que o seu fillo deixase de asistilo nas súas obrigas. O contrato incluía tamén a obriga do mestre de “dar bestido al dho su yxo y criado que con el ande y le asista” 15. A lírica tradicional deixa constancia dalgúns dos instrumentos que empregaban os criados para acompañar os seus amos cantores:
A zanfona évos do cego,
os ferriños do criado;
as rapaciñas d’agora
todas son quentes do rabo.
A zanfona é do cegho
as cunchiñas do criado
i os neniños desta terra
todos recachan o rabo
[CPGDS, VI, II, 50] Toques (A Coruña)
Deste mesmo século data a representación dun zanfoneiro, seguramente un cego, que aparece no banco do retábulo da igrexa de Santa María de Meiraos (1614, Folgoso do Courel, Lugo), acompañado por un tocador de ferriños así como o anxo zanfoneiro do cadeirado da igrexa de San Martiño Pinario (1642, Santiago de Compostela). As zanfonas aquí representadas carecen de forma aguitarrada, como a que aparece dous séculos antes no pórtico de San Bartolomeu o Vello (Pontevedra, s. XIV). A forma aguitarrada é seguramente bastante serodia e parece adiviñarse xa na representada nun cantoral de San Paio de Antealtares, datado no século XVIII, na que o cego que a toca é acompañado por un home cuns ferriños. A partir do século XVIII, esta forma aparece en múltiples representacións pictóricas e fotografías. Xa fóra de Galicia, unha iconografía salientable da zanfona no século XVIII, onde xa se aprecia con suma claridade a súa forma, é o cadro de Ramón Bayéu (Zaragoza 1746- Aranjuez 1793) El ciego músico, no que aparece un cego cantor coa súa zanfona e o seu criado tocando unhas castañetas. É destacable a cor vermella da capa deste cego, indicador da súa condición e oficio, así como a claridade con que se representa o furado por onde se engraxaba o manubrio e sobre todo o papel que pasa por debaixo da ponte do bordón e que vai ensartado na propia corda. Pensamos que actuaba de can, o que non quere dicir, por suposto, que as zanfonas galegas o levasen.
Nesta mesma época, o Diccionario de Autoridades (1732) comenta “que usan los ciegos Gallegos son chimphonías pequeñas”. A finais do século XIX Eduardo Lence Santar 16 deixa constancia aínda do seu uso nos seus escritos etnográficos: “N‑as misas de Saldanxe e Lagoa, aló pol-os anos 1878 a 1895, tocab’a zanfona a popular Pepa d’o Queixo, de Bretoña, que foi a derradeira que tocóu iste estrumento, d’a terra de Mondoñedo”. Eduardo Torner e Jesús Bal y Gay recorreron en 1928 a provincia de Lugo. En Baralla entrevistaron a Odón Moreno (de 45 anos) quen cando era neno escoitara á cega de Ouselle cantar acompañándose da zanfona, instrumento que, polo visto, non volveu soar en Baralla desde aquela (c.1890). Ramón Menéndez Pidal tamén sinala as aldeas das zonas máis arcaizantes de Galicia e Asturias como o derradeiro reduto deste instrumento musical: “vaga el tañedor de la zanfona y del rabel, por lo común un ciego, que recita romances de santos milagreros, de bandidos, o de monstruosos casos y de aventuras”. Estes cantadores ambulantes son para este erudito “el último resto del juglar de gesta castellano” 17. Tamén de finais do século XIX son as primeiras, e últimas, fotografías que temos de cegos tocadores de zanfona, feitas por Francisco Zagala ao cego de Padrenda e a Anselmo Antonio “Peretes” (ambas c.1885).
Aínda que hoxe os galegos consideramos a zanfona un verdadeiro instrumento musical, moi poucos dos portadores cos que puidemos falar lembran o instrumento, e os que o escoitaron soar algunha vez na súa infancia lémbrano, en xeral, como cousa de esmoleiros, de pouco mérito, que facía pouca melodía. As coplas tradicionais que mencionan a zanfona lémbrannos tamén que seu uso estaba reservado aos cegos:
Debaixo da figueira
da Tía Xoldeirona
hai un pobre cego
tocando a zanfona
[CG, II, 79]
Anda o cego ca zanfona
tocando de feira en feira;
a conta de catro parvos
henche o cego a faltriqueira
[IMLTG, 136]
Chora, zanfoniña, chora
coas voltas da manivela;
¡Cantas voltiñas che custa
o gañar unha cadela!
[IMLTG, 136]
Un cego caeu nun pozo
outro cego lle miraba,
outro cego lle decía:
xa está a zanfona mollada.
[IMLTG, 136]
Hoxe é un instrumento moi apreciado e valorado, e os bos tocadores e tocadoras están moi ben considerados dentro do panorama actual da nosa música tradicional. En canto á súa filiación sexual, xa comentamos que antigamente, e pese a ser un instrumento melódico, podía ser tocado por mulleres ou por homes, situación que segue a manterse na actualidade.
A zanfona pertence ao grupo 321.322 da clasificación técnica de Hornbostel e Sachs, é por tanto un cordófono composto da familia dos laúdes en que o brazo non atravesa o resoador, que non é de forma cóncava.
Ver notas- [1] Sachs, C. Historia Universal de los Instrumentos Musicales. Ed. Centurión. Buenos Aires, 1947; p. 81. ↩
- [2] As gravacións orixinais de 1927 (Discos Regal) e 1949 (Discos Columbia) foron reeditada por Boa na súa “Colección do Fol”(2004). ↩
- [3] Rei Cebral, C. Os instrumentos musicais na lírica tradicional galega. Obra inédita, p. 136 no orixinal. ↩
- [4] Sampedro y Folgar, C. Cancionero Musical de Galicia. Fundación Pedro Barrié de la Maza. Reimp. facs. de la edición de 1942. A Coruña 1982, 1ª parte, p. 204. ↩
- [5] Sampedro y Folgar, C. Id. ↩
- [6] Santalices, F. La zanfona. Edición facsimil da orixinal de gráficas Bao de Lugo de 1956. Ed. Ir Indo. Vigo, 2000, p. 22. ↩
- [7] Sampedro y Folgar, C. Cancionero Musical de Galicia. Fundación Pedro Barrié de la Maza. Reimp. facs. de la edición de 1942. A Coruña, 1982, 1ª parte, p. 204. ↩
- [8] Sampedro y Folgar, C. Cancionero Musical de Galicia. Fundación Pedro Barrié de la Maza. Reimp. facs. de la edición de 1942. A Coruña, 1982, 1ª parte p. 204. ↩
- [9] Santalices, F. Op. cit. p. 26. ↩
- [10] López-Calo, J. La Música Medieval en Galicia. Fundación “Pedro Barrié de la Maza” Conde de Fenosa. Ed. La Voz de Galicia. A Coruña, 1982; pp. 95. ↩
- [11] O monocordio era un instrumento dunha soa corda tendida sobre unha caixa rectangular entre dúas pontes fixas e unha móbil no medio delas e que Pitágoras empregou para calcular e describir os intervalos e consonancias musicais. ↩
- [12] Andrés R. (Op. cit. p. 443) opina que esta cita está erroneamente atribuída a este abade. ↩
- [13] Andrés, R. Op. cit. p. 443. ↩
- [14] Pérez Costanti, P. Notas Viejas Galicianas. Ed. Xunta de Galicia. 1993, p. 133. ↩
- [15] É moi salientable que este tipo de contratos de aprendizaxe de músicos existan exactamente coas mesmas cláusulas desde hai máis de 2000 anos. Un dos máis antigos que se conservan é o establecido no ano 13 a.C. entre un aulete (tocador de aulòs, ou sexa un óboe duplo soprado coa boca) de Alexandría, Gaios Ioulios Eros, e un usureiro da mesma cidade, Gaios Ioulios Philios, que compromete ao primeiro a ensinar a tocar sete tipos diferentes de aulòs ao escravo do segundo, Narcisso. Repito que as cláusulas son extremadamente semellantes. Pódese ver unha análise do contrato en: Delattre, D. “L’apprentissage de la musique à Alexandrie à travers un contrat d’apprentissage d’aulete (13 a.C.)”. En: Ateliers. Instruments, musique set musiciens de l’antiquité classique. Cahiers de la Maison de la Recherche. Université Charles-de-Gaulle-Lille 3. 1999, pp. 55-70. ↩
- [16] Lence Santar, E. Etnografía Mindoniense. Ed. de Armando Requeixo, Follas Novas. Santiago de Compostela, 2000. [Recompilación de escritos etnográficos do autor], p. 60. ↩
- [17] Menéndez Pidal, R. Poesía juglaresca y juglares. Ed. Espasa-Calpe. Madrid, 1942. ↩