Axóuxer
A este tipo pertencen instrumentos xeralmente feitos de varias pezas sonoras que se entrebaten ao seren axitadas polo executante. O tipo máis antigo de axóuxer está formado por elementos sonoros, pequenos obxectos duros como cáscaras de noz, sementes, dentes ou cascos de animais que están enfiados en cordas ou atados en feixes. Colgados dos nocellos, xoellos, cintura ou pescozo do bailarín, responden aos seus movementos cun ruído agudo. Seu ritmo é raramente exacto, pois soan lixeiramente despois do movemento do que baila.
O dicionario de Eladio (1958-1961) proporciona a seguinte definición que inclúe varios sinónimos: “s. m. Sonajero, instrumento con cascabeles para entretener a los niños. Cascabel, esfera hueca de metal, que lleva dentro una bolita suelta, también metálica, para que suene al moverlo o agitarlo; ALXÓUXAR, ALXÓUXER, ALXÓUXERE, AXÓUXARA, AXÓUXER, XÓUXELE y XÓUXERE. Nótese, ante todo, que este vocablo es esdrújulo, lo mismo que en todas sus variantes, aun cuando en los dos únicos Diccionarios gallegos en que hasta ahora figura, aparecen esas voces como palabras graves. El AXÓUXERE o cascabel lleva una asita y una abertura debajo que remata en dos pequeños agujeros. Sirve principalmente para divertir a los niños; para colgarlo al cuello de algunos animales domésticos, como perros y gatos, ovejas y corderos; para adorno de los caballos y tiros de carruajes; para trajes de mojiganga como los payasos, arlequines, máscaras o personajes mímico-grotescos y para otros varios usos.”
En Galicia achamos varios tipos de axóuxeres. Uns son esféricos e feitos de metal, e nas coplas tradicionais que puidemos achar aparecen sempre denominados co apelativo castelán cascabeles; ocuparémonos deles no seguinte apartado e falaremos agora doutros dous tipos que se empregaban como xoguetes de/ou para nenos.
O primeiro está tecido con vimbios cocidos ou con xuncos 1, ten un mango e unha cavidade na parte superior na que se pechaban varias pedriñas, fabas ou calquera obxecto que produza ruído, incluso grilos vivos (caso no que reciben o nome de grileiras) 2. Este mesmo tipo de axóuxer, tecido e con mango, foi achado en escavacións exipcias correspondentes a uns 1000-2000 anos a.C. 3.
O segundo tipo fabricábase simplemente deixando secar unha cabaciña de tamaño axeitado, xeralmente pequenas, para que as súas sementes fiquen libres no interior da casca seca, producindo un son tintineante ao chocar contra ela. Este é exactamente o mesmo procedemento empregado para converter as cabazas en recipientes capaces de conter líquidos, só que, neste caso, fúranse na súa parte superior para baleirar as sementes e os restos de carne secos. Este é o axóuxer que Curt Sachs considera un dos instrumentos musicais máis antigos 4.
Estes instrumentos, como tantos outros de grande antigüidade, foron relegados ao seu uso dentro do folclore infantil e no noso sistema de cultura tradicional son empregados para acompañar os cantos de arrolo dos pequenos mediante un movemento rítmico, ou ben como xoguetes para os propios nenos. Nos cantos de arrolo, o ritmo de axitación marca o pulso da melodía interpretada pola nai, os golpes do axóuxer coinciden coa acentuación do canto, potenciando a súa rítmica natural e proporcionando un ruído de fondo tintineante, cun pulso constante que mergulla o arrolo nunha atmosfera suxerente, apropiada para provocar o sono nos máis pequenos. Aquí achegamos algunhas das cantigas que se interpretaban ao son destes instrumentos e que Xaquín Lorenzo recolle no seu Cantigueiro da Limia Baixa 5:
Arrurú, arrurú,
durme tu, meu pequeniño,
que che é bo prá salú
[CPLB, 43]
Arrurú, arrurú,
que se non dormes
dareiche no cú
[CPLB, 43]
Arrurú,
co atranca no cú
durmen os santos
dormirás tu
[CPLB, 43]
Arrurú meu curazón,
cando sexas grande
fareiche un pantalón
[CPLB, 43]
Arrurú, meu meniño,
arrurú meu amor,
arrurú pequeniño
dareiche calor
[CPLB, 43]
Arrurú meu meniño
dúrmete logo e non chores,
que tua nai folgar non pode
pois, neno, somos probes
[CPLB, 43]
Arrurú meu meniño
pra que durmas logo
cántoche baixiño
[CPLB, 44]
Investigacións modernas a este respecto demostran que o efecto tranquilizador e sedante dos ruídos rítmicos e suaves é debido á evocación do escorrer do sangue polos grandes vasos da nai que durante nove meses os cativos tiveron tan preto dos seus oídos. O pulso dos cantos de berce achégase inconscientemente ao mesmo pulso do latexar do corazón humano, para así provocar o efecto sedante.
O axóuxer é en todo o mundo un instrumento esencialmente feminino malia que tamén os nenos xogan con eles. En Galicia os cantos de berce son executados polas nais e avoas, moi rara vez polos varóns da familia. Esta característica de feminidade consérvase alá onde esta presente este instrumento, salvo nos rituais xamánicos onde os axóuxeres son axitados polos propios feiticeiros que quizais representan neste contexto a figura maternal e protectora. O seu uso nos cantos de berce, o seu son tintineante e a súa feminidade son tres pistas que apuntan á mesma orixe. Quizais o desenvolvemento en todo tipo de culturas humanas de axóuxeres semellantes ás maracas, con seu característico “xxxxx, xxxxx, xxxxx!”, se deba á imitación do son intrauterino do sangue; quizais tamén por iso estes axóuxeres sexan un dos instrumentos preferidos polos xamáns, xunto cos tambores circulares, para guiar os iniciados polo seu inconsciente. O tambor de marco circular imitaría o son do corazón da nai, e os axóuxeres o do sangue, os dous sons fundamentais intrauterinos. Por outra parte, o útero e a nai representan a protección do feto e do neno, quizais por isto os sons tintineantes están e estiveron presentes, desde hai moitos séculos, en rituais máxico-relixiosos para afastar os malos espíritos. Un dos casos máis claros é o do sistro empregado polos exipcios no culto á vaca sagrada Hathor, que máis tarde se converteu na deusa maternal Isis. Como xa comentamos, a hipótese difusionista entende que estes cultos, e polo tanto seguramente tamén o sistro, se estenderon por boa parte de Europa en mans de fenicios e principalmente romanas; temos probas de cultos maternais en Galicia, aínda que os seus practicantes fosen principalmente estranxeiros. Tanto no caso de Hathor como no de Isis, os ritos estaban relacionados coa maternidade, eran celebrados por sacerdotisas e empregaban os sistros. Estas coincidencias fan pensar que o axóuxer podería ser un substituto, digamos “caseiro”, dos sistros empregados nos cultos oficiais, ou ao revés, os sistros unha versión de alto rango dos axóuxeres antigos. Como hipótese de traballo nós coidamos que os axóuxeres foron xa empregados polos primeiros grupos humanos que chegaron á península desde o continente africano. Seguramente estes primeiros poboadores portaran xa ritos maternais que quizais estean na orixe primeira de todos os cultos maternais como os exipcios de Hathor e Isis. De calquera xeito, a antigüidade dos axóuxeres é indiscutible, e forma parte dos estratos máis ancestrais do noso instrumentario.
Por último, queremos mencionar outro curioso tipo de axóuxer, moito menos frecuente, e que non está relacionado co folclore infantil. Facíanse introducindo algún elemento sonoro, como pedriñas, fabas secas etc., no engrosamento superior das rocas, de xeito que ao movelas emitían un suave son. É curioso resaltar que no imaxinario popular a roca representa o órgano sexual feminino e o fuso o masculino:
O gaiteiriño sin gaita,
non tèn donaire, nin sal;
fai como a mullèr sin ròca
que maldita cousa val.
[MV, 908]
Os axóuxeres galegos pertencen ao grupo dos idiófonos sacudidos en suspensión encadrándose dentro do apartado 112.13 “De vasos” pois as partes sonoras están pechadas nunha cavidade. Posto que se constrúen coa finalidade de seren xoguetes para nenos, non teñen a consideración de instrumentos musicais propiamente ditos, pois tampouco son imprescindibles para o soporte rítmico dos arrolos que moitas veces se executaban a capela; deste xeito, os axóuxeres vense como xoguetes de nenos nos que, como xa apuntamos, tamén por veces se pechaban grilos vivos.
Ver notas- [1] López González, X. e Manuel García X. Os xoguetes esquecidos (I). A Nosa Terra. Vigo, 2003, p. 100. Tamén aparecen citadas en: López Picallos, J. (Coor.) Borreiros Freire, E., Rodríguez Rodríguez, S. e Rubio Alvariño, M.T. Xoguetes e Sons da Natureza. Ed. Xunta de Galicia, (2ª Ed.) Santiago, 2004; p.57. ↩
- [2] Andrés, R. Diccionario de Instrumentos Musicales. Ed. Península. Barcelona 2001; p. 68. ↩
- [3] Sachs. C. Musicología Comparada. La música en las culturas exóticas. Ed. Eudeba. Buenos Aires, 1966, p. 89. [Edición orixinal: Vergleichende Musikwissenschaft Musik der Fremdkulturem. Ed. Quelle & Meyer. Heidelberg, 1959] ↩
- [4] Sachs, C. Historia Universal de los Instrumentos Musicales. Ed. Centurión. Buenos Aires, 1947, p. 74 ↩
- [5] Lorenzo Fernández, X. Cantigueiro popular da Limia Baixa. Ed. Deputación Provincial de Ourense e Museo do Pobo Galego. Ourense, 2004, pp. 43-44. ↩