Albuche de cana

Malia que non puidemos recoller dos nosos informadores ningunha referencia a este instrumento, aparece documentado como xoguete de nenos por Xosé López e Xosé Manuel García na súa obra Os Xoguetes Esquecidos (II) 1 baixo o nome de “marimba ou xilófono”, ou en Xoguetes e sons da natureza de Jaime López Picallo e colaboradores 2, de onde obtivemos o nome que aquí empregamos. Segundo estes e aqueles autores, trátase dun instrumento fabricado por nenos empregando tubos de cana de diferente e crecente lonxitude que, unidos xuntos polos extremos empregando un cordel, e deixando unha separación moderada entre eles, eran refregados cun pau arriba e abaixo. O instrumento pendurábase do pescozo polo mesmo cordel que xunguía as canas e mantíñase en tensión, estirando o cordel polo lado oposto coa man que non sostén o pao.

Este instrumento aparece nalgunhas partes da península ibérica onde os cilindros se fabrican con ósos ou madeiras duras como o buxo. Coñécese co nome de ginebra (Guadalajara), carrasquiña (Huelva) ou ossets (Berga, Barcelona). En Portugal é un instrumento raro, mais aparece cunha función puramente cerimonial na Lousa (Castelo Branco) onde o guía da Dança dos Homens porta o instrumento que alí se denomina genebres 3. A danza en cuestión é interesante pois está documentada desde o século XVII e nela outros danzantes portan trinchos, o que os galegos denominamos ferreñas, é dicir, unha especie de pequena pandeireta sen pel.

Ramón Andrés 4 no seu Diccionario de instrumentos musicales comenta que o albuche xa aparece descrito por Filippo Bonanni no 1722 e con anterioridade no gravado de Hans Holbein (c. 1497-1543) “O ancián e a morte”. Este mesmo autor comenta a descrición que deste instrumento aparece no Diccionario de Autoridades: “Instrumento grosséro, inventado solo para hacer ruido. Componese de ocho ù diez palos tendidos, redondos, ensartados por ambas puntas, y el mayor de largo de una tercia: los demás ván en disminución hacia arriba. Tócase dando en ellos con otro palo como de tambor con que se forma el ruido.”

Pertence ao grupo 112.2 “idiófonos de refregar” da clasificación de Hornbostel e Sachs, dentro do apartado 112.22 “de tubos”. A teor das novas que temos deste instrumento, en Galicia parece ser considerado como un simple xoguete de nenos e nenas, sen que puidésemos documentar ningunha relación co canto ou a música instrumental.

Ver notas
  1. [1] López González, X. e García X. M. Os Xoguetes Esquecidos (II). Ed. A Nosa Terra. Vigo, 2003; p. 85.
  2. [2] López Picallo, J. (Coor.) Borreiros Freire, E., Rodríguez Rodríguez, S. e Rubio Alvariño, M.T. Xoguetes e Sons da Natureza. Ed. Xunta de Galicia, (2ª Ed.) Santiago, 2004; p.21.
  3. [3] Veiga de Oliveira, E. Instrumentos Musicais Populares Portugueses. Ed. Fundación Calouste Goulbenkian, (3ª Ed) Lisboa 2005, pp. 304-305.
  4. [4] Andrés, R. Diccionario de Instrumentos Musicales. Ed. Península. Barcelona 2001; p. 205.
Patrocinadores e colaboradores